Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Luns, 17 de febreiro de 2003 Páx. 1.786

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 3 de febreiro de 2003 pola que se establecen as bases que rexen as axudas e subvencións para o exercicio de 2003, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para a contratación por parte das entidades locais de traballadores desempregados beneficiarios do programa Labora: Xuventude con Experiencia para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social e se procede á súa convocatoria.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia e mailo Decreto 23/2003, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais asume o exercicio das competencias e funcións que ata o momento correspondían á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así, correspóndelle agora a esta consellería a convocatoria a xestión e o control das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que están o programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, cos órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social e o de contratación de técnicos locais de emprego.

Estas medidas de fomento do emprego público agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica, baixo a rúbrica de programas de cooperación, respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais ou comunitarios dos que traen causa.

Os programas de cooperación concíbense ademais como medida de fomento do emprego a través da adquisición de experiencia profesional dos traballadores desempregados participantes na realización das obras ou servicios, de xeito que, coa mellora da súa empregabilidade, poidan situarse en mellores condicións para acceder a un posto de traballo, unha vez rematada a súa participación neles.

Por outra banda, o Decreto 148/2002, do 18 de abril, vén de establecer no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o programa Labora: Xuventude con Experiencia, concibido como unha iniciativa innovadora e ambiciosa coa que se persegue garantir un contrato de traballo de 12 meses de duración mínima a tódolos nosos mozos e mozas desempregados que carezan de experiencia laboral, de xeito que estes poidan adquiri-la práctica que lles falta, mediante unha prestación laboral efectiva, e poidan posteriormente integrarse de forma definitiva no mercado laboral. Efectivamente, os mozos e mozas menores de 30 anos seguen a constituír un dos grupos sociais con máis dificultades para acceder a un posto

de traballo, o que representa un grave problema, non só desde o punto de vista cuantitativo senón tamén porque o fenómeno do desemprego xuvenil leva implícita unha infrautilización de recursos humanos no momento da súa maior potencialidade productiva, e mesmo, no caso dos titulados sen traballo, un desaproveitamento do investimento público realizado na súa formación.

Consecuentemente, procede agora o seu desenvolvemento a través desta orde de convocatoria para articula-la concesión de axudas e subvencións ás entidades locais para a contratación dos beneficiarios incorporados ó programa, convocatoria que, noutra orde de cousas, se axusta ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento das axudas previstas nesta orde, realizarase con fondos finalistas transferidos pola Administración do Estado e con fondos propios libres da Comunidade Autónoma, con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 14.04.241A.460.0 e 460.1 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, por un importe de 8.465.573,98 A.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, da Inspección Xeral de Servicios e da Intervención Delegada, e, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade.

Esta orde ten por finalidade a definición, regulación e convocatoria para o ano 2003, pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, están destinadas ó financiamento de accións de fomento de emprego por parte das entidades locais que contraten traballadores desempregados beneficiarios do programa Labora: Xuventude con Experiencia, regulado polo Decreto 148/2002, do 18 de abril, para a realización de obras e servicios de interese xeral e social.

Artigo 2º.-Liñas de axuda.

1. A subvención consistirá no financiamento dunha contía equivalente ós custos salariais e de Seguridade Social, nos termos establecidos no artigo 4º

da presente orde, dos traballadores contratados ó abeiro desta orde, así como do incentivo á mobilidade xeográfica daqueles que reúnan os requisitos para percibilo, de conformidade co disposto nos parágrafos 3º e 4º do artigo 7 do Decreto 148/2002, do 18 de abril.

2. Estas axudas e subvencións financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0 e 460.1.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde, as entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos, e realicen a contratación nos termos dispostos no artigo 16º desta orde.

Artigo 4º.-Contía.

A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será:

a) Para efectos salariais, a equivalente á base mínima do grupo de cotización ó que corresponda a categoría profesional desempeñada polo traballador contratado, maila cotización empresarial á Seguridade Social, derivada de dito salario, todo isto con independencia da retribución que finalmente perciba o traballador.

b) Para efectos do incentivo á mobilidade xeográfica, será de 180 A mensuais por cada beneficiario do programa Labora contratado, que reúna os requisitos para percibilo.

Artigo 5º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As entidades locais que pretendan beneficiarse destas subvencións deberán formaliza-la correspondente solicitude, nos modelos que se publican como anexos a esta orde, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estarán ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. As solicitudes, que se publican como anexo I, que en todo caso, deberán ser subscritas polo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado, deberán ir acompañadas, en duplicado exemplar, da seguinte documentación:

a) Certificación do secretario da entidade local na que consten os seguintes extremos:

-A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

-A aprobación da solicitude de subvención.

-A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade local.

c) Ficha de transferencia bancaria, no modelo que se publica como anexo IV.

d) Memoria explicativa na que necesariamente debe figura-la vinculación dos programas de cooperación solicitados co perfil dos beneficiarios adheridos ó programa Labora, preferentemente cos do seu ámbito territorial. Esta memoria será redactada polo técnico local de emprego da entidade local, se o hai.

e) Unha memoria de cada obra ou servicio, no modelo que se publica como anexo II, xunto co proxecto e planos cando o tipo de obra así o esixa.

f) Unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, no modelo que se publica como anexo III.

3. Para os efectos do previsto na letra d) do parágrafo anterior e con carácter previo á presentación das solicitudes, as entidades locais interesadas en participar na presente convocatoria poderán solicitar na respectiva delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais información sobre o número e o perfil dos incorporados ó programa Labora correspondentes ó seu ámbito territorial, co fin de deseña-las obras ou servicios que se vaian solicitar.

4. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. As solicitudes de axudas e subvencións que se concedan ó abeiro desta norma, poderán presentarse:

-Ata o 31 de marzo de 2003, inclusive: para os proxectos que teñan previsto o seu inicio antes do 15 de maio de 2003.

-Ata o 30 de xuño de 2003, inclusive: para os proxectos que teñan previsto o seu inicio antes do 31 de xullo de 2003.

-Ata o 15 de setembro de 2003, inclusive: para os proxectos que teñan previsto o seu inicio antes do 31 de decembro de 2003.

Artigo 6º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso esixidos ou a documentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, a delegación provincial requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes e completados, de se-lo caso, remitiránselle á comisión de valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde a comisión de valoración estará composta polo secretario provincial, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Fomento do Emprego e un xefe de sección do dito servicio, actuando este último como secretario.

Artigo 7º.-Resolución.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, logo do informe da comisión de valoración e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención territorial, o delegado provincial, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, dictará a resolución que proceda, que lles deberá ser notificada ós interesados. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictara resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. A resolución que poña fin ó expediente de solicitude conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Denominación da obra ou servicio aprobado.

b) Duración e data de inicio.

c) Contía da subvención que se vai outorgar para efectos salariais e de Seguridade Social.

d) Categoría profesional e grupo de cotización dos traballadores que se van contratar.

e) Localización xeográfica da realización da obra ou servicio.

f) Código que se vai incluír nos contratos para a súa posterior mecanización para efectos estatísticos.

g) Referencia ó cofinanciamento polo Fondo Social Europeo da subvención concedida.

3. A determinación da contía da subvención correspondente ó incentivo á mobilidade xeográfica dos beneficiarios do programa Labora, que reúnan os requisitos para percibilo, realizarase mediante resolución complementaria, de conformidade co previsto no artigo 10º desta orde.

4. As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación da resolución, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, agás nos casos en que proceda o requirimento regulado nos tres primeiros puntos do artigo 44 da devandita lei, nos que o prazo se contará desde o día seguinte a aquel no que se reciba a comunicación do acordo expreso ou se entenda presuntamente rexeitado.

Artigo 8º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

b) Orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados e dos partes de alta na Seguridade Social.

c) A certificación prevista no artigo 16.3º desta orde, relativa á selección e contratación dos traballadores.

d) Un certificado do secretario da entidade local no que consten as retribucións dos traballadores, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mailas cotizacións á Seguridade Social.

2. O aboamento da subvención correspondente ó incentivo á mobilidade xeográfica dos traballadores contratados, previsto no artigo 10, farase efectivo unha vez comprobado o número de beneficiarios contratados que reúnan os requisitos para acceder a el e dictada a correspondente resolución complementaria de concesión de subvención, logo de fiscalización da proposta pola intervención territorial.

3. A documentación xustificativa deberá remitirse á respectiva delegación provincial no prazo dun mes desde o inicio da obra ou servicio, agás autorización expresa da súa ampliación por aquela, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria. En todo caso, a documentación xustificativa deberá remitirse dentro do ano 2003.

Artigo 10º.-Incentivo á mobilidade xeográfica.

1. Os beneficiarios do programa Labora: Xuventude con Experiencia que resulten seleccionados e contratados percibirán un incentivo á mobilidade xeográfica sempre que cumpran os requisitos previstos no artigo 7.3º do Decreto 148/2002, do 18 de abril.

2. As oficinas de emprego, unha vez recibidos os contratos de traballo de conformidade co previsto no artigo 16º, comprobarán cales e cantos dos traballadores contratados reúnen os requisitos para a percepción do incentivo á mobilidade xeográfica. Unha vez determinados, o director da oficina de emprego deberá remitir á delegación provincial, por cada expediente, unha relación certificada destes para os efectos de dicta-la correspondente resolución complementaria, nos termos previstos no artigo 9º.2.

Artigo 11º.-Incompatibilidades e obrigas dos beneficiarios.

1. Con carácter xeral, o importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-la entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

2. As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde estarán obrigadas a:

a) Realiza-la actividade ou adopta-lo comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou desfrute da axuda.

c) O sometemento ás actuacións de comprobación e control que poida efectua-la Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas e ás que poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas da Unión Europea.

d) Comunicarlle á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional.

e) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as obras e servicios que se realicen, adecuándose á normativa correspondente e ás previsións do Fondo Social Europeo.

f) Satisfacer, ó seu vencemento, as obrigas económicas que se deriven do funcionamento dos servicios subvencionados, especialmente as de carácter salarial, tendo en conta que a retribución dos traballadores que se incorporen a estes programas será, de conformidade co disposto no artigo 15º.1 d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, na súa redacción dada pola Lei 12/2001, do 9 de xullo, a que se acorde entre as partes sen que poida ser inferior á establecida, se é o caso, para os contratos de inserción no convenio colectivo aplicable. Todo isto con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

h) Cumpri-las demais obrigas que se poidan derivar da normativa de desenvolvemento desta orde.

Artigo 13º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde ou na normativa que a desenvolva orixinará, á vista da natureza e causas do incumprimento, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 14º.-Requisitos e criterios para a selección das obras ou servicios.

1. As obras ou servicios que se van realizar deberán ser de interese xeral e social e competencia das entidades locais, incluídas aquelas que se realicen sobre bens inmobles que poñan á disposición da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e se refiran a:

a) Obras destinadas á construcción ou reparación de instalacións para poñelas á disposición dos titulares de iniciativas de emprego, durante 5 anos e mediante o pagamento reducido de alugueres.

b) Obras destinadas á construcción ou reparación de instalacións para poñelas á disposición dos promotores de iniciativas de emprego, para a posta en marcha das anteditas iniciativas.

c) Obras ou servicios de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espacios públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten á xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

d) Servicios de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

e) Servicios personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas con discapacidade ou maiores, axuda a familias e mozos en dificultade e/ou con desarraigamento social.

f) Obras ou servicios dirixidos a paliar ou repara-los danos ou efectos producidos con ocasión de temporais, inclemencias meteorolóxicas ou calquera outro fenómeno da natureza.

g) Aqueloutras obras ou servicios de recoñecido interese xeral ou social que poidan demanda-las entidades locais e que redunden en beneficio dos cidadáns.

2. Ademais, as obras ou servicios deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polas empresas ás que se adxudique a súa execución.

b) Que na súa execución ou prestación se favoreza a formación e práctica profesionais dos desempregados.

c) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servicios, mediante certificación do órgano competente da entidade local.

3. De entre as obras e servicios que cumpran os anteditos requisitos farase unha selección co obxecto de outorgárlle-las correspondentes subvencións, dándolles preferencia:

a) Ós proxectos que teñan un ámbito de actuación superior ó municipal e impliquen, no seu deseño e execución, outras entidades locais do contorno.

b) Ós proxectos que fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e a creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral.

c) Ós proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

d) Ós proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación directa dos traballadores á entidade local á finalización do proxecto ou no prazo que se acorde entre a entidade beneficiaria e o órgano competente para resolver, ou calquera outra fórmula de previsión para a inserción laboral que, sendo obxectivable, este considere suficiente.

e) Ós proxectos que conten, se é o caso, co financiamento das entidades solicitantes para realizar accións complementarias que melloren a eficacia deste programa. Para estes efectos terase en conta o esforzo investidor para cada suposto.

Artigo 15º.-Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.

1. Os traballadores que sexan contratados para a realización das obras e servicios e polos que se outorgue a subvención deberán ser desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia e beneficiarios do programa Labora: Xuventude con Experiencia, nos termos previstos no artigo 4.2º do Decreto 148/2002, do 18 de abril.

2. A selección dos traballadores desempregados realizarana as entidades subvencionadas contra a base de datos de incorporados ó programa, logo da presentación por parte daquelas, da correspondente

oferta de emprego específica nas oficinas de emprego, segundo os modelos establecidos por resolución dos órganos competentes do Servicio Público de Emprego.

3. As entidades locais, no momento da formulación das ofertas e da realización das correspondentes seleccións, deberán ter en conta a debida adecuación entre a titulación e as funcións que terán que desenvolve-los candidatos seleccionados.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para garanti-lo establecido no parágrafo precedente, poderá realiza-las actuacións de comprobación e control que considere necesarias.

Artigo 16º.-Contratación dos traballadores.

1. Seleccionados os traballadores na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación, necesariamente dentro do ano 2003, por un período de doce meses utilizando a modalidade de contrato temporal de inserción. Os traballadores que sexan parte nestes contratos non poderán repeti-la súa participación ata transcorridos 3 anos desde o remate do anterior contrato desta natureza, sempre e cando o traballador fose contratado baixo esta modalidade por un período superior a 9 meses nos últimos 3 anos, de acordo co disposto no artigo 15º.1 d) do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, na súa redacción dada pola Lei 12/2001, do 9 de xullo.

2. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores seleccionados comunicaránselle á oficina de emprego correspondente coa indicación de Programas de Cooperación Xunta de Galicia-Entidades locais, debendo incluírse, en cada contrato, o código reflectido na resolución de concesión das axudas.

3. A entidade beneficiaria remitiralle á delegación provincial, no prazo e xunto coa documentación prevista no artigo 9º desta orde, unha certificación do secretario da entidade local na que consten os seguintes extremos:

a) A realización da selección de conformidade co procedemento establecido para o efecto.

b) A relación nominal de traballadores desempregados facilitada pola oficina de emprego.

c) A relación nominal dos traballadores seleccionados e contratados.

Artigo 17º.-Inicio das obras ou servicios.

As obras ou servicios iniciaranse no prazo de trinta días naturais, contados a partir da data de inicio prevista na resolución e, en todo caso, dentro do ano 2003. Non obstante, cando concorran causas debidamente xustificadas, o delegado provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá autoriza-lo inicio da obra ou servicio con posterioridade ó devandito prazo, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria.

Artigo 18º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate da obra ou servicio, a entidade local remitiralle á respectiva delegación provincial un informe certificado de fin de obra ou servicio, no modelo normalizado que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

2. Para efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as obras ou servicios deberá figurar, de forma visible, cartel informativo, en modelo normalizado, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia e, se é o caso, polo Fondo Social Europeo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario na aplicación 14.04.241A.460.0 e 460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2003.

Segunda.-Os expedientes de axuda presentados ó abeiro da orde desta consellería do 26 de xuño de 2002, respecto dos que non recaeu resolución expresa de concesión de axuda, poderanse ter en conta na convocatoria do presente ano, sempre que a entidade local interesada así o solicite expresamente, conforme o modelo que figura como anexo V a esta orde.

Terceira.-Poderán financiarse con cargo ós créditos previstos nesta orde as resolucións complementarias relativas a incentivos á mobilidade xeográfica correspondentes a expedientes do ano 2002 que non puidesen tramitarse antes do 31 de decembro de 2002.

Cuarta.-Os beneficiarios do programa Labora, que foran seleccionados e contratados con cargo á orde de convocatoria do ano 2002 e sempre que o centro de traballo estivese situado nun concello distinto ó do seu domicilio, agás que estes disten menos de 25 quilómetros entre as súas cabeceiras, poderán percibi-lo incentivo á mobilidade xeográfica con efectos desde o 1 de xaneiro de 2003. Para isto, os interesados deberán instar ás respectivas entidades locais que formulen a correspondente solicitude á delegación provincial, quen dictará a resolución que proceda, logo da comprobación polas oficinas de emprego, do cumprimento dos requisitos necesarios para a súa percepción.

Quinta.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego y Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Sexta.- Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o respectivo delegado/a provincial.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Promoción do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais,

Emprego e Relacións Laborais