Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Xoves, 16 de xaneiro de 2003 Páx. 541

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 27 de decembro de 2002 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a creación de hoteis.

No eido do turismo faise cada día máis patente a necesidade de adapta-las empresas de servicios turísticos ás esixencias de maior calidade que se observa que demandan os mercados. Os establecementos de aloxamento, como oferentes de servicios, inciden directamente na configuración e calidade do producto turístico galego, xa que se atopan plenamente inmersos na súa xestión e comercialización.

Un dos factores máis importantes que motivan un axeitado movemento nas empresas hoteleiras é, sen dúbida, a súa calidade de servicios e a prestancia das súas instalacións e, dun tempo a esta parte, estase a advertir no mercado unha crecente demanda da figura da hotelería que, a comercialización, a oferta turística denomina hoteis con encanto, situados a maioría das veces en zonas naturais ou urbanas que, coas súas especiais características (ambientais, patrimoniais, históricas, etc.), configuran estes establecementos como singulares na oferta e cunha crecente demanda no mercado turístico.

O obxecto desta orde é o de fomentar que os particulares creen este tipo de establecementos, ben desde a restauración de inmobles ben desde a súa construcción e nun espacio físico que polas súas características determine a creación dun hotel con encanto, o cal poderiamos configurar tanto desde os referidos parámetros de localización en lugares dun gran valor patrimonial, histórico, ambiental, como desde os constructivos (axeitados, no caso de novas construccións, á tipoloxía galega sen esquecer tódolos avances arquitectónicos e tecnolóxicos) como de prestación de servicios dun alto nivel e cunha decoración axeitada ó medio e á construcción onde, por encima de todo e conxugando tódolos elementos, prime a calidade e autenticidade.

En consecuencia e con cargo ós créditos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade, e seguindo as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto así como os límites de intensidade establecidos no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, e todo isto con base no establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, e tendo en conta o determinado no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, que pola súa conceptuación como actividade turística se

considera incentivable ó abei

ro do antedito Decreto 172/2001, e así mesmo tendo en conta as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e de 25 de outubro de 2001, e sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, convócanse axudas destinadas á creación de hoteis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo concederálle-las subvencións obxecto desta orde, con cargo ás aplicacións orzamentarias 10.05.751A. 770.2 e 10.05.751A.770.5 con carácter xeral, ás empresas turísticas, así como ás de nova creación e ás agrupacións delas.

Ás ditas concesións destínase un crédito de 1.174.831 A, distribuídos en catro anualidades; no ano 2003, 460.778 A; en 2004, 288.841 A; en 2005, 245.353 A; en 2006, 179.859 A. Cando as subvencións concedidas teñan carácter plurianual, deberase o que dispoñen os artigos 16.dous e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do pagamento correspondente ás anualidades dos exercicios de 2003, 2004, 2005 e de 2006, sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable do 40% segundo o que legalmente estea establecido no artigo 15 do Decreto 172/2001, do 12 de xullo,

sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, os investimentos dirixidos á creación, mediante nova construcción ou rehabilitación e/ou restauración de edificacións, de hoteis que, conforme o establecido no Decreto 267/1999, do 30 de setembro, pola que se establece a ordenación dos establecementos hoteleiros, se poidan incluír nas especialidades de hotel de natureza, montaña, rústico, monumentos ou outras que, polas súas características de localización, tipo de edificación e servicios, se poidan catalogar para efectos de comercialización turística no que se vén denominando hoteis con encanto.

Estes establecementos obxecto de subvención non poderán superar unha oferta aloxativa de máis de 75 prazas.

Considérase investimento subvencionable tanto a execución material das obras que se acometan para

a creación dos hoteis obxecto desta orde como, se é o caso, a adecuación do contorno e as actuacións de recuperación ambiental e dos elementos de arquitectura, a cultura e a sociedade tradicional e os honorarios técnicos. Non se considera subvencionable ningún tipo de equipamento nin mobiliario. Así mesmo, tampouco formará parte do investimento subvencionable a lencería, menaxe, vaixelas e análogos nin a adquisición de terreos, nin ningún tipo de taxa ou imposto.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

1. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a trescentos mil euros.

2. Os proxectos que se presenten serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude e abarcarán tódalas obras e equipamentos precisos para a posta en marcha do establecemento hoteleiro una vez rematada a intervención e no prazo no que, conforme esta orde, se compromete o beneficiario.

3. Os proxectos que se subvencionen terán que:

a) Comeza-la súa execución durante o ano 2003 e estar rematados con tempo abondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde, aínda que tamén poden ser subvencionados os proxectos iniciados con anterioridade, sempre e cando os solicitantes acheguen certificación valorada, asinada por técnico facultativo, das obras realizadas, as cales non computarán para os efectos de investimento subvencionable.

b) Publicita-la colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Turismo, tanto durante a realización das obras como posteriormente, mediante un cartel que se exhibirá en sitio ben visible. As características de dito cartel, así como a súa localización e contido serán indicados polos correspondentes servicios provinciais de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

c) Cumpri-lo disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento.

5. Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas:

a) Crea-los postos de traballo a que se compromete na declaración xurada reflectida no anexo II nun prazo de 5 anos contados desde a data da realización íntegra do investimento subvencionado, e mantelos durante un período de 5 anos.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comuni

dade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

c) Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado nacional ou internacional.

d) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

* Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

* Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

* Ter obtida a subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

* Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

* Supera-la porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

* Por revogación da subvención concedida por non se ter xustificado o investimento mínimo subvencionable.

e) Mante-la súa actividade durante un período mínimo de quince anos, contados desde a data de concesión de autorización de apertura expedida pola Administración turística ou, se é o caso, desde cando se reinicie a actividade.

f) Adscribirse á central de reservas que, se é o caso, cree a Administración turística galega.

g) Executa-lo proxecto de total conformidade co presentado ó concurso de subvencións ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Administración turística galega.

h) Facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a ocupación rexistrada no establecemento.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se recollen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica de ata o 20% sobre o investimento subvencionable. Á dita cantidade engadiránselle 6.000 A por posto de traballo que se cree con carácter indefinido e que supere a porcentaxe mínima de contratación estable que, para ser beneficiario de subvención, se esixe nesta orde. A porcentaxe máxima de axuda non poderá superar, en ningún caso, o 40% do custo do proxecto en termos de subvención neta.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que a continuación se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo correspondente á provincia de localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) Proxecto básico, elaborado por técnico facultativo competente, visado polo colexio profesional, que conterá:

-Fotografías do inmoble, exteriores, interiores e do contorno.

-Memoria explicativa do proxecto e xustificación das solucións adoptadas.

-Orzamento do investimento no que se incluirá, especificándose cada un deles, o importe da execución material así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra e todo o equipamento proposto, segundo o anexo técnico da folla resumo xeral do orzamento, que deberá de estar na memoria del.

-Planos de localización do investimento.

-Planos do estado actual, se correspondesen, e do proxecto a escala mínima 1:50.

-Relación exhaustiva (indicando cualidades) dos materiais e acabamentos propostos.

-Relación detallada dos mobles e equipamentos (débese indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

-Prazo previsto para a execución.

-Memoria explicativa de adecuación ó contorno das actuacións que, se é o caso, corresponda, de recuperación ambiental e elementos de arquitectura, cultura e sociedade tradicional así como equipamentos e servicios.

-Memoria explicativa e exhaustiva, tamén asinada polo promotor, do tipo de servicios que se van prestar no establecemento.

-Memoria explicativa das accións encamiñadas á implantación de sistemas de calidade específicos para empresas hoteleiras que conduzan á obtención da correspondente certificación de aseguramento de calidade.

-Proxecto de decoración de toda a edificación e, se é o caso, do contorno.

O dito proxecto deberá ter informe favorable do xefe de Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico- Turística da Dirección Xeral de Turismo.

d) Proxecto de explotación do establecemento proxectado.

e) Licencia urbanística, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de realiza-la solicitude de subvención, bastará a presentación dun informe urbanístico, emitido polo concello, no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio.

f) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas achegarase copia autenticada dos seus estatutos, nos que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

No caso de que o investimento proxectado supoña a creación dunha empresa, será preciso achegar declaración xurada do promotor ou do representante legal de que a nova empresa se vai axustar a tódalas condicións que se sinalan para os destinatarios.

g) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Anexo II asinado e debidamente cuberto.

i) Se é o caso, solicitude debidamente motivada para que, por circunstancias de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades do sector ou da empresa concreta, se solicite da Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos que autorice de xeito excepcional a non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

2. Os interesados emendarán, por petición da Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes e resolución.

As solicitudes, ás que se lles achegará un informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo no que se deberá indicar se o proxecto para o que se solicita subvención cumpre a normativa de ordenación turística así como a clasificación hoteleira que lle correspondería, serán estudiadas por unha comisión técnica constituída pola titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes dos servicios provinciais de Turismo e os

xefes de Servicio de Fomento e Promoción, de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo, e o xefe de Área de Xestión de Calidade de Turgalicia. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de Servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta, en orde decrecente, os seguintes criterios:

1º. A localización do investimento atendendo á súa situación, e para isto terase en conta a localización en áreas rurais con tendencia á despoboación; áreas termais con afloramentos susceptibles de explotación turística; zonas costeiras con elementos configuradores de producto turístico náutico o pola súa fisionomía tradicional mariñeira; o interese do espacio en relación coas figuras de protección ambiental, ou a declaración oficial como turístico do municipio.

2º. Análise do destino en relación coa calidade dos accesos, das infraestructuras básicas e a oferta de servicios de utilización turística.

3º. O estado actual e as características da edificación conforme parámetros arquitectónicos que permitan a súa utilización turística.

4º. Número de postos de traballo que se van crear e o grao de estabilidade deles.

5º. As características da rehabilitación atendendo fundamentalmente á recuperación do patrimonio arquitectónico tradicional.

6º. A oferta de servicios proxectada para o establecemento que supere a esixida pola normativa reguladora do establecemento.

7º. Incorporación a plans de calidade normalizados e recoñecidos nos mercados, en particular os homologados polo Instituto da Calidade Turística Española.

8º. A relación entre a oferta de servicios proxectada para o establecemento que supere a esixida pola normativa reguladora do establecemento e o investimento proxectado.

9º. Que o solicitante sexa beneficiario dun programa de novos emprendedores do Instituto Galego de Promoción Económica.

10º. A incidencia que nos recursos turísticos ten na área do investimento consonte estudios e análise aprobados pola Dirección Xeral de Turismo.

11º. Non estar localizado o investimento nun municipio incluído nalgún outro programa de axuda que persiga os mesmos fins.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes que considere necesarios, analizará e cualificará os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará á directora xeral de Turismo os acordos adoptados por ela. Dos ditos acordos redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra as ditas resolucións, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes ante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, contados ámbolos prazos desde a recepción da notificación da resolución.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias para os anos 2003, 2004, 2005 e 2006 segundo corresponda, en función das disposicións orzamentarias ou, se fose o caso, das dificultades de índole técnica de execución do investimento subvencionado.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da Orde.

Artigo 7º.-Das condicións xerais para as subvencións concedidas.

No prazo dun mes desde a notificación da concesión da subvención, os beneficiarios presentarán na Dirección Xeral de Turismo a seguinte documentación:

a) Aceptación da subvención segundo modelo anexo III.

b) Proxecto de execución definitivo, visado polo colexio profesional correspondente, da acción subvencionada, no que se incluirá programa de obras que determinará a previsión anual de execución do investimento, consonte a resolución de concesión, agás nos casos en que o beneficiario estea eximido do requisito do proxecto.

Os ditos proxecto e programa, que teñen que ser conformes co determinado na resolución de concesión da subvención, e para os efectos da súa validez para incorporar ó expediente, deberán ter informe favorable, do xefe do Servicio de Investimentos e Supervisión Técnico-Turística da Dirección Xeral de Turismo.

c) Certificación bancaria onde se debe aboa-la subvención.

d) Documento acreditativo ou contrato do nomeamento do director da obra e director da execución material da obra.

Se transcorrido o sinalado mes non se cumprise algunha das condicións anteriores, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, a dictar resolución de anulación da subvención concedida por renuncia do beneficiario.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude desta orde, e cando o seu importe se atribuíu en dúas ou máis anualidades, terán como data límite para a presentación de xustificación do investimento executado, que se deberá realizar de conformidade co programa de obras, as seguintes:

Fase de 2003: 1 de novembro de 2003.

Fase de 2004: 30 de xuño de 2004, se o importe da subvención se imputou a dúas anualidades. No caso de se ter imputado a máis, 1 de outubro de 2004.

Fase de 2005: 30 de xuño de 2005, se o importe da subvención se imputou a tres anualidades. No caso de se ter imputado a máis, 1 de outubro de 2005.

Fase de 2006: 30 de xuño de 2006.

Se a subvención soamente se imputou ó exercicio de 2003, a data límite de presentación será o 1 de novembro de 2003.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustificalo o antes posible e nunca con posterioridade ás datas indicadas, datas que son límite de presentación da xustificación.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. De non se xustifica-lo investimento executado nos prazos indicados, anularase a subvención correspondente á dita anualidade.

4. De non se xustifica-lo investimento executado correspondente á primeira anualidade, quedará anulada toda a subvención.

5. Para percibi-la subvención, os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo IV.

3.2. Facturas e certificación por conceptos, modelo oficial, que se compón de cara, certificación á orixe, por partidas e capítulos segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada polo arquitecto e arquitecto técnico da obra, relativa á obra executada coa súa valoración e, no caso de obra rematada, tamén se achegará certificado de fin de obra.

3.3. Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado. Poderase apraza-la presentación deste documento ata a derradeira solicitude de pagamento sempre e cando se

xustifique ter iniciados os trámites para a súa concesión. O dito documento é preceptivo; de non presentalo antes da derradeira solicitude de pagamento, a Dirección Xeral de Turismo procederá a incoar de oficio o expediente de reintegro correspondente á subvención concedida.

3.4. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social, e que non se ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

3.5. Acta de manifestacións, en escritura pública, onde se recollan os compromisos ós que se fai referencia no artigo 3.5º e no anexo II da presente orde. Este documento será obrigatorio presentalo coa primeira solicitude de pagamento.

3.6. Antes do derradeiro aboamento os beneficiarios deberán achegar, xunto co resto da documentación, declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3.7. No caso de que a subvención concedida fose plurianual e superase a cifra de 30.050,60 A, cando se solicite o pagamento da anualidade de 2003 ou, se é o caso, de 2004, 2005 ou 2006, ademais da presentación da documentación indicada no punto 3 deste artigo, tamén deberán concorre-las seguintes circunstancias e condicións ás que fai referencia o artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Deberá solicitalo o interesado.

b) Deberá xustificarse non só o investimento senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto á subvención concedida ata ese momento con cargo ó proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se poida satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario nin tampouco supera-lo 80% do total da subvención concedida.

d) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ó resultado da liquidación definitiva da subvención.

3.8. En calquera caso, os pagamentos parciais teranse que garantir conforme o determinado no artigo 17 do anteriormente sinalado Decreto 287/2000, do 21 de decembro.

A garantía ou aval deberá cubri-lo importe dos anticipos ou pagamentos fraccionados xunto cos xuros destes calculados ó tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión, e polo prazo

que medie entre a data da solicitude e, como mínimo, aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto na norma reguladora ou convocatoria.

Unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o que se concedeu a subvención, as garantías serán liberadas.

Disposición transitoria

Tódolos actos dictados nos expedientes de gasto regulados ó abeiro desta orde entenderase condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, subsistan as mesmas circuntancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles. A concesión das subvención reguladas nesta orde estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposicións adicionais

Primeira.-A condición de beneficiario de subvención, sen prexuízo dos demais requisitos que nela se establecen, só se poderá adquirir cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante de axuda teña contratos por tempo indefinido.

A porcentaxe de estabilidade mínima laboral, no caso de empresas con menos de 10 traballadores e para os efectos de adquiri-la condición de beneficiario de subvención, será dun 33%.

Non será preciso dar cumprimento ós anteditos requisitos de estabilidade laboral no caso de que a subvención solicitada ou, se é o caso, concedida, sexa inferior a 60.101 A.

En todo caso, non será esixible o requisito de estabilidade mínima laboral en relación os centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-As modalidades de contratos aceptados nesta orde, para os efectos de creación de emprego, son:

I. Autoemprego.

II. Indefinidos.

III. Fixos-descontinuos.

Todo isto con independencia de se a cotización á Seguridade Social se fai a través do réxime xeral ou especial de traballadores por conta allea, ou polo de traballadores autónomos.

Se é o caso, e para o cálculo da equivalencia ó ano, procederase a dividi-la suma de horas traballadas pola xornada anual de actividade, determinando este resultado o número de postos creados.

O cumprimento das condicións relativas á creación de emprego acreditarase mediante o oportuno certificado do organismo laboral competente.

Terceira.-De xeito excepcional, logo de petición do solicitante e coa debida motivación, en casos de estacionalidade da actividade ou de especiais dificultades dun sector ou dunha empresa concreta, a Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos poderá autoriza-la non esixencia de porcentaxe mínima de emprego estable para obte-la consideración de beneficiario da axuda.

Cuarta.-Para os efectos desta orde entenderase como creación de emprego a reconversión de postos de traballo temporais en postos de traballo fixos.

Quinta.-Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Sexta.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, as datas para a presentación da documentación a que fai referencia o artigo 7º desta orde, así como os prazos establecidos no artigo 8.1º, teranse que determinar no acto que resolva o dito recurso. As ditas datas e prazos no poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 30 de xuño de 2006. Será tamén de aplicación o disposto neste parágrafo cando se concedese unha subvención conforme o sinalado no artigo 6º.3 desta orde.

Sétima.-No caso de que os proxectos presentados ó concurso de subvención obxecto desta orde fosen de tal importancia para os obxectivos turísticos e tal feito determinase que se fixese preciso amplia-lo importe do crédito determinado no artigo 1º desta orde, a Dirección Xeral de Turismo fará a correspondente proposta nos termos establecidos na normativa orzamentaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado nesta orde poderán solicitar do administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Segunda.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa, e nas correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA