Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 21 de novembro de 2003 Páx. 14.410

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 410/2003, do 6 de novembro, sobre autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro (BOE do 23 de xaneiro de 1998), aproba as directrices xerais para a obtención dos títulos de técnicos deportivos, así como as correspondentes ensinanzas mínimas. Esta norma, na súa disposición final segunda, habilita os órganos competentes das comunidades autónomas, no ámbito da súas respectivas competencias, para o desenvolvemento do disposto neste real decreto.

De conformidade coas competencias que en materia de educación ten atribuídas a Comunidade Autónoma galega en virtude do establecido no artigo 31 do Estatuto de autonomía, o presente decreto regula o procedemento a seguir para a autorización dos centros privados e dos centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, as ensinanzas de técnicos deportivos ás que se refire o Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro.

Para a concesión da autorización os centros deberán reuni-las condicións que, con carácter xeral, determina o mencionado Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, e as que dunha maneira específica se establezan no real decreto correspondente ó título e as ensinanzas mínimas de cada modalidade ou especialidade, así como no decreto que desenvolva o currículo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, cómpre regula-las modificacións das que pode ser obxecto a autorización destes centros, así como a súa extinción, de se-lo caso, establecendo o procedemento que hai que seguir.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de consulta á Secretaria Xeral para o Deporte, actual Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, tendo en conta os informes do Consello Escolar de Galicia e do Consello Galego de Formación Profesional e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de novembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

1. A apertura e funcionamento dos centros privados e dos centros públicos que non sexan de titularidade

da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, as ensinanzas conducentes á obtención das titulacións de técnicos deportivos ás que se refire o Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, someterase ó principio de autorización administrativa.

2. A autorización concederase sempre que os centros reúnan as condicións que, con carácter xeral, determina o mencionado Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, e dun xeito máis específico para cada unha das modalidades e especialidades deportivas, o real decreto que para cada caso estableza o título e as súas ensinanzas mínimas, así como o correspondente decreto que desenvolva o currículo da Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo como tal o conxunto de obxectivos, contidos, métodos pedagóxicos e criterios de avaliación de cada un dos niveis, etapas, ciclos, graos e modalidades do sistema educativo.

3. A autorización administrativa que se concedera a un centro extinguirase cando este deixe de cumpri-los requisitos e demais condicións que a posibilitaron.

Artigo 2º

1. Os centros docentes de formación de técnicos deportivos poderán ser de titularidade pública ou privada. Terán a consideración de centros públicos os que teñan como titular un poder público e serán centros privados aqueles nos que a súa titularidade a ostente unha persoa física ou xurídica de carácter privado, xa sexa de nacionalidade española ou de calquera outro Estado membro de Unión Europea.

2. Poderán igualmente, obte-la indicada autorización as persoas, físicas ou xurídicas, de nacionalidade estranxeira, axustándose o que resulte da lexislación vixente, dos acordos internacionais ou, se é o caso, do principio de reciprocidade.

3. Non poderán ser titulares dun centro de formación de técnicos deportivos:

a) As persoas que presten servicios no ámbito educativo da Administración, xa sexa estatal, autonómica ou local.

b) Os que teñan antecedentes penais por delictos dolosos.

c) As persoas, físicas ou xurídicas, expresamente privadas do exercicio deste dereito por sentencia xudicial firme.

d) As persoas xurídicas nas que as persoas incluídas nos puntos anteriores desempeñen cargos rectores ou sexan titulares do 20 por 100 ou máis do capital social.

Artigo 3º

1. De conformidade co previsto no artigo 31 do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, os centros terán a denominación xenérica de centro público ou centro autorizado, segundo que a súa titularidade sexa pública ou privada. Esta denominación xenérica completarase coa mención da modalidade ou modalidades das ensinanzas que imparta.

2. Ademais da denominación xenérica, tódolos centros terán unha denominación específica que figurará na correspondente inscrición rexistral, non podendo utilizar denominacións diferentes daquela.

3. Tódalas resolucións que impliquen modificación dos asentos do Rexistro de Centros serán públicas no Diarios Oficial de Galicia.

Capítulo II

Requisitos dos centros

Artigo 4º

1. A autorización para a apertura e posta en funcionamento dun centro de formación de técnicos deportivos esixirá o cumprimento das condicións materiais que en canto a instalacións e equipamentos se establecen no Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, así como aqueloutras que se especifican nos artigos 5º a 9º do presente decreto.

2. A creación de centros públicos efectuarase por Decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo de tramitación do procedemento establecido no capítulo III deste decreto, coas adaptacións correspondentes.

Artigo 5º

Os centros poderán imparti-las ensinanzas nas modalidades e especialidades deportivas, sempre que:

a) Os títulos e as ensinanzas mínimas correspondentes fosen establecidos de conformidade co disposto nos artigos 14, 15, 16 e 17 do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro.

b) Estea aprobado o correspondente currículo da Comunidade Autónoma de Galicia, tal e como dispón o artigo 19 do citado Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro.

Artigo 6º

Os centros que desexen impartir unha ou varias modalidades deportivas deberán reuni-las condicións de espacios, equipamentos, seguridade e responsabilidade que para ela ou elas se determinen nos reais decretos que establezan os correspondentes títulos e as súas ensinanzas mínimas, así como nos decretos polos que se aproben os correspondentes currículos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º

Os centros deberán reuni-las condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade e seguridade esixidas pola lexislación vixente. Así mesmo, as instalacións posuirán as condicións necesarias para posibilita-lo acceso e a utilización polos usuarios con minusvalidez, de acordo coa lexislación aplicable.

Artigo 8º

Tendo en conta as especiais características das ensinanzas de técnicos deportivos, os centros establecerán, antes da súa posta en funcionamento e durante os períodos lectivos, a correspondente cobertura de seguridade para a totalidade das persoas que permanezan nos espacios e instalacións.

Artigo 9º

O profesorado deberá reuni-los requisitos xerais e de titulación establecidos nos artigos 38 e 39 do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, así como os que para cada modalidade e especialidade deportiva dispoñan tanto o correspondente real decreto que estableza o título e as súas ensinanzas mínimas como o decreto que desenvolva o currículo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo III

Procedemento de autorización

Artigo 10º

1. O expediente de autorización administrativa para a apertura e posta en funcionamento destes centros docentes iniciarase por instancia de parte, mediante solicitude dirixida ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a través da delegación provincial correspondente.

2. Á solicitude xuntaráselle declaración ou manifestación de que o promotor do centro non se encontra en ningún dos supostos previstos no artigo 2º.4 deste decreto.

3. No caso de que o centro sexa promovido por unha federación deportiva española que cumpra os requisitos establecidos no artigo 34 da Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte e de conformidade co establecido no artigo 35.3º do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, as solicitudes de autorización tramitaranse a través do Consello Superior de Deportes.

4. Se o centro é promovido por unha federación deportiva galega, a solicitude de autorización tramitarase a través da Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

5. En relación coas instalacións que o centro vaia utilizar, o titular deberá presenta-lo orixinal ou a fotocopia compulsada da documentación acreditativa do título xurídico de propiedade ou, se é o caso, a documentación que xustifique a posibilidade de utiliza-los espacios e instalacións afectadas.

Á solicitude xuntaráselle o proxecto das obras que teñan que realizarse para a construcción do centro, e que se axustarán ás condicións mínimas establecidas regulamentariamente. Se se trata de inmobles xa existentes, deberán presentarse os planos das instalacións no seu estado actual e, se é o caso, o proxecto das obras previstas para o seu acondicionamento.

6. A solicitude irá acompañada da relación do persoal docente do que disporá o centro desde o momento do inicio da súa actividade, con indicación das súas titulacións respectivas e da súa xustificación documental. Esta relación poderá ser substituída polo compromiso de ser achegada antes do inicio das actividades e, en todo caso, coa antelación necesaria para que poida ser aprobada expresamente pola delegación provincial, logo do informe da Inspección educativa.

Artigo 11º

1. Se as instalacións propostas teñen que construírse ou reformarse, os servicios competentes da delegación provincial remitirán, no prazo máximo de dous meses, os informes pertinentes sobre o proxecto presentado, á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa quen, logo de acadar, se o considera oportuno, outros informes, dictará resolución sobre a adecuación do proxecto ós requisitos mínimos.

2. A resolución da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, de aprobación ou denegación do proxecto, que irá precedida do trámite de audiencia ó interesado cando proceda, deberá producirse no prazo máximo de tres meses desde a presentación deste. Esta resolución, que non porá fin á vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Unha vez realizadas as obras, de acordo co proxecto previamente aprobado, o titular interesado comunicaralle a súa finalización á delegación provincial, quen, no prazo dun mes, remitirá á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa un informe no que, logo das comprobacións oportunas, fará constar expresamente se as ditas obras se realizaron segundo o proxecto aprobado.

Artigo 12º

No suposto de que o centro vaia utilizar inmobles xa existentes nos que non sexan precisas obras de acondicionamento, os servicios correspondentes da delegación provincial remitiranlle os informes pertinentes á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, nun prazo máximo de dous meses desde a recepción da solicitude.

Artigo 13º

1. A Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, logo de acadar, se o considera oportuno, outros informes, elevaralle a súa proposta, no prazo máximo de dous meses, ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda.

2 A resolución da autorización seralle notificada ó interesado e, no caso de ser estimada, publicarase mediante orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra esta resolución, que poñerá fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo.

Artigo 14º

1. A autorización de apertura e posta en funcionamento dun centro para formación de técnicos deportivos, producirá efectos a partir da data da resolución. Non obstante, na orde que autorice a apertura e posta en funcionamento do centro poderá dispoñerse, logo de instancia motivada do titular do centro apreciada pola Administración, que se aprace a súa posta en funcionamento.

2. Calquera modificación que se produza no cadro do profesorado deberalle ser comunicada á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para a súa aprobación expresa, logo do informe da Inspección educativa.

3. No centro impartiranse as ensinanzas autorizadas conforme as normas académicas en vigor.

4. Os centros autorizados inscribiranse no Rexistro de Centros Docentes e os asentos rexistrais seranlle comunicados ó Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Capítulo IV

Procedemento de modificación da autorización

Artigo 15º

1. Considéranse circunstancias que dan lugar á modificación da autorización as seguintes:

a) O cambio de denominación específica do centro.

b) A modificación das instalacións que supoña alteración das dimensións dos espacios ou cambio do seu uso.

c) A ampliación ou reducción do número de unidades.

d) A modificación das modalidades de ensinanza ou do grao para o que foi autorizado o centro.

e) A ampliación, reducción ou substitución de modalidades ou especialidades para as que foi autorizado o centro.

f) O cambio de titularidade do centro.

2. O cambio de domicilio do centro por traslado de instalacións, esixirá a obtención dunha nova autorización.

Artigo 16º

1. A modificación da autorización deberá ser aprobada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que a concederá unha vez acreditadas as circunstancias modificativas e o mantemento dos demais requisitos que posibilitaron a obtención inicial da autorización.

2. O procedemento poderá iniciarse a solicitude do interesado ou, de se-lo caso, de oficio.

3. Se o procedemento é iniciado por instancia de parte, os interesados presentarán a solicitude, na que se expresen as causas da modificación, perante a correspondente delegación provincial.

4. A modificación da autorización tramitarase, no caso de que as instalacións propostas teñan que construírse ou reformarse, segundo o procedemento establecido no artigo 11º do presente decreto. Se se trata de instalacións xa existentes nas que non sexan precisas obras de acondicionamento seguirase o procedemento establecido no artigo 12º deste decreto.

5. A resolución da modificación notificaráselle ó interesado e, no caso de ser estimada, será publicada mediante orde no Diario Oficial de Galicia.

6. Contra esta resolución, que porá fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo.

Capítulo V

Procedemento de extinción da autorización

Artigo 17º

1. A extinción da autorización poderá iniciarse de oficio ou por solicitude do titular interesado.

2. A solicitude de extinción de autorización por parte do titular interesado poderá ter efectos inmediatos sempre que o centro solicitante non estea impartindo as ensinanzas para as que foi autorizado. En caso contrario haberá que aterse ó establecido no artigo 18º.2 deste decreto.

3. A iniciación de oficio do procedemento de extinción da autorización corresponderalle á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa cando, de acordo co disposto no artigo 23 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación (BOE do 4 de xullo) o centro deixe de reunir algún dos requisitos esixidos para a súa autorización. Tamén se iniciará este procedemento cando as ensinanzas impartidas polo centro non se adecuen ós correspondentes programas e plans de estudio e, en xeral, cando se incumpran as normas de ordenación académica en vigor.

Así mesmo, poderase inicia-lo mencionado procedemento de oficio cando o centro, de feito, cesase na súa actividade durante os dous anos inmediatamente anteriores.

4. En todo caso, antes de inicia-lo expediente de extinción de oficio, poderá abrirse un período de información previa co fin de coñece-las posibles deficiencias que poden dar orixe á extinción.

5. Unha vez acordada a iniciación do procedemento, practicada, se é o caso, a proba e pedidos os informes que sexan necesarios, darase audiencia ós interesados, e logo de ser dictada a proposta de resolución pola Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, para logo resolve-lo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 18º

1. A resolución de extinción da autorización, dictada mediante orde polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, notificaráselle ó interesado e será publicada no Diario Oficial de Galicia.

2. Na orde pola que se acorde a extinción da autorización poderá dispoñerse que os efectos daquela sexan progresivos coa finalidade de que os alumnos do centro non sufran alteración na súa traxectoria formativa.

3. Contra esta resolución, que poñerá fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ou ben, directamente recurso contencioso-administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para a execución e aplicación do establecido neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de novembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria