Ponse en coñecemento de tódolos interesados na concentración parcelaria da zona de Santo André de Campo Redondo (Ribadavia-Ourense), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 88/2000, do 6 de abril (DOG nº 77, do 19 de abril), que a xunta local da zona, na súa reunión do día 9 de xuño de 2003, aprobou as bases definitivas de concentración, que estarán expostas ó público na Casa do Concello de Ribadavia e nos lugares de costume da parroquia, durante o prazo de trinta días, contados desde o seguinte ó da última publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, no xornal de máis circulación da provincia, no lugar habitual da parroquia e no taboleiro de anuncios do concello, de conformidade co que determinan os artigos 29.2º e 36 da Lei 12/2001, do 10 de setembro, que modifica a Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia.
Os documentos que os interesados poden examinar nos lugares de exposición refírense á determinación do perímetro (colección de planos coas parcelas incluídas e relación das excluídas), á clasificación de terras e fixación dos coeficientes que servirán de base para face-las compensacións que sexan necesarias, así como á determinación dos propietarios e titulares de gravames e outras situacións xurídicas, das que se declara formalmente a súa titularidade.
Para o caso de que se formulasen alegacións en relación coas bases provisionais, as resolucións destas serán as modificacións reflectidas nos boletíns individuais da propiedade das bases definitivas.
Contra as bases definitivas, os interesados poden interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, dentro do prazo dos trinta días sinalados, e presentalo no rexistro da Delegación Provincial de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural (rúa Florentino L. Cuevillas, 4-6, baixo, Ourense), no rexistro xeral da consellería (edificio San Caetano s/n, Santiago de Compostela), ou en calquera das
dependencias ás que fai referencia o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, expresando no escrito un domicilio dentro do termo municipal para facérlle-las comunicacións que procedan.
Ourense, 8 de xullo de 2003.
Manuel López Casas
Delegado provincial de Ourense

