Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 09 de agosto de 2002 Páx. 12.236

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 1 de agosto de 2002 pola que se lle dá publicidade ó acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, polo que se aproba a modificación das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica para o programa emprendedores.

O número 2 da base 6ª das reguladoras das axudas do Igape ó programa emprendedores (DOG nº 142, do 23 de xullo de 2002), ten por obxecto os conceptos de gastos de investimento subvencionables, prevéndose no número 6.2.1ª) a adquisición de terreos.

Co fin de orienta-la instalación de empresas cara a parques empresariais de promoción pública, de promover unha adecuada ordenación industrial na nosa Comunidade Autónoma e co obxectivo de atender unha constante de demanda de solo, estímase conveniente que, aínda respetando os límites porcentuais xerais para o total da subvención, nos casos de localización da actividade en polígonos de promoción pública a subvención no concepto de terreos poida chegar ó 50%.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas

RESOLVO:

Único.-Publica-las seguintes modificacións das bases reguladoras das axudas do Igape para o programa emprendedores, acordadas polo Consello de

Dirección do Instituto na súa reunión de data 29 de xullo de 2002:

1. Inclúese un novo punto I) na alínea a) do punto 2.1. da base 6ª coa seguinte redacción:

I) No caso de adquisición directamente ó organismo público promotor de terreos localizados en polígonos de promoción pública, concederase unha subvención do 50% do seu prezo. A contía máxima do terreo subvencionable non sobrepasará cinco veces a superficie en planta das edificacións subvencionables. O Consello de Dirección do Igape poderá acorda-la superación da porcentaxe do 50% do prezo de adquisición no caso de empresas de nova implantación na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que o interese estratéxico do proxecto así o aconselle.

Naqueles casos de adquisición de terreo por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, a base sobre a que se aplicará a subvención será o que resulte da diferencia entre o prezo de adquisición dos novos terreos e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada.

Se dentro do prazo de vixencia establecido na resolución de concesión da subvención fosen alleados os terreos da antiga localización da empresa e o importe neto da venda resultase superior ó da taxación homologada que se tivo en conta para os efectos da subvención, reaxustarase o importe da subvención concedida, salvo que o dito importe neto da venda fose destinado ben a amplia-lo capital da beneficiaria, ben a contribución patrimonial á actividade empresarial desta, no caso de autónomos.

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terá carácter retroactivo para aqueles expedientes que se atopan en tramitación pendentes de resolver no Igape.

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2002.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica