Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 09 de agosto de 2002 Páx. 12.233

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 31 de xullo de 2002 pola que se convocan cursos de formación en lingua galega (niveis de iniciación e perfeccionamento), e de linguaxe xurídica galega (niveis básico, medio e superior) para o persoal ó servicio da Administración de xustiza.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, ó abeiro do disposto na Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma. En consecuencia con isto, recoñécese ós cidadáns o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración de xustiza. Ademais, para facer efectivo ese dereito, encomenda ós poderes públicos autonómicos que vaian capacitando progresivamente no uso do galego o persoal que traballa ó servicio da Administración de xustiza.

Entre as funcións e competencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, determinadas polo Decreto 346/1996, figura a promoción e o ensino da lingua galega, concretados, ademais de noutros campos, na coordinación de cursos de formación en lingua galega, dirixidos, entre outros colectivos, ós funcionarios da Administración de xustiza.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, co obxecto de impulsa-la normalización lingüística na Administración de xustiza, considera conveniente a organización de cursos de formación en lingua galega e de linguaxe xurídica galega, dirixidos ó persoal ó servicio da Administración de xustiza, organizados conxuntamente coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Co obxecto de impulsa-la normalización lingüística na Administración de xustiza, e en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, convócanse os seguintes cursos:

a) Cursos de formación en lingua galega, niveis iniciación e perfeccionamento.

b) Cursos de linguaxe xurídica galega, niveis básico, medio e superior.

2. Para acceder a estes cursos son requisitos necesarios, na data de publicación desta orde, os seguintes:

-Curso de formación, nivel de perfeccionamento, é indispensable ter aprobado ou validado o curso de formación, nivel de iniciación.

-Curso de linguaxe xurídica de nivel básico, é indispensable ter aprobado ou validado o curso de formación, nivel de iniciación.

-Curso de linguaxe xurídica de nivel medio, é indispensable ter aprobados ou validados os cursos de formación, niveis de iniciación e perfeccionamento, ou ter superado o curso de linguaxe xurídica, nivel básico.

-Curso de linguaxe xurídica superior, é indispensable ter aprobado ou validado o curso de linguaxe xurídica, nivel medio.

3. Os cursos de formación, niveis de iniciación e perfeccionamento, e os de linguaxe xurídica, niveis básico, medio e superior celebraranse, se é o caso, nas localidades que determine a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica.

No anexo da presente orde deberase sinalar, por orde de prioridade, a localidade de preferencia para realizar estes cursos. No caso de non se formar grupo na localidade elixida, adxudicarase a/as seguinte/s na orde de preferencia.

As localidades que se elixirán serán as seguintes: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra, e Vigo.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos a xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, oficiais, auxiliares, axentes xudiciais, e persoal laboral con destino nos órganos xudiciais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O número mínimo de persoas para a celebración dun curso será de 20. En caso de excede-lo número de solicitudes o de prazas ofertadas, darase prioridade ós funcionarios sobre o persoal laboral, e ós titulares sobre os interinos.

Artigo 3º.-Solicitudes.

As solicitudes, utilizando o modelo que figura como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, nas súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Sen prexuízo do disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto co formulario de solicitude entregarase fotocopia compulsada do certificado que acredite ter superado o curso esixido para acceder ó nivel que se solicita.

No curso de linguaxe xurídica superior, no caso de que o número de solicitudes exceda o de prazas ofertadas, a selección de solicitantes efectuarase baseándose na antigüidade como funcionario no correspondente corpo.

A relación provisional de admitidos exporase ó público nas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais. Contra esta relación poderán presentar reclamación ante a Dirección Xeral de Xustiza nun prazo de dez días. Transcorrido este prazo, faranse públicas as listas definitivas nas devanditas delegacións, con indicación do lugar, o día e a hora de comezo do curso.

Artigo 4º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro día 10 de setembro.

Non se admitirá ningunha solicitude presentada fóra de prazo.

Artigo 5º.-Contido.

1. Os cursos de formación, niveis de iniciación e perfeccionamento terán unha duración de 75 horas e neles impartiranse os contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regulan os cursos de iniciación e perfeccionamento.

2. Os cursos de linguaxe xurídica de nivel básico e medio terán unha duración de 75 horas e os contidos serán os programados para estes niveis.

3. Os cursos de linguaxe xurídica superior terán unha duración de 90 horas (70 teóricas e 20 prácticas). O programa será o que figura no anexo II da Orde do 23 de xuño de 1997, pola que se convocan cursos superiores de linguaxe xurídica. Na fase práctica os seleccionados terán que realizar unha serie de traballos relacionados coa función que desempeñen na Administración de xustiza.

4. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia, sempre xustificada, de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

5. Os cursos realizaranse en xornadas de tarde.

Artigo 6º

1. Para ser declarado apto ó finaliza-lo curso, cada asistente deberá acreditar:

1.1. Que asistiu ás clases e non superou o mínimo de ausencias permitido.

1.2. Que realizou satisfactoriamente os traballos prácticos encomendados.

1.3. Que superou as probas que durante o curso e ó finalizar este o profesor ou profesores fosen establecendo, de xeito que o seu remate demostre que posúe un dominio teórico e práctico do idioma galego propio do nivel a que asistiu.

2. A avaliación será un proceso progresivo e continuo, e terá en conta, entre outros elementos, o dominio da materia, o traballo diario na aula, os traballos teóricos e prácticos encomendados, e a asistencia.

Artigo 7º.-Recursos.

Contra os actos administrativos que derivan da presente orde, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes ante o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de acordo co establecido no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Financiamento.

O financiamento destes cursos será con cargo á partida orzamentaria 13.02.353E.640.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2002, ata un importe máximo de 90.152 euros, sen prexuízo da imputación a esa mesma partida dos gastos que correspondan por cursos homólogos organizados e convocados no mesmo exercicio para persoal destinado en órganos da Administración de xustiza con sede fóra da Comunidade Autónoma.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza para dicta-las instruccións que conveñan ó desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais