Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2003 Páx. 1.088

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de decembro de 2002 pola que se establecen as condicións e criterios para a escolarización en centros sostidos con fondos públicos do alumnado de ensino non universitario con necesidades educativas especiais.

O Decreto 320/1996, do 26 de xullo, de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais, establece as normas xerais que deben rexe-la resposta ás diferentes necesidades educativas, dentro dunha ensinanza comprensiva e aberta á diversidade, segundo os principios de normalización, integración e atención personalizada.

De acordo co marco que determinan a Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración dos minusválidos, e a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, esa resposta levarase a cabo, con carácter xeral, no ámbito dos centros ordinarios. Sen embargo, en determinadas ocasións, as necesidades educativas requiren de actuacións e recursos que dificilmente poden ofrecerse neses centros, sendo preciso, entón, a intervención de unidades ou centros de educación especial.

A partir destes principios, o Decreto 320/1996 recolle diversos aspectos que cómpre concretar, aplicando o principio de sectorización, como son a autorización de flexibilizacións de idade, a posibilidade de implantar en centros ordinarios aulas para a atención específica, o establecemento de centros de escolarización preferente, ou a escolarización en centros hospitalarios ou no domicilio do alumno. En particular, cómpre sinalar que o establecemento das citadas aulas específicas de educación especial efectúase ó amparo do artigo 27 da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, xunto do recollido no preámbulo do Real decreto 334/1985, do 6 de marzo, de ordenación da educación especial.

En consecuencia, a presente orde regula a atención escolar das necesidades educativas especiais, transitorias ou permanentes, de orixe persoal ou sociocultural do alumnado de ensinanzas non universitarias de réxime xeral escolarizado nos centros sostidos con fondos públicos.

Así mesmo, o Decreto 320/1996 establece diversas funcións relacionadas coa educación especial que correspondían ós extinguidos equipos psicopedagóxicos de apoio. Sen embargo, trala publicación do Decreto 120/1998, do 23 de abril, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, as funcións atribuídas a estes equipos pasan a seren exercidas polos departamentos de orientación e os equipos de orientación específicos. Polo tanto, a presente orde tamén ten por finalidade determinar qué funcións das que aparecen no Decreto 320/1996 corresponden a cada un deses servicios.

En consecuencia, e en virtude do establecido na disposición derradeira do Decreto 320/1996 e na derradeira primeira do Decreto 120/1998, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é regula-las condicións e criterios para a escolarización do alumnado de ensino non universitario con necesidades educativas especiais que cursa ensinanzas de réxime xeral.

Artigo 2º.-Definición das necesidades educativas especiais.

No marco da presente orde entenderanse por necesidades educativas especiais as de tipo temporal ou permanente que estean asociadas á historia persoal e escolar ou debidas tanto a condicións de sobredotación intelectual como a calquera discapacidade ou a situacións sociais ou culturais desfavorecidas, que pola súa especificidade supoñan diferencias significativas no acceso ordinario ó currículo e, polo tanto, requiran de apoios e atencións educativas específicas.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde será de aplicación nos centros de ensinanza non universitaria da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.

Artigo 4º.-Coordinación dos servicios educativos.

Tendo en conta que a responsabilidade da atención ó alumnado con necesidades educativas especiais abrangue a toda a comunidade educativa, faise precisa a participación conxunta dos diferentes profesionais implicados. Como consecuencia, deberase garanti-la coordinación das súas actuacións, polas direccións dos centros, no caso dos integrantes dos departamentos de orientación e dos profesionais das unidades e centros específicos de educación espe

cial, como servicios nos centros educativos, ou polas delegacións provinciais, no caso dos equipos de orientación específicos, como servicios especializados delas dependentes.

Así mesmo, na medida que as circunstancias o demanden, a citada coordinación estenderase a outros servicios, organismos ou institucións que presten atencións ó antedito alumnado.

Artigo 5º.-Criterios xerais para a escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais.

Como norma xeral, o alumnado con necesidades educativas especiais será escolarizado nos centros educativos ordinarios, nas condicións establecidas para as ensinanzas de réxime xeral.

Só se poderá recorrer á escolarización, completa ou combinada, en unidades ou centros específicos de educación especial naqueles casos nos que sexa imprescindible o emprego de recursos extraordinarios de difícil xeneralización.

Artigo 6º.-Procedemento xeral para a escolarización en centros ou unidades específicos de educación especial.

Con carácter xeral, as propostas de escolarización en centros ou unidades específicas de educación especial, tanto para a modalidade completa como para a combinada, faranse con base no dictame de escolarización elaborado a partir da avaliación psicopedagóxica do alumno establecida na Orde do 31 de outubro de 1996, o estudio dos recursos da súa zona educativa e a opinión dos seus pais ou titores legais, que terán que ser debidamente informados.

A dirección do centro enviará a proposta á delegación provincial, que resolverá o que proceda á vista dos informes correspondentes e os recursos existentes.

Artigo 7º.-Documentación do alumnado que cambia de centro educativo ou de modalidade de escolarización.

Cando un alumno cambie de centro educativo ou de modalidade de escolarización, o centro de orixe remitirá ó de destino, e por pedimento deste, o seu libro de escolaridade e o informe individualizado de avaliación, no que se incluirán as conclusións das avaliacións psicopedagóxicas realizadas, os aspectos principais correspondentes ó seguimento do seu proceso educativo e, se procede, o documento de adaptación curricular, que terán carácter confidencial.

Capítulo II

Escolarización en centros ordinarios

Sección I

Aspectos xerais

Artigo 8º.-Proxectos de centro e necesidades educativas especiais.

Os proxectos educativos e curriculares de etapa dos centros reflectirán os criterios de carácter organizativo e pedagóxico establecidos para a atención

ó seu alumnado con necesidades educativas especiais. A determinación destes criterios farase coa colaboración do departamento de orientación do centro, ou do que o teña adscrito.

Artigo 9º.-Apoio ós departamentos didácticos e equipos de ciclo.

O departamento de orientación, coa colaboración e o asesoramento do correspondente equipo de orientación específico se fose necesario, prestará o seu apoio ós distintos equipos de ciclo e departamentos didácticos no relativo á atención ó alumnado con necesidades educativas especiais, así como ó profesorado que o atenda directamente.

Artigo 10º.-Centros de escolarización preferente.

Sen prexuízo da liberdade de elección de centro recoñecida pola normativa básica, o alumnado con necesidades educativas especiais terá preferencia para a súa escolarización nos centros ordinarios que posúan os equipamentos, servicios complementarios ou as especializacións profesionais necesarias para garantirlle unha atención educativa de calidade.

Artigo 11º.-Determinación dos centros de escolarización preferente.

A partir dos informes previos emitidos polos servicios de inspección educativa, determinaranse os centros de escolarización preferente e as súas zonas xeográficas de influencia, tendo en conta os diferentes tipos de atencións específicas e de apoios e servicios complementarios que, de acordo coas necesidades detectadas, se estimen oportunos.

A dita determinación corresponderá ás delegacións provinciais, naqueles casos nos que o ámbito de influencia pertenza a unha provincia, e á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, naqueloutros nos que sexa interprovincial.

En todo caso, garantirase que o alumnado de educación primaria con necesidades educativas especiais permanentes que está escolarizado en centros ordinarios poida continua-los seus estudios na educación secundaria obrigatoria nesa modalidade de escolarización nalgún centro da mesma zona educativa.

Sección II

Escolarización nos diferentes niveis educativos

II.a) Educación infantil.

Artigo 12º.-Finalidade da escolarización na educación infantil.

Na educación infantil o alumnado con necesidades educativas especiais escolarizarase nos centros ordinarios e tan só nas unidades ou centros específicos de educación especial en casos moi excepcionais e debidamente xustificados.

A escolarización nesta etapa terá como finalidade, ademais de procura-lo desenvolvemento persoal do alumnado, a detección e identificación temperá das necesidades especiais, co fin de establece-las medidas e recursos necesarios para a prevención e intervención específicas. Para tal fin, os departamentos de orientación deseñarán, coa colaboración dos equi

pos de orientación específicos, accións encamiñadas á atención temperá tanto no seu centro como nos que, se é o caso, lles estean adscritos.

Artigo 13º.-Avaliación inicial.

Ó comeza-la súa escolarización todo o alumnado será obxecto dunha avaliación inicial na que, ademais dos aspectos previstos na Orde do 5 de maio de 1993, se recollerá a detección de necesidades educativas especiais. A partir desta avaliación redactaranse o informe psicopedagóxico establecido na Orde do 31 de outubro de 1996.

Para tal fin, os departamentos de orientación elaborarán, co asesoramento dos equipos de orientación específicos se fose necesario, os materiais necesarios para que o profesorado titor dos seus centros, ou dos que teñan adscritos, leven a cabo a recollida de información que permita a dita avaliación, correspondendo ó departamento a súa análise e obtención das correspondentes conclusións. Naqueles casos nos que se detecten posibles necesidades educativas especiais, o departamento de orientación levará a cabo as accións de avaliación psicopedagóxica de carácter máis específico.

Artigo 14º.-Medidas para a atención educativa.

A partir da avaliación inicial anteriormente establecida, os departamentos de orientación presentarán perante a dirección do centro unha proposta coas medidas de reforzo ou de atención específica para as necesidades detectadas.

En todo caso, esas medidas terán un carácter flexible. De ser autorizadas procederase ó seu desenvolvemento e seguimento periódico, así como á información ós pais ou titores legais do alumno por parte do seu profesor titor, coa colaboración do departamento de orientación.

Artigo 15º.-Escolarización preferente na educación infantil.

Cando a atención a necesidades educativas especiais permanentes asociadas a algún tipo de discapacidade necesite dun equipamento ou dunha especialización profesional de difícil xeneralización, a delegación provincial correspondente, logo dos informes oportunos, poderá preve-la escolarización preferente nun centro de entre os determinados como tales segundo se establece no artigo 11º desta orde.

Artigo 16º.-Acordos de colaboración interinstitucional para a atención temperá.

As institucións e administracións implicadas na atención ó alumnado de educación infantil con necesidades educativas especiais poderán promover acordos con esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que teñan por finalidade dar continuidade ós programas de atención temperá.

II.b) Escolarización no ensino obrigatorio.

Artigo 17º.-Avaliación inicial.

Ó comeza-la escolarización obrigatoria levarase a cabo, coa debida adecuación ás características do

alumno e a etapa escolar da que se trate, a avaliación establecida no artigo 13º desta orde, que non será preceptiva para o alumnado que xa fose obxecto daquela. Así mesmo, realizarase a correspondente proposta das medidas curriculares ou organizativas oportunas.

O informe psicopedagóxico resultante desta avaliación rexistrarase segundo se determina na Orde do 31 de outubro de 1996.

Artigo 18º.-Medidas curriculares e organizativas.

Tanto as actuacións de reforzo educativo como as adaptacións curriculares deberanse axustar á correspondente programación e avaliación e rexeranse polo disposto na Orde do 6 de outubro de 1995.

Así mesmo, poderanse constituír, con carácter temporal, agrupamentos flexibles como medida de apoio para o alumnado con dificultades de aprendizaxe de carácter esencial, que deberán contar coa correspondente autorización da inspección educativa ou da delegación provincial.

Artigo 19º.-Intervencións específicas.

As intervencións específicas que sexan precisas por parte dos profesores especialistas de pedagoxía terapéutica ou de audición e linguaxe serán propostas e deseñadas polo departamento de orientación, do que forman parte, en colaboración co titor do grupo ó que pertence o alumno. Tales actuacións levaranse a cabo normalmente dentro da aula, xunto do resto do alumnado dese grupo, e só poderán levarse fóra dela en casos excepcionais que estean debidamente previstos nas adaptacións curriculares e durante un tempo que non excederá a terceira parte da xornada escolar.

A coordinación desas actuacións, xunto coas do resto do profesorado, tendo en conta o proxecto curricular da etapa e as programacións de aula, corresponde á xefatura de estudios do centro.

Artigo 20º.-Informe final na educación primaria e no ensino obrigatorio.

Ó remate da educación primaria e do ensino obrigatorio, o departamento de orientación do centro, ou o que lle corresponda por adscrición, elaborará un informe sobre o proceso educativo do alumnado que fose obxecto de atencións derivadas de necesidades educativas especiais. Nel recollerase unha descrición dos apoios adicionais recibidos, de tipo curricular, organizativo e de acceso ó currículo, se os houbese.

Este informe, que terá carácter confidencial, xuntarase á documentación que se remite ó centro no que o alumno vaia continua-la súa escolarización e estará á disposición da inspección educativa.

II.c) Escolarización no ensino postobrigatorio.

Artigo 21º.-Medidas para facilita-la escolarización postobrigatoria.

Coa finalidade de dar continuidade na escolarización postobrigatoria ó alumnado con necesidades

educativas especiais, determinarase a relación de centros de escolarización preferente para cada modalidade de ensinanza postobrigatoria non universitaria, o que corresponderá ás delegacións provinciais ou á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, segundo se establece no artigo 11º desta orde.

No caso das ensinanzas postobrigatorias con límite de prazas, para acollerse ó dereito de escolarización preferente aquí recollido será preciso que o alumno cumpra os requisitos que regulamentariamente estableza a normativa de acceso e admisión ás correspondentes ensinanzas.

Artigo 22º.-Adaptacións curriculares no bacharelato e na formación profesional específica de grao medio e superior.

As adaptacións curriculares no bacharelato e nos ciclos formativos de grao medio e superior da formación profesional específica axustaranse ó disposto nas ordes do 6 de outubro de 1995 e de 16 do xullo de 2002, respectivamente.

Artigo 23º.-Adaptacións curriculares nos programas de garantía social.

Nos programas de garantía social poderanse facer adaptacións curriculares conforme as necesidades educativas do alumno afectando as áreas de formación básica e de formación profesional específica, con independencia da modalidade da que se trate.

II.d) Escolarización de persoas adultas.

Artigo 24º.-A escolarización das persoas adultas.

As persoas adultas con necesidades educativas especiais que o desexen poderanse escolarizar en centros que impartan ensinanzas das que se recollen no artigo 5 do Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación das persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, podéndose realiza-las correspondentes adaptacións do currículo.

Os citados centros disporán dos recursos de apoio, orientación, asesoramento e atención especializada que regulamentariamente se establezan.

Artigo 25º.-Adaptacións curriculares.

No caso das ensinanzas de educación das persoas adultas, as adaptacións curriculares axustaranse en liñas xerais ó disposto para cada nivel educativo do réxime xeral.

Sección III

Flexibilización da duración do período

de escolarización

Artigo 26º.-Condicións xerais para a flexibilización da duración da escolarización.

O alumnado con necesidades educativas especiais poderá ser obxecto de medidas de flexibilización da súa escolarización nas diferentes etapas do ensino non universitario, para o que será necesaria a autorización desta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Para tal fin, será imprescindible a constatación da aplicación previa doutras medidas de adaptación curricular ou organizativas previstas para a atención das necesidades específicas do alumno.

Artigo 27º.-Educación infantil e ensino básico.

A duración do período de escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais na educación infantil e nas diferentes etapas do ensino básico poderase modificar nos termos que se recollen a continuación.

Educación infantil: poderase aumentar excepcionalmente nun ano respecto do disposto con carácter xeral. En ningún caso será posible permanecer nesta etapa máis alá do ano natural no que se cumpran os sete de idade.

Educación primaria: poderase aumentar excepcionalmente nun ano con respecto do disposto con carácter xeral. No caso de non ter permanecido un ano máis na educación infantil será posible aumentar un segundo ano con carácter excepcional. En calquera caso, non se poderá continuar na educación primaria máis alá do ano natural no que se cumpran os quince de idade.

Educación secundaria obrigatoria: poderase permanecer excepcionalmente un ano máis respecto do disposto con carácter xeral. Non obstante, esta medida non será de aplicación nun curso no que xa se permanecese un ano máis.

Así mesmo, cando necesidades de apoio específico así o xustifiquen, poderase autorizar excepcionalmente a fragmentación dos cursos terceiro e cuarto de educación secundaria obrigatoria. Neste caso o alumno deberá permanecer escolarizado todo o horario e, en consecuencia, durante os períodos correspondentes ás áreas que non estea a cursar deberá prestárselle atención adaptada ás súas necesidades específicas.

En todo caso, a permanencia no ensino básico non poderá estenderse máis alá do ano natural no que se cumpran os vinte de idade.

Respecto das necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de sobredotación, as flexibilizacións axustarase ó disposto na Orde do 28 de outubro de 1996, agás no relativo ós prazos de presentación de solicitudes, que se corresponderán cos establecidos na presente orde.

Artigo 28º.-Bacharelato e formación profesional específica.

O alumnado con necesidades educativas especiais poderá ser autorizado, cando necesidades de apoio específico así o xustifiquen, para cursa-lo bacharelato fragmentando os seus cursos por materias ou a formación profesional específica fragmentada por módulos. Nestes casos o alumno poderá permanecer escolarizado todo o horario, recibindo atención adaptada ás súas necesidades específicas durante os períodos correspondentes ás áreas ou módulos que non estea a cursar.

Nestes casos poderase aumentar excepcionalmente a escolarización no bacharelato nun máximo de dous anos escolares respecto do establecido con carácter xeral. Na formación profesional específica de grao medio e superior poderase autorizar, con carácter excepcional, unha repetición máis das dispostas con carácter xeral.

Artigo 29º.-Programas de garantía social.

A escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais nos programas de garantía social poderase aumentar excepcionalmente nun ano escolar respecto do establecido con carácter xeral.

Artigo 30º.-Procedemento para solicita-las flexibilizacións.

Para acollerse ás flexibilizacións ás que se fai referencia nos artigos anteriores a dirección do centro presentará a oportuna solicitude na correspondente delegación provincial. Esta acompañarase da seguinte documentación:

a) Informe que xustifique a necesidade da medida, elaborado polo departamento de orientación do centro ou ó que este estea adscrito ou, no seu defecto, polo profesor titor;

b) Conformidade expresa dos pais ou titores legais do alumno, se é menor de idade, ou a súa propia se non o é;

c) Fotocopia compulsada do libro de escolaridade ou de cualificacións, se procede, ou certificación académica;

d) Proposta de adaptación do currículo segundo o disposto na Orde do 6 de outubro de 1996.

A citada solicitude remitirase, xunto co informe da inspección educativa, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, á que corresponderá a autorización ou denegación da flexibilización.

Tanto por iniciativa da inspección educativa, como pola da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, poderase requirir ó equipo de orientación específico dependente da delegación provincial correspondente a elaboración dun informe complementario ó respecto.

Artigo 31º.-Prazos para as solicitudes de flexibilización.

No caso daquelas modalidades de ensino que non conten con avaliación extraordinaria no mes de setembro, o prazo para presenta-las solicitudes de flexibilización será o mes de abril. As delegacións provinciais trasladaranas á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional antes do 31 de maio, acompañándoas dos informes correspondentes. A resolución correspondente comunicarase ó centro antes do 31 de xullo para o seu traslado ó interesado.

No caso das modalidades de ensino que conten con avaliación extraordinaria no mes de setembro e das ensinanzas de réxime especial, a solicitude de flexibilización farase no mes de setembro, coincidindo co correspondente prazo de matrícula, debendo remitila a dirección do centro á delegación provincial nos sete días naturais seguintes. A tramitación perante a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional levarase a cabo dentro dos quince días naturais posteriores á presentación da solicitude de matrícula. A correspondente resolución comunicarase ó centro nun prazo non superior a quince días naturais, contados a partir da recepción da solicitude de flexibilización na dirección xeral.

Artigo 32º.-Rexistro no expediente académico das flexibilizacións do período de escolarización.

Con carácter xeral, calquera medida de flexibilización consignarase, incluíndo a resolución pola que foi autorizada, en tódolos documentos de avaliación do alumno que en cada caso correspondan.

Capítulo III

Escolarización en centros e aulas específicos

de educación especial

Sección I

Aspectos previos

Artigo 33º.-Finalidade dos centros e aulas específicos de educación especial.

Os centros e aulas específicos de educación especial terán como finalidade principal a escolarización obrigatoria do alumnado que, pola gravidade ou permanencia das súas necesidades educativas, requira recursos e atencións que non poidan proporcionarse en contextos ordinarios.

A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa establecerá para cada centro ou aula específica de educación especial, a proposta das diferentes delegacións provinciais, os tipos de necesidades educativas especiais para as que se habilita, crea ou, se é o caso, autoriza, así como os programas que para o efecto puidesen establecerse.

Non obstante, os centros e aulas específicos poderán atender transitoriamente a alumnado con necesidades diferentes das neles establecidas cando circunstancias excepcionais así o requiran.

Artigo 34º.-Orientación do alumnado nos centros específicos de educación especial.

Os centros específicos de educación especial que conten con doce ou máis unidades, ou naqueloutros casos nos que as circunstancias así o aconsellen, contarán cun departamento de orientación que terá entre as súas finalidades principais coordina-las accións específicas que leven a cabo os distintos profesionais que interveñan na atención ó alumnado.

Estes departamentos desenvolverán as funcións establecidas con carácter xeral na Orde do 24 de xullo de 1998, incidindo ademais de xeito particular nas seguintes tarefas:

a) Asesorar no deseño, aplicación e avaliación de programas de orientación educativa e profesional na

procura dunha satisfactoria integración sociolaboral do alumnado ou da súa incorporación posterior noutros centros educativos.

b) Establecer relacións de coordinación e cooperación cos demais axentes comunitarios que inciden desde os campos educativo, sanitario, social e laboral na resposta ás necesidades educativas especiais atendidas no centro, co fin de identificar conxuntamente os obxectivos, prioridades e estratexias unificadas de intervención.

c) Colaborar coa dirección do centro na xestión dos recursos específicos nel existentes, así como asesora-los distintos sectores da comunidade educativa sobre o seu emprego.

d) Impulsa-la participación do profesorado do centro en programas de investigación e innovación educativa no ámbito da integración e a atención do alumnado con necesidades educativas especiais.

Estas tarefas tamén serán desenvoltas polos departamentos de orientación dos centros, ou dos que teñan adscritos, que posúan aulas específicas de educación especial, como se determina no artigo 39º desta orde.

No caso dos centros de educación especial que non posúan departamento de orientación, as delegacións provinciais establecerán a súa adscrición a un departamento de orientación, que o abranguerá no seu plan de actuación.

Sección II

Centros específicos de educación especial

Artigo 35º.-Procedemento para a escolarización.

O procedemento para a escolarización nun centro específico de educación especial iniciarase, logo da correspondente avaliación psicopedagóxica, coa elaboración do dictame de escolarización polo departamento de orientación que corresponda ó centro educativo no que se atope escolarizado o alumno ou para o que se solicita a súa admisión. Este informe acompañarase dunha declaración escrita feita polos pais ou titores legais do alumno na que se fará consta-la súa valoración da proposta de escolarización. A dirección do centro presentará a solicitude na correspondente delegación provincial, que a resolverá oportunamente logo dos informes que procedan.

Así mesmo, no caso do alumnado que non estea escolarizado os seus pais ou titores legais presentarán a súa solicitude de escolarización, dirixida ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que dictará a resolución que corresponda. Neste suposto o informe de avaliación psicopedagóxica será realizado polo equipo de orientación específico.

Artigo 36º.-Seguimento e revisión da modalidade de escolarización.

Para efectos de garanti-lo carácter revisable e reversible da modalidade de escolarización adop

tada, o servicio de orientación que elaborara o dictame para a escolarización dun alumno nun centro específico de educación especial cooperará co departamento de orientación deste último no seu seguimento.

Tódalas modalidades de escolarización diferentes da ordinaria revisaranse, como mínimo, ó remate de cada curso académico. Non obstante, no caso da educación infantil esa revisión farase, ademais, ó remate de cada trimestre do curso escolar.

A solicitude de cambio de modalidade que se considere oportuna presentarase, a instancia dos pais ou titores legais do alumno ou do seu profesorado, na delegación provincial correspondente pola dirección do centro onde se atope escolarizado o alumno. Incluirá, conforme o recollido no artigo 13 da Orde do 31 de outubro de 1996, o dictame do departamento de orientación do centro.

Artigo 37º.-Duración da escolarización.

O límite máximo de idade para permanecer escolarizado nun centro específico de educación especial na educación básica obrigatoria será de vinte anos.

Artigo 38º.-Proxectos educativo e curriculares.

Sen prexuízo do establecido con carácter xeral, os centros específicos de educación especial elaborarán o proxecto educativo e os proxectos curriculares de cada unha das etapas e ensinanzas que neles se impartan.

Na elaboración dos proxectos curriculares partirase das necesidades educativas especiais do alumnado, os recursos con que se conte e as características do contorno, e recollerán os programas e procedementos de actuación, así como a oferta de servicios do centro. Igualmente, reflectirán as colaboracións e participacións doutros servicios sociais e sanitarios da zona, co fin de facilitar unha actuación coherente cos obxectivos educativos correspondentes.

Sección III

Aulas específicas de educación especial

Artigo 39º.-Obxecto das aulas específicas de educación especial.

A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá crear, habilitar ou, se é o caso, autorizar aulas específicas de educación especial en centros ordinarios.

Estas aulas contarán cun espacio físico propio e cunha dotación de recursos, persoais e materiais, axeitados para facilita-lo acceso e desenvolvemento do currículo.

Así mesmo, entre as súas finalidades estará a de facilita-la integración do seu alumnado, polo que se procurará a maior participación deste nas actividades que o centro desenvolva.

Artigo 40º.-Dependencia orgánica das aulas específicas de educación especial.

Cando nun centro ordinario se habilite unha aula específica de educación especial os seus recursos materiais pertencerán ó centro específico de educación especial que se determine. Non obstante, en cada curso escolar, o orzamento para o seu funcionamento dependerá do centro ordinario no que se sitúe a aula.

No caso das aulas específicas que se creen ou autoricen nun centro ordinario os recursos materiais pertencerán a este.

Artigo 41º.-Escolarización nas aulas específicas de educación especial.

A escolarización nas aulas específicas de educación especial estará suxeita ás mesmas condicións e procedemento que os centros específicos de educación especial. Polo tanto, corresponde ás delegacións provinciais a resolución da escolarización nestas aulas e de ningún modo se poderá escolarizar nelas alumnado, nin de xeito completo nin combinado, sen a autorización previa da delegación provincial correspondente.

Artigo 42º.-Número máximo de alumnos que se poden escolarizar nunha aula específica.

Con carácter xeral, o número máximo de alumnos que poderán escolarizarse simultaneamente nunha aula específica de educación especial nun centro ordinario será de cinco. Excepcionalmente, dependendo das necesidades educativas que se atendan, a Administración educativa poderá autorizar un número distinto.

Artigo 43º.-Proxectos educativos e curriculares dos centros con aulas específicas de educación especial.

Os proxectos educativos e curriculares de etapa dos centros ordinarios que conten con aulas específicas de educación especial incorporarán, ademais do disposto con carácter xeral, os aspectos particulares recollidos no artigo 38º desta orde.

Capítulo IV

Outras modalidades de escolarización

Sección I

Escolarización combinada

Artigo 44º.-Condicións da escolarización combinada.

O alumnado con necesidades educativas especiais que estea escolarizado nun centro ordinario e requira de recursos específicos non dispoñibles neste poderá escolarizarse a tempo parcial nunha aula ou centro específico de educación especial. Así mesmo, o alumnado escolarizado nun centro específico de educación especial poderá combina-la súa escolarización nun centro ordinario co obxecto de promove-la súa normalización escolar.

Tanto para efectos académicos como administrativos, incluído o relativo ás flexibilizacións da idade, o alumnado pertencerá ó centro desde o que se solicita esta modalidade de escolarización.

Artigo 45º.-Inicio e revisión da escolarización.

A escolarización combinada estará sometida ós mesmos procedementos, tanto de inicio como de revisión, que a escolarización a tempo completo nunha aula ou centro específico. A única diferencia será que neste caso a proposta de revisión de escolarización poderase iniciar por calquera dos dous centros.

Artigo 46º.-Coordinación da atención educativa.

O profesor titor dun alumno en escolarización combinada pertencerá ó centro no que estea matriculado, e corresponderalle a coordinación das atencións educativas que se proporcionen nos dous centros, co apoio dos departamentos de orientación.

Sección II

Atención educativa hospitalaria e domiciliaria

Artigo 47º.-Finalidade da atención educativa hospitalaria ou domiciliaria.

A atención educativa hospitalaria ou domiciliaria terá como finalidade principal a de dar continuidade ó proceso formativo do alumnado en escolarización obrigatoria, que por prescrición facultativa non poida asistir de xeito habitual ó seu centro escolar.

O alumnado que curse ensinanzas a distancia ou de educación para as persoas adultas aterase ó disposto nas respectivas normas legais, non sendo de aplicación o disposto no parágrafo anterior.

Artigo 48º.-Servicios de atención educativa hospitalaria e domiciliaria.

Cando as circunstancias así o aconsellen, poderanse crear ou habilitar servicios de atención educativa hospitalaria e domiciliaria, que estarán constituídos por profesorado que formará parte dos centros específicos de educación e promoción de adultos ou, no seu defecto, dos institutos de educación secundaria autorizados para impartir ensinanzas de adultos nas modalidades presencial e a distancia.

A súa función principal será asegurar, no posible, a continuidade na atención educativa do centro de referencia do alumno. Para tal fin os centros educativos, a través do correspondente departamento de orientación, proporcionarán a estes servicios toda a información relativa ó alumno, especialmente a referida á súa competencia curricular. Igualmente, o servicio de atención hospitalaria e domiciliaria remitirá ó centro de referencia do alumno os informes relativos ó seu progreso, cunha periodicidade mínima mensual e ó finalizar esta modalidade de atención educativa.

Non obstante, con carácter temporal, a Administración educativa poderá proporcionar esas atencións a través dun profesor do centro ó que pertenza o alumno, preferentemente o seu titor, se a parti

cipación ten carácter voluntario e non implica o incremento do persoal do centro.

Artigo 49º.-Condicións para a atención educativa hospitalaria ou domiciliaria.

Poderá ser destinatario da atención educativa hospitalaria ou domiciliaria o alumnado que, cursando ensinanzas de réxime xeral na modalidade presencial, por prescrición facultativa se considere que non poderá asistir ó seu centro por un período superior a un mes.

Para acceder a esta atención será imprescindible que o alumno estea matriculado nun centro autorizado de ensino non universitario.

Artigo 50º.-Solicitude da atención educativa hospitalaria ou domiciliaria.

A solicitude da atención educativa hospitalaria ou domiciliaria, que irá acompañada dos debidos informes que a xustifiquen, formularase perante a correspondente delegación provincial pola dirección do centro ó que pertenza o alumno, a instancia dos seus pais ou titores legais.

Artigo 51º.-Programa individualizado de atención educativa.

Cando un alumno sexa obxecto de atención educativa hospitalaria ou domiciliaria, o seu centro de referencia establecerá, a partir do correspondente proxecto curricular de etapa, un programa individualizado no que se terán en conta as necesidades educativas especiais asociadas á súa situación.

A elaboración e seguimento dese programa levaraa a cabo o titor do alumno en colaboración co correspondente servicio de atención educativa hospitalaria e domiciliaria e co asesoramento do correspondente departamento de orientación. Así mesmo, cando as condicións do alumno así o requiran, o equipo de orientación específico proporcionará o apoio necesario para levar a cabo esas tarefas.

Artigo 52º.-Atención educativa en condicións de internamento en réxime pechado ou terapéutico.

As atencións educativas establecidas nos artigos anteriores para a atención hospitalaria ou domiciliaria poderán ser de aplicación, en liñas xerais e coas correspondentes adaptacións, ó alumnado que se atope en condicións legais de internamento en réxime pechado ou terapéutico, por aplicación do artigo 7 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

Disposicións adicionais

Primeira.-Tódalas funcións atribuídas ós equipos psicopedagóxicos de apoio pola Orde do 31 de outubro de 1996, pola que se regula a avaliación psicopedagóxica dos alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais que cursan as ensinanzas de réxime xeral e se establece o procedemento e os criterios para a realización do dictame de escolarización (DOG do 19 de decembro de 1996), serán asumidas polos departamentos de orientación.

Segunda.-Nos centros privados concertados as funcións establecidas nesta orde para os departamentos de orientación serán levadas a cabo polos seus servicios de orientación ou, no seu defecto, polos correspondentes equipos de orientación específicos.

Disposición transitoria

As delegacións provinciais determinarán qué servicio, equipo ou departamento de orientación desempeñará en cada momento, transitoriamente, as funcións atribuídas por esta orde ós departamentos de orientación no caso dos centros que non conten con ningún servicio de orientación e non estean adscritos a algún.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os artigos 7.2º e 7.4º da Orde do 28 de outubro de 1996 pola que se regulan as condicións e o procedemento para flexibiliza-la duración do período de escolarización obrigatoria dos alumnos con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de sobredotación intelectual.

Disposición derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Ordenación Educativa e Formación Profesional, de Centros e Inspección Educativa, de Persoal e de Universidades para dicta-las disposicións oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria