Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 23 de decembro de 2002 Páx. 17.549

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 20 de decembro de 2002 pola que se establecen medidas para compensar determinados gastos producidos como consecuencia do accidente do buque Prestige.

O accidente do buque Prestige provocou unha contaminación mariña que obrigou a prohibi-la actividade pesqueira e marisqueira en determinadas zonas da costa de Galicia.

Esta situación fixo necesaria a publicación dunhas medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente, medidas que se concretaron na publicación da Orde do 18 de novembro de 2002, modificada pola Orde do 3 de decembro de 2002, pola que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige, en concreto, medidas que compensen os armadores, os tripulantes e os mariscadores, pola perda dos ingresos previstos.

As medidas foron posteriormente complementadas pola Orde do 11 de decembro de 2002, ampliando os sectores afectados ós redeiros e colaboradores familiares de embarcación, ó persoal laboral das confrarías, ós operarios das lonxas e fábricas de xeo e ós comercializadores de primeiro nivel que poidan amosa-la súa dependencia do recurso afectado, e que tivesen que cesar completamente a súa actividade.

As confrarías de pescadores máis as súas federacións provinciais, que se financian parcialmente dunha porcentaxe das vendas realizadas nos portos e lonxas que están baixo a súa concesión administrativa, están a ver minguados os seus ingresos, o que pode facer periga-lo labor social que están a realizar.

Así mesmo, os labores de limpeza das zonas afectadas polo vertido, nos que participan determinadas embarcacións pesqueiras e auxiliares de acuicultura, provoca que estas teñan que asumir unha serie de gastos, tanto no material utilizado como na deterioración que se produce nelas: avarías, pintura, limpeza, etc.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Poderán acollerse ás axudas establecidas nesta orde as confrarías de pescadores que, incluídas na zona de prohibición da actividade pesqueira e marisqueira, continúen a realizar labores de colaboración e asesoramento ós seus afiliados, así como ás súas federacións provinciais.

Así mesmo, poderán ser beneficiarios das axudas aqueles armadores das embarcacións pesqueiras e auxiliares de acuicultura que participen nos labores de limpeza da zona afectada.

Artigo 2º

El período cuberto por esta orde será, no caso das confrarías de pescadores afectadas máis para as súas federacións provinciais, desde o día 18 de novembro de 2002, e durante un máximo de seis meses, podendo ser prorrogables, no caso de que as circunstancias o recomende, e no caso das embarcacións pesqueiras e auxiliares de acuicultura, desde o día do inicio das

actividades de limpeza e durante o período que duren estas. O prazo de presentación das solicitudes estará aberto durante este período.

1. A contía que poderá percibir cada confraría de pescadores será a seguinte:

-Axuda ata un tope máximo de 600 euros mensuais para as confrarías de pescadores afectadas máis para as súas federacións provinciais, para acometer gastos de carácter xeral.

2. A contía que poderá percibir cada armador das embarcacións pesqueiras e auxiliares de acuicultura será, como máximo, igual os gastos nos que incorrese, como consecuencia da participación nos labores de limpeza.

As axudas imputaranse ás aplicacións orzamentarias que sinale a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003.

Artigo 3º

Para acollerse ás referidas axudas, os afectados deberán presentar unha solicitude dirixida ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, xunto coa seguinte documentación:

1. En tódolos casos:

-Solicitude normalizada do anexo I.

-Certificación da entidade bancaria que acredite o número de conta do beneficiario para o aboamento da axuda.

2. Ademais, en cada caso particular:

* No caso das confrarías de pescadores:

-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal

-Facturas orixinais dos gastos incorridos pola confraría.

* No caso dos armadores das embarcacións pesqueiras, lista terceira e auxiliares de acuicultura, lista cuarta:

-Fotocopia do DNI ou tarxeta de identificación fiscal.

-Certificación da entidade asociativa na que está incluído: confraría de pescadores, asociación ou cooperativa de armadores, organización de productores o asociación de mexilloeiros, conforme participou nos labores de limpeza, co «conforme» do capitán marítimo correspondente.

-Facturas orixinais do investimento realizado.

Artigo 4º

Á vista das solicitudes presentadas e logo da proposta da Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca, resolverá o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos.

Disposición adicional

As medidas que se establecen nesta norma en ningún caso supoñen recoñecemento de responsabilidade da Comunidade Autónoma polo referidos danos e adóptanse sen prexuízo do dereito que asiste á Comunidade Autónoma para reclamar dos responsables os importes das indemnizacións que corresponda.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2002.

Enrique Cesar López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos