Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 23 de maio de 2003 Páx. 6.623

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 265/2003, do 15 de maio, polo que se concede autorización para implantar estudios conducentes ás titulacións que se citan no Sistema Universitario de Galicia.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia (DOG nº 156, do 16 de agosto), supuxo a realización dunha planificación xeral do sistema. A esta planificación contribuíron decisivamente diversos decretos de creación de centros e de autorización de implantación de estudios.

Unha vez rematado o proceso de expansión do Sistema Universitario de Galicia, trabállase a prol da súa consolidación, atendendo expresamente os problemas derivados da definición específica de cada campus.

Baixo a formulación xeral exposta, neste decreto considérase a implantación de estudios conducentes a novas titulacións no Sistema Universitario de Galicia, unha vez cumpridos xa tódolos requisitos previos ó acto formal de creación por parte da Xunta de Galicia.

Esta implantación incorpora dúas novas titulacións ós campus centrais e unha ós periféricos, á inversa do que se fixo no ano 1998, agás no Campus de Lugo, no que entón se autorizou unha e agora propóñense dúas.

Con este decreto dáselle cumprimento á autorización de implantación de catro novas titulacións na Universidade de Santiago de Compostela, dúas no seu Campus de Lugo e dúas no seu Campus de Santiago de Compostela; de tres novas titulacións na Universidade da Coruña, dúas no seu Campus da Coruña e unha no seu Campus de Ferrol; e de

catro novas titulacións na Universidade de Vigo, dúas no seu Campus de Vigo, unha no seu Campus de Ourense e unha no seu Campus de Pontevedra.

Estas implantacións inscríbense no marco de aplicación dos principios de completitude e complementariedade interdisciplinar para grandes áreas científicas e de especialización de campus establecidos na LOSUG, na reorganización dos centros e no aproveitamento dos recursos existentes no Sistema Universitario de Galicia.

Por todo isto, en aplicación do artigo 8.2º da Lei orgánica 6/2001, de universidades, e do artigo 2.4º da Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social da universidade e do Consello Universitario de Galicia, por instancia dos consellos sociais das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, co informe dos consellos de Goberno das citadas universidades, oído o Consello Universitario de Galicia, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG nº 208, do 28 de outubro), por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de maio de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Universidade de Santiago de Compostela.

Campus de Santiago de Compostela:

1. Concédese autorización para que na Facultade de Ciencias da Comunicación, creada polo Decreto 505/1990, do 2 de novembro, que cambiou a denominación polo Decreto 245/2001, do 20 de setembro, (DOG do 4 de outubro), se implanten os estudios conducentes ó título de licenciado en comunicación audiovisual (estudios compartidos coa Universidade de Vigo).

2. Concédese autorización para que na Escola Técnica Superior de Enxeñería, creada polo Decreto 180/2002, do 10 de maio (DOG do 24 de maio), se implanten os estudios conducentes ó título de enxeñeiro técnico en informática de sistemas.

Campus de Lugo:

3. Concédese autorización para que na escola politécnica superior, creada polo Decreto 26/1993, do 11 de febreiro (DOG do 19 de febreiro), se implanten os estudios conducentes á obtención do título de enxeñeiro técnico en topografía e do título de enxeñeiro técnico en obras públicas, especialidade en transportes e servicios urbanos.

Artigo 2º

Universidade da Coruña.

Campus da Coruña:

1. Concédese autorización para que na Facultade de Ciencias da Educación, creada polo Decreto 282/1995, do 19 de outubro (DOG do 27 de outubro), se implante o 2º ciclo dos estudios conducentes á obtención do título de licenciado en comunicación audiovisual.

2. Concédese autorización para que na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, creada polo Decreto 274/1991, do 30 de xullo (DOG do 13 de agosto), se implanten os estudios conducentes á obtención do título de enxeñeiro técnico de obras públicas, especialidade en construccións civís.

Campus de Ferrol:

3. Concédese autorización para que na Facultade de Humanidades, creada polo Decreto 192/1993, do 29 de xullo (DOG do 17 de agosto), se implanten os estudios conducentes á obtención do título de licenciado en documentación (só de 2º ciclo).

Artigo 3º

Universidade de Vigo.

Campus de Vigo:

1. Concédese autorización para que na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación, creada polo Real decreto 2992/1982, do 15 de outubro (BOE do 13 de novembro), se implanten os estudios conducentes á obtención do título de enxeñeiro técnico de telecomunicación, especialidade en sistemas de telecomunicación, e do título de enxeñeiro técnico de telecomunicación, especialidade en son e imaxe.

Campus de Pontevedra:

2. Concédese autorización para que a Facultade de Ciencias Sociais, creada polo Decreto 192/1993, do 29 de xullo (DOG do 17 de agosto), pase a denominarse Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

3. Concédese autorización para que na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación se implanten os estudios conducentes á obtención do título de licenciado en comunicación audiovisual (estudios compartidos coa Universidade de Santiago de Compostela).

Campus de Ourense:

4. Concédese autorización para que na Facultade de Ciencias Empresariais, creada polo Decreto 250/1999, do 9 de setembro (DOG do 17 de setembro), se implanten os estudios conducentes á obtención do título de diplomado en turismo.

Artigo 4º

No caso dos estudios de 1º e 2º ciclo, comezará a implantación polo 1º curso da titulación e implantaranse progresivamente os restantes cursos ata completa-los estudios.

Disposicións adicionais

Primeira.-Respecto da homologación dos plans de estudios, as universidades ateranse ó disposto no artigo 35 da Lei 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e no artigo 10 do Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro (BOE do 14 de decembro), polo que se establecen as directrices

xerais comúns dos plans de estudios dos títulos universitarios de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional, modificado polos seguintes reais decretos: Real decreto 1267/1994, do 10 de xuño (BOE do 11 de xuño); Real decreto 2347/1996, do 8 de novembro (BOE do 23 de novembro); Real decreto 614/1997, do 25 de abril (BOE do 16 de maio) e Real decreto 779/1998, do 30 de abril (BOE do 1 de maio).

Segunda.-A efectiva impartición dos estudios autorizados neste decreto queda condicionada ó procedemento ordinario que cómpre segundo a Lei 6/2001, do 21 de decembro, de universidades e, en concreto, no Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, e os reais decretos que o modifican.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria