Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Martes, 18 de febreiro de 2003 Páx. 1.840

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 4 de febreiro de 2003 pola que se convoca un concurso para o fomento da recollida de pilas usadas en Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións en materia de medio ambiente e conservación da natureza establecidas nos artigos 27.10º, 11, 15, 29.4º e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981). Ademais, de conformidade co disposto no artigo 7, punto 2.2.2 do Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, ten competencias para o fomento das accións de reducción, reciclaxe e recuperación de residuos e dos programas de colaboración cos concellos e outras organizacións para a aplicación das accións indicadas. Estas funcións estanse a desenvolver con base en diversos plans, entre os que destaca o Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia.

A finalidade destes premios é dobre: por unha banda, téntase conciencia-las futuras xeracións da importancia que ten unha axeitada xestión dos seus residuos, así como da necesidade de que non tiren as pilas usadas nas bolsas de lixo e de afacelos a que as boten nos contedores específicos para tal

efecto; por outra banda, preténdese acadar un máximo de recollida de pilas.

Para tal efecto, en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria.

Convócase un concurso dirixido a tódolos centros docentes de ensinanzas non universitarias da Comunidade Autónoma, consistente na III edición da Liga de recollida de pilas, segundo se establece no artigo 2º.

Artigo 2º.-Bases da III edición da liga de pilas.

1. O obxecto desta liga de recollida de pilas é fomenta-la axeitada xestión de pilas usadas entre os alumnos de tódolos colexios de Galicia, premiando aqueles que acrediten ter alcanzado a máis alta taxa de pilas recollidas por alumno.

2. Dada a diferencia de alumnado nos distintos centros, estes agruparanse en tres categorías segundo o número de alumnos.

A) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2002-2003 inferior a 50.

B) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2002-2003 entre 50-300.

C) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2002-2003 superior a 300.

3. A liga comezará o día seguinte ó da súa publicación no DOG e rematará o 30 de setembro de 2003. Para a súa participación neste concurso, os colexios enviarán debidamente cuberto o formulario do anexo I, co obxecto de acredita-lo número total de alumnos matriculados no centro; este formulario será remitido por fax ou correo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela. Fax: 981 54 11 00) antes do 30 de abril de 2003.

4. O concello será o encargado da recollida das pilas, logo de chamada do colexio, unha vez que o contedor específico para pilas usadas estea cheo. O colexio, por cada entrega de pilas usadas, cubrirá o formulario do anexo II. O concello acreditará directamente ou a través da empresa designada por este, o peso en pilas dado polo colexio, selando ou asinando a folla normalizada do devandito anexo II.

5. Co fin de facer un seguimento dos resultados da liga, os colexios enviarán por fax á Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental os formularios do anexo II que teñan cubertos, unha vez lle sexan retiradas as súas pilas.

Estes envíos deberán facerse en dúas tandas: antes do 30 de xuño de 2003, e unha última entrega antes do remate da convocatoria. Os formularios que non

dispoñan da sinatura ou selo do concello ou da empresa designada polo concello para a recollida de pilas, non serán estimados.

O seguimento dos resultados da liga poderá facerse a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente.

6. Premios.

Para a concesión dos premios calcularase a taxa de quilos recollidos por alumno matriculado, nas distintas categorías, segundo a seguinte fórmula:

Total quilos recollidos por colexio/ Total alumnos matriculados no colexio.

Os premios adxudicaránselles ós colexios que acrediten unha maior taxa de recollida de pilas usadas segundo a fórmula para toda a Comunidade Autónoma, e por categorías.

A contía dos premios é a que segue:

A) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2002-2003 inferior a 50.

Primeiro premio: 3.000 euros.

Segundo premio: 2.500 euros.

Terceiro premio: 2.000 euros.

B) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2002-2003 entre 50-300.

Primeiro premio: 3.000 euros.

Segundo premio: 2.500 euros.

Terceiro premio: 2.000 euros.

Cuarto premio: 1.500 euros.

Quinto premio: 1.000 euros.

Sexto premio: 500 euros.

C) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2002-2003 superior a 300.

Primeiro premio: 3.000 euros.

Segundo premio: 2.500 euros.

Terceiro premio: 2.000 euros.

Cuarto premio: 1.500 euros.

Quinto premio: 1.000 euros.

Sexto premio: 500 euros.

En caso de empate nalgún dos premios, a súa contía repartirase entre os gañadores.

Os colexios que obteñan premio recibirán a notificación antes do 30 de novembro do ano 2003. As listas definitivas de premiados pódense consultar na páxina web da Xunta de Galicia.

O orzamento da orde será aboado con cargo á dotación orzamentaria 2003-15-04342 A640.1.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2003.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente