Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 01 de agosto de 2002 Páx. 11.921

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 247/2002, do 18 de xullo, polo que se determina a constitución, composición e funcións da Comisión de Consentimento Informado.

A Lei 3/2001, do 28 de maio, regula o consentimento informado e a historia clínica dos pacientes. No seu artigo 12, punto 1º, establécese a constitución da Comisión de Consentimento Informado, determinando, así mesmo, as súas funcións. No punto 2º, sinala que a composición da Comisión de Consentimento Informado será determinada por decreto da Xunta de Galicia.

Na súa consecuencia, procédese, a través do presente decreto, a determina-la constitución, composición e funcións da Comisión de Consentimento Informado, de xeito que poidan estar representados tódolos ámbitos asistenciais que poidan ter incidencia na atención ó paciente, tanto para os centros sanitarios públicos coma para os privados.

Unha das principais funcións da Comisión de Consentimento Informado é a de elabora-los formularios de referencia para a obtención do consentimento informado dos pacientes, dentro do marco competencial e básico perfilado pola Constitución española, pola Lei xeral de sanidade e demais normativa concordante, de xeito que se entenda o consentimento informado no sentido establecido no artigo 3.1º da Lei 3/2001, do 28 de maio, reguladora do consentimento informado e a historia clínica dos pacientes.

En virtude do exposto, por proposta do conselleiro de Sanidade, de conformidade co establecido no artigo 33.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e o seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, de acordo co dictame 397/2002, do Consello Consultivo de Galicia do 28 de xuño, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xullo de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto deste decreto é establece-la constitución, composición e funcións da Comisión de Consentimento Informado, en desenvolvemento do disposto no artigo 12 da Lei 3/2001, do 28 de maio, reguladora do consentimento informado e a historia clínica dos pacientes.

2. Esta comisión dependerá da Consellería de Sanidade consonte o disposto no parágrafo 1 do devandito artigo 12 da Lei 3/2001.

Artigo 2º.-Composición.

1. Integran a Comisión de Consentimento Informado:

Presidente: director xeral da División de Asistencia Sanitaria.

Vicepresidente: subdirector xeral de Atención Especializada.

Secretario: un funcionario da División de Asistencia Sanitaria designado polo secretario xeral por proposta do director xeral de Asistencia Sanitaria.

Vocais:

a) Un representante da División de Asistencia Sanitaria designado polo director desta división.

b) Un representante da Secretaría Xeral do Sergas designado polo secretario xeral.

c) Un máximo de quince representantes de hospitais de titularidade pública, designados polo secretario xeral do Servicio Galego de Saúde por proposta da División de Asistencia Sanitaria, que garanta a representación das áreas cirúrxicas, médicas e de servicios centrais.

d) Un representante de hospitais concertados polo Sergas, designado polo secretario xeral do Sergas por proposta da Federación de Asociaciones de Centros de Hospitalización Privada de Galicia.

e) Un representante de hospitais de titularidade privada, designado pola Federación de Asociaciones de Centros de Hospitalización Privada de Galicia.

f) Un representante dos colexios oficiais de médicos de Galicia, designado polo Consello Galego de Colexios Médicos.

2. A comisión, por acordo dos seus membros, poderá solicita-la colaboración, participación e asesoramento naqueles temas e asuntos que considere de interese, de persoas de recoñecido prestixio e de entidades científicas.

3. Os membros da comisión serán nomeados por un período de catro anos, transcorrido o cal, deberán proceder a renovarse os ditos nomeamentos.

4. O vicepresidente substituirá o presidente nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

5. Respecto á posibilidade de vacante por ausencia, enfermidade ou outra causa legal, deberá preverse, no momento da designación, un suplente por membro, xunto co nome do titular.

Artigo 3º.-Funcións.

Serán, consonte o disposto no artigo 12 da Lei 3/2001, funcións da Comisión de Consentimento Informado:

-A elaboración dos formularios de referencia para a obtención do consentimento informado dos pacientes.

-A revisión, actualización e publicación periódica dunha guía de formularios de referencia recomendados para a obtención de consentimento informado.

-Coñecemento da implantación dos formularios de referencia para la obtención de consentimento informado dando conta á Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde.

-Prestación do asesoramento necesario ós órganos da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde nas materias relacionadas coas súas funcións.

-Valoración, selección e expurgación da documentación clínica dos consentimentos informados en desuso.

-Todas aquelas que lle atribúan normas de carácter legal ou regulamentario.

Artigo 4º.-Constitución.

A comisión deberá reunirse, por primeira vez, en sesión constitutiva, no prazo dun mes desde o día seguinte ó da publicación dos nomeamentos no DOG.

Artigo 5º.-Informes e acordos.

Os informes ou acordos que se adopten no seo da Comisión de Consentimento Informado, quedarán reflectidos na súa acta correspondente.

Disposicións transitorias

Primeira.-A comisión deberá elaborar e aprobar un regulamento de réxime interno. Mentres este non se aprobe aplicarase o disposto no capítulo II, regulador dos órganos colexiados, do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Unha vez publicado o devandito regulamento, a lei será supletoria no non previsto por el.

Segunda.-Os formularios de referencia para a obtención do consentimento informado dos pacientes actualmente empregados polo Servicio Galego de Saúde continuarán utilizándose mentres non se produza a súa substitución polos mecanismos previstos neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para adopta-las medidas necesarias para a aplicación, desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade