Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 16 de abril de 2003 Páx. 4.858

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de marzo de 2003 pola que se dispón a publicación do acordo de aprobación das normas de organización e funcionamento da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia.

Adoptado o acordo de aprobación das normas de organización e funcionamento da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, o día 10 de marzo de 2003, procede a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta orde.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO

Normas de organización e funcionamento da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia.

Co fin de intensifica-la cooperación entre o Estado e as comunidades autónomas, no marco dos principios que deben rexe-las relacións entre administracións públicas, o artigo 5.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, recolle a figura das comisións bilaterais de cooperación, sinalando que: «Os órganos de cooperación de composición bilateral e de ámbito xeral que reúnan a membros do Goberno, en representación da Administración Xeral do Estado, e a membros do Consello de Goberno, en representación da respectiva Comunidade Autónoma, denomínanse comisións bilaterais de cooperación. A súa creación efectúase mediante acordo, que determina os elementos esenciais do seu réxime».

É clara, polo tanto, a vontade do lexislador de dotar dun marco legal e, en definitiva, de potencia-las funcións destes órganos que, aínda que xa se crearan, non dispoñían dunha regulación con rango de lei.

Por outra banda, o artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, na redacción dada pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro, dotou estas comisións dunha nova función, ó permitir que no seo delas se poidan adoptar acordos de resolución de discrepancias que eviten, se é o caso, a interposición do recurso de inconstitucionalidade. Esta modificación, encamiñada a propicia-lo profundamento das relacións de cooperación entre a Administración Xeral do Estado e as respectivas comunidades, co obxecto de favorece-las canles de entendemento que eviten a interposición de recursos de inconstitucionalidade, esixe unha nova consideración das funcións que van desenvolve-las comisións bila

terais de cooperación; para este efecto, faise preciso aprobar unhas novas normas internas de funcionamento que recollan e se adecuen ó que demanda a citada Lei orgánica do Tribunal Constitucional.

Na súa virtude, a Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, acorda aproba-las seguintes normas de funcionamento:

I. Do carácter e funcións da Comisión.

1. A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das funcións atribuídas ós órganos de cooperación multilateral e á Comisión Mixta de Transferencias, concíbese como un instrumento esencial de cooperación e entendemento entre ámbalas dúas administracións.

2. Para estes efectos, a Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia desempeña as seguintes funcións:

a) Impulsar e concretar, desde o punto de vista bilateral, a realización de plans, programas e actuacións conxuntas para o desenvolvemento das políticas comúns nos distintos ámbitos sectoriais.

b) Impulsa-la celebración de convenios de colaboración naqueles ámbitos materiais nos que sexa necesaria a especificación dun plan ou programa conxunto de forma bilateral.

c) Deseñar mecanismos de colaboración mutua nas distintas áreas nas que poida confluí-la actividade de ámbalas dúas administracións.

d) Servir de canle de actuacións de carácter preventivo no intento de impedir que xurdan conflictos entre ámbalas dúas administracións.

e) Arbitrar propostas de solución a cuestións que interesen a ámbalas dúas administracións en asuntos da súa competencia.

f) Examinar calquera asunto que afecte a ámbalas dúas partes e, en particular, o que teña por obxecto evitar ou intentar resolver por vía extraprocesual conflictos de competencia.

g) Analiza-las normas con rango de lei, estatais ou autonómicas, en relación coas cales se susciten cuestións susceptibles de dar lugar á interposición dun recurso de inconstitucionalidade, co fin de chegar a un acordo que evite a súa interposición, no marco do establecido no artigo 33 de la Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, na redacción dada pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro.

3. En ningún caso os acordos adoptados como consecuencia do exercicio das funcións sinaladas poderán supoñe-la renuncia ó exercicio das competencias propias das respectivas partes.

II. Da composición da Comisión.

1. A composición da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia será variable en función dos asuntos que se van tratar.

En todo caso, serán membros permanentes da Comisión:

Por parte da Administración Xeral do Estado:

-O ministro de Administracións Públicas, que exercerá a presidencia da Comisión.

-O secretario de Estado de Organización Territorial do Estado.

-O delegado do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia.

-O director xeral de Política Autonómica do Ministerio de Administracións Públicas.

-Un funcionario ou cargo público do Ministerio de Administracións Públicas, que actuará como secretario.

Por parte da Comunidade Autónoma de Galicia:

-O conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que exercerá a vicepresidencia.

-O conselleiro de Economía e Facenda.

-O director xeral-xefe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

-O director xeral de Relacións Parlamentarias.

-O director xeral de Relacións Institucionais, que actuará como secretario.

Tanto o presidente como o vicepresidente poderán delega-la súa representación na persoa que decidan, con rango, alomenos, de director xeral ou equivalente.

Así mesmo, os membros permanentes poderanse modificar por acordo comunicado de calquera das partes.

2. Poderán asistir ás reunións da Comisión Bilateral de Cooperación aquelas autoridades e funcionarios da Administración Xeral do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan designadas por cada unha das partes, en función dos temas que se van tratar.

3. Para a válida constitución da Comisión, e para a adopción de acordos, será suficiente coa presencia do presidente, do vicepresidente, os dous secretarios e, alomenos, un membro de cada unha das dúas administracións.

