Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 02 de outubro de 2003 Páx. 12.336

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Corcubión.

Visto o convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Corcubión (código convenio 1504062), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 17-6-2003 e completado o 21-7-2003, subscrito en representación da parte económica polos representantes legais do concello, e da parte social, polos delegados de persoal o día 16-12-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no Libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 31 de xullo de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo do persoal laboral ó servicio do Concello de Corcubión

Capítulo I.-Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación o persoal.

Este convenio será de aplicación a todo o persoal laboral, contratados, fixos ou temporais que presten servicios no Concello de Corcubión.

Artigo 2º.-Ámbito de vixencia temporal.

1. O vixente acordo entrará en vigor a partir do día da súa publicación no BOP ou DOG e con efectos do 1 de xaneiro de 2002.

2. Este acordo prorrogarase anualmente de forma automática ata que non se proceda á súa modificación total ou parcial.

3. Poderá formularse denuncia de rescisión ou revisión por calquera das partes cunha antelación mínima de dous meses respecto a data sinalada para o remate da súa vixencia.

4. Tódalas condicións pactadas no presente convenio terán a consideración de norma laboral; as posteriores negociacións faranse partindo destas.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

As melloras establecidas en calquera outra disposición, calquera que sexa o seu rango e todas aquelas situacións colectivas que, comparadas analítica e globalmente, sexan superiores ás do acordo, serán de aplicación conforme o principio de norma máis favorable ou condición máis beneficiosa para o persoal baixo a cobertura deste acordo.

Artigo 4º.-Comisión paritaria de interpretación, estudio e seguimento.

Constitúese unha única comisión paritaria de seguimento, integrada por dous representantes da corporación e dúas da parte social.

A comisión paritaria terá as seguintes funcións:

a) Interpreta-lo texto do convenio en tódolos seus aspectos, cando xurdan dúbidas na súa concreta aplicación.

b) A vixilancia e seguimento de cumprimento do establecido no convenio.

c) Cantas outras actividades tendan á maior eficacia práctica do acordo.

Como norma xeral, tódalas condicións establecidas neste acordo, en caso de dúbida, ambigüidade ou escuridade en canto a sentido e alcance, deberán ser interpretadas e aplicadas do xeito que resulte máis beneficioso para os traballadores públicos.

A comisión paritaria reunirase por petición de calquera das partes, nun prazo máximo de catro días hábiles.

Capítulo II.-Organización do traballo

Artigo 5º.-A organización do traballo.

A organización do traballo e súa aplicación práctica é facultade da Administración, quen, en todo caso, respectará os principios de racionalidade, economía e eficacia.

Procederá a obriga de consulta e negociación previa cos representantes do persoal laboral cando se trate de dispoñibilidades orzamentarias en materia de persoal ou cando repercuta directa ou indirectamente sobre as condicións de traballo do persoal ó servicio do concello.

Quedan excluídos da obriga de consulta as decisións do concello que afecten ó exercicio dos dereitos dos cidadáns ante a Administración e o procedemento de formación dos actos e disposicións administrativas.

Artigo 6º.-Racionalización do traballo.

A racionalización do traballo terá, entre outras, as seguintes finalidades:

a) A mellora das prestacións do servicio ó cidadán.

b) A simplificación do traballo, mellora de métodos e procesos administrativos e técnicos.

c) A descrición, clasificación e estimación clara e obxectiva da relación de postos de traballo, determinando, así mesmo, as funcións ou tarefas que se van desenvolver en cada un deles.

Calquera novo posto de traballo deberá ser catalogado e valorado antes da súa cobertura.

Artigo 7º.-Funcións e tarefas do persoal laboral.

Serán aquelas que figuren recollidas no catálogo de postos de traballo, e as que se especifiquen nos correspondentes contratos.

Para salvagarda-la dignidade persoal e profesional dos traballadores non se lles poderá obrigar a realizar funcións ou tarefas que non garden relación co seu posto de traballo.

Capítulo III.-Vacacións, licencias e permisos

Artigo 8º.-Vacacións.

1. As vacacións anuais terán a duración dun mes, sen prexuízo de que o mes teña 30 ou 31 días, preferentemente entre os meses de xullo e agosto. As vacacións poderán ser fraccionadas en períodos non inferiores a 10 días naturais consecutivos sempre que non prexudiquen as necesidades do servicio. Antes do 31 de maio, cada unidade ou servicio terá elaborado o seu calendario de vacacións.

2. De producirse baixa médica durante o goce do período de vacacións, este quedará suspendido e fixarase unha nova data consensuada entre o concello e o traballador. No suposto de que a dita baixa médica acontecese con anterioridade ó inicio das vacacións e subsistise no día sinalado para o comezo destas, non comezarán a computarse como tales.

3. O persoal suxeito ó presente acordo ten dereito a gozar, ademais das vacacións regulamentarias, e á marxe do calendario de festas establecido no artigo 11º, a 9 días ó ano retribuídos e non recuperables, que poderán gozar libremente, coa única limitación de non ser acumulables ás vacacións anuais regulamentarias. Os días que se van a gozar serán laborais e en ningún momento o servicio quedará desatendido.

4. Os días dos que se fala no punto anterior que non sexan esgotados ó longo do ano deberán ser gozados, obrigatoriamente, no período que vai do 15 de decembro ó 15 de xaneiro. Para evitar problemas no funcionamento do concello os traballadores distribuiranse en dúas quendas e sempre atendendo as necesidades do servicio.

Artigo 9º.-Permisos.

Sen prexuízo do disposto na lexislación vixente en cada momento haberá que aterse ó seguinte réxime de permisos:

9.1. O pai traballador poderá gozar dun permiso retribuído de 2 ou 4 días laborables, dependendo de se o suceso se produce dentro ou fóra da loca

lidade, por nacemento ou adopción de fillo/a, computables desde a data de nacemento ou chegada ó fogar do adoptado/a.

9.2. Por enfermidade grave ou falecemento dun familiar, aplicaranse os seguintes permisos retribuídos:

9.2. a) Falecemento:

-Cónxuxe, parella de feito, convivinte (acreditando tal situación) ou fillos: 2 días.

-Pais, irmáns, xenros e noras: 2 días.

-Avós, cuñados, netos e sogros: 2 días.

Estes permisos serán de catro días sempre que o suceso se produza fóra dun círculo de 60 km de raio que teña por centro a localidade de residencia.

-Tíos, sobriños e curmáns: polo tempo necesario para o enterramento e funeral, (máximo 1 día).

9.2. b) Enfermidade grave:

-Cónxuxe, parella de feito, convivinte (acreditando tal situación) ou fillos, pais, irmáns, xenros e noras, avós, cuñados, netos e sogros do mínimo establecido por lei (2 días ou 4 días dependendo de se o suceso ten lugar dentro ou fóra dun círculo de 60 km de raio que teña por centro a localidade de residencia), ata un máximo de 15 días retribuíbles, supeditados neste caso á decisión da alcaldía, oída a representación sindical.

9.2. c) Para estes efectos consideraranse como graves as enfermidades ou accidentes que cumpran os seguintes requisitos:

a) No caso de enfermidade, que requira internamento hospitalario.

b) No caso de accidente, parte expedido por facultativo no que figure o prognóstico de grave ou moi grave.

c) No caso de enfermidades ou accidentes que non teñan a consideración de graves, o permiso concederase exclusivamente cando se trate de persoas que convivan no domicilio do solicitante, (acreditando tal situación co censo, padrón municipal ou informe médico), e este xustifique que non existe no domicilio ningunha outra persoa que poida atende-lo enfermo. A duración deste permiso será de dous días.

d) En casos excepcionais de enfermidade de familiares ou persoas que convivan no domicilio do solicitante e afecten gravemente o normal desenvolvemento da vida familiar, o alcalde poderá autorizar permisos, reducción de xornadas ou xornadas especiais en tanto se soluciona a situación.

9.3. Permiso para acompañamento á consulta médica a menores de 12 anos e maiores de 70 anos, ou familiares ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade e que convivan no mesmo domicilio e parellas de feito e convivintes (acreditando tal situación) e que teñan unha discapacidade superior ó 33%, polo tempo necesario e debendo xustificarse con parte de asistencia á consulta.

9.4. Permiso por acudir a consultas, tratamentos e exploracións de tipo médico durante a xornada de traballo, os traballadores/as terán dereito a permiso, sempre que estea debidamente xustificado, e sempre que non se poida acudir fóra do horario de traballo.

Quen por razón de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos, a un ancián ou a un diminuído psíquico ou físico que non desempeñe ningunha actividade retribuída ou no perciban ingresos superiores ó salario mínimo interprofesional, terán dereito a unha reducción da xornada total ordinaria entre alomenos un tercio e un máximo da metade da súa duración, sufrindo a conseguinte diminución proporcional das retribucións.

9.5. Por traslado de domicilio: 1 día hábil se o suceso se produce sen cambio de residencia, non podendo repetirse o permiso neste concepto máis dunha vez ó ano.

9.6. Permiso para asistencia a exames finais ou parciais liberatorios así, como probas selectivas que teñen lugar dentro da xornada normal de traballo, 1 día, ampliándose polo tempo necesario e imprescindible cando teñan lugar fóra do termo municipal.

No caso de que o exame teña lugar fóra da xornada normal de traballo, deberá mediar un tempo mínimo de dúas horas entre a finalización da xornada e o comezo do exame.

Deberán ser autorizados polo alcalde ou delegado de persoal e deberán xustificarse cun certificado de asistencia no que conste a data de realización e o tempo de duración, que deberá ser presentada nos cinco días seguintes á data do exame.

9.7. Permiso por asuntos persoais nove días ó ano, sen necesidade de xustificación, respectando sempre as necesidades do servicio.

9.8. Polo tempo preciso para cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal. Para a realización destes deberes os traballadores terán dereito ó permiso polo tempo necesario para o seu cumprimento, sempre e cando non se poidan facer fóra da xornada normal de traballo e deberán acreditalo documentalmente.

9.9. Permisos non retribuídos.

Por asuntos propios poderanse conceder licencias sen retribuír, dunha duración determinada que non poderá exceder de tres meses cada dous anos.

Artigo 10º.-Licencias.

10.1. Licencias por matrimonio:

a)Por razón de matrimonio propio, o traballador/a terá dereito a unha licencia de 15 días naturais, que poderán sumarse ás vacacións anuais.

10.2. Licencia por maternidade, adopción e paternidade.

10.2. a) O período de licencia por maternidade será de dezaseis semanas que se poderán utilizar

con carácter pre ou posparto, segundo a conveniencia da interesada: se se produce parto múltiple a licencia alongarase ata dezaoito semanas.

No caso de que a nai e o pai traballen, aquela poderá optar porque o pai goce de ata catro das últimas semanas da licencia, sempre que sexan ininterrompidas e ó final do citado período, salvo que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai, supoña un risco para a súa saúde.

10.2. b) A traballadora xestante terá dereito a ocupar durante o embarazo, un posto de traballo ou xornada distinto/a ó seu, sempre que, segundo prescrición médica, o posto de traballo habitual resulte nocivo para a súa saúde ou a do feto. Este cambio de posto de traballo non suporá modificación da súa categoría nin diminución dos seus dereitos económicos.

Rematada a causa que motivou o cambio do posto de traballo, procederase á reincorporación ó seu destino orixinal.

10.2. c) Nos casos de adopción e acollemento, se o fillo adoptado ou acollido é menor de 6 anos, a licencia terá unha duración máxima de 16 semanas contadas, á elección do traballador, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se vén constituí-la adopción. Se o fillo adoptado ou acollido é maior de 6 anos e se trate de discapacitados ou minusválidos físicos ou psíquicos, a licencia terá tamén unha duración de 16 semanas. No caso de que o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercita-lo dereito.

10.2. d) Lactación: a traballadora, por lactación dun fillo menor de nove meses, terá dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderá dividir en dúas fraccións. A traballadora, por vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser gozado indistintamente pola nai e polo pai no caso de que ámbolos dous traballasen.

10.3. Licencia por realización de estudios.

10.3. a) O persoal terá o dereito e o deber de realizar cursos de perfeccionamento e promoción profesional sobre materias relativas ó posto de traballo que ocupa, ou para poder acceder a outro distinto e/ou de superior categoría.

10.3. b) Poderá concederse licencia para realizar estudios ou cursos en materia directamente relacionada coa Administración pública, despois de solicitalo, presentando no rexistro xeral e con fundamento na xustificación na súa asistencia e da necesidade ou non do servicio que preste o/a traballador/a. Para a realización de cursos de perfeccionamento terá dereito a percibi-la retribución íntegra ata un máximo de 40 horas cando estas se realicen durante a xornada laboral. Poderán concederse permisos con carácter de comisión de servicios para a realización de estudios directamente relacionados

coa Administración pública, logo de informe favorable do superior xerárquico, devengando o traballador/a as retribucións básicas.

Artigo 11º.-Excedencia por coidado de fillos.

O persoal fixo terá dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza ou por adopción, contado desde a data de nacemento deste ou desde a adopción. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia, que porá fin ó que se viñera gozando. Cando o pai e a nai traballe, só un deles poderá exercitar este dereito.

O tempo de gozo da excedencia contemplada neste artigo computará para os efectos de antigüidade. Para os efectos de cotización na Seguridade Social haberá que aterse ó disposto no Real decreto 2064/1995, do 22 de decembro, e normativa concordante.

Artigo 12º.-Común a permisos e licencias.

Nas referencias feitas no presente capítulo a días de permiso ou licencias, entenderanse feitas a días naturais, sexan laborables ou non, agás no relativo a permisos por asuntos propios que se entenderán sempre como días laborables.

En todo caso os días de permiso por: traslado de domicilio, asistencia a exames, matrimonio de parentes, enfermidades, accidentes ou falecemento de familiares deberán de coincidir necesariamente co día no que se produza o evento.

Artigo 13º.-Excedencias.

Os traballadores terán dereito a excedencia voluntaria, sen remuneración, coa cobertura da excedencia forzosa recollida no artigo 46 de E.T. nos casos de:

a) Para preparación de oposicións.

b) Por cambio de profesión.

Terán dereito á utilización destas excedencias os traballadores fixos cun mínimo de antigüidade dun ano no concello e con categoría profesional que non sexa de libre designación.

A estas excedencias terase dereito unha soa vez no transcurso da súa relación laboral e por un período máximo dun ano.

Terase dereito por coidado de familiares contemplado no punto 3 do artigo 46 do E.T. sen limitación de antigüidade no Concello; no caso de que un novo suxeito causante dese dereito a un novo período de excedencia, o inicio desta dará fin o que, se é o caso, se veña gozando.

Capítulo IV.-Calendario, xornada e horarios laborais

Artigo 14º.-Calendario.

A marxe dos festivos reflectidos no calendario laboral o día de Sta. Rita, patroa da Administración local, terá a condición de festivo non recuperable e retribuído. Para evita-lo peche do concello o persoal que non librase o propio día de Sta. Rita, esco

llerá un día na semana anterior ou posterior ó dito día.

Artigo 15º.-Xornada.

1. A xornada laboral será de 37,5 horas semanais.

2. Ós/ás traballadores/as con contrato a tempo parcial aplicáraselle-la porcentaxe horaria.

3. Aqueles traballadores que realicen estudios ou asistan a cursos de formación terán preferencia á adaptación do seu horario de traballo para a asistencia a estes.

4. Durante o período comprendido entre o 1 de xullo e o 1 de setembro establécese unha xornada de 35 horas semanais, producíndose a recuperación da reducción de xornada na forma que estableza o correspondente calendario laboral.

Artigo 16º.-Horarios.

1. Xeral: de luns a venres, de 08.00 h a 15.00 h, e unha garda semanal de tarde en horario de 16.30 a 19.00 h.

2. Sábados: de 10.30 a 13.00 para efectos de rexistro. A persoa que realice a garda do sábado escollerá entre garda semanal de tarde da semana anterior ou posterior para libra-las citadas horas.

3. Persoal de limpeza, gardería, casa da cultura e polideportivo: horario que se convirá entre o xefe de persoal e o traballador/ra, sempre respectando as necesidades do servicio e nunca en fraccións inferiores a tres horas e media.

4. O persoal que realice xornada continua terá dereito ó goce dun descanso de 20 minutos durante a súa xornada, que se computará para tódolos efectos como tempo de traballo efectivo.

Capítulo V.-Réxime de retribucións

Artigo 17º.-Normas xerais e comúns.

1. O persoal laboral ó servicio do concello de Corcubión será remunerado segundo os conceptos que se determinan nos artigos seguintes e nas contías que figuren no cadro de persoal aprobado en cada orzamento.

2. As retribucións do persoal laboral serán distribuídas en catorce pagas iguais ó ano.

3. O salario mensual do persoal laboral ( agás antigüidade ) non poderá ser inferior ás retribucións que percibiría un funcionario que ocupase ese posto de traballo por tódolos conceptos retributivos ( agás a antigüidade ).

4. A ordenación do pagamento de gastos do persoal ten carácter preferente sobre calquera outro que deba realizarse con cargo ós fondos correspondentes da corporación.

Artigo 18º.-Conceptos retributivos.

O concepto de antigüidade será de aplicación a todo o persoal que preste os seus servicios neste concello e será determinado por trienios. A contía de cada trienio será a que determine o estado na

lei de orzamentos para cada grupo de titulación ou asimilados.

O concello comprométese a consignar nos orzamentos anuais unha partida para aboa-lo complemento de productividade que, en ningún caso, será inferior ó dotado no Orzamento municipal do ano 2002.

Artigo 19º.-Axudas sociais.

Os/as traballadores/as do concello quedan exentos de paga-las taxas recollidas na ordenanza fiscal nº 2, sempre e cando se derive da relación laboral existente entre o concello e o interesado.

Artigo 20º.-Asistencia xurídica.

A corporación obrígase a prestar asistencia xurídica ós seus empregados/as nos supostos de conflictos xurídicos con terceiros como consecuencia da prestación dos seus servicios.

Artigo 21º.-Anticipos reintegrables.

1. Por petición do interesado, o concello concederalle ó persoal laboral anticipos de cantidades sobre o soldo, e a súa devolución efectuarase mediante deduccións mensuais en nóminas e sen que xeren ningún tipo de xuro.

2. A contía dos citados anticipos será de ata tres mensualidades dos haberes totais líquidos e non poderá superar, en ningún caso, a contía de 2.000,00 euros.

A devolución efectuarase nos seguintes prazos:

a) Dez meses para os anticipos dunha mensualidade.

b) Catorce meses para os anticipos de dúas mensualidades.

c) Vintecatro meses para os anticipos de tres mensualidades.

3. En calquera momento, a contía pendente de amortización poderá ser liquidada polo traballador.

4. En todo caso, o período máximo de devolución solicitado polo persoal non poderá supera-la data da súa xubilación.

5. Non se concederán novos anticipos se o empregado non amortizase, cando menos o 75 por cento do que tiña concedido con anterioridade, salvo que, por causa de imperiosa necesidade, debidamente xustificada, así o estimase a Alcaldía.

6. Cando se trate de anticipos solicitados por persoal laboral temporal, a súa devolución realizarase en todo caso antes de que finalice a relación contractual.

Artigo 22º.-Axudas de custo e quilometraxe.

1. A todo/a traballador/a que, de forma circunstancial e debidamente autorizado, deba exerce-lo seu labor fóra do termo municipal, aplicaráselle o réxime de axudas de custo vixente para os empregados públicos.

2. Os traballadores que utilicen vehículo propio coa correspondente autorización para desprazarse fóra do termo municipal, por motivos de traballo, percibirán a cantidade por quilometraxe que estea aprobada para os empregados públicos.

3. Os traballadores percibirán axudas de custo nos seguintes casos:

a) Cando mediase un desprazamento por razón do servicio a outra localidade.

b) Cando se asista, previa autorización, a cursos de formación, perfeccionamento, xornadas de traballo, xornadas de debate, charlas, etc.

A contía das axudas de custo será a establecida na normativa vixente en cada caso.

4. Cando un traballador utilice o seu vehículo para facer desprazamentos por razóns do seu servicio:

a) Aboáraselle a cantidade estipulada por lei.

b) No caso de que para os membros da corporación se fixe unha cantidade maior, aplicarase esta última.

5. Terán dereito ó concepto de compensación por asistencia os traballadores:

a) Os que asistan como vocais, secretarios ou asesores a órganos de selección de persoal (tribunais de oposicións, órganos de selección, comisións de estimación, etc.).

b) Os delegados/as de persoal cando se reúnan na comisión mixta, paritaria ou en calquera comisión ou representación da corporación para tratar temas relativos do persoal fóra da xornada normal de traballo.

Non obstante, establécese que as reunións da comisión mixta, paritaria ou dos/as delegados/as de persoal con calquera órgano do concello serán preferentemente en horas de traballo.

6. A contía das asistencias será a que se establece na lexislación vixente e nos casos non previstos nesta determinarase por analoxía ou similitude.

7. As indemnizacións serán aboadas do seguinte xeito:

a) Cando se trate de asistencia a cursos de formación adiantarase o seu importe.

b) Nos restantes casos, no prazo máximo de 30 días, a partir da súa retribución, podendo adiantarse o importe no caso de desprazamento por razón de servicio, logo de solicitude do traballador.

Artigo 23º.-Gratificacións por servicios especiais e extraordinarios.

1. Os traballos que deban ser realizados polo persoal municipal fóra da xornada normal de traballo deberán contar coa autorización expresa do alcalde ou persoa en quen se delegue, procedéndose a compensar en días libres o tempo extra de traballo realizado na proporción de 175 por hora feita en xornada diaria e de 225 en sábados, domingos ou festivos. No caso de non ser posible esta compensación pro

cederase ó seu aboamento na proporción anteriormente sinalada.

2. Trimestralmente facilitarase unha relación do persoal que cobrou gratificacións por servicios especiais e extraordinarios realizados no dito período.

Artigo 24º.-Seguro de responsabilidade civil.

O concello subscribirá unha póliza que garanta a cobertura por responsabilidade civil que se poida derivar das actividades profesionais do persoal municipal, salvo no caso de manifesta neglixencia debidamente probada.

Artigo 25º.-Seguro de accidentes laborais.

O concello concertará unha póliza de accidentes de traballo, sendo asegurados/as todos e todas os/as traballadores/as do cadro de persoal municipal en situación de servicio activo. As condicións da dita póliza serán as seguintes:

a) Cobertura: falecemento, invalidez absoluta e permanente ou invalidez parcial, exclusivamente para aqueles casos de accidentes sufridos durante o exercicio das ocupacións profesionais ou in itinere.

b) Capitais garantidos:

-Falecemento: 60.101 euros.

-Invalidez absoluta e permanente: 60.101 euros.

-Invalidez parcial: segundo baremo da invalidez.

Capítulo VI.-Dereitos profesionais

Artigo 26º.-Normas xerais.

1. O persoal laboral ten dereito a carreira administrativa e a promoción profesional, para iso o concello potenciará e realizará a formación profesional dos seus empregados mediante o ascenso destes ós postos de traballo de niveis superiores ó grao persoal que todo/a traballador/a posúa (por asimilación ós funcionarios) dentro dos termos establecidos na lexislación vixente.

2. A corporación creará e dotará no orzamento anual as prazas ou postos de traballo que sexan precisas, tendo en conta os principios de racionalidade, economía e eficacia.

3. Condición indispensable para calquera clase de mobilidade, promoción ou provisión é a existencia da relación de postos de traballo, debidamente aprobada polos órganos competentes para iso.

4. Ningún posto de traballo deberá ser cuberto por adscrición indiscriminada ou arbitraria.

Artigo 27º.-Promoción interna.

1. A promoción interna consiste no ascenso dos/as empregados/as dun grupo inferior a outro superior.

2. Non poderá efectuarse promoción interna sen aprobarse previamente a perceptiva relación de postos de traballo.

3. A promoción interna ou de cobertura de vacantes do persoal laboral realizarase sobre os postos de traballo que consten na oferta pública de emprego

que deban cubrirse con persoal laboral fixo de novo ingreso e que non fosen cubertas no correspondente proceso de selección.

A totalidade das prazas vacantes ás que se fai referencia no punto anterior serán cubertas mediante quenda restrinxida de promoción interna no que se terá en conta os méritos e baremos que se sinalen nas correspondentes bases.

4. Aquelas prazas ou postos de traballo que non fosen cubertos na quenda restrinxida serán novamente incluídas na oferta pública de emprego para a súa dotación regulamentaria.

Capítulo VII.-Dereitos e deberes do persoal

Artigo 28º.-Dereitos e deberes.

Os dereitos e deberes do persoal serán os establecidos na lexislación vixente. Mención expresa merece o dereito e deber de emprega-lo galego, tanto oral como por escrito, por parte dos e das traballadores/as, e o deber do concello de facilita-la formación neste terreo.

Capítulo VIII.-Dereitos sindicais

Artigo 29º.-Dos e das delegados/as sindicais.

1. O concello facilitará os medios técnicos e material necesario para o normal desenvolvemento das funcións dos/as delegados/as de persoal: local de xuntanzas, sala de asembleas, fotocopiadora, teléfono, telefax, material de oficina, etc.

2. Recoñécese tamén capacidade xurídica e de obrar, de acordo co establecido na lexislación vixente, os sindicatos, seccións sindicais e, en xeral, as organizacións legalmente establecidas e creadas para a defensa dos intereses dos/as traballadores/as, as cales poderán a través dos seus órganos acreditados ante o concello, realizar todo tipo de acción sindical das previstas na normativa vixente.

3. Recoñécense tódolos dereitos sindicais establecidos por lei.

4. Garántese o dereito á libre sindicación e organización dos/as traballadores/as, así como o exercicio do dereito de folga, coas limitacións impostas pola lei e non discriminación, prexuízo nin sanción por razóns de afiliación ó exercicio dos dereitos sindicais.

5. Fíxanse en 20 horas mensuais as de libre disposición para cada un dos delegados sindicais. Podendo, no caso de necesitalas para desenvolve-la súa función sindical, utilizar un mesmo delegado/a e no mesmo mes as horas sindicais doutro delegado/a.

Non se consideran computables como horas sindicais nin as de negociación nin aquelas que se utilicen en reunións con órganos da administración a iniciativa destes.

Artigo 30.-Garantías sindicais.

1. Os/as delegados/as sindicais non poderán ser sancionados nin despedidos durante o exercicio das súas funcións, nin no ano seguinte ó seu cesamento, como consecuencia das súas actividades sindicais.

2. Tampouco poderán ser trasladados da unidade, centro ou posto de traballo, en contra da súa vontade expresa, durante o período citado no parágrafo anterior.

3. Os/as delegados/as sindicais non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional, en razón precisamente do desempeño da súa representación.

Artigo 31º.-Asembleas.

1. O concello comprométese a facilitar un local para a relización de asembleas xerais ou do centro, e a disposición de tempo de ata un máximo de 36 horas, de conformidade coa Lei 9/1987.

2. Sen prexuízo do anteriormente establecido, cada centro de traballo poderá realizar asembleas dentro da xornada laboral e dentro da primeira ou última media hora, coa intervención e presencia dalgún delegado sindical, comunicada a súa realización ó xefe de persoal cunha antelación de dous días hábiles. O dito período de media hora non se poderá computar negativamente a ningún efecto.

Capítulo IX.-Seguridade e hixiene no traballo

Artigo 32º

1. O persoal ten dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e psíquica e a protección da súa saúde, así como a unha adecuada política de seguridade e hixiene no traballo, e a participar na formulación da política de seguridade de prevención no seu centro de traballo e no control e vixilancia das medidas adoptadas no desenvolvemento destas.

2. O Concello obrigarase a promover, fomentar e pór en aplicación unha adecuada política de seguridade e hixiene en todos e cada un dos departamentos, servicios e centros de traballo del dependentes.

3. Os/as traballadores suxeitos a riscos específicos serán dotados das prendas e elementos de protección adecuadas e homologadas para afronta-la natureza do risco, segundo o que prescribe a actual normativa de prevención de riscos laborais.

4. En tódolos centros de traballo haberá, como mínimo, unha caixa de urxencias de primeiros auxilios debidamente provisto.

Artigo 33º.-Vestiario de traballo.

O concello proporcionará vestiario de traballo en concordancia co posto de traballo e a función que se realice. A comisión paritaria velará para que as pezas de roupa e elementos de protección reúnan as condicións adecuadas e estean homologadas pola autoridade competente.

Servicio de limpeza: o concello entregará o primeiro día de traballo obrigatoriamente 2 pares de zocas e 2 mandilóns por ano, así como as pezas de roupa que poidan necesita-las/os traballadoras/es para a súa protección e hixiene.

Disposicións transitorias

Primeira.-O Concello de Corcubión comprométese a elaborar un plan de emprego coa finalidade de ocupar de xeito estable, con carácter fixo, aqueles postos de traballo que, sendo estructurais, están ocupados por persoal temporal desde hai máis de 3 anos.

No primeiro trimestre do ano 2003 elaborarase a listaxe de postos que se van estabilizar e a súa convocatoria realizarase ó longo dese mesmo ano.

O sistema de selección empregado será o de concurso-oposición, sendo considerado como mérito preferente o ter traballado no Concello de Corcubión nun posto de igual característica que o que é obxecto de convocatoria.

Segunda.-O Concello de Corcubión comprométese a elaborar, durante o ano 2003, a catalogación dos postos de traballo e a proceder durante este mesmo período á súa valoración.

Terceira.-Os efectos económicos deste convenio regulador quedan supeditados a que se habiliten os créditos orzamentarios necesarios.

Disposicións xerais

Primeira.-Entenderase por cónxuxe a persoa ligada ó traballador por vínculo legal ou por análoga relación de afectividade. Neste último caso deberá acreditarse co certificado de convivencia para os efectos oportunos.

Segunda.-O feito de que un traballador ou traballadora non faga a súa xornada laboral (por vacacións, IT, permisos, etc.) non implicará, en ningún caso, o aumento da xornada laboral do resto dos/as traballadores/as dese servicio ou dependencias.

Terceira.-En caso de despedimento improcedente, o/a traballador/a poderá optar entre incorporarse ó traballo ou optar pola indemnización correspondente.