Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Acciona Eólica de Galicia, S.A., con enderezo para efectos de notificación en parque empresarial La Moraleja, avda. de Europa nº 18, 28108 Alcobendas (Madrid), resultan os seguintes antecedentes de feito:
Primeiro.-Con data do 11 de xaneiro de 2002 a devandita empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública das liñas de alta tensión L.A.T. 132 kV subestación parque eólico Álabe-leste e L.A.T. 132 kV subestación parque eólico Álabe-Mareiro, presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e o 143 do Real decreto 1955/2000, que a desenvolve.
Segundo.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo someteu o devandito proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Resolución do 18 de xuño de 2002, publicada no DOG do 12 de xullo, no BOP de Lugo do 13 de xullo e no diario El Progreso de Lugo
do 9 de xullo de 2002. O anuncio estivo exposto no taboleiro de anuncios dos concellos de Ourol e O Valadouro.
Así mesmo, practicouse notificación individual ós interesados incluídos na relación de bens e dereitos afectados.
Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública José Luis Sastre Pascual, en nome de Tolsa, S.A., e mediante escrito de data de entrada no rexistro xeral do edificio administrativo de Lugo do 6 de agosto de 2002, presentou alegación á instalación das devanditas liñas de alta tensión por considerar que a súa aprobación está intrinsecamente asociada ós parques eólicos de Álabe-Mareiro e Álabe-leste os cales, segundo o alegante, interfiren co permiso de investigación Río Vao nº 5514 que a dita empresa posúe.
Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola Delegación Provincial de Lugo, comprobándose mediante inspección sobre o terreo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións ni limitacións previstas no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Quinto.-O día 7 de novembro de 2002 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia resolveu abrir trámite de compatibilidade entre os distintos intereses públicos concorrentes no espacio proxectado para a implantación das devanditas liñas de alta tensión, as cales afectan ós concellos de Ourol e O Valadouro.
Sexto.-Con data de entrada do 11 de novembro de 2002, Juan Antonio Alonso Comerma, en nome e representación de Acciona Eólica de Galicia, S.A. solicitou que, debido a que a alegación realizada pola empresa Tolsa, S.A. só afecta a L.A.T. 132 kV subestación parque eólico Álabe-leste, se segregue e se tramite como dous expedientes independentes a L.A.T. 132 kV subestación parque eólico Álabe-leste e a L.A.T. 132 kV subestación parque eólico Álabe-Mareiro ata a consecución das preceptivas autorizacións.
Sétimo.-As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:
Liña de alta tensión (L.A.T.) aérea a 132 kV, para interconexión do parque eólico Álabe-Mareiro e a L.A.T. aérea existente a 132 kV (Montouto-Nordés)-(Boimente-Pena Grande), de 350 metros de lonxitude e composta por un circuíto cun conductor por fase LA-180 e cable a terra OPGW sobre apoios metálicos de celosía.
Orzamento: 151.176 euros.
Concellos afectados: Ourol, O Valadouro.
Fundamentos de dereito:
Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.
Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, no seus artigos 5 e 6.
Terceiro.-En contestación á alegación realizada por José Luis Sastre Pascual, en nome da sociedade Tolsa, S.A., esta dirección xeral informa que unha vez revisada a documentación que consta no expediente, se constatou que a L.A.T. 132 kV subestación parque eólico Álabe-Mareiro no interfire co permiso de investigación Río Vao nº 5514.
No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.
Esta dirección xeral, de acordo co que antecede:
RESOLVE:
1. Autoriza-la liña de alta tensión (L.A.T.) aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV desde subestación parque eólico de Álabe-Mareiro ata L.A.T. aérea existente a 132 kV (Montouto-Nordés)-(Boimente-Pena Grande), nos termos municipais de Ourol e O Valadouro (Lugo).
2. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.
3. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens o de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2003.
Ramón Ordás Badía
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