III. Do funcionamento da Comisión.

1. A Comisión actuará sempre coa máxima flexibilidade operativa e funcional.

2. As reunións da Comisión poderán ter lugar na sede do Ministerio de Administracións Públicas, na consellería correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia, ou en cualquera outro lugar de mutuo acordo entre as partes e, se é o caso, coa periodicidade que consideren conveniente.

3. A convocatoria da Comisión poderá ser solicitada por calquera das partes.

A convocatoria corresponderá ó presidente e será notificada cunha antelación mínima de corenta e oito horas, excepto nos casos de urxencia libremente apreciados polo convocante, caso no que se fará cunha antelación mínima de vintecatro horas.

4. A orde do día das sesións da Comisión será elaborada de común acordo por ámbalas dúas partes.

5. A Comisión adoptará a súas decisións de común acordo entre ámbalas dúas partes.

Os ditos acordos poderán publicarse no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, sendo obrigatoria, en calquera caso, a súa publicación no suposto previsto no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, na redacción dada pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro.

6. De cada unha das sesións da Comisión levantarase acta, que recollerá sucintamente a relación dos asuntos tratados, as posturas mantidas polas partes sobre eles e os acordos, se é o caso, adoptados.

Calquera membro da Comisión poderá solicitar que se faga constar na acta a posición mantida en relación con algunha das cuestións examinadas. Así mesmo, poderá achegar escritos ou documentos solicitando expresamente que se xunten á acta.

As actas estenderanse por duplicado en interese da representación da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

7. A secretaría da Comisión é conxunta e será exercida por un funcionario ou cargo público da Administración Xeral do Estado e outro da Comunidade Autónoma de Galicia, designados por cada unha das dúas administracións respectivamente, dando conta diso ó Pleno da Comisión.

Corresponden a esta secretaría conxunta as seguintes funcións:

-Prepara-las reunións da Comisión.

-Levanta-las actas das sesións.

-Expedi-las certificacións dos acordos adoptados pola Comisión.

-Proceder á elaboración e distribución da documentación que sexa necesaria ou de interese para a realización dos traballos.

O secretario designado pola Administración Xeral do Estado custodiará a documentación, entregaralle duplicado dela á Comunidade Autónoma, e atenderá ó funcionamento interno da Comisión.

IV. Do funcionamento da Comisión no suposto previsto no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, na redacción dada pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro.

1. Cando unha das partes considere que existen fundados motivos para interpor un recurso de inconstitucionalidade contra leis, disposicións ou actos con forza de lei, poderá insta-la convocatoria da reunión da Comisión Bilateral para a adopción do correspondente acordo de iniciación das negociacións, antes de que se cumpran os tres meses desde a publicación da norma, para efectos de que a Comisión considere a aplicación do previsto no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de xaneiro, do Tribunal Constitucional, na redacción dada pola Lei orgánica 1/2000, do 7 de xaneiro.

2. Como resultado do anterior, no seo da Comisión Bilateral de Cooperación poderase adopta-lo acordo

de iniciar negociacións para resolve-las discrepancias, podendo instarse, se é o caso, a modificación do texto normativo.

O dito acordo, certificado polos secretarios, porao en coñecemento do presidente do Tribunal Constitucional o ministro de Administracións Públicas ou o vicepresidente da Comisión Bilateral, dentro do prazo dos tres meses seguintes ó da publicación da lei sometida a coñecemento da Comisión, para os efectos de ampliación do prazo de interposición do recurso de inconstitucionalidade, nos termos previstos na Lei orgánica do Tribunal Constitucional.

3. Como órgano permanente dependente da Comisión Bilateral, existirá un grupo de traballo ó que aquela poderá encomendar, no caso que o considere necesario, a análise e o estudio das discrepancias existentes en relación co contido das normas a que se refire este epígrafe IV, e todo isto co fin de evita-lo recurso de inconstitucionalidade previsto no referido artigo 33 da Lei orgánica 2/1979. Cando os resultados das análises efectuadas no seo deste grupo de traballo constaten a falta de acordo sobre a posibilidade de resolve-las discrepancias sobre a norma en cuestión, non será necesaria a reunión da Comisión Bilateral para dar por rematado este procedemento, senón que bastará para iso o levantamento da acta da reunión do grupo de traballo constatando a imposibilidade de convir unha proposta conxunta que permita un acordo satisfactorio para ámbalas dúas partes.

A presidencia deste grupo de traballo corresponderalle ó director xeral de Política Autonómica, sendo vicepresidente o director xeral de Relacións Institucionais da Xunta de Galicia.

Actuarán como secretarios os que fosen designados por cada Administración para estes efectos, podendo asistir, así mesmo, os membros que designen ámbalas dúas representacións.

V. Outros órganos dependentes da Comisión.

1. A Comisión poderá acorda-la creación dos órganos dependentes dela, coa denominación, composición, organización, funcións e duración que en cada caso o acordo de creación especifique.

2. A presidencia destes órganos poderá ser exercida indistintamente por un representante da Administración Xeral del Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia con rango, alomenos, de director xeral.

Disposición derradeira

Este acordo será publicado no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

E en proba de conformidade con canto queda exposto, asinan estas normas de funcionamento en Madrid o 10 de marzo de 2003, en duplicado exemplar, o secretario de Estado de Organización Territorial do Estado e o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública da Xunta de Galicia.