Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 09 de decembro de 2003 Páx. 15.045

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 427/2003, do 27 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Alfoz, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acceso ó Instituto de Educación Secundaria de Alfoz-O Valadouro.

O Concello de Alfoz, en sesión do día dezaseis de xaneiro de dous mil tres, aprobou o proxecto de acceso ó Instituto de Educación Secundaria de Alfoz-O Valadouro e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Alfoz foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro

xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local de día vinteún de outubro de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vinteoito de outubro de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o Concello, o acceso ó Instituto de Educación Secundaria se realiza directamente desde a estrada comarcal Mondoñedo-Ferreira, de

tráfico moi intenso, e o espacio existente entre o instituto e a citada estrada non permite a realización de manobras de vehículos en axeitadas condicións de seguridade, polo que é necesario dotar dunha vía de acceso que permita a chegada dos autobuses do transporte escolar ó propio recinto do centro educativo, evitando así o potencial risco que, para os alumnos supón a parada actual, de espacio moi limitado.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de novembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Alfoz para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acceso ó Instituto de Educación Secundaria de Alfoz-O Valadouro, debendo, de se-lo caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obte-las autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ó inicio das obras.

Santiago de Compostela, vintesete de novembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local