Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 253 Mércores, 31 de decembro de 2003 Páx. 16.492

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 29 de decembro de 2003 pola que se modifica a Orde do 21 de setembro de 2000, modificada pola Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ó equipamento e servicio dos portos pesqueiros, e se particulariza para o exercicio 2004 o devandito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto.

Orde do 29 de decembro de 2003 pola que se modifica a Orde do 21 de setembro de 2000, modificada pola Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula

o procedemento de concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ó equipamento e servicio dos portos pesqueiros, e se particulariza para o exercicio 2004 o devandito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto.

A aplicación das disposicións da Orde do 21 de setembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ó equipamento e servicio dos portos pesqueiros (DOG nº 189, do 28 de setembro), modificada pola Orde do 27 de decembro de 2000, (DOG nº 251, do 29 de decembro), establece no seu artigo 4 que nos exercicios sucesivos da vixencia do actual Programa Operativo IFOP 2000-2006 as axudas outorgaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que para esta mesma finalidade se determinen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma do ano correspondente.

Así mesmo e como xa se sinalara na Orde do 22 de xaneiro de 2003 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes previsto na Orde do 30 de decembro de 2002 pola que se modifica a Orde do 21 de setembro de 2000, modificada pola Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se particulariza para o exercicio 2003 o devandito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto, a Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 (DOG nº 251, do 30 de decembro), sinala no seu artigo 43 que o prazo de presentación de solicitudes que se estableza nas correspondentes ordes de axudas e subvencións non será en ningún caso inferior a corenta (40) días hábiles.

Rematado o procedemento de concesión de axudas para o exercicio 2003, ó abeiro da referida orde e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2004, cómpre establece-las condicións particulares para a concesión destas axudas no vindeiro exercicio.

O artigo 1º, 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG nº 209, do 29 de outubro) establece, que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, mesmo cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no Proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación, e no segundo, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os

requisitos do artigo 58 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Ademais, o artigo 3º, 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada ós expedientes de bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal dictada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados ó aplicación das correspondentes medidas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modifícase o artigo 14º da Orde do 21 de setembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ó equipamento e servicio dos portos pesqueiros (DOG nº 189, do 28 de setembro), modificada pola Orde do 27 de decembro de 2000, (DOG nº 251, do 29 de decembro) de xeito que queda redactado como segue:

«Artigo 14º

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta (40) días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, salvo no caso de que a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano correspondente estableza o contrario. Neste último caso quedará fixado o prazo de presentación de solicitudes segundo o disposto nesta lei».

Artigo 2º.-Para o exercicio orzamentario 2004 as axudas ó abeiro da Orde do 21 de setembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de investimentos relativos ó equipamento e servicio dos portos pesqueiros (DOG nº 189, do 28 de setembro), modificada pola Orde do 27 de decembro de 2000, (DOG nº 251, do 29 de decembro), outorgaranse con cargo á aplicación 12.03.721V.770.2 que figura dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para o 2004, na que normalmente existirá crédito axeitado e suficiente, e ata o importe máximo de 1.015.561,48 A, reservándose para o efecto o correspondente crédito.

De conformidade co disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG nº 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG nº 209, do 29 de outubro), a concesión das correspondentes axudas queda sometida en todo caso á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2004 no momento da resolución.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos