Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 16 de maio de 2003 Páx. 6.299

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 255/2003, do 8 de maio, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

O Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, e o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, estableceron, respectivamente, a estructura orgánica da Xunta de Galicia e a dos departamentos que a compoñen.

A última das disposicións citadas fixou, no seu artigo 1, a estructura dos órganos superiores da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, polo que, para os efectos de establece-lo marco xurídico-administrativo no que debe levar a cabo os seus cometidos, cómpre desenvolve-la súa estructura ata o nivel de xefatura de servicio co fin de acomodala ós cambios introducidos polo Decreto 310/2001, do 17 de decembro, precursor do Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, que estableceu a creación dun novo centro directivo, a Dirección Xeral de Relacións Institucionais, e que fixo necesario, no seu momento, a determinación do marco rector da súa actuación, cometido normativo que se materializou coa publicación do Decreto 73/2002, do 14 de marzo.

A estructura orgánica que se aproba por este decreto atende ós principios de economía do gasto, desconcentración e coordinación, fixando as unidades administrativas que configuran os órganos superiores e os servicios periféricos, determinando a forma da súa integración e dependencia xerárquica e delimitando as súas funcións e competencias, requisitos determinantes da existencia e funcionamento dos órganos da Administración.

En consecuencia, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no exercicio da facultade que me outorga o artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, tralo informe da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de maio de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, sen prexuízo das competencias que legal e regulamentariamente ten atribuídas, configúrase como un órgano de apoio e asistencia á Presidencia da Xunta de Galicia.

2. De conformidade co establecido no artigo 1 A) do Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a Consellería da Presidencia,

Relacións Institucionais e Administración Pública estructúrase nos seguintes órganos:

A) Superiores.

I. O conselleiro.

II. A Secretaría Xeral.

III. A Dirección Xeral da Función Pública.

IV. A Inspección Xeral de Servicios.

V. A Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos.

VI. A Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias.

VII. A Dirección Xeral de Relacións Institucionais.

B) De conformidade co disposto no artigo único do Decreto 22/2003, do 20 de xaneiro, polo que se determinan os centros directivos dependentes da Presidencia de Xunta de Galicia, dependerán funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública os seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral da Presidencia, á que están adscritos os seguintes órganos:

1.1. Departamento de Protocolo e Relacións Públicas, con nivel orgánico de dirección xeral.

1.2. Gabinete de Apoio, o titular do cal terá rango de director xeral.

2. Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

3. Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior.

4. Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

C) Periféricos.

-Delegacións provinciais.

3. Queda adscrito a esta consellería o organismo autónomo Escola Galega da Administración Pública, que se axustará, nos seus fins, estructura e funcionamento, ó disposto na Lei 4/1987, do 27 de maio, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo.

4. Adscríbense á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, os seguintes órganos colexiados:

4.1. A Comisión de Persoal da Xunta de Galicia, creada pola Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública galega, e regulada pola Decreto 156/1988, do 9 de xuño.

4.2. A Xunta de Compras da Xunta de Galicia.

4.3. A Xunta Coordinadora de Edificios Administrativos.

4.4. A Comisión Central de Racionalización Administrativa, creada polo Decreto 186/1990, do 1 de marzo.

4.5. A Comisión de Informática da Xunta de Galicia, creada polo Decreto 67/1987, do 26 de marzo, e adscrita á Consellería da Presidencia polo Decreto 290/1992, do 8 de outubro.

4.6. A Comisión de Toponimia, regulada polo Decreto 43/1984, do 23 de marzo, modificado polo Decreto 174/1998, do 5 de xuño.

4.7. A Comisión Central de Revisión da Normativa Legal, así como a Comisión de Revisión da Normativa Legal da consellería, creadas polo Decreto 186/1990, do 1 de marzo.

4.8. A Comisión Central da Coordinación de Parques Móbiles, creada polo Decreto 327/1994, do 3 de novembro.

4.9. A Comisión das Webs da Xunta de Galicia, creada polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ó cidadán.

A) Superiores.

I. O conselleiro.

Artigo 2º

1. Ó conselleiro, como superior autoridade da consellería, correspóndelle o exercicio das atribucións expresadas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo.

2. O conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública actuará como secretario do Consello da Xunta de Galicia e das comisións delegadas do Goberno galego.

II. A Secretaría Xeral.

Artigo 3º

Correspóndelle ó secretario xeral o exercicio das seguintes funcións:

1. Exerce-las funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, polo que se regulan as funcións das secretarías xerais técnicas nas consellerías da Xunta de Galicia.

2. A edición e distribución do Diario Oficial de Galicia.

3. A edición das publicacións propias da consellería.

4. O secretariado do Goberno da Xunta de Galicia e das súas comisións delegadas a excepción da asistencia ás súas sesións, exercendo as competencias sinaladas no Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia.

5. A Vicepresidencia da Comisión de Secretarios Xerais, correspondéndolle levantar acta das reunións para a súa elevación ó Consello da Xunta de Galicia.

6. O Rexistro Único das Fundacións da Interese Galego.

7. A tutela e o protectorado das fundacións de interese galego clasificadas como mixtas.

8. O rexistro xeral da Xunta de Galicia, así como os rexistros únicos dos edificios administrativos da Administración autonómica.

9. Os servicios de automobilismo da Xunta de Galicia.

10. Velar polo cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais na Administración autonómica.

Artigo 4º

1. Para o desempeño das súas funcións, a Secretaría Xeral contará coas seguintes unidades administrativas:

1.1. Vicesecretaría Xeral.

1.2. Subdirección Xeral de Servicios.

1.3. Subdirección Xeral de Contratación.

2. Dependerán directamente do secretario xeral as seguintes unidades:

2.1. A Oficina Técnica, con nivel orgánico de servicio.

2.2. O Parque Móbil da Xunta de Galicia.

3. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica da consellería e maila Intervención Delegada. Estas unidades administrativas dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

Artigo 5º

1. A Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, ten encomendada a realización das seguintes funcións:

a) Prestarlle asistencia ó secretario xeral en tódolos asuntos que este lle encomende propoñéndolle as actuacións que estime necesarias para a coordinación, o réxime interno e o funcionamento dos servicios da consellería.

b) Prepara-los expedientes relativos ás funcións ordinarias de despacho e sinatura dos asuntos de mero trámite.

c) Proporcionarlle asistencia ó secretario xeral, emitindo os informes que este lle encomende sobre disposicións de carácter xeral que deban someterse ó estudio da Comisión de Secretarios Xerais.

d) A coordinación das actividades do Diario Oficial de Galicia, do Servicio Técnico-Xurídico, do Servicio de Secretariado do Goberno e do Servicio de Traducción.

e) A dirección, seguimento e control do rexistro xeral da Xunta de Galicia, así como a súa coor

dinación cos demais rexistros oficiais da Administración autonómica.

f) A remisión ó Diario Oficial de Galicia das disposicións, resolucións e anuncios da consellería para a súa publicación.

g) Aqueloutras actividades de contido administrativo que lle atribúa o secretario xeral.

2. Para o exercicio das súas funcións, e con nivel orgánico de servicio, a Vicesecretaría Xeral contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. Diario Oficial de Galicia.

2.2. Servicio Técnico Xurídico.

2.3. Servicio de Persoal.

2.4. Servicio do Secretariado do Goberno.

2.5. Servicio de Traducción.

2.6. Servicio de Fundacións.

2.1. Diario Oficial de Galicia.

Configúrase como a unidade administrativa que terá ó seu cargo a xestión da edición, publicación, venda e distribución do periódico oficial de Galicia. Así mesmo, correspóndelle o desenvolvemento das directrices da Comisión de Publicacións en relación coas publicacións que leve a cabo a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, realizando, se é o caso, a súa edición.

2.2. Servicio Técnico Xurídico.

Correspóndelle a este servicio a realización dos seguintes cometidos:

a) Emitir informe en cantos asuntos lle encomende o secretario xeral.

b) Estudia-los proxectos de disposicións que vaia promulga-la consellería, adecuándoos ás prescricións do ordenamento xurídico, cando así se lle encomende, así como elabora-las propostas de informe de legalidade, acerto e oportunidade das disposicións de carácter xeral que deban ser sometidas a informe do secretario xeral.

c) Elabora-las propostas de resolución dos recursos administrativos que deba resolve-lo conselleiro, cando non sexan competencia doutros órganos da consellería.

d) Realiza-los estudios previos para levar a cabo as recompilacións doutrinais ou xurisprudenciais.

e) O estudio das disposicións de carácter xeral que deban someterse á Comisión de Secretarios Xerais e que lle sexan encargadas polo secretario xeral ou vicesecretario xeral.

f) O rexistro, arquivo e custodia das disposicións legais emanadas da consellería ou dos seus centros directivos.

2.3. Servicio de Persoal.

Son funcións deste servicio, respecto de todo o persoal adscrito organicamente á Consellería da Pre

sidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública:

a) A tramitación dos expedientes administrativos relativos ó persoal funcionario, laboral e eventual.

b) Programa-las necesidades de persoal.

c) O control da asistencia e puntualidade.

d) A tramitación das licencias, permisos e situacións administrativas do persoal relativas a xubilacións, traslados e as que regulamentariamente poidan suscitarse.

e) A selección e tramitación das propostas para a cobertura de prazas de funcionarios, interinos e substitucións de persoal laboral dos servicios centrais da Xunta de Galicia, e o control das interinidades e substitucións de persoal funcionario e laboral dos servicios periféricos da Xunta de Galicia.

f) Aqueloutras actividades relativas ó persoal da consellería que lle encomende o secretario xeral.

2.4. Servicio do Secretariado do Goberno.

Correspóndelle ó Servicio do Secretariado do Goberno a realización das seguintes funcións:

a) A preparación das ordes do día do Consello da Xunta de Galicia e da Comisión de Secretarios Xerais, de acordo coas indicacións recibidas do secretario xeral da consellería.

b) A confección e realización das convocatorias do Consello da Xunta de Galicia, das súas comisións delegadas e da Comisión de Secretarios Xerais, seguindo as instruccións do secretario xeral da consellería.

c) A revisión e preparación de toda a documentación relativa a asuntos que se sometan ó estudio da Comisión de Secretarios Xerais, do Consello da Xunta de Galicia e das súas comisións delegadas.

d) A redacción das actas, acordos e certificacións destes, correspondentes ás reunións do Consello da Xunta de Galicia, das súas comisións delegadas e da Comisión de Secretarios Xerais, de conformidade coas instruccións recibidas do secretario xeral da consellería.

e) O rexistro e a custodia das actas, acordos e certificacións do Consello da Xunta de Galicia, das súas comisións delegadas e da Comisión de Secretarios Xerais.

f) A garda e arquivo de toda a documentación sometida a estudio do Consello da Xunta de Galicia, das súas comisións delegadas e da Comisión de Secretarios Xerais.

g) A remisión ás consellerías competentes por razón da materia das certificacións de acordos do Consello da Xunta de Galicia ou das súas comisións delegadas.

h) A remisión ó Diario Oficial de Galicia, para a súa publicación, dos decretos aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e da normativa aprobada,

se é o caso, polas comisións delegadas do Goberno galego.

i) O traslado á Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias das certificacións dos acordos de aprobación de proxectos de lei e dos seus textos para a súa remisión ó Parlamento de Galicia.

j) A remisión ó Boletín Oficial del Estado das leis aprobadas polo Parlamento de Galicia para a súa publicación.

k) A comprobación e proposta de corrección de erros, se é o caso, dos textos dos decretos publicados no Diario Oficial de Galicia e das leis publicadas no Boletín Oficial del Estado.

2.5. Servicio de Traducción.

O Servicio de Traducción é a unidade administrativa que terá ó seu cargo os traballos de traducción, do castelán para o galego e do galego para o castelán, e de revisión lingüística das disposicións e textos que se publiquen no Diario Oficial de Galicia, de traducción das disposicións que se publiquen na versión en lingua galega do Boletín Oficial del Estado, en virtude do convenio subscrito entre a Administración xeral do Estado e a Xunta de Galicia; e de traducción e revisión lingüística doutras publicacións e documentos que lle encarguen as distintas consellerías, coordinando a normativización de toda a documentación interna e externa dos distintos departamentos e centralizando a aplicación de criterios correctores nas publicacións das diferentes consellerías. Para tal efecto realizará traballos de investigación lingüística dirixidos a incorporar á lingua galega novos rexistros para a creación e fixación dun estilo administrativo e dunha terminoloxía específica que comprenda os

campos máis diversos, en coordinación coa Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O Servicio de Traducción asume tamén as funcións de asesoramento en materia de toponimia, coordinando o funcionamento da Comisión de Toponimia e exercendo a secretaría desta.

2.6. Servicio de Fundacións.

O Servicio de Fundacións realizará as seguintes funcións:

a) A recepción e rexistro de tódolos escritos e solicitudes que se presenten en relación coa inscrición inicial das fundacións a que se refiren a Lei de réxime das fundacións de interese galego e o seu regulamento.

b) A preparación da documentación para o seu traslado á Comisión de Secretarios Xerais así como dos escritos e solicitudes que se presenten en relación coa inscrición inicial.

c) A elaboración dos proxectos de ordes e acordos relativos á clasificación de tódalas fundacións.

d) A xestión e custodia do Rexistro Único de Fundacións de Interese Galego.

e) As funcións relativas ó exercicio do protectorado en relación con aquelas fundacións que se atopen baixo tutela da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

f) A elaboración das propostas de declaración de interese galego respecto das fundacións sobre as que a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública exerza a súa tutela, así como tódalas funcións que se derivan do exercicio dese protectorado.

Artigo 6º

1. A Subdirección Xeral de Servicios exercerá as seguintes funcións:

a) A elaboración do anteproxecto do orzamento da consellería e dos centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

b) A xestión orzamentaria non encomendada a outros centros directivos.

c) O asesoramento en materia orzamentaria ós órganos directivos da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

d) A elaboración das instruccións necesarias para que os centros directivos mencionados efectúen unha correcta execución do orzamento.

e) A xestión interna e coordinación da prestación dos servicios de transporte de funcionarios e de cafetería.

f) As funcións derivadas da aplicación da Lei 31/1995, do 8 de decembro, de prevención de riscos laborais.

g) A coordinación da asistencia médica facultativa ó persoal dos servicios centrais da Xunta de Galicia.

6.2. Para o cumprimento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Servicios contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. Servicio de Xestión Económica e Servicios Xerais.

2.2. Servicio de Seguimento e Análise Orzamentaria.

2.3. Servicio de Prevención de Riscos Laborais.

2.1. O Servicio de Xestión Económica e Servicios Xerais realizará, entre outras, as seguintes funcións:

a) A execución da xestión orzamentaria efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gastos e as propostas de pagamento.

b) A habilitación xeral da consellería.

c) A xestión de subministración, a tódolos centros directivos da consellería, de material de oficina, imprenta e consumibles informáticos.

d) A realización de cantos asuntos lle sexan encomendados na materia de funcionamento dos servicios.

2.2. O Servicio de Seguimento e Análise Orzamentaria realizará, entre outras, as seguintes funcións:

a) A análise da execución orzamentaria, avaliando os obxectivos e indicadores.

b) A elaboración do anteproxecto de orzamentos da consellería.

c) A elaboración e tramitación das modificacións orzamentarias.

2.3. O Servicio de Prevención de Riscos Laborais realizará, entre outras, as seguintes funcións:

a) As funcións que establece o artigo 31.3º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, en relación co persoal da Administración da Xunta de Galicia, e de xeito específico:

-O deseño e proposta para a súa aprobación, dos plans e programas de actuación preventiva en materia de prevención de riscos laborais.

-A aplicación e coordinación dos devanditos plans.

-A avaliación dos factores de risco que poidan afecta-la seguridade e saúde do persoal ó servicio da Administración da Xunta de Galicia.

-A información e formación do persoal en materia de prevención dos riscos laborais.

-A vixilancia da saúde en relación cos riscos derivados do traballo.

-O asesoramento e apoio na prestación dos primeiros auxilios.

-A elaboración e proposta para a súa aprobación polo órgano correspondente, así como a aplicación e control dos plans de emerxencia e evacuación.

-Cantas outras funcións atribuídas ó Servicio de Prevención se deriven da Lei de prevención de riscos laborais, e dos seus regulamentos de desenvolvemento.

b) Conforme o previsto na disposición adicional terceira da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, e na disposición adicional cuarta do Real decreto 37/1997, do 17 de xaneiro, dos servicios de prevención, para o desenvolvemento das funcións sinaladas, o servicio contará cos seguintes recursos:

-Os servicios médicos de empresa da Administración da Xunta de Galicia.

-Os servicios que a Xunta de Galicia concerte para a xestión da prevención e asistencia en materia de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

-O apoio dos servicios técnicos e de mantemento e doutras unidades que poidan prestarlle asesoramento e colaboración.

Artigo 7º

A Subdirección Xeral de Contratación terá ó seu cargo a tramitación e xestión dos expedientes de contratación relativos a obras, servicios, subministracións, asistencias técnicas, convenios de coope

ración e colaboración e calquera outro que realice a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, prestando asesoramento técnico ós diferentes órganos superiores cando se lle encomende.

Artigo 8º

1. A Oficina Técnica encargarase das seguintes funcións:

A atención, coidado, conservación e mantemento das dependencias dos servicios centrais da Xunta de Galicia e dos servicios provinciais da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, así como de calquera outro edificio que teña adscrito a consellería, xestionando a realización dos traballos facultativos propios, das obras de construcción, reforma e reparación destas, a intendencia dos edificios, a administración e conservación dos equipamentos físicos necesarios para o seu correcto funcionamento e a prestación da asistencia técnica ás unidades da consellería encargadas da xestión económico-administrativa e contratación, en tódolos expedientes nos que sexa solicitada.

A coordinación técnica coas unidades de mantemento ou oficinas técnicas dos servicios periféricos da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

2. O Parque Móbil da Xunta de Galicia configúrase como unha unidade administrativa na que se integran tódolos servicios de automobilismo dependentes da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, tanto no referente ó aspecto material como no relativo ó persoal adscrito ós devanditos servicios. Ó supervisor responsable da devandita unidade, corresponderánlle, entre outras, as seguintes funcións:

a) A dirección e xestión do Parque Móbil da Xunta de Galicia, tanto de servicios centrais como dos parques provinciais.

b) A elaboración das propostas das medidas que a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais, e Administración Pública e, se é o caso, o Consello da Xunta de Galicia, adopten para a coordinación dos servicios de automobilismo da Xunta de Galicia.

c) O exercicio da coordinación efectiva dos devanditos servicios.

d) A presentación dunha memoria anual.

III. A Dirección Xeral da Función Pública.

Artigo 9º

1. A Dirección Xeral da Función Pública é o órgano ó que lle corresponde a execución da política de persoal da Administración da Xunta de Galicia nos termos previstos na Lei da función pública e demais normativa que a desenvolva, a xestión das competencias atribuídas ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública nesta materia e a resolución daquelas que este lle delegue.

2. A Dirección Xeral da Función Pública exercerá as seguintes competencias:

a) Realiza-los estudios e traballos que en materia de persoal lle sexan encomendados ou coide conveniente efectuar.

b) Elabora-los proxectos de disposicións en materia de función pública.

c) Convocar e resolve-los concursos de traslados para a provisión de postos de traballo dos distintos corpos, escalas e categorías e fixa-los criterios ós que se deberán someter tódalas convocatorias públicas de libre designación.

d) Confeccionar e leva-lo Rexistro de Persoal da Xunta de Galicia.

e) Elabora-las ofertas de emprego público.

f) Efectua-la convocatoria das probas selectivas para o ingreso nos corpos, escalas e categorías da Administración da Xunta de Galicia adscritos á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

g) Eleva-las propostas de resolución dos expedientes de incompatibilidades do persoal ó servicio da Xunta de Galicia.

h) Coordina-las relacións laborais e sindicais con respecto ó persoal ó servicio da Administración da Comunidade Autónoma.

i) Efectua-las convocatorias de listas para cobertura temporal de postos de persoal funcionario e laboral adscritos á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

3. Para o exercicio das súas funcións e competencias a Dirección Xeral da Función Pública contará coas seguintes unidades:

3.1. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais.

3.2. Subdirección Xeral de Xestión de Persoal.

Artigo 10º

1. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais o exercicio das seguintes funcións.

a) Preparar, conxuntamente coa Subdirección Xeral de Xestión do Persoal, os anteproxectos normativos en materia de función pública.

b) Realizar, no seu ámbito competencial, cantos estudios e traballos se lle encomenden.

c) Elabora-las propostas de resolución dos recursos que se presenten en materia de persoal.

d) Elabora-las propostas de resolución dos expedientes de incompatibilidades do persoal ó servicio da Xunta de Galicia.

e) Estudiar e elaborar informes en materia de persoal laboral.

f) Elabora-las propostas de autorización de procesos selectivos e de concurso de traslados para persoal laboral fixo e das contratacións laborais temporais.

g) Desenvolve-los traballos relativos á cobertura temporal de postos de persoal laboral, en aplicación da norma que regule a dita cobertura.

h) Preparar e desenvolve-los traballos relativos ás relacións laborais e sindicais do persoal ó servicio da Xunta de Galicia.

2. Para o cumprimento dos seus cometidos, a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. Servicio de Réxime Xurídico e Recursos.

2.2. Servicio de Relacións Laborais.

2.1. O Servicio de Réxime Xurídico e Recursos desenvolverá as seguintes funcións:

a) Estudio e preparación de propostas de resolución de recursos en materia de persoal.

b) Estudio e preparación de anteproxectos normativos sobre incompatibilidades do persoal ó servicio da Administración autonómica de Galicia.

c) Estudio e preparación de propostas de resolución en materia de incompatibilidades.

d) Colaborar na preparación de proxectos normativos referentes á función pública.

e) Asesoramento e informes en materia de función pública e incompatibilidades.

f) Tramitación de expedientes previos á vía xurisdiccional, dentro da competencia da Dirección Xeral da Función Pública.

2.2. O Servicio de Relacións Laborais realizará as seguintes funcións:

a) Xestión do control e rexistro das contratacións laborais temporais e a cobertura temporal de postos.

b) Preparación de informes en materia de persoal laboral.

c) A secretaría e mailo seguimento das negociacións colectivas en materia de persoal.

d) A secretaría das relacións laborais e sindicais respecto do persoal ó servicio da Xunta de Galicia.

e) Estudio e preparación de proxectos normativos en materia de persoal laboral.

f) Colaboración na preparación de proxectos normativos en materia de función pública.

Artigo 11º

1. A Subdirección Xeral de Xestión de Persoal terá encomendada a realización das seguintes funcións:

a) A xestión e proposta de programación de efectivos dos corpos, escalas e categorías ó servicio da Administración autonómica de Galicia.

b) Elabora-los concursos de traslados para a provisión de postos de traballo dos distintos corpos e escalas; prepara-las ofertas de emprego público e o seu desenvolvemento coordinado cos órganos superiores da función pública; elaborar e tramita-las convocatorias de procesos selectivos dos corpos e escalas correspondentes; a convocatoria e o desenvolvemento dos traballos relativos á cobertura temporal de postos por persoal funcionario en aplicación da norma que regule a dita cobertura.

c) A xestión do Rexistro de Persoal da Administración autonómica de Galicia, no que se inscribirá preceptivamente todo o persoal ó seu servicio, así como a xestión informatizada das anotacións relativas a tódolos actos que afecten a súa vida administrativa e os distintos procesos que se tramitan neste departamento dentro das competencias da Dirección Xeral da Función Pública.

d) A xestión de expedientes relativos a situacións e incidencias do persoal funcionario e laboral ó servicio da Xunta de Galicia.

e) Preparación e asesoramento, conxuntamente coa Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais, de proxectos normativos en materia de función pública.

f) Estudios e elaboración de informes en materia de xestión, selección, provisión e rexistro de persoal.

g) Elaboración e preparación de anteproxectos normativos específicos da súa competencia.

h) Realizar, dentro das súas competencias, cantos estudios e traballos se lle encomenden.

2. Para a realización das súas funcións, a Subdirección Xeral de Xestión de Persoal contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. Servicio de Xestión e Programación.

2.2. Servicio de Planificación de Persoal.

2.3. Servicio de Actualización de Datos do Persoal.

2.4. Servicio de Selección e Provisión de Postos de Traballo.

2.1. O Servicio de Xestión e Programación terá encomendadas as seguintes funcións:

a) Xestión, en xeral, de todo o persoal funcionario, laboral ou asimilado ó servicio da Administración autónomica de Galicia, sen prexuízo das competencias propias de cada consellería.

b) Estudio e preparación de informes e estatísticas sobre materias relacionadas co persoal.

c) Colaborar na preparación dos concursos de provisión das ofertas de emprego público da Administración autónomica de Galicia e dos procesos selectivos.

d) Estudio e preparación dos proxectos normativos en materia de integración do persoal ó servicio da Xunta de Galicia.

2.2. O Servicio de Planificación de Persoal realizará o estudio e preparación de propostas de elaboración dos cadros de persoal.

2.3. O Servicio de Actualización de Datos do Persoal realizará os seguintes cometidos:

a) Dirixir e coordina-lo funcionamento do Rexistro de Persoal.

b) A anotación e actualización dos datos que se refiran ós actos que afecten a vida administrativa do persoal ó servicio da Administración pública de Galicia.

c) A xestión informatizada dos distintos procesos desta dirección xeral.

2.4. O Servicio de Selección e Provisión de Postos de Traballo exercerá as seguintes funcións:

a) Estudio e preparación dos proxectos normativos en materia de selección e provisión.

b) Asesoramento en asuntos relacionados coa provisión de postos de traballo e selección de persoal ó servicio da Xunta de Galicia, así como a cobertura temporal de postos.

c) A preparación e elaboración das convocatorias de concursos de traslados, de procesos selectivos e das ofertas de emprego público do persoal ó servicio da Administración pública de Galicia, dentro dos termos da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

d) Estudio e elaboración de informes en materia da súa competencia.

IV. A Inspección Xeral de Servicios.

Artigo 12º

A Inspección Xeral de Servicios configúrase como órgano central de inspección e control, e como órgano central de impulso da modernización e reforma da Administración autonómica de Galicia, para garantir que a legalidade, a transparencia, a participación e a responsabilidade sexa unha constante na actuación da Administración desta Comunidade Autónoma e que os servicios que se lle prestan ó cidadán se desenvolvan con criterios de máxima eficacia, eficiencia e calidade.

1. A Inspección Xeral de Servicios ten carácter único e competencia global sobre tódalas consellerías, organismos delas dependentes, centros, servicios e unidades, así como sobre os entes e empresas públicas da Administración da Comunidade Autónoma.

Para o desenvolvemento dos seus fins realizará as seguintes funcións:

1.a) En materia de inspección e control do funcionamento dos servicios públicos.

-Inspección e control do funcionamento dos centros, servicios e unidades da Xunta de Galicia, incluídos os organismos autónomos, entes e empresas públicas para a detección de posibles deficiencias, emitindo o correspondente informe e propo

ñéndolle ó órgano competente a adopción das medidas necesarias para a súa corrección.

-Comproba-lo grao de cumprimento da normativa vixente en materia de organización, funcionamento e réxime xurídico, así como dos trámites e prazos establecidos nas normas reguladoras dos procedementos administrativos.

-Verifica-lo correcto funcionamento dos medios materiais adscritos ós servicios inspeccionados.

-Control da aplicación da normativa vixente en materia de xornada, horario, permisos e licencias, así como de calquera outro aspecto relativo ó réxime interno.

-Proporlle, se é o caso, ó órgano competente a incoación de expedientes disciplinarios cando na acción inspectora se detecten indicios racionais de responsabilidade administrativa na actuación do persoal da Xunta de Galicia.

-En xeral aquelas funcións inspectoras e de auditoría dos servicios que lles sexan encomendadas polo conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública directamente ou por petición de calquera outro conselleiro en relación co persoal, organismos, servicios e unidades administrativas da súa respectiva consellería.

1.b) En materia de avaliación do rendemento e xestión da calidade dos servicios:

-Elabora-los plans de reforma e modernización da administración autonómica.

-Desenvolvemento e xestión do programa de avaliación do rendemento das unidades administrativas da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 63 bis da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril.

-Desenvolvemento e xestión de medidas para a implantación de sistemas de mellora da calidade tendentes a promove-la mellora continua dos servicios da Administración autonómica, tanto dos que se lle prestan directamente ó cidadán como dos servicios internos.

-Definición e avaliación dos criterios e estándares de calidade dos servicios públicos.

-Colaboración e apoio ás unidades administrativas para a implantación de proxectos de mellora operativa, constituíndo equipos ou grupos de traballo para defini-las medidas prácticas que hai que desenvolver.

-Coordinación e colaboración cos órganos competentes doutras administracións públicas en tódalas cuestións que redunden na simplificación e mellor calidade da prestación dos servicios públicos, promovendo, de se-lo caso, a sinatura de convenios que faciliten o intercambio de información, métodos e experiencias.

1.c) En materia de racionalización, simplificación e axilización de procedementos administrativos, métodos de traballo e organización administrativa:

-Formular propostas de racionalización, simplificación, axilización e mellora de procedementos, métodos de traballo e organización administrativa. Para tal fin elevaralle á Comisión Central de Racionalización:

a) A proposta de medidas técnicas, normativas e procedementais que afecten a mellora dos procedementos administrativos que se tramitan no ámbito da Administración da Comunidade Autónoma, para facelos máis accesibles, áxiles e sinxelos.

b) A elaboración e desenvolvemento de programas de simplificación de trámites e métodos de traballo administrativo e de normalización e racionalización da xestión pública.

c) A confección de manuais de tramitación de procedementos, así como a normalización dos documentos relativos a eles.

-A emisión de informe con carácter preceptivo e previo á súa aprobación e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia sobre os proxectos de disposicións de carácter xeral emanados das consellerías da Xunta de Galicia, dos seus centros directivos e organismos autónomos, que afecten procedementos administrativos por instancia de parte.

-Xestión e coordinación funcional do Sistema de Xestión de Procedementos Administrativos (SXPA), como sistema integrado de xestión dos procedementos administrativos e como base do sistema de información da Xunta de Galicia.

-Xestión e coordinación funcional dos sistemas de xestión derivados do SXPA: Servicio de Resposta Inmediata (Seri), Oficina de Tramitación Única de Industrias (OTU) e Rexistro de Contratistas.

-Impulso, coordinación e implantación, desde o punto de vista funcional, da Administración electrónica na Xunta de Galicia, propoñendo os cambios necesarios na normativa e na definición dos procedementos.

-A emisión de informe preceptivo e previo sobre os proxectos de disposicións de carácter xeral relativas ós métodos de traballo e procedementos administrativos, de conformidade co previsto no artigo 7.2º do Decreto 111/1984, do 25 de maio, polo que se aproba o Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia.

1.d) En materia de estructuras orgánicas e relacións de postos de traballo.

-A emisión de informe preceptivo e previo sobre os proxectos de disposicións relativas á estructura orgánica da Administración pública galega, de conformidade co previsto no artigo 7.2º do Decreto 111/1984, do 25 de maio, polo que se aproba o Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia.

-A realización de estudios sobre o dimensionamento de cadros de persoal propoñendo as medidas necesarias sobre a reasignación de efectivos en función das cargas de traballo soportadas polas distintas unidades administrativas para conseguir un mellor funcionamento dos servicios.

-Análise e avaliación da adecuación á política de persoal da Xunta de Galicia das propostas de elaboración e modificación das relacións de postos de traballo que emanen das distintas consellerías e dos organismos autónomos dependentes delas.

-Elaboración da proposta de relación de postos de traballo ou das súas modificacións que irá acompañada dun informe emitido conxuntamente co órgano correspondente da Consellería de Economía e Facenda.

-Elevación ó Consello da Xunta de Galicia da creación ou modificación das relacións de postos de traballo, para a súa aprobación.

-Seguimento e actualización permanente do persoal ó servicio da Xunta de Galicia, excluído o docente e o sanitario.

1.e) En materia de rexistros de incompatibilidades de altos cargos.

-A custodia e xestión do Rexistro de Bens Patrimoniais e de Actividades e Intereses de Altos Cargos da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica.

1.f) En materia de información administrativa e atención ó cidadán.

-Facilitar información administrativa de interese xeral, que ten como finalidade ofrecer unha visión global, homoxénea e sistematizada da Xunta de Galicia, que comprende a información relativa á súa estructura organizativa e funcional, directorio de unidades administrativas e centros, horario destes, información de cada procedemento administrativo, incluíndo o seu obxecto, finalidade, lexislación aplicable, requisitos e documentos necesarios para a súa tramitación, así como o órgano responsable da súa xestión. Todo iso en coordinación coas secretarías xerais das consellerías da Xunta de Galicia.

-Facilitarlle información particular ó interesado ou ó seu representante legal sobre o estado de tramitación no que se atopa o expediente.

-Coordinar funcionalmente a actuación das oficinas de información administrativa e atención ó cidadán das distintas consellerías e das delegacións/direccións provinciais/territoriais, prestando o apoio preciso para o desenvolvemento das súas funcións.

-Tramitar, sen prexuízo das competencias que lles corresponden ás secretarías xerais e en colaboración con estas, as queixas e suxestións que formulen os cidadáns e usuarios sobre o funcionamento dos servicios que presta a Administración autonómica de acordo co establecido nos artigos 25 e seguintes do

Decreto 200/2003, do 20 de marzo, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático e se regula a atención ó cidadán.

-Avaliar periodicamente a calidade do sistema de información administrativa, propoñendo as medidas de mellora precisas co fin de facilitarlles ós cidadáns e usuarios os servicios que demandan.

-Impulsar, xunto coa Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos, o uso das novas tecnoloxías da información que faciliten o acceso, dos cidadáns e da propia Administración autonómica, á información administrativa.

-En xeral, a adopción de tódalas medidas que teñan por obxecto mellora-la atención ós cidadáns e usuarios por parte da Administración autonómica.

1.g) En materia de xestión da web institucional da Xunta de Galicia.

-Elaborar, xunto coa Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos, a normativa de acceso dos contidos á web institucional da Xunta de Galicia.

-Coordinación do contido da información facilitada a través da web institucional da Xunta de Galicia garantindo a súa homoxeneidade e integridade co fin de evitar duplicidades e contradiccións.

1.h) En materia de difusión, apoio e asesoramento.

-Elaboración de propostas de disposicións normativas, edición e difusión de publicacións, organización e participación en congresos, xornadas e seminarios no marco das competencias atribuídas, así como apoio e asesoramento ás unidades administrativas en materia de avaliación de rendemento e doutros sistemas de xestión.

1.i) Realizar aqueloutras funcións que dentro do marco das súas competencias lle encomende o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

2. Para o desenvolvemento das funcións descritas a Inspección Xeral de Servicios contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1. Os inspectores de servicios que, con nivel orgánico de subdirección xeral, se establezan na correspondente relación de postos de traballo. Executarán as directrices que lles sexan encomendadas polo inspector xeral de Servicios, en relación á inspección, auditoría, avaliación do rendemento e calidade dos servicios.

Os inspectores de servicios terán competencia en todo o ámbito da comunidade autónoma.

2.1.1. Os subinspectores de servicios: para o exercicio das súas funcións, os inspectores de servicios contarán cos subinspectores de servicios que, con nivel orgánico de xefe de servicio, se determine, así mesmo, na relación de postos de traballo.

Para a provisión de postos de inspector e subinspector de servicios será necesario ter prestado servicios polo menos durante un período de tres anos na Administración pública, en corpos dos grupos A ou B, respectivamente, así como cumpri-los requisitos que para cada caso se sinalan nas relacións de postos de traballo.

2.2. Subdirección Xeral de Racionalización Administrativa.

A Subdirección Xeral de Racionalización Administrativa executará as directrices que lle sexan encomendadas polo inspector xeral de Servicios, en relación coa racionalización, simplificación e axilización de procedementos administrativos e análise e tramitación de estructuras orgánicas e relacións de postos de traballo.

2.2.1. Servicio de Racionalización Administrativa: para o exercicio das súas funcións a Subdirección Xeral de Racionalización Administrativa contará co Servicio de Racionalización Administrativa que executará as directrices que lle sexan encomendadas pola subdirección xeral, en relación coa análise e tramitación de estructuras orgánicas e relacións de postos de traballo.

2.3. Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán.

O Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán, con nivel orgánico de subdirección xeral, executará as directrices que lle sexan encomendadas polo inspector xeral de Servicios en relación coa información administrativa e atención ó cidadán.

12.3. O ámbito de actuación da Inspección Xeral de Servicios entenderase sen prexuízo das inspeccións sanitaria, financeira, tributaria, educativa, laboral, de consumo e calquera outra que establezan as disposicións legais vixentes polas que se seguirán rexendo. Así mesmo, as funcións descritas entenderanse sen menoscabo das competencias que o número 3º do artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta de Galicia e do seu presidente, e o artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, lle atribúen ós conselleiros en materia de inspección dos servicios e do persoal dependente das súas consellerías, respectivamente.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Inspección Xeral de Servicios actuará con total independencia respecto do persoal e das unidades administrativas das que se comprobe a xestión. Terá acceso ós libros, expedientes, actas e demais documentación administrativa dos servicios e unidades administrativas inspeccionadas. Tódolos servicios da Administración autonómica facilitarán a actividade inspectora proporcionándolle á Inspección Xeral de Servicios cantos antecedentes, datos, expedientes e informes lles sexan requiridos e poñerán ó seu dispor os medios persoais e materiais que necesiten.

A obstrucción á actividade inspectora poñerase en coñecemento do órgano superior do que dependa o persoal afectado, propoñendo, se é o caso, a apertura do correspondente expediente disciplinario.

V. A Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos.

Artigo 13º

1. A Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos exercerá, no seu ámbito, as seguintes funcións:

a) A coordinación e planificación técnica dos sistemas de información da Xunta de Galicia.

b) A xestión e coordinación do Plan de Informática Administrativa.

c) A realización de tódalas funcións de informatización de servicios contidos no Plan de Reforma Administrativa.

d) A elaboración e proposta de plans globais de sistemas de información para a súa elevación á Comisión de Informática da Xunta de Galicia, así como o seu seguimento e, se é o caso, a súa execución.

e) A proposta e execución dos plans de sistemas de información da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

f) O asesoramento, orientación e información ás consellerías e organismos da Xunta de Galicia en materia de sistemas de información, co obxecto de asegura-la coordinación xeral no mesmo ámbito e a difusión dos proxectos de tecnoloxías da información desenvolvidos no ámbito administrativo.

g) A elaboración de propostas de normativa en materia de sistemas de información tendentes a conseguir un medio informático e de comunicacións homoxéneo na Xunta de Galicia.

h) A supervisión do cumprimento das normas aprobadas pola Comisión de Informática.

i) O deseño, definición de estándares, implantación, desenvolvemento e xestión da Rede Corporativa de Comunicacións da Xunta de Galicia, que interconecta as distintas unidades administrativas e centros dependentes da Xunta de Galicia e os seus organismos, autorizando preceptivamente calquera utilización, incorporación ou uso dela.

j) A definición, aprobación e control, en tódalas súas fases, de tódolos proxectos de infraestructuras de telecomunicación para os edificios de nova construcción, reforma ou rehabilitación.

k) A autorización, coordinación e control das redes locais que se instalen na Xunta de Galicia, con referencia á definición dos tipos de cableado, electrónica activa e pasiva, sistemas de xestión de rede e equipos de conmutación e calquera outro relacionado.

l) A informatización dos procesos administrativos por instancia de parte e a coordinación, control e, se é o caso, deseño e desenvolvemento daquelas aplicacións colaterais ó Sistema de Xestión de Pro

cedementos Administrativos (SXPA), así como as horizontais e departamentais que se lle encomenden.

m) A definición das ferramentas e plataformas hardware e software de desenvolvemento e execución, e, se é o caso, a explotación e mantemento, de tódolos sistemas e servicios corporativos de informática e comunicacións da Xunta de Galicia.

n) A definición e aprobación de política de seguridade corporativa dos sistemas de información da Xunta de Galicia.

o) A planificación e xestión, en coordinación coa Escola Galega de Administración Pública e outras entidades públicas e privadas, da formación en materias de tecnoloxías da información e a comunicación, tanto do persoal administrativo en xeral como especialmente do persoal comprendido nas escalas de informática da Xunta de Galicia, así coma do persoal laboral.

p) O establecemento e mantemento da infraestructura técnica de apoio para a web institucional da Xunta de Galicia, así coma a dos seus organismos autónomos e entidades de dereito público dela dependentes, así como a elaboración, xunto coa Inspección Xeral de Servicios, da normativa de acceso ós seus contidos.

q) A xestión técnica sobre calquera nome de dominio na Internet da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias que, en materia de propiedades incorporais e sobre planificación, xestión e desenvolvemento da informática orzamentaria, financeira e tributaria, ten atribuídas a Consellería de Economía e Facenda.

r) O establecemento, administración, xestión e mantemento dos servicios corporativos de correo electrónico, acceso á Internet, videoconferencia e calquera outro que sexa prestado ós distintos departamentos da Xunta de Galicia a través da Rede Corporativa de Comunicacións.

s) A coordinación e xestión do Centro Único de Atención a Usuarios que dea soporte ós distintos sistemas e servicios corporativos de informática e comunicacións.

t) A definición e establecemento das ferramentas tecnolóxicas para a implantación da Administración electrónica en tódalas unidades administrativas, impulsando, xunto coa Inspección Xeral de Servicios, os cambios dos procedementos e sistemas administrativos necesarios e da súa tramitación para acada-los obxectivos.

u) A coordinación da aplicación da sinatura dixital no marco do proxecto de Administración electrónica e a interlocución, recoñecemento e, se é o caso, creación, das autoridades de certificación que dean soporte á súa implantación.

v) A proposta, implantación e regulación da utilización das técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas nas relacións dos cidadáns coa Administración autonómica galega.

w) A presidencia da Ponencia Técnica de Informática da Xunta de Galicia.

x) A interlocución, representación e autorización de calquera acordo con outras administracións ou órganos en relación co emprego dos sistemas de información corporativos da Xunta de Galicia ou a súa interconexión con estes.

y) A proposta e implantación de sistemas telemáticos para a prestación de servicios telemáticos nos ámbitos local e provincial, de acordo coas administracións territoriais competentes.

O desenvolvemento destas funcións realizarase sen prexuízo das competencias que, en materia de propiedades incorporais e sobre planificación, xestión e desenvolvemento da informática orzamentaria, financeira e tributaria, ten atribuídas a Consellería de Economía e Facenda.

2. Para o exercicio das ditas funcións, a Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos contará coa seguinte unidade:

2.1. Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación.

Correspóndelle a esta subdirección xeral a realización das seguintes funcións:

a) A elaboración das propostas e asuntos que estudiará a Comisión de Informática da Xunta de Galicia, exercendo o titular da subdirección xeral a secretaría da devandita comisión.

b) A preparación das propostas de normativa específica en materia de sistemas de información da Xunta de Galicia.

c) A planificación e xestión dos cursos de formación en materia de tecnoloxías da información en coordinación coa Escola Galega de Administración Pública e con outras entidades públicas e privadas.

d) O seguimento dos plans estratéxicos da dirección xeral, e, en particular, do uso e evolución, desde o punto de vista técnico, no Sistema de Xestión de Procedementos Administrativos (SXPA).

e) O deseño, definición de estándares, implantación, desenvolvemento e xestión da Rede Corporativa de Comunicación da Xunta de Galicia, que interconecta as distintas unidades administrativas e centros dependentes da Xunta de Galicia e os seus organismos, autorizando preceptivamente calquera utilización, incorporación ou uso da mesma, sen prexuízo das competencias da Oficina Técnica sinaladas no artigo 8º.1, relativas á conservación, ampliación, traslados, altas e baixas da Rede Corporativa, baixo as especificacións da Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos, naqueles edificios administrativos nos que estea implantada a xestión integral dos servicios de mantemento, seguridade e limpeza pola Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

f) A coordinación e xestión dun Centro Único de Atención a Usuarios que dea soporte ós distintos sistemas e servicios corporativos de informática e comunicacións.

g) A coordinación, seguimento e proposta de ampliación dos servicios que se prestarán en materia informática e de comunicacións nos concellos de Galicia.

h) Aquelas nas que sexa requirida pola dirección xeral para o exercicio das funcións sinaladas no artigo 13º.1.

Para o desenvolvemento destas funcións a Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación contará coas seguintes unidades administrativas:

2.1.a) Servicio de Xestión.

2.1.b) Servicio de Análise e Programación.

2.1.a) O Servicio de Xestión executará as directrices que lle sexan encomendadas pola subdirección xeral en relación coa xestión dos plans de informatización e, en particular, as relativas á xestión económica e orzamentaria.

2.1.b) O Servicio de Análise e Programación realizará as actividades derivadas das directrices que lle encomende a subdirección xeral en relación coa programación e análise dos plans de informatización e, en particular, as relativas ó Plan de Reforma Administrativa da Xunta de Galicia.

VI. A Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias.

Artigo 14º

1. A Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias é o centro directivo que ten encomendado o exercicio das seguintes funcións:

a) Informar e asisti-lo Goberno galego nas súas relacións co Parlamento de Galicia.

b) Face-lo seguimento do programa lexislativo e dos acordos adoptados polo Parlamento de Galicia.

c) Realizar labores de apoio ó presidente da Xunta de Galicia nas súas intervencións parlamentarias, solicitando cando sexa preciso dos distintos departamentos da Xunta de Galicia os datos e informes que se coiden convenientes.

d) Organizar e coordina-los procesos electorais nos que sexa competente a Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Realiza-lo seguimento dos resultados dos procesos electorais realizados fóra da nosa Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Representa-la Xunta de Galicia naqueles procesos electorais nos que esta sexa invitada como observadora.

g) Elaborar estudios sociolóxicos que permitan ter un coñecemento da evolución e principais tendencias da opinión pública galega.

h) Face-lo seguimento das iniciativas tramitadas nas Cortes Xerais ou noutras comunidades autónomas que puidesen ter algunha relación coa Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Determina-lo departamento da Xunta de Galicia que debe dar resposta ás iniciativas parlamentarias que desde a cámara se presenten.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias contará coa seguinte unidade administrativa:

2.1. Servicio de Seguimento Lexislativo e Acordos Parlamentarios, que realizará as seguintes funcións:

a) Levar a cabo as tarefas que lle sexan encomendadas polo director xeral para a información e asistencia do Goberno galego nas súas relacións co Parlamento de Galicia.

b) Face-lo seguimento do programa lexislativo do Goberno galego.

c) Solicitar das distintas consellerías e órganos da Xunta de Galicia os informes procedentes para a elaboración das respostas ás preguntas escritas, así como se-la canle de comunicación entre a Xunta de Galicia e o Parlamento de Galicia verbo da tramitación de proposicións de lei, proposicións non de lei, mocións, interpelacións e calquera outra iniciativa parlamentaria.

d) Face-lo seguimento dos acordos parlamentarios e, en especial, dos que incidan na acción do Goberno galego.

e) Remitirlle ó Parlamento de Galicia os informes ou a documentación que por disposición legal teña que realiza-la Xunta de Galicia.

VII. A Dirección Xeral de Relacións Institucionais.

Artigo 15º

1. A Dirección Xeral de Relacións Institucionais é o centro directivo que ten encomendado o exercicio das seguintes funcións:

a) Exerce-la secretaría da representación da Comunidade Autónoma de Galicia na Comisión Mixta de Transferencias.

b) Exerce-la secretaría da representación da Comunidade Autónoma de Galicia nas comisións bilaterais de cooperación entre a Administración xeral do Estado e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan creadas.

c) O rexistro dos convenios que sexan acordados polo Consello da Xunta de Galicia e os que outorguen as consellerías, organismos autónomos e entes de dereito público da Administración autonómica.

d) Coordina-la documentación que os departamentos da Xunta de Galicia elaboren para as relacións con outras administracións públicas. De xeito especial, aquela documentación que sexa de especial interese para Galicia e que deba ser tratada coa Administración xeral do Estado e outras comunidades autónomas.

e) Representa-la Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administracións Públicas naqueles supostos nos que lle sexa encomendado polo conselleiro.

f) Representa-la Comunidade Autónoma de Galicia naqueles foros nos que sexa necesaria a súa presencia e non estea de antemán estipulado o departamento que debe asistir en razón da materia que se vai tratar, cando así sexa acordado polo Consello da Xunta de Galicia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Relacións Institucionais contará coa seguinte unidade administrativa:

2.1. Servicio de coordinación, que realizará as funcións e cometidos que se expresan seguidamente:

a) O rexistro dos convenios que sexan acordados polo Consello da Xunta de Galicia e os que outorguen as consellerías, organismos autónomos e entes de dereito público da Administración autonómica.

b) Levar a cabo as tarefas que lle sexan encomendadas polo director xeral, en relación coa coordinación da documentación que os departamentos da Xunta de Galicia elaboren para as relacións con outras administracións. De xeito especial, aquela documentación que sexa de especial interese para Galicia e que deba ser tratada coa Administración xeral do Estado e outras comunidades autónomas.

C) Periféricos.

I. Delegacións provinciais.

Artigo 16º

En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma existirá unha Delegación Provincial da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, na que se integrarán tódolos servicios e unidades dela.

Artigo 17º

1. Os delegados provinciais, máximos representantes da consellería no seu ámbito territorial, serán nomeados mediante decreto da Xunta de Galicia segundo as previsións contidas no Decreto 244/1990, do 18 de abril, correspondéndolles exerce-las funcións e competencias que lles atribúe o Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, as derivadas do establecido nos decretos 87/1990 e 88/1990, do 15 de febreiro, e as que para a representación, xestión e coordinación se expresan seguidamente.

2. Funcións de representación:

a) Exerce-la representación ordinaria do presidente da Xunta de Galicia e do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública no ámbito da súa provincia.

b) Presidir en representación da Xunta de Galicia ou do seu presidente os actos públicos de carácter xeral da Administración autonómica ós que asistan na súa provincia, sen prexuízo da precedencia doutras autoridades, de conformidade coas vixentes normas de protocolo.

3. Funcións de xestión:

a) Impulsa-la xestión, tramitación e, se é o caso, resolución, dos expedientes administrativos relativos ás competencias da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública no seu ámbito territorial e ás demais que teña atribuídas por delegación ou en virtude de disposición legal ou regulamentaria.

b) A dirección e control dos servicios referenciados no artigo 7 do Decreto 179/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a coordinación nos edificios administrativos da Xunta de Galicia.

4. Corresponderá á delegación provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, a dirección e control inmediatos dos seguintes servicios:

1. Rexistro xeral da Xunta de Galicia.

2. Oficinas de Información e Atención ó Cidadán.

3. Oficina de compulsas.

4. Sistema de control horario.

5. O establecemento dos medios para a identificación do persoal que preste servicios no edificio, así como dos vehículos alleos ó parque móbil provincial.

6. Sinalización interior e exterior.

7. Servicio médico.

8. Salón de actos, salas de reunións ou aulas de uso xeral.

9. Relación coa oficina de Correos e Telégrafos e servicios postais ou de valixa.

10. Dependencias e garaxes dos parques móbiles provinciais.

11. Limpeza, mantemento, conservación e servicios e redes de servicios de instalacións comúns.

12. Relación coa xunta de persoal de funcionarios.

13. En relación coas redes de voz e datos para uso administrativo, o exercicio das funcións que lle son encomendadas á Consellería da Presidencia e Administración Pública nos decretos 262/1994, do 29 de xullo e 252/1996, do 20 de xuño.

14. Establecemento das medidas que correspondan en cumprimento da Lei de prevención de riscos laborais e da normativa da Xunta de Galicia sobre o dito particular, sen prexuízo das competencias da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais en materia de seguridade e hixiene no traballo.

4. Funcións de coordinación:

a) Presidir tódolos órganos colexiados provinciais integrados na Administración autonómica, sempre que a presidencia deles non estea atribuída a outro órgano.

b) Coordina-lo proceso de reforma administrativa e potencia-lo perfeccionamento continuo dos métodos de traballo e de funcionamento da Administración autonómica no ámbito provincial.

c) A coordinación de tódolos servicios e unidades administrativas integrados na respectiva delegación provincial.

Artigo 18º

Para o cumprimento das súas funcións e o exercicio das competencias que lles corresponde, as delegacións da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública contarán coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servicio:

1. Secretaría Provincial.

1. A Secretaría Provincial é a unidade á que lle corresponde o exercicio das seguintes funcións e cometidos:

a) A xefatura de persoal e de réxime interior.

b) A dirección, despacho e proposta de resolución dos asuntos ordinarios.

c) A coordinación das unidades que dependan organicamente da delegación.

d) O exercicio das competencias que, en materia de función pública, sexan desconcentradas.

e) A elaboración do anteproxecto de orzamento da delegación provincial.

f) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais da delegación provincial.

g) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

h) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia da delegación provincial.

i) A selección e tramitación das propostas para a cobertura de prazas de funcionarios, interinos e substitucións de persoal laboral de tódalas delegacións provinciais no ámbito territorial da correspondente provincia.

j) A coordinación das distintas actuacións que, en materia de reforma administrativa, se leven a cabo na provincia, seguindo as directrices emanadas do delegado provincial e da Inspección Xeral de Servicios.

k) A administración dos edificios e a xestión dos ingresos e realización dos pagamentos ocasionados pola conservación, mantemento, consumos e outros de carácter xeral común a tódalas delegacións ou organismos ubicados nos edificios.

2. O secretario provincial substituirá o delegado provincial nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade deste.

3. Dependendo das respectivas delegacións provinciais existirá, un xefe de servicio de coordinación administrativa, en Ferrol e en Vigo.

Artigo 19º

Os servicios correspondentes ós centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, quedarán integrados organicamente nas delegacións provinciais da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, dependendo funcionalmente da secretaría xeral ou centro directivo correspondente, sen detrimento da competencia coordinadora que o artigo 17º.4 c) deste decreto lles atribúe ós delegados provinciais en relación con tódolos servicios integrados na delegación provincial respectiva.

Artigo 20º

De conformidade co establecido no artigo anterior existirá, en cada unha das provincias, a seguinte unidade administrativa:

1. Gabinete Xurídico Territorial.

Os gabinetes xurídicos territoriais desenvolverán as funcións que lles encomenda o artigo 13 do Decreto 370/1992, do 3 de decembro, Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, prestando en servicio consultivo o asesoramento ás delegacións provinciais e autoridades da Administración autonómica, de conformidade co establecido no artigo 13.2º A) a) do mencionado regulamento.

Artigo 21º

Sen prexuízo do establecido no artigo 17º.4 a) deste decreto, os delegados provinciais da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública presidirán os padroados para a mellora do medio rural.

Artigo 22º

Adscritas ás delegacións provinciais da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública existirá en cada unha das catro provincias da Comunidade Autónoma unha Comisión Coordinadora de Edificios Administrativos da Administración Autonómica.

Artigo 23º

As comisións coordinadoras de edificios administrativos da Administración autonómica exercerá as funcións previstas no Decreto 179/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a coordinación nos edificios administrativos da Xunta de Galicia.

Disposición adicional

Única.-A estructura orgánica que se establece por este decreto non suporá aumento de gasto.

Disposición transitoria

Única.-Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou contido das subdireccións

xerais ou servicios existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das ditas unidades, autorízase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, por proposta do secretario xeral da consellería, para readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido neste decreto ou o contradigan.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dicta-las disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública