Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Martes, 18 de febreiro de 2003 Páx. 1.818

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro 2003, da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se se establecen as bases que regularán a homologación das escolas de lecer para imparti-las clases teóricas e probas prácticas para a obtención dos títulos de patrón de moto náutica nas categorías A e B.

De conformidade co establecido no Real decreto 259/2002, do 8 de marzo, que actualiza as medidas

de seguridade na utilización das motos náuticas, fixa os contidos mínimos do exame teórico e das probas prácticas e autoriza ás comunidades autónomas que teñan transferidas as funcións e servicios en materia de ensinanzas náutico-deportivas a realización dos exames; na Orde do 17 de xuño de 1997 do Ministerio de Fomento, pola que se regulan as condicións para a obtención de titulacións para o goberno de embarcacións de lecer, na Orde do 30 de xullo de 1998 pola que se regulamenta a realización dos exames e prácticas de seguridade e navegación para a obtención dos títulos para o goberno de embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia e na Orde do 31 de xullo de 1998, que establece a normativa xeral para o recoñecemento das escolas de navegación de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

Sendo necesario establece-las bases que regulen a homologación destas escolas de lecer para a impartición das clases teóricas e a realización das probas prácticas para a obtención dos títulos de patrón de moto náutica A e patrón de moto náutica B, esta dirección xeral, no uso das facultades que establece a disposición derradeira segunda da Orde do 31 de xullo de 1998.

RESOLVE:

Primeiro.-As escolas de navegación de lecer (ENAL) que están recoñecidas para imparti-la formación e as prácticas para tódalas titulacións para o goberno de embarcacións de lecer e as escolas básicas de navegación de lecer (ENAL básica) que están recoñecidas para imparti-la formación e as prácticas para as titulacións de patrón para a navegación básica e de patrón de embarcacións de lecer, deberán solicita-la súa homologación mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro. A dirección xeral, unha vez comprobado que cumpre coas condicións establecidas no punto terceiro desta resolución, outorgará de oficio a homologación solicitada.

Segundo.-A convocatoria dos exames teóricos para a obtención dos títulos de patrón de moto náutica A e B será mediante resolución da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro e, a realización das probas, faráse nos centros oficiais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Os contidos teóricos desta proba son os establecidos no anexo I e II do Real decreto 259/2002, do 8 de marzo, e corrixidos no BOE (nº 86) do 10 de abril de 2002.

Terceiro.-As probas prácticas, que se rexerán polos contidos do anexo III do Real decreto 259/2002, do 8 de marzo, serán realizadas e certificadas polas escolas homologadas unha vez que o alumno supera a parte teórica. En relación co certificado de ter realizado o curso práctico ó que se refire o artigo 5.4º.b. del Real decreto 259/2002, seguirase o disposto na Orde do 30 de xullo de 1998 e na Orde do 31 de xullo de 1998 (polas que se regulan os exames e o recoñecemento de escolas de lecer).

As escolas de lecer homologadas serán as responsables de obte-los permisos e as autorizacións necesarias para o desenvolvemento das probas prácticas, así como de garanti-la seguridade, debendo posuí-la infraestructura suficiente para poder realiza-las de acordo cos contidos do anexo III do Real decreto 259/2002, do 8 de marzo, e deberán contar como mínimo co seguinte:

-Autorización dun circuíto balizado para realiza-las prácticas.

-Moto náutica para realiza-las probas.

-Moto ou embarcación de apoio para as probas, así como o material de seguridade e salvamento necesario.

Cuarto.-O modelo de instancia para a admisión ó exame será o mesmo que o publicado no anexo I da Orde do 30 de xullo de 1998. Os tribunais que xulgarán os exames teóricos axustaranse na súa composición e funcionamento ós establecidos para os títulos de patrón de navegación básica e patrón de embarcacións de lecer, regulados no artigo 9º da Orde do 30 de xullo de 1998, pola que se regulamenta a realización dos exames e prácticas de seguridade e navegación para a obtención dos títulos para o goberno de embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos