Dentro das actividades programadas para o ano 2003 en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e a Deputación Provincial da Coruña, anúnciase a celebración dun curso de actualización na Lei sobre axuizamento rápido para algúns delictos e faltas, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
* Obxectivos.
O curso ten por obxectivo a preparación e actualización dos membros dos corpos de policía local da provincia da Coruña, en relación coa reforma parcial da LEC provocada pola Lei 38/2002 e tamén pola Lei orgánica 8/2002, ámbalas dúas do 24 de outubro, sobre o procedemento para o axuizamento rápido e inmediato de determinados delictos e faltas e de modificación do procedemento abreviado.
* Publicación.
Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP da Coruña.
* Destinatarios.
O curso vai dirixido ós membros dos corpos de policía local da provincia da Coruña.
*Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
* Prazas.
30 prazas.
* Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.
2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 14 de abril de 2003, ás 14 horas.
3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial da Coruña (Servicio de Asistencia a Municipios; fax 981 18 33 33), avenida Alférez Provi
sional s/n, 15006 A Coruña; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
* Datas.
O curso realizarase en datas do 21 ó 25 de abril de 2003.
O horario será de 16.30 a 20.30 horas.
* Contido.
O curso desenvolverase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse os seguintes módulos:
-Os procedementos de axuizamento criminal.
-A instrucción criminal.
-Funcións procesuais da policía xudicial.
-O procedemento para o axuizamento rápido e inmediato de determinados delictos e faltas.
-Organización da policía xudicial.
* Relación de admitidos.
A relación de admitidos farase publica o día 15 de abril a partir das 14 horas, tanto pola Deputación Provincial da Coruña como pola Academia Galega de Seguridade. Os interesados poden coñecer e confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos 986 59 00 21 (AGS) ou 981 18 33 13 (Servicio de Asistencia a Municipios da Deputación Provincial da Coruña).
* Lugar.
O curso desenvolverase no Concello de Boiro, na aula 1 do centro sociocultural sito na rúa Principal, s/n, desa localidade.
* Certificado de asistencia.
Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.
* Modificacións.
Tanto a Academia Galega de Seguridade como a Deputación Provincial da Coruña, se é o caso, poderán modifica-lo desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 20 de marzo de 2003.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade

