Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Mércores, 03 de decembro de 2003 Páx. 14.864

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se declara a utilidade pública, en concreto, se aproba o proxecto de execución modificado e se recoñece a condición de instalación acollida ó réxime especial do parque eólico denominado Monseivane, nos concellos de Abadín e Vilalba (Lugo). (Expediente 015/EOL).

Examinado o expediente instruído por instancia de Desarrollos Eólicos, S.A. (en adiante DESA), con domicilio para efectos de notificacións en Isidro Parga Pondal, nº 2-1º E., 15702 Santiago de Compostela (A Coruña), sobre autorización e aprobación de instalacións, recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial e utilidade pública do parque eólico denominado Monseivane, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-O 2 de xaneiro de 1998, Tomás Andueza Gastesi, en nome e representación de DESA solicitou a autorización administrativa dos parques eólicos

de Penas da Mosa, para unha potencia de 14,1, Fonte Toxoso, para unha potencia de 13,8 MW e Monseivane, para unha potencia de 13,5 MW nos municipios de Vilalba e Abadín (Lugo).

Segundo.-Por Resolución do 30 de outubro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, autorizáronse as instalacións electromecánicas, aprobouse o proxecto de execución, declarouse a utilidade pública e recoñeceuse a inclusión de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica do parque eólico denominado Monseivane, de 41,4 MW de potencia unitaria, que se vai instalar nos concellos de Vilalba e Abadín, na provincia de Lugo, como resultado da unificación dos parques eólicos denominados Penas da Mosa (expte. 016-EOL), Fonte Toxoso (Expte. 014-EOL) e Monseivane (expte. 015-EOL), autorizados administrativamente pola Dirección Xeral de Industria, mediante resolucións do 8 de setembro de 1998, 9 de setembro de 1998 e 14 de decembro de 1998 respectivamente.

Terceiro.-O 15 de outubro de 2002, Tomás Andueza Gastesi, en nome e representación de DESA presentou o proxecto modificado do parque eólico de Monseivane, para unha potencia de 41,4 MW, motivado pola optimización do recurso eólico mediante a substitución das máquinas antigas por outras de 900 kW, nos municipios de Vilalba e Abadín, solicitando a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración, en concreto, de utilidade pública, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a inclusión de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica, achegando a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, abastecemento e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de

Galicia, de aplicación a este expediente en virtude do disposto na disposición transitoria terceira do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeneración.

Cuarto.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, abastecemento e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e o Decreto 205/1995, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica

en Galicia, mediante resolución da delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo con data do 30 de xaneiro de 2003, publicada nos xornais El Progreso, La Voz de Galicia, DOG e no BOP de Lugo do 13 de febreiro de 2003, e no taboleiro de anuncios dos concellos de Vilalba e Abadín.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Julián Martín Castañeda, representante de Cosme Santomé Insua e outros alegan que son donos do monte Toxoso, onde se pretende situa-lo parque; que o dito monte resultou indebidamente clasificado como monte veciñal en man común, razón pola que se atopan en desenvolvemento das actuacións para a súa adecuada cualificación; que debido a iso non se procedeu á notificación individual ós afectados e non se definiron correctamente as afeccións, prexudicando os afectados o queda-lo predio dividido en dúas lonxitudinalmente e que non existe estudio que permita a necesaria avaliación do impacto ambiental nin para a determinación da prevalencia.

2. José Luis Vega López alega que o promotor cometeu unhas irregularidades que fan nulo de pleno dereito o expediente: que na Resolución do 30 de outubro de 2000, pola que se autorizaba o parque eólico de Monseivane de 41,4 MW establecíase un prazo de 18 meses desde a ocupación dos terreos, para a posta en marcha da instalación, cuestión que non se cumpriu, presentando o promotor o proxecto modificado dous anos despois; que o dito modificado tramitouse de acordo cos decretos 2617/1966 e 2619/1966, derrogados polo Decreto 1955/2000 excepto para os expedientes en tramitación, e se o dito expediente estivese en tramitación non se podería tramitar, de acordo co exposto no Decreto 302/2001 se non estaba incluído na resolución a que se fai referencia no artigo 17.1º do dito Decreto 302/2001.

3. Mª Josefa Fernández Ramudo (comuneira do Monte Veciñal en Man Común Toxoso) expón que non se opón á expropiación dos predios afectados, pero alega que debido a problemas internos dentro da comunidade do monte de Toxoso que poden prexudica-los comuneiros, a indemnización pola ocupación dos terreos debería de ser un canon anual en relación e proporción ó número de muíños, similar ó acordo alcanzado co monte veciñal da parroquia de Corvelle.

Unha vez concluído o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. José Luis Vega López presenta alegación nos mesmos termos que a presentada anteriormente con data do 21-3-2003, engadindo que a execución das liñas de evacuación non xustifica o inicio de obra, posto que constitúen un expediente administrativo diferente.

Quinto.-O 15 de maio de 2003, a delegación provincial emitiu informe sobre o citado proxecto coas características básicas:

Localización e líneas poligonais:

NomeMunicipiosVértices

MonseivaneVilalba-Abadín (Lugo)XY

V614.8004.809.200

V614.8004.804.500

V618.1004.803.400

V618.1004.808.100

Nº de aeroxeradores: 46.

Potencia unitaria por aeroxerador: 900 kW.

Xeradores: Neg-Micon NM 900/52.

Rotor de tres palas de: 52 m de diámetro.

Potencia total instalada: 41,4 MW.

Producción anual estimada: 137.070 MWh.

Investimento previsto: 36.768.709,31 euros.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

46 aeroxeradores Neg-Micon de 900 kW de potencia nominal unitaria.

46 centros de transformación de 1.000 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 0,69/20 kV, instalados unitariamente no interior da torre de aeroxerador coa súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de transformación e subestación transformadora 20/136 kV.

Subestación transformadora 20/136 kV para evacuación de enerxía producida no parque eólico Monseivane, composta por un transformador principal 20/136 kV de 38/48 MVA ONAF/ONAN de potencia nominal e un transformador para servicios auxiliares 20/0,4 kV de 50 kVA de potencia nominal cos correspondentes equipos de control, seccionamento, manobra e protección.

Sexto.-O 1 de setembro de 2003, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente resolveu aproba-la declaración de impacto ambiental do modificado do parque eólico de Monseivane de 41,4 MW, publicada no DOG do 23-10-2003, notificándose o promotor o 23 de outubro.

Sétimo.-O 30 de setembro de 2003 a Dirección Xeral de Urbanismo emite informe favorable, con emendas, do proxecto sectorial do citado parque eólico.

Oitavo.-O 29 de outubro de 2003, o promotor presenta escrito de alcanzar acordo amigable coas empresas Silicatos Minerales S.L. e Basazauri S.L. en relación coa concesión de explotación mineira Santitxu nº 5.177.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de diciembre, Decreto 302/2001, do 25 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a estas por parte da empresa promotora e do resto de documentación contida no expediente, queda de manifesto que:

1. En relación á alegación formulada por Julián Martín Castañeda e outros respecto ós posibles erros na titularidade dos predios afectados pola instalación do proxecto, cabe dicir que a empresa beneficiaria tomará razón destas. Non obstante, será durante o levantamento de actas ó que será oportunamente convocado, o momento no que pode demostra-la titularidade destas, achegando a documentación acreditativa necesaria. En canto á determinación da prevalencia cabe dicir que por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de novembro de 2000, foi declarada a prevalencia do interese social do parque eólico Monseivane sobre o monte veciñal en man común Toxoso, non cabendo entrar de novo a valorar esta ó tratarse do proxecto modificado do mesmo parque. Con respecto ás alegacións de carácter ambiental xa foron consideradas na declaración de impacto ambiental.

2. En relación coa alegación formulada por José Luis Vega López, hai que manifestar que o citado expediente foi sometido ó tramite de información pública, cumprindo cos requisitos de carácter procedemental esixidos polas normas en vigor.

O tratarse dun parque que fora autorizado antes da entrada en vigor do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, a tramitación do modificado do parque eólico Monseivane non require ser incluído na orde pola que se autoriza a tramitación de parques eólicos conforme o establecido no artigo 15.1º do Decreto 302/2001 xa citado.

Iniciado o expediente de revogación da autorización do proxecto de execución do citado parque, o 5-12-2001, ó que o interesado presentou alegacións, quedando demostrado nestas que o atraso na execución das obras foi debido a problemas na materialización das infraestructuras e modificacións necesarias nas instalacións de BEGASA, para a súa interconexión que a día de hoxe aínda non se atopan dispoñibles. Visto iso, esta dirección xeral estimou oportuno acepta-las alegacións ó consideralas adecuadas en dereito.

3. Non se toman en consideración as alegacións, formuladas por Mª Josefa Fernández Ramudo, referidas á valoración da afección das parcelas, por non

ser obxecto desta fase do expediente. Correspondendo esta valoración á fase de prezo xusto.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios. Así mesmo, a instalación e seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar a Desarrollos Eólicos, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do modificado do parque eólico denominado Monseivane de 41,4 MW, de potencia, que se van situar nos concellos de Vilalba e Abadín.

2. Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

3. Recoñecerlle a esa instalación a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998, e incluíla no grupo b.2) do artigo 2 do dito real decreto.

4. Declara-la utilidade pública en concreto das instalacións do parque eólico Monseivane, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

Todo de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-DESA para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento desta autorización, unha fianza de 735.374 euros, importe do 2% do orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 19 do citado Decreto 302/2001, do 25 de outubro.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, punto 3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan deberán de realizarse de acordo coas especificacións e plans que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 36.768.709,31 euros.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, dentro das súas respectivas competencias a delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio en Lugo poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a delegación provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo, inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por DESA no seu plan eólico.

Quinta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribir esta no rexistro de instalacións de producción de enerxía eléctrica en réxime especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orden da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do Real decreto 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde. O parque conectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de impacto ambiental do 1 de setembro de 2003, así como as que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 7.1º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia (DOG nº 188, do 25 setembro).

Sétima.-A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalacións, ampliación e traslado de industrias en xeral (BOE nº 176, do 25 de xullo), por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante ó conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados podan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de compostela, 20 de novembro de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas