Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 22 de novembro de 2002 Páx. 16.317

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 318/2002, do 31 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Noia, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de construcción da estación depuradora de augas residuais de Noia.

O Concello de Noia, en sesión do día vinteoito de xuño de dous mil dous, aprobou o proxecto de expropiación de terreos para a construcción da estación depuradora de augas residuais de Noia, e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día dez de setembro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día cinco de setembro de dous mil dous.

O organismo autónomo Augas de Galicia ratificouse no informe elaborado sobre a localización da estación depuradora de Noia. Esta ratificación tivo entrada no rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, o día trece de setembro de dous mil dous.

A Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, emitiu informe favorable sobre a situación. Este informe tivo entrada no rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día dezaseis de outubro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, a actuación vén dada pola imperiosa necesidade de poder contar cunhas instalacións desa natureza, co fin de poder garanti-la saúde pública dos cidadáns e como medio de conserva-lo ambiente e o hábitat da ría de Noia, posto que a explotación marisqueira constitúe a base económica da maior parte da poboación da vila.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa

reunión do día trinta e un de outubro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Noia, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución do proxecto de construcción da estación depuradora de augas residuais de Noia.

Santiago de Compostela, treinta e un de outubro de dos mil dous

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais