Exposición de motivos:
A Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, na súa disposición adicional primeira prevé que, por decreto do Consello da Xunta de Galicia, se creará o rexistro de empresas, asociacións de profesionais do sector, asociacións de usuarios e grupos operadores con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.
Este rexistro concíbese como un instrumento necesario e útil que permita obter información sobre a situación e evolución do sector audiovisual nas súas máis variadas manifestacións de cara a articular unha adecuada política de fomento que potencie o avance do sector.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día nove de xaneiro de dous mil tres,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Rexistro do Sector Audiovisual de Galicia.
1. Créase o Rexistro do Sector Audiovisual de Galicia, de carácter público e adscrito á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Dependerá da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, que será a encargada da súa organización, mantemento e custodia.
2. Para os efectos desde decreto, están comprendidos no sector audiovisual as empresas, asociacións profesionais, asociacións de usuarios e grupos operadores que desenvolvan a súa actividade no dito sector e con ámbito de actuación na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 2º.-Inscrición.
Poderá inscribirse neste rexistro toda persoa, física ou xurídica, a que se refire o artigo 1º.2, que realice unha actividade encadrada nalgunha das seccións do rexistro referidas no artigo 3º.
Artigo 3º.-Organización do rexistro.
O rexistro organízase nas seguintes seccións, referidas ó sector audiovisual:
a) Producción.
b) Distribución.
c) Exhibición cinematográfica.
d) Dobraxe.
e) Asociacións de profesionais do sector.
f) Asociacións de usuarios.
g) Grupos operadores.
Artigo 4º.-Inscricións, modificacións e cancelacións.
As inscricións, modificacións e cancelacións efectuaranse polo procedemento que se estableza regulamentariamente.
Artigo 5º.-Carácter da inscrición.
A inscrición na sección que corresponda do rexistro terá carácter preceptivo para a obtención de licencias, autorizacións, créditos, axudas, subvencións e outros estímulos en materia do sector audiovisual da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas tódalas normas de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan a este decreto.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para a execución, desenvolvemento e aplicación deste decreto.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, nove de xaneiro de dous mil tres.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús Pérez Varela
Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

