Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 9 de maio de 2011 Páx. 8219

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN conxunta do 26 de abril de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade e da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, pola que se dispón a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CC.OO., CEMSATSE, CIG, CSI.F, UGT e USAE, sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

No marco da mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e coa finalidade de establecer un sistema de selección temporal para o persoal estatutario no ámbito das institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde, negociáronse os pactos publicados nos DOG do 13 de abril de 1993, do 12 de maio de 1994, do 19 de xaneiro de 1996, do 10 de marzo de 1997, do 25 de febreiro de 2000 e do 1 de xuño de 2004.

Iniciado o proceso de negociación dunha nova norma reguladora do sistema de selección do persoal estatutario temporal rematou este coa sinatura do pacto que se publica, subscrito de xeito unánime entre a Administración sanitaria e as centrais sindicais integrantes da mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, CC.OO., CEMSATSE, CIG, CSI.F, UGT e USAE.

A negociación foi celebrada de conformidade co artigo 38 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 38 da citada Lei 7/2007, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVEN:

Acordar a publicación do pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade que se inclúe xunto con esta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2011.

Sagrario Pérez Castellanos Rocío Mosquera Álvarez
Secretaria xeral técnica Xerente do Servizo Galego de Saúde
da Consellería de Sanidade

Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade

Estrutura do documento.

I. Normas xerais do pacto.

–Obxecto.

–Ámbito de aplicación.

–Vixencia e denuncia.

–Réxime transitorio.

–Seguimento.

II. Selección das persoas aspirantes.

A) Normas xerais.

–Requisitos das persoas aspirantes.

–Comúns.

–Específicos para promoción interna.

–Quendas de acceso e ámbito de dispoñibilidade.

–Orde de prelación das persoas aspirantes na lista.

–Procedemento de elaboración de listas.

–Inscrición en listas.

–Actualización de méritos.

–Xeración e publicación de listas.

–Acreditación de requisitos e méritos.

–Modificación de ámbitos e datos persoais.

–Novas categorías e reordenación.

–Baixa automática do persoal estatutario fixo.

B) Disposicións especiais.

–Áreas sanitarias con zonificacións de preferencia.

–Áreas especiais.

–Nomeamentos de curta duración.

–Nomeamentos a tempo parcial.

–Vinculacións de curta duración no ámbito da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061.

III. Xestión de chamamentos.

A) Normas xerais.

–Órgano competente.

–Orde de chamamentos.

–Realización e aceptación do chamamento.

–Suspensión de chamamentos.

–Período de proba.

–Revogación de nomeamentos.

B) Disposicións especiais.

–Promoción interna.

–Áreas especiais.

–Nomeamentos de curta duración.

–Nomeamentos a tempo parcial.

–Vinculacións de curta duración no ámbito da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061.

IV. Réxime de penalizacións.

–Por renuncia ao nomeamento.

–Por non superación do período de proba.

–Por incumprimento grave das persoas aspirantes.

–Na súa condición de aspirantes na lista.

–Derivado da prestación de servizos.

–Reincorporación en lista.

–Excepcións ao réxime de penalizacións.

Anexos:

–Anexo I: listas compatibles.

–Anexo II: categorías subsidiarias.

Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade

En Santiago de Compostela, 26 de abril de 2011, no marco da mesa sectorial de negociación do persoal de institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, de conformidade coas facultades conferidas no artigo 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde e no artigo 38 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, así como das competencias outorgadas á referida mesa sectorial polo acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais da mesa xeral, e logo do proceso negociador que culminou na sesión da citada mesa sectorial do 29 de marzo de 2011, subscríbese este pacto de selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, co contido que a seguir se expón:

I. Normas xerais.

I.1. Obxecto.

Este pacto establece e regula o procedemento de selección, a través de listas elaboradas consonte o baremo, das persoas aspirantes a nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

I.2. Ámbito de aplicación do pacto.

Este pacto aplicarase a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, baixo as modalidades establecidas no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro.

A selección temporal de persoal licenciado sanitario efectuarase por listas, conforme a baremo, nas categorías de pediatra de atención primaria, médico/a de familia, farmacéutico/a de atención primaria, odontólogo/a, técnico/a de saúde, médico/a de urxencias hospitalarias, médico/a coordinador/a do 061, médico/a asistencial do 061, médico/a especialista en medicina do traballo e psicólogo/a clínico/a.

A selección por listas noutras categorías de persoal licenciado sanitario distintas ás indicadas no parágrafo anterior, requirirá do acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto.

I.3. Vixencia e denuncia do pacto.

Este pacto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A súa vixencia rematará o 31 de decembro de 2014, prorrogándose automaticamente por sucesivos períodos dun ano, de non mediar denuncia expresa de calquera das partes cunha antelación mínima de dous meses ao remate de cada ano natural.

De existir denuncia da vixencia deste pacto, prorrogarase a súa efectividade ata a formalización do novo pacto ou norma que o substitúa, tras a negociación correspondente.

I.4. Réxime transitorio.

I.4.1. En tanto non se publiquen as listas de persoas aspirantes seleccionadas en aplicación dos criterios contidos neste pacto, serán de aplicación respecto de cada categoría e para os chamamentos que resulte necesario efectuar, as últimas listaxes confeccionadas e as normas de xestión contidas no Pacto do 24 de maio de 2004 (Diario Oficial de Galicia n.º 104, do 1 de xuño de 2004).

I.4.2. Mentres non se desenvolvan as estruturas de xestión integrada, as competencias atribuídas nos puntos III.1.1, III.1.2 e III.9 deste Pacto ás unidades de recursos humanos dependentes das xerencias das ditas estruturas e entidades públicas con personalidade xurídica propia adscritas ao Servizo Galego de Saúde e Consellería de Sanidade continuarán a ser exercidas, nos respectivos ámbitos, polas direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde e direccións xerencias de atención primaria e especializada, segundo a modalidade de vinculación, conforme a vixente normativa sobre delegación de competencias.

I.4.3. Naqueles ámbitos territoriais que non teñan configurada a estrutura de xestión integrada e mentres non se implante esta, as comisións periféricas de seguimento do pacto, previstas no punto I.5.2, continuarán a ser de ámbito provincial.

I.4.4. Co obxecto de facilitar o tránsito e aplicación do réxime de selección temporal previsto nesta regulación, a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde informará, mediante resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia e páxina web do organismo, da data de posta en funcionamento do sistema de información expediente electrónico previsto no punto II deste pacto.

Na mesma resolución conteranse instrucións sobre o procedemento de inscrición, actualización de méritos e validación de documentación das persoas aspirantes.

I.4.5. Para os efectos da primeira xeración de listas que se efectúe tras a entrada en vigor do réxime de selección temporal previsto neste pacto e como consecuencia dos importantes cambios organizativos e de carácter técnico que supón a súa aplicación, no ámbito da Comisión Central de seguimento do pacto poderanse establecer as adaptacións que se estimen procedentes con relación ás previsións contidas nestes puntos II.4.3.1 e II.4.4. As ditas adaptacións serán obxecto da debida publicidade.

I.5. Seguimento do pacto.

O seguimento deste pacto será efectuado por unha comisión central, con sede nos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde e polas comisións periféricas de área integrada que se constitúan.

As entidades públicas con personalidade xurídica formarán parte da Comisión Periférica de área integrada que corresponda por razón da situación territorial do órgano competente para efectuar os chamamentos.

As ditas comisións estarán compostas por un/unha representante, titular e suplente, de cada unha das organizacións sindicais asinantes do pacto e un número igual de representantes designados pola Administración Sanitaria.

I.5.1. A Comisión Central de Seguimento terá as seguintes competencias:

–Unificar e establecer os criterios de actuación e interpretación deste pacto.

–Fixar os criterios xerais de validación dos méritos das persoas aspirantes.

–Resolver en única instancia, sen prexuízo dos recursos que procedan, as incidencias e controversias de afectación xeral que deriven da aplicación do pacto.

–Propoñer, para a súa aprobación polo órgano competente, a ampliación do catálogo de categorías profesionais compatibles previsto no anexo I, cando razóns técnicas e de xestión así o permitan así como a modificación dos ámbitos de actuación das comisións periféricas de Seguimento e de selección de aspirantes para nomeamentos de curta duración, co obxecto da súa adaptación aos cambios organizativos que se poidan acometer no Servizo Galego de Saúde durante a vixencia do pacto.

–As demais explicitamente recoñecidas neste pacto.

I.5.2. As comisións periféricas de Seguimento asumirán as seguintes competencias:

–Coñecerán en única instancia, sen prexuízo dos recursos que procedan, de todas as incidencias e reclamacións que se produzan no procedemento de selección de persoal estatutario temporal do seu respectivo ámbito, formulando as oportunas propostas de resolución vinculantes, ás xerencias correspondentes, para o seu traslado, de ser o caso, ás persoas interesadas.

–Exercerán o control da execución dos chamamentos das persoas aspirantes en todo o seu ámbito.

–Controlarán o proceso de validación dos méritos achegados polas persoas aspirantes coidando de que tal validación se efectúe conforme este pacto e as instrucións que para tal efecto se diten no seu desenvolvemento.

–As demais explicitamente recoñecidas neste pacto.

I.5.3. A presidencia das comisións corresponderalle a un dos membros designados pola Administración, actuando como secretario/a destas, con voz e voto, outro dos seus representantes. Nas votacións que se realicen, o voto do/a presidente/a será dirimente no caso de empate.

I.5.4. As comisións de seguimento reuniranse, con carácter ordinario, unha vez ao trimestre a comisión central, e unha vez ao mes as periféricas. Así mesmo, reuniranse con carácter extraordinario cantas veces sexan convocadas pola presidencia ou logo da proposta de, cando menos, a terceira parte dos seus integrantes.

I.5.5. As comisións poderán elaborar o seu regulamento de funcionamento interno, que se axustará en todo caso ao establecido no título II, capítulo II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no título I, capítulo I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

II. Selección das persoas aspirantes.

A) Normas xerais.

II.1. Requisitos das persoas aspirantes.

Poderán inscribirse nas listas que se elaboren en aplicación deste pacto as persoas interesadas que, na data de presentación da solicitude de inclusión en lista, reúnan os seguintes requisitos:

II.1.1. Requisitos comúns:

a) Nacionalidade.

a.1) Ter a nacionalidade española.

a.2) Ser nacional dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado no que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

a.3) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o/a cónxuxe dos/as españois e dos/as nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea e dos/as nacionais dalgún Estado ao que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as, sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar os/as seus/súas descendentes e os/as do seu cónxuxe sempre que non estean separados/as de dereito, sexan menores de 21 anos ou maiores da devandita idade dependentes.

b) Idade: ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder da idade de xubilación forzosa.

c) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/s correspondente/s nomeamento/s, que se acreditará conforme as instrucións que para o efecto dite o Servizo Galego de Saúde.

Para a protección da seguridade e saúde dos profesionais e da calidade asistencial, a administración sanitaria poderá requirir, en calquera momento, da UPRL ou órgano competente, no transcurso dalgunha vinculación e a través do procedemento que para o efecto se estableza, a verificación do mantemento da capacidade funcional das persoas aspirantes cando por razón das ausencias destas no transcurso de vinculacións precedentes ou de calquera outra circunstancia, resulte necesario determinar a súa aptitude para futuros nomeamentos.

Se como resultado da valoración se concluíse que a persoa aspirante non reúne a capacidade funcional necesaria, esta manterase en situación de suspensión de chamamentos na lista da categoría correspondente ata a recuperación do dito requisito. No entanto, a persoa aspirante suspendida poderá solicitar a revisión da súa capacidade funcional, de considerar que se produciu unha mudanza desta, ante o citado órgano.

d) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso dos/das nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separado/a, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

e) Titulación: posuír a titulación que, segundo se fai constar no modelo de instancia, habilita para o exercicio da profesión correspondente ou estar en condicións de obtela antes da data de xeración de listas prevista no punto II.4.3, sen prexuízo do establecido a continuación para a quenda de promoción interna.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación.

Para o desenvolvemento de actividades que impliquen a manipulación de material ou equipos radiactivos con fins médicos, as persoas aspirantes deberán estar provistas da oportuna licenza de operador concedida polo Consello de Seguridade Nuclear, no campo de aplicación que corresponda.

f) Aboamento das taxas por dereito de 1ª inscrición que, se é o caso, correspondan.

II.1.2. Promoción interna: as persoas aspirantes que accedan pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais dos requisitos indicados no punto II.1.1, os seguintes requisitos:

–Ter a condición de persoal estatutario fixo nunha categoría/especialidade de nivel académico igual ou inferior á que se opta.

–Estar en servizo activo e con nomeamento como persoal estatutario fixo durante, polo menos, un ano na categoría/especialidade de procedencia. Motivadamente, previo acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto, poderá excepcionarse do cumprimento do requisito de permanencia mínima dun ano na categoría/especialidade de procedencia, a aquela/s categoría/s na/s que se produza unha indispoñibilidade de aspirantes que non teña carácter transitorio.

Ao persoal integrado no réxime estatutario seralle computado, para os efectos do prazo previsto no parágrafo anterior, o tempo de servizos prestado como funcionario de carreira ou laboral fixo.

–Posuír a titulación requirida.

De conformidade co previsto no artigo 34.5 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, non se esixirá o requisito de titulación para o acceso ás categorías do artigo 7.2.b) da citada lei, agás que sexa necesaria unha titulación, acreditación ou habilitación profesional específica para o desempeño das novas funcións, sempre que o interesado prestase servizos durante cinco anos na categoría de orixe e teña a titulación esixida no grupo inmediatamente inferior á categoría a que opta.

II.1.3. Non serán admitidas as solicitudes das persoas que fosen excluídas das listas confeccionadas en aplicación dos pactos do 1 de abril de 1993 (DOG do 13 de abril), do 27 de abril de 1994 (DOG do 12 de maio), do 21 de decembro de 1995 (DOG do 19 de xaneiro), do 28 de febreiro de 1997 (DOG do 10 de marzo), do 4 de febreiro de 2000 (DOG do 25 de febreiro) e do 24 de maio de 2004 (DOG do 1 de xuño) polas causas de penalización previstas nos citados pactos, agás que dispoñan de autorización expresa para reincorporarse ás listas, nos termos dispostos no punto IV deste pacto.

II.2. Quendas de acceso e ámbito de dispoñibilidade

II.2.1. A selección de persoal estatutario temporal efectuarase, con carácter xeral, a través dunha única lista por categoría e ámbito territorial de dispoñibilidade, coa diferenciación de dúas quendas de acceso: libre e promoción interna.

Para os efectos deste pacto e motivado nas particularidades de organización e de funcionamento, a enfermaría da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 operará de forma diferenciada e disporá de lista propia.

II.2.2. As listas elaboraranse, en ambas as quendas de acceso, por categoría profesional e ámbito territorial de área sanitaria, agás nos colectivos profesionais de médico/a coordinador/a do 061, médico/a asistencial do 061 e enfermeiro/a do 061 que serán de ámbito autonómico e nas categorías de persoal de xestión e servizos dos subgrupos A1 e A2 e persoal informático pertencente ao subgrupo C1 que, logo de acordo da Comisión Central de Seguimento, poderán ter ámbito distinto.

Integrarán cada área sanitaria, para os efectos deste pacto, os centros, unidades e dispositivos asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade con localización no referido ámbito territorial, nos termos da normativa autonómica sobre estrutura de áreas e ordenación territorial no ámbito sanitario.

II.3. Baremo.

II.3.1. A orde de prelación das persoas aspirantes na lista, en cada unha das quendas de acceso, vén determinada pola puntuación que resulte da aplicación dun baremo que tomará en conta a valoración dos seguintes méritos e na seguinte ponderación:

II.3.1.1. A suma das cualificacións obtidas pola persoa aspirante en cada un dos exercicios da fase de oposición nos que tivese participado na última OPE convocada e resolta polo Servizo Galego de Saúde na categoría á que opta, con independencia da superación ou non destes. A puntuación máxima acadable por este concepto será do 60% da puntuación total do baremo.

Para estes efectos, entenderase como data de finalización do proceso selectivo a data de publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se declara rematada a fase de oposición do respectivo proceso.

O coñecemento da lingua galega polas persoas aspirantes que non tivesen participado na última OPE convocada ou que participando nesta non tivesen realizado a correspondente proba, valorarase nesta epígrafe, coa puntuación asignada a tal mérito en OPE, logo de acreditación do seu coñecemento no nivel esixido conforme certificación oficial regulada na Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG n.º 146, do 30 de xullo).

II.3.1.2. A experiencia profesional, formación acreditada e outras actividades da persoa aspirante de acordo co baremo utilizado na última convocatoria de selección de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, na categoría correspondente. A puntuación máxima acadable neste punto será do 40% da puntuación total do baremo.

No punto de experiencia profesional e sen que se poida superar a puntuación máxima prevista para tal epígrafe no respectivo baremo de selección fixa valorarase a permanencia e efectiva dispoñibilidade das persoas aspirantes nas listas especiais para nomeamentos de curta duración, cunha puntuación de 1,5 puntos por ano ou a que proporcionalmente corresponda, cun máximo de 4,5 puntos.

Ás persoas aspirantes que durante a vixencia do pacto sobre selección temporal aprobado por Resolución do 24 de maio de 2004 figurasen inscritas nas listas especiais para nomeamentos de curta duración previstas neste, valoraráselles o tempo de permanencia e dispoñibilidade acreditada nas citadas listas nos termos previstos no parágrafo anterior.

II.3.2. No suposto de que na data da respectiva xeración de listas se tivese aprobado, logo de negociación coas organizacións sindicais, un novo baremo para os procesos de selección fixa dentro do organismo, a baremación da experiencia profesional, formación acreditada e outras actividades das persoas aspirantes efectuarase consonte este último baremo.

II.3.3. Os empates de puntuación que se puidesen producir resolveranse en primeiro lugar, a favor das persoas aspirantes que teñan participado no último proceso selectivo de persoal estatutario fixo convocado polo Servizo Galego de Saúde, e entre eles, a prol do que acadase a maior puntuación na fase de oposición. De persistir o empate, resolverase a favor da persoa que acredite maior puntuación no punto de experiencia profesional e, en último lugar, aplicarase o criterio da maior idade.

II.3.4. A Administración de oficio, en calquera momento, con notificación á persoa interesada, poderá rectificar a puntuación asignada a un aspirante e, se é o caso, a orde de prelación na lista, nos supostos en que se constate, da documentación que integra o expediente, a indebida valoración dalgún/s mérito/s ou calquera outro erro. Das rectificacións que se efectúen será informarada a Comisión Central de Seguimento do Pacto.

II.3.5. Nas categorías de persoal de xestión e servizos dos subgrupos A1 e A2 e C1 do persoal informático, cando as características da praza obxecto de cobertura así o requiran, poderá realizarse ás persoas aspirantes inscritas en lista unha proba teórica e/ou práctica, co obxecto de acreditar a aptitude do profesional para o desempeño do citado posto.

A convocatoria para a realización da/s dita/s proba/s será efectuada pola dirección xerencia respectiva. Na determinación das características, contido e modo de execución desta, contarase coa participación dos órganos de representación de persoal do respectivo ámbito.

II.4. Procedemento de elaboración de listas.

As listas de selección de persoal estatutario temporal reguladas neste pacto terán carácter aberto e serán de elaboración periódica anual.

A inscrición das persoas aspirantes nas listas así como a elaboración destas efectuarase a través do sistema informático (expediente profesional), ao que se accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

II.4.1. Inscrición en listas.

II.4.1.1. Instancia de participación. As persoas interesadas en formar parte das listas deberán solicitar a inscrición nas mesmas no modelo de instancia e autobaremación do currículo, que estarán á súa disposición, ambos, na páxina web do Servizo Galego de Saúde.

Na inscrición farase constar expresamente a categoría/s á/s que opta e ámbito territorial de dispoñibilidade.

Con carácter xeral, cada persoa aspirante non poderá solicitar máis dunha categoría e ámbito territorial.

Admitirase a inscrición en máis dunha categoría nos termos que se recollen no anexo I deste pacto.

II.4.1.2. Tempo. As persoas aspirantes poderán presentar a solicitude de inscrición en listas en calquera momento, sen suxeición a prazo. En cada xeración de listas que se efectúe incluiranse as solicitudes e méritos que consten presentados e debidamente validados no sistema informático ata quince días antes da data prevista no punto II.4.3.

II.4.1.3. Lugar. A solicitude de inscrición en listas e autobaremación do currículo presentarase a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde

Nos diversos centros de xestión do organismo facilitaraselles ás persoas interesadas a información e apoio administrativo necesarios para a presentación da solicitude.

II.4.2. Actualización de méritos.

As persoas que xa figuren inscritas como aspirantes a nomeamentos temporais nalgunha lista elaborada con base neste pacto poderán actualizar os seus méritos, a medida que estes se vaian causando. Tal actualización efectuarase a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

O/s novo/s mérito/s que se presente/n incluirase na primeira xeración de listas que se efectúe, seguinte á inclusión de tal/es mérito/s.

II.4.3. Xeración e publicación de listas.

II.4.3.1. Con carácter xeral, as listas xeraranse a data 31 de outubro de cada ano.

Á finalización de cada proceso selectivo de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, coa publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se declara rematada a fase de oposición deste, efectuarase unha nova xeración de listas, sempre que medie un período mínimo de tres meses entre esta última data e a de xeración de listas prevista no parágrafo anterior. De mediar un prazo inferior, efectuarase unha única xeración de listas que incorporará os resultados de OPE.

Coa información que consta, na data de xeración, no sistema informático expediente profesional, elaboraranse e publicaranse na páxina web do Servizo Galego de Saúde as listas de aspirantes a nomeamentos temporais nas diversas categorías estatutarias.

A Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde anunciará no Diario Oficial de Galicia así como na páxina web do organismo a publicación das listas e a súa data de efectos, manténdose vixentes ata a dita data as listas inmediatamente anteriores. O citado anuncio conterá, ademais, referencia expresa aos recursos que procede interpoñer, órgano competente para o seu coñecemento e prazos de interposición e resolución.

II.4.3.2. Co obxecto de garantir a dispoñibilidade de profesionais nas diversas categorías mediante a incorporación de novos titulados e doutros profesionais, particularmente nos colectivos profesionais de médico/a de familia, médico/a de urxencias hospitalarias, pediatra, matrón/a, enfermeiro/a, enfermeiro/a do 061 e cociñeiros/as, a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, previo tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto, no suposto en que se detecte unha insuficiencia de persoas aspirantes nunha lista, poderá acordar a xeración desta cunha periodicidade distinta á prevista no punto anterior.

II.4.4. Acreditación de requisitos e méritos.

A acreditación do cumprimento dos requisitos de admisibilidade e méritos consignados na solicitude de inscrición e/ou actualización de méritos será efectuada pola persoa interesada, con carácter previo á xeración de listas segundo o disposto no punto II.4.1.2, mediante a achega de documentos orixinais ou copias compulsadas, ante a unidade/s de validación que se determine/n.

Verificada a citada documentación polo órgano competente, procederase á validación, no sistema informático expediente profesional, dos requisitos e méritos da persoa aspirante que consten acreditados.

Non será necesaria a acreditación dos requisitos e méritos cuxo cumprimento conste documentalmente nesta Administración e aparezan validados no citado sistema informático. Non obstante, a Administración en calquera momento poderá requirir a persoa aspirante a acreditación documental de calquera requisito ou mérito que figure como validado.

A falta de acreditación pola persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición, na forma e tempo expostos, así como a consignación de datos falsos nesta, levará consigo a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades a que houber lugar.

Os méritos consignados pola persoa aspirante na solicitude de inscrición e/ou actualización de currículo, que non consten debidamente validados no sistema informático na data da correspondente xeración de listas conforme o disposto no apartado II.4.1.2, non serán obxecto de valoración.

II.4.5. Modificación de ámbitos e datos persoais.

As persoas inscritas nas listas que desexen cambiar de ámbito territorial, ou modificar os seus datos persoais poderán facelo a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde nos seguintes períodos:

II.4.5.1. Cambio de ámbito territorial e de prestación de servizos:

Regra xeral: a solicitude de cambio de área, zona e ámbito de prestación de servizos previsto nos puntos II.7, II.8 e II.9 poderá efectuarse en calquera momento, producindo efecto na xestión das listas na primeira xeración que se produza a partir da citada data.

Particularmente, o persoal estatutario fixo incluído nunha lista de promoción interna temporal que se incorpore a un novo destino con ocasión dun concurso de traslados ou dun proceso selectivo a través da quenda de promoción interna, poderá solicitar, durante o prazo de toma de posesión, a súa inclusión nas listas de promoción temporal da área de destino, na mesma categoría na que figuraba inscrito. O cambio de área solicitado producirá efectos desde a data de toma de posesión. De non solicitar o cambio no prazo indicado, o profesional será dado de baixa automaticamente na lista na que constaba admitido.

Así mesmo, co fin de promover a conciliación da vida laboral e familiar e con base en circunstancias, debidamente acreditadas e sobrevidas con posterioridade á data da última xeración de listas efectuada; as persoas aspirantes poderán solicitar o cambio de área de prestación de servizos. Comprobada a concorrencia das ditas circunstancias pola Comisión Central de Seguimento do Pacto, o cambio producirá efecto na data que se estipule na resolución que o autorice.

II.4.5.2. Modificación de datos persoais: a modificación de datos persoais poderá efectuarse en calquera momento, producindo efectos na xestión das listas desde o día seguinte ao da data de modificación.

II.4.6. Novas categorías e reordenación.

II.4.6.1. No suposto de creación dunha categoría de persoal estatutario, a selección de persoas aspirantes a nomeamentos temporais na respectiva categoría axustarase ao réxime previsto neste pacto.

O baremo de aplicación será o previsto no punto II.3 coas adaptacións que, de ser o caso, resulte necesario introducir, logo de negociación destas no seo da comisión central de seguimento do pacto.

II.4.6.2. De producirse reclasificacións profesionais como consecuencia de reordenacións organizativas e asistenciais, que afecten categorías previamente ofertadas na selección temporal e que impliquen a desaparición da anterior categoría, ou ben a súa reconversión noutra diferente, garántese o dereito das persoas aspirantes a formar parte das listas de selección temporal da nova categoría na que aquela ou aquelas se reclasifiquen, no ámbito territorial afectado pola reordenación, desde a data de efectos desta e ata a seguinte xeración de listas.

No suposto anterior e para os efectos da valoración de méritos, os servizos prestados na categoría de orixe polas persoas aspirantes que voluntariamente decidan formar parte das listas da nova categoría serán valorados, de ser o caso, como prestados na nova categoría na que se integran.

II.4.7. Baixa automática do persoal estatutario fixo.

O persoal estatutario fixo de novo ingreso, en virtude do remate dun proceso selectivo, será dado de baixa automaticamente como aspirante a nomeamentos temporais na categoría en que adquire a condición de persoal estatutario fixo, no momento de toma de posesión da praza adxudicada.

II.4.8. Actividades formativas destinadas ás persoas aspirantes.

Co obxecto de adquirir a formación práctica e coñecementos sobre o funcionamento dos centros e as súas unidades, precisos para un desenvolvemento eficiente das funcións no momento da formalización do oportuno nomeamento, o Servizo Galego de Saúde organizará periodicamente actividades formativas para as persoas aspirantes inscritas nas listas, que se desenvolverán conforme as instrucións que ao efecto se establezan no ámbito da Comisión Central de Seguimento do pacto.

A participación nas ditas actividades de formación será obrigatoria para as persoas aspirantes que non acrediten experiencia profesional no Sistema Nacional de Saúde. Neste último suposto, o rexeitamento á participación nas ditas actividades penalizarase nos termos dispostos no punto IV.1 deste pacto, agás que concorran causas debidamente xustificadas e así apreciadas pola Comisión Central de Seguimento.

II.5. Indispoñibilidade transitoria de aspirantes.

II.5.1. No suposto de indispoñibilidade de aspirantes nunha determinada categoría, e ata a seguinte xeración de listas que se efectúe segundo o disposto no punto II.4.3 deste pacto, acudirase á utilización de listas das áreas de xestión máis próximas.

Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, considéranse áreas de xestión máis próximas as que se determinan, respecto de cada área concreta, no respectivo modelo de solicitude.

As persoas aspirantes poderán facer constar nos formularios de solicitude e inscrición en lista a súa dispoñibilidade para prestar servizos fóra da área orixinaria de adscrición, conforme unha orde de prelación.

II.5.2. Así mesmo, serán subsidiarias entre si para os efectos da formalización de nomeamentos, nos supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes nunha das categorías na área de referencia e áreas limítrofes, as listas de persoas aspirantes das categorías que se detallan no anexo II deste pacto.

B) Disposicións especiais.

II.6. Áreas sanitarias con zonificacións, de opción preferente, para a prestación de servizos.

A cobertura das necesidades de vinculación de persoal das diferentes categorías que se produzan indistintamente nos ámbitos de atención primaria-especializada da zona da Barbanza, Cee e Verín, efectuarase, con carácter preferente, por aquelas persoas aspirantes que figurando inscritas, respectivamente, nas áreas sanitarias de Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense, manifesten a súa opción de preferencia para nomeamentos temporais nos referidos ámbitos.

Para tal efecto, nas listas que se elaboren nas áreas indicadas farase constar a relación de aspirantes que exercitaron a dita opción.

As persoas aspirantes que, figurando inscritas nas listas das áreas de Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense non tivesen manifestado a súa opción de preferencia para o desenvolvemento de servizos na Barbanza, Cee e Verín, respectivamente, poderán ser chamadas para a formalización de nomeamentos nos referidos ámbitos, nos supostos de indispoñibilidade de aspirantes coa dita opción.

Así mesmo, as persoas aspirantes que tivesen manifestado a opción de preferencia polas zonificacións arriba indicadas, poderán ser chamadas para a formalización de calquera nomeamento dentro da área respectiva e fóra do ámbito de opción, no mesmo suposto de indispoñibilidade de aspirantes.

Para os efectos deste pacto, o ámbito territorial de cada zonificación coincidirá co previsto na normativa autonómica sobre estrutura de áreas e ordenación territorial no ámbito sanitario.

No suposto de que concorran necesidades organizativas e/ou asistenciais que así o demanden, poderán configurarse outras zonificacións distintas das previstas nesta cláusula, previo o seu tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto.

II.7. Áreas especiais.

II.7.1. A cobertura das necesidades de vinculación de enfermeiro/a nas áreas de UCI-Reanimación-Queimados, UCI pediátrica, quirófanos, hemodiálise, transplantes, hospital de día onco-hematolóxico, hospital de día onco-pediátrico, prematuros-neonatos, servizos de transfusión e urxencias hospitalarias, así como de técnico especialista de anatomía patolóxica na área de citodiagnóstico e técnico en coidados auxiliares de enfermaría adscrito ás unidades de saúde mental e esterilización efectuarase, con carácter preferente, por aquelas persoas aspirantes que ademais dos requisitos previstos no punto II.1.1, fagan constar na solicitude de inscrición e acrediten, nos termos esixidos neste pacto, unha experiencia profesional mínima de dous meses, na/s referida/s áreas e categoría, dentro do Sistema Nacional de Saúde e/ou formación práctica específica na categoría e área/s solicitada/s, impartida polo Servizo Galego de Saúde.

Así mesmo, terán a condición de área especial para a prestación de servizos como técnico especialista, cos requisitos do parágrafo precedente, a/s unidade/s móbil/es de resonancia magnética de Galaria e Unidade de Fraccionamento do Centro de Transfusión de Galicia.

II.7.2. A formación práctica prevista no punto anterior será impartirada polo Servizo Galego de Saúde conforme o procedemento e instrucións que. en desenvolvemento deste pacto, se elaboren no seo da Comisión Central de Seguimento do pacto.

II.7.3. Nas listas que se elaboren correspondentes ás categorías indicadas farase constar de forma diferenciada a relación de persoas aspirantes que acreditaron tales méritos e área de acreditación.

II.7.4. A inclusión doutras áreas especiais distintas ás previstas nos parágrafos anteriores requirirá o acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto.

II.8. Nomeamentos de curta duración.

Nas categorías de enfermeiro/a, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, celador/a e pinche e as demais que sexan determinadas por acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto, poderán elaborarse listas específicas para nomeamentos de curta duración co obxecto de daren cobertura ás necesidades de persoal estatutario producidas como consecuencia de ausencias de carácter urxente e non programado, de duración non superior a 4 días.

As listas elaboraranse por centro ou complexo agás na categoría de enfermeiro/a. Nesta última categoría confeccionaranse dúas listas por área sanitaria e, se é o caso, zonificación, para a prestación de servizos, respectivamente, nos centros de atención primaria e especializada comprendidos no citado ámbito territorial.

As persoas interesadas na formalización de tales nomeamentos deberán facelo constar na respectiva solicitude de inscrición indicando o ámbito de prestación de servizos polo que optan nos termos que se sinalan no parágrafo anterior. Cada persoa aspirante só poderá inscribirse nunha lista de curta duración.

Os centros ou complexos interesados en ditas listas, logo do seu tratamento na Xunta de Persoal da área respectiva, farán a oportuna proposta á comisión central de seguimento do pacto, que resolverá sobre a súa pertinencia e o número de aspirantes que proceda incluír, en atención ás circunstancias concorrentes e ás necesidades reais de vinculación manifestadas por aqueles.

II.9. Nomeamentos a tempo parcial.

As persoas interesadas que soliciten a inclusión nas listas reguladas neste pacto deberán facer constar no espazo habilitado para o efecto no modelo de instancia previsto na cláusula II.4.1, a voluntaria aceptación ou non ás ofertas de nomeamentos a tempo parcial que poidan xurdir na categoría e ámbito respectivo.

En defecto de consignación expresa, entenderase que a persoa aspirante non acepta voluntariamente a formalización do dito tipo de nomeamentos.

II.10. Vinculacións de curta duración no ámbito da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061.

A cobertura das necesidades de vinculación de persoal de enfermaría na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de duración previsible non superior a 60 días, será efectuada, con carácter preferente, por aquelas persoas aspirantes que, inscritas na lista do dito ámbito, fagan constar na solicitude de inscrición e acrediten, nos termos exixidos neste pacto, unha experiencia profesional mínima de 2 meses no Sistema Nacional de Saúde, como enfermeiro/a nas áreas de urxencias e emerxencias extrahospitalarias tipo SEM, urxencias extrahospitalarias, urxencias hospitalarias, UCI ou reanimación e/ou formación práctica específica, nas referidas áreas, impartida polo Servizo Galego de Saúde e debidamente acreditada.

Para tal efecto, nas listas que se elaboren no citado ámbito farase constar de forma diferenciada a relación de persoas aspirantes que acreditaron o/s indicado/s mérito/s.

III. Xestión de chamamentos.

A) Normas xerais.

III.1. Órgano competente.

III.1.1. Con carácter xeral, a xestión dos chamamentos das persoas aspirantes será levada a cabo polas direccións de recursos humanos das xerencias de xestión integrada, logo de determinación por estas das necesidades de vinculación nos seus centros de gasto dependentes.

III.1.2. Nos supostos das entidades públicas dotadas de personalidade xurídica dependentes do Servizo Galego de Saúde e Consellería de Sanidade, a xestión dos chamamentos será efectuada polo órgano da entidade con competencias en materia de xestión de recursos humanos.

A dita atribución competencial enténdese sen prexuízo das adaptacións que resulte necesario efectuar respecto desta, ao abeiro dos decretos de estrutura e ordes de delegación de competencias vixentes en cada momento.

III.1.3. Como excepción, nas listas de ámbito autonómico que se poidan elaborar en aplicación da cláusula II.2 deste pacto, a xestión dos chamamentos corresponderá á Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde. Nas listas do dito ámbito correspondentes a médico/a coordinador/a do 061, médico/a asistencial do 061 e enfermeiro/a do 061, os chamamentos efectuaranse pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

III.2. Orde de chamamentos.

Os chamamentos efectuaranse seguindo rigorosamente a orde de puntuación acreditada polas persoas aspirantes en cada ámbito, sen prexuízo dos supostos de suspensión e as disposicións especiais previstas na cláusula III.B deste pacto.

A formalización de nomeamentos de interinidade en praza vacante ou calquera outro de duración inicial previsible igual ou superior ao ano ofertarase, en todo caso, á persoa que acredite a maior puntuación na lista da área sanitaria ou ámbito territorial que corresponda, con independencia de que aquela se atope vinculada, ao tempo do chamamento, por outro nomeamento estatutario temporal, a xornada completa, sempre que o mesmo sexa de duración inferior ao ano, ou a tempo parcial, calquera que sexa a súa duración.

Así mesmo, e como excepción ao establecido con carácter xeral neste pacto respecto da suspensión de chamamentos, no suposto de maternidade ou adopción legal, a persoa aspirante será chamada para a formalización de nomeamentos de previsible longa duración a que teña dereito segundo a orde de prelación acadada na correspondente lista; ben que o vínculo se formalizará unha vez finalice o período que deu lugar á causa de suspensión, nos termos legalmente previstos.

A persoa aspirante que resulte chamada para a formalización de vínculos de carácter temporal, deberá reunir, na data de formalización de cada nomeamento, os requisitos exixidos na cláusula II.1.1 deste pacto.

III.3. Realización e aceptación do chamamento.

O chamamento das persoas aspirantes realizarase mediante comunicación telefónica rexistrada que deixará constancia da data e horas nas que se efectúa, o obxecto da chamada así como a identidade da persoa que realiza esta.

Mediante dilixencia para o efecto na respectiva aplicación informática, a persoa que efectúe o chamamento fará constar a identidade da persoa receptora da chamada, de ser distinta da persoa aspirante.

Nos chamamentos para vinculacións de curta duración e/ou de carácter urxente efectuaranse dúas chamadas. Se realizadas estas non se tivese contactado coa persoa aspirante, poderán seguirse os chamamentos pola orde correspondente.

Nos restantes chamamentos nos que medie un prazo de antelación suficiente á data de inicio do vínculo, efectuaranse un mínimo de tres chamadas. A realización das ditas chamadas sen que for posible a localización da persoa aspirante, habilitará para continuar os chamamentos pola orde correspondente.

Con carácter xeral, a persoa aspirante localizada deberá comunicar a aceptación do nomeamento proposto no momento do chamamento, agás en supostos excepcionais en que, por criterio do órgano que efectúe o chamamento e sempre que medie un prazo de antelación suficiente ao inicio da vinculación, o dito prazo poida ser ampliado.

A falta de confirmación pola persoa aspirante nos prazos indicados así como o rexeitamento ao nomeamento proposto, sen causa xustificada, penalizarase nos termos dispostos na cláusula IV deste pacto.

O/s teléfono/s que figuren no sistema informático expediente profesional consideraranse os únicos válidos para efectos de chamamentos, sendo responsabilidade exclusiva da persoa solicitante, os erros na consignación destes e a comunicación de calquera cambio que se produza nos ditos datos.

III.4. Suspensión de chamamentos.

III.4.1. Causas. Procederá a suspensión de chamamentos, por petición da persoa interesada e sen penalización, nos seguintes supostos:

a) Maternidade, paternidade e adopción legal nunha duración equivalente ao período legalmente establecido para as ditas situacións.

b) Coidado de fillos/as menores de 12 anos ou familiares ao seu cargo, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poidan valerse por si mesmos e non desempeñen actividades retribuídas e demais supostos previstos na lexislación vixente en materia de igualdade, prevención da violencia de xénero e conciliación da vida persoal, familiar e profesional, de aplicación ao persoal ao servizo das administracións públicas.

c) Enfermidade da persoa aspirante, debidamente acreditada por parte médico emitido por facultativo do Sistema Público de Saúde no que se determine a incapacidade daquela para o desempeño de actividade laboral e nunha duración máxima equivalente á prevista na normativa legal para a situación de incapacidade temporal.

d) Exercicio de funcións de representación sindical.

e) Matrimonio ou unión de feito en análoga relación de afectividade, debidamente acreditados mediante documento público.

f) Falecemento de familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

g) Desenvolvemento dunha praza ou posto de traballo, mediante contrato laboral ou nomeamento administrativo, debendo achegarse copia destes.

h) Participación en programas de cooperación internacional debidamente autorizados ao servizo de organizacións de cooperación internacional.

i) Por asistencia, debidamente xustificada, a cursos académicos oficiais.

j) Calquera outra causa, de entidade suficiente, que se considere oportuna a criterio da Comisión Central de Seguimento do pacto.

III.4.2. Acreditación: a persoa aspirante na que concorra algunha das causas de suspensión previstas na cláusula anterior deberá comunicar e acreditar debidamente a súa concorrencia ante o órgano competente para efectuar o chamamento, no momento no que se produza a circunstancia alegada; en todo caso, con anterioridade á formalización do oportuno nomeamento.

III.4.3. Prazo. A suspensión de chamamentos manterase ata que a persoa interesada comunique a súa dispoñibilidade alegando o remate da causa de suspensión e sexa aceptada a súa reposición na lista.

Para tal efecto, a persoa interesada deberá presentar solicitude de reposición ante o órgano competente para efectuar o chamamento.

As reposicións en lista derivadas das solicitudes presentadas entre o día 1 e 15 de cada mes activaranse con efectos do día 1 do mes seguinte e as presentadas entre o día 16 e o último día de cada mes faranse efectivas o día 15 do mes seguinte.

Informarase a respectiva Comisión Periférica de Seguimento do Pacto das suspensións e reposicións en lista que se acorden.

III.4.4. Extensión de efectos. A suspensión de chamamentos estenderase a todas as listas nas que figure inscrita a persoa aspirante.

Como excepción, as persoas aspirantes que, figurando inscritas nas listas especiais de curta duración previstas no punto II.8 deste pacto, acrediten a concorrencia sobrevida do suposto recollido no punto III.4.1.a) e j), poderán solicitar a suspensión de chamamentos sen penalización para nomeamentos de curta duración, manténdose como dispoñibles para nomeamentos correspondentes á lista xeral da respectiva categoría.

III.5. Formalización do nomeamento e período de proba.

III.5.1. A Administración, a través do órgano competente, expedirá a favor da persoa aspirante que acepte o chamamento, o oportuno nomeamento estatutario na modalidade que corresponda conforme a normativa vixente e que determinará a integración do profesional nomeado no réxime organizativo e de funcionamento interno do centro ou unidade no que desenvolverá a súa actividade.

III.5.2. Nos nomeamentos que se expidan estipularase un período de proba para o persoal estatutario temporal, nos termos do artigo 33.2 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, durante o que será posible a resolución da relación estatutaria a instancia de calquera das partes.

Cando unha persoa aspirante sexa cesada pola non superación do período de proba que no nomeamento se estipule, haberá que aterse ao disposto na cláusula IV.2 deste pacto.

Estarán exentas do período de proba as persoas aspirantes que xa o tivesen superado con ocasión dun anterior nomeamento temporal para a realización de funcións das mesmas características no Servizo Galego de Saúde nos dous anos anteriores á expedición do novo nomeamento.

III.6. Revogación de nomeamentos.

De constatarse un erro material ou de feito no chamamento e posterior vinculación en favor dunha persoa que pola súa orde de puntuación non lle corresponde, procederase, no prazo dos quince días seguintes ao inicio da vinculación, á revogación do nomeamento expedido.

Así mesmo, constituirá causa de revogación do nomeamento que se expida, a falta de incorporación efectiva do profesional ao desenvolvemento das funcións propias do posto para o que foi designado.

B) Disposicións especiais.

III.7. Promoción interna.

En cada categoría e área, o 50% dos nomeamentos estatutarios de interinidade en praza vacante e demais que se estimen, inicialmente, de duración igual ou superior a 2 meses, que resulte necesario formalizar, expediranse a favor das persoas aspirantes que figuren admitidas pola quenda de promoción interna.

Motivadamente, logo de acordo da Comisión Periférica de Seguimento do Pacto, poderá autorizarse a formalización de nomeamentos de duración inferior a 2 meses a persoas admitidas pola dita quenda, naquela/s categoría/s na/s que se produza unha indispoñibilidade de aspirantes na quenda de acceso libre, na correspondente área e áreas limítrofes, e que non teña carácter transitorio.

Os chamamentos efectuaranse, en cada ámbito e categoría, seguindo rigorosamente a orde de puntuación acreditada, sen prexuízo dos supostos de suspensión previstos na cláusula III.4 deste pacto.

III.8. Áreas especiais.

O chamamento para tales áreas efectuarase seguindo a orde de prelación da lista e a favor das persoas que acrediten a experiencia e/ou formación requiridas no punto II.7 do presente pacto.

Só poderán efectuarse chamamentos ao abeiro do presente apartado para o desenvolvemento de funcións nas áreas que se indican no punto II.7 do presente pacto e sempre que quede debidamente xustificada a necesidade da súa cobertura por profesional que acredite experiencia e/ou formación no citado ámbito.

En todo caso, excluirase de tal sistema a cobertura das prazas vacantes e as substitucións dunha duración previsible superior a 60 días, que se proverán na forma ordinaria.

III.9. Nomeamentos de curta duración.

O chamamento das persoas aspirantes incluídas nas listas especiais para nomeamentos de curta duración previstas na cláusula II.8 do presente Pacto levarase a cabo polo órgano da estrutura de xestión integrada, con competencias en materia de recursos humanos, que determine a respectiva xerencia, seguindo rigorosamente a orde de puntuación acadada por aquelas.

Cada nomeamento que se expida a favor das persoas aspirantes incluídas nas citadas listas non poderá exceder de catro días. O número máximo total de días de vinculación por persoa aspirante e mes non será superior a doce.

A incorporación da persoa aspirante a unha lista especial para nomeamentos de curta duración non impedirá o seu chamamento para as vinculacións de duración igual ou superior a tres meses que lle correspondan pola orde de prelación que ocupen na lista ordinaria.

III.10. Nomeamentos a tempo parcial.

1. O chamamento para a formalización de nomeamentos a tempo parcial nos centros e institucións do Servizo Galego de Saúde efectuarase a favor das persoas aspirantes que tivesen manifestado expresamente, nos termos da cláusula II.9 do presente Pacto, a súa opción de dispoñibilidade á formalización de dito tipo de vínculos. Nos chamamentos que se efectúen respectarase a orde de puntuación das persoas aspirantes.

O rexeitamento, sen causa xustificada, á proposta de nomeamento efectuada penalizarase nos termos dispostos no punto IV.1 do presente Pacto.

2. Nos supostos de indispoñibilidade de profesionais con opción voluntaria á formalización de nomeamentos a tempo parcial, os chamamentos efectuaranse entre as persoas aspirantes que figuren inscritas na lista da respectiva categoría, con independencia da opción formulada e seguindo rigorosamente a orde de puntuación. A renuncia ao nomeamento proposto penalizarase nos termos do punto IV do presente Pacto.

III.11. Vinculacións de curta duración no ámbito da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061.

O chamamento para a prestación de servizos como enfermeiro/a na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mediante nomeamentos de duración previsible non superior a 60 días, efectuarase, con carácter preferente, a favor das persoas aspirantes que, por rigoroso orde de prelación tivesen acreditado a experiencia e/ou formación requiridas no punto II.10 do presente Pacto.

IV. Réxime de penalizacións.

IV.1. Por renuncia ao nomeamento.

Será penalizada, pasando ao cabo da lista da súa categoría, a persoa aspirante que renuncie por primeira vez a unha oferta de vinculación ou nomeamento xa formalizado na área de inscrición ou en área/a limítrofe/s, nos supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes.

No caso de concorrer unha segunda renuncia, será penalizada coa exclusión da citada lista.

A penalización acordada por un ou outro motivo, que se estenderá a todas as listas nas que figure admitida a persoa aspirante na respectiva categoría, terá unha duración dun ano, contado desde que a medida se fai efectiva e será notificada á persoa aspirante e á respectiva comisión periférica de seguimento do pacto.

O réxime de penalización previsto nos parágrafos anteriores aplicarase así mesmo ás persoas aspirantes que, no prazo que se indica na cláusula III.3 non comuniquen a aceptación da proposta de nomeamento ou non atendan dez ou máis chamadas para oferta de vinculación/s realizadas no intervalo de un mes, a contar desde o día seguinte a aquel no que se efectúe a primeira chamada non atendida.

IV.2. Pola non superación do período de proba.

Cando unha persoa aspirante sexa cesada pola non superación do período de proba que no nomeamento se estipule, quedará automaticamente excluída da lista.

A Comisión Periférica de Seguimento do Pacto poderá, motivadamente, revisar a aplicación de tal medida de exclusión naqueles supostos en que, polas circunstancias concorrentes se considere oportuno, así como acordar as medidas adicionais que se estimen convenientes.

Os centros sanitarios deberán comunicar á comisión periférica de seguimento do pacto, no prazo dos dez días seguintes, os cesamentos que se produzan por tal motivo, e de existiren, as circunstancias que razoablemente motiven a revisión da medida de exclusión prevista no parágrafo primeiro.

Nos supostos de cesamento por non superación do período de proba nos que se teña manifestado unha falta de pericia do profesional na realización de técnicas ou tarefas básicas da categoría para a que resultou nomeado, a Dirección do centro poderá ofrecer á persoa interesada a realización dun ciclo de prácticas tuteladas, debendo informar da súa realización e dos resultados da mesma á respectiva Comisión Periférica de seguimento do pacto, aos efectos do disposto no parágrafo segundo da presente cláusula.

IV.3. Por incumprimentos graves.

IV.3.1. Na condición de aspirante en lista. Serán excluídas definitivamente da lista as persoas aspirantes que incorresen en incumprimentos graves derivados da súa calidade de persoa aspirante inscrita na lista da categoría correspondente.

Para tales efectos, considérase incumprimento grave, ademais das condutas tipificadas como faltas graves e moi graves na Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde calquera outra que puidese ser constitutiva dun ilícito penal ou infracción administrativa grave ou moi grave dirixidos a modificar a posición da persoa aspirante na lista ou a xerar indebidamente o dereito a figurar inscrita na mesma.

IV.3.2. No desenvolvemento da prestación de servizos. Así mesmo, serán excluídas definitivamente da lista as persoas aspirantes que incorresen en incumprimentos graves no desempeño concreto do posto de traballo para o que resultasen nomeadas.

Para tales efectos, considéranse incumprimentos graves todas as condutas cualificadas como faltas graves ou moi graves na Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

IV.3.3. Para facer efectivas as exclusións derivadas dos citados incumprimentos, seguirase un procedemento ante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, con participación preceptiva da comisión central de seguimento do pacto e no que se garantirá, en todo caso, a audiencia da persoa afectada.

A Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, unha vez incoado o procedemento de exclusión, poderá adoptar a medida preventiva consistente na suspensión dos chamamentos do/a aspirante incurso/a nel.

Tras a ultimación do expediente, o citado órgano ditará unha resolución na que se pronunciará sobre a exclusión definitiva da persoa aspirante ou sobresemento do expediente.

A resolución administrativa que se dite poderá acordar, con carácter excepcional e motivadamente, a exclusión da persoa aspirante para chamamentos referidos a un determinado ámbito. En tal suposto, a citada resolución deberá considerar as medidas adicionais de adaptación profesional e/ou formación que se consideren oportunas.

A citada medida de exclusión tamén será acordada con carácter adicional á resolución que se adopte nos expedientes disciplinarios incoados por mor da comisión de faltas graves e moi graves.

IV.4. Reincorporación en lista. As persoas aspirantes excluídas poderán solicitar autorización para reincorporarse á lista ante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde. O dito órgano resolverá expresamente as solicitudes presentadas, logo do seu tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto. A falta de resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Non procederá a citada autorización se a causa de exclusión das listas deriva dun incumprimento disciplinario constitutivo de falta moi grave ou causa penal.

IV.5. Excepcións ao réxime de penalizacións. Considéranse as seguintes excepcións ao réxime de penalizacións previsto no presente punto:

1. A primeira renuncia por un aspirante da quenda de promoción interna, a un nomeamento fóra da localidade onde radique o centro de destino do profesional non dará lugar a ningún tipo de penalización.

2. Nas listas de ámbito autonómico que, logo de acordo da Comisión Central de Seguimento se poidan elaborar ao abeiro do disposto no punto II.2 deste pacto, as persoas aspirantes poderán renunciar, sen penalización, ao primeiro chamamento que se efectúe para nomeamento fóra da súa provincia de residencia.

3. A primeira renuncia a unha oferta de vinculación para a prestación de servizos nunha das categorías subsidiarias previstas no anexo II, por indispoñibilidade de aspirantes na respectiva categoría na mesma área e áreas limítrofes, non dará lugar a ningún tipo de penalización. A renuncia en segundo chamamento penalizarase nos termos dispostos no punto IV.1.

ANEXO I
Listas compatibles

a) Persoal licenciado sanitario.

Médico/a de familia, médico/a de urxencias hospitalarias, médico/a coordinador/a do 061, médico/a asistencial do 061, médico/a especialista en medicina do traballo, odontólogo/a, psicólogo/a clínico/a.

b) Persoal sanitario diplomado e de formación profesional.

Bloque I:

Enfermeiro/a, enfermeiro/a especialista do traballo, enfermeiro/a especialista en saúde mental, enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias-061, logopeda.

Bloque II:

Técnico/a especialista en radioterapia, técnico/a especialista en imaxe para o diagnóstico, técnico/a especialista en laboratorio, técnico/a especialista en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a especialista en dietética e nutrición, técnico/a especialista en documentación sanitaria, técnico/a especialista en hixiene bucodental.

Bloque III:

Técnico/a en coidado auxiliares de enfermaría, técnico/a en farmacia.

c) Persoal de xestión e servizos.

Bloque I:

Grupo técnico da función administrativa, técnico/a superior, técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, enxeñeiro/a superior, grupo de xestión da función administrativa, traballador/a social, enxeñeiro/a técnico/a, técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a superior de prevención de riscos laborais e técnico/a de grado medio en prevención de riscos laborais.

Bloque II:

Pinche e cociñeiro/a.

Bloque III:

Lavandeiro/a, limpador/a e pasador/a de ferro.

ANEXO II
Categorías subsidiarias

Bloque I: médico/a de familia de atención primaria, médico/a de urxencias hospitalarias e médico/a do 061 que reúna os requisitos para o exercicio profesional de cada unha das categorías.

Será subsidiaria da categoría de médico/a de familia, en primeiro lugar a categoría de médico/a de urxencias hospitalarias, e a continuación, por esta orde, médico/a coordinador/a do 061 e médico/a asistencial do 061.

Respecto da categoría de médico/a de urxencias hospitalarias serán subsidiarias as categorías de médico/a asistencial do 061, médico/a de familia e médico/a coordinador/a do 061, por esta orde.

Respecto da categoría de médico/a coordinador/a do 061 serán subsidiarias pola orde que se detalla a continuación as categorías de médico/a de familia, médico/a asistencial do 061 e médico/a de urxencias hospitalarias.

Por último, respecto da categoría de médico/a asistencial do 061, será subsidiaria en primeiro lugar a categoría de médico/a de urxencias hospitalarias e de seguido e por esta orde médico/a coordinador/a do 061 e médico/a de familia.