Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Venres, 20 de maio de 2011 Páx. 10348

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de maio de 2011 pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

O desenvolvemento da Unión Europea e a creación do seu mercado común levou no seu día á necesidade de formación en linguas estranxeiras. A Comisión Europea amosou o seu interese no ensino en lingua estranxeira de contidos de materias non lingüísticas, xerando un cambio de mentalidade sobre as formas máis efectivas de adquisición de idiomas. Isto e factores sociais, especialmente o impacto da internacionalización con respecto á integración europea, xeraron a necesidade duns niveis aínda maiores de dominio das linguas estranxeiras en comparación co pasado.

Así, as seccións bilingües promovéronse como consecuencia de dúas razóns que resultaron complementarias: unha lingüística e outra social, e nese espírito foron implantadas en Galicia dende o ano 1999, en que se iniciaron de xeito experimental.

Desde aquela, e ao longo dos anos, o ensino en seccións bilingües foise mellorando; a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicou normas para a súa regularización e realizou ofertas de formación para apoiar o profesorado, que puido asistir a actividades de formación tanto en Galicia coma nos países da lingua meta.

A día de hoxe, grazas á utilización do idioma en materias non lingüísticas, un gran número de alumnos e alumnas viron en Galicia aumentado o tempo de contacto co idioma estranxeiro, ao mesmo tempo que adquiriron outras dimensións del, como as da linguaxe específica das disciplinas non lingüísticas e o contacto con outra cultura.

Por iso, ben que as seccións bilingües non teñen incidencia en todo o alumnado dunha etapa educativa, a súa contribución innegable ao afondamento no coñecemento de idiomas intégraas plenamente no proxecto de diversidade lingüística e cultural que forma parte da política educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que entende necesaria a continuidade do programa de seccións bilingües e a súa adaptación ao establecido no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

En consecuencia, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Sección 1.ª Aspectos xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito.

O obxecto desta orde é a regulación das seccións bilingües nos centros sostidos con fondos públicos en que se imparten as ensinanzas de educación primaria, educación secundaria e formación profesional no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2. Definición.

1. Unha sección bilingüe é a organización do ensino dunha área ou materia non lingüística da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria ou bacharelato, ou dun módulo de formación profesional específica, que se cursa nun nivel por un grupo de alumnos ou alumnas dun xeito bilingüe, dentro do enfoque AICLE/CLIL (aprendizaxe integrada de contidos e linguas): na lingua cooficial que corresponda, segundo a normativa vixente, e nunha lingua estranxeira falada na Unión Europea, que é impartida como área ou materia ao devandito grupo de alumnos e alumnas.

2. A incorporación da lingua estranxeira na sección bilingüe acadará un mínimo dun 50 por cento.

Artigo 3. Estrutura e organización da sección bilingüe.

1. O alumnado que participe nunha sección bilingüe cursará obrigatoriamente a lingua estranxeira da devandita sección, a excepción do alumnado que estea a cursar un ciclo de formación profesional, ao abeiro do Decreto 114/2010, do 1 de xullo (DOG do 12 de xullo).

2. Para establecer o número máximo de seccións bilingües para un mesmo grupo de alumnos/as terase en conta o máximo dun terzo da utilización da lingua estranxeira como lingua vehicular, segundo o establecido polo Decreto 79/2010.

3. O currículo das áreas, materias ou módulos non lingüísticos das seccións bilingües será o establecido na normativa vixente con carácter xeral. Porén, no caso da educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional específica, o alumnado poderá recibir dous períodos semanais de clase de reforzo do idioma, como ampliación do seu horario lectivo, que serán impartidos polo seu profesorado especialista de lingua estranxeira, se as necesidades formativas así o requiren e os recursos do centro o permiten.

4. A avaliación e promoción do alumnado axustarase en todos os casos aos procedementos establecidos na normativa vixente con carácter xeral. Ao remate de cada curso o alumnado que sexa cualificado positivamente na área, materia ou módulo obxecto da sección bilingüe recibirá unha credencial oficial expedida polo centro conforme participou nunha sección bilingüe, que se fará constar mediante dilixencia no seu historial académico segundo o modelo do anexo I.

5. O centro deberá incluír no seu proxecto educativo os obxectivos e medios previstos para o desenvolvemento do proxecto bilingüe.

Artigo 4. Alumnado.

1. Poderá acceder ás seccións bilingües o alumnado matriculado en calquera dos cursos das etapas para os cales o seu centro estea autorizado. Así mesmo, a incorporación de alumnado a unha sección que vén de anos anteriores ou na metade de curso por traslado doutro centro tamén é posible baixo a decisión da dirección do centro, unha vez consultado o profesorado implicado no programa. Calquera cambio deberá ser comunicado á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. O alumnado que forme parte dunha sección bilingüe non poderá abandonala antes de rematar o curso escolar, salvo por razóns xustificadas ante a dirección do centro e coa autorización desta. No caso de que se produza deberá comunicarse á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

3. A incorporación dun alumno ou unha alumna a unha sección bilingüe requirirá a autorización por escrito dos pais, nais ou titores/as legais. O centro establecerá as medidas oportunas para fornecer a suficiente información ás familias sobre o funcionamento das seccións bilingües.

4. O número mínimo de alumnado para desenvolver unha sección bilingüe, ou para pór en marcha unha nun curso distinto dos que teña autorizado, será con carácter xeral de 12 alumnos/as, agás no bacharelato e na formación profesional específica, onde se poderá iniciar unha sección bilingüe cun mínimo de 10 alumnos/as, e no ensino de adultos, cun mínimo de 8 alumnos/as. A dirección xeral poderá autorizar seccións bilingües cun número menor de alumnado en función das características do centro, visto o informe da inspección educativa. En ningún caso, os agrupamentos de seccións bilingües suporán incremento do número de profesores/as do centro.

5. No caso de que nun ano escolar unha sección bilingüe non acade o número mínimo de alumnos/as, o seu desenvolvemento nese curso quedará en suspenso. A dirección do centro deberá comunicar esta circunstancia á xefatura territorial correspondente, que a trasladará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que poderá autorizala.

6. Ao comezo de cada curso escolar, antes do 1 de outubro, a dirección do centro deberá remitir á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a cifra de alumnado matriculado en cada un dos cursos con seccións bilingües autorizadas, co visto e prace da inspección educativa. Para os centros de Formación Profesional a data límite será o 15 de outubro.

Artigo 5. Profesorado.

1. O profesorado especialista da área, materia ou módulo non lingüísticos que inicie o proxecto deberá ter destino definitivo no centro e acreditar a súa competencia na lingua estranxeira no nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procurará que as vacantes que se produzan nas áreas, materias ou módulos non lingüísticos vinculadas ao Programa de seccións bilingües se cubran con profesorado coa debida competencia lingüística. Para iso, establecerá os criterios selectivos para levar a cabo as substitucións temporais por medio de comisións de servizo para persoas funcionarias de carreira ou por medio de profesorado integrante das listaxes de aspirantes a cubrir postos en réxime de interinidade, coa debida competencia lingüística na lingua estranxeira correspondente.

3. O departamento da correspondente lingua estranxeira comprometerase á coordinación co profesor ou profesora de área, materia ou módulo non lingüísticos da sección bilingüe, así como ao posible apoio ao alumnado no desenvolvemento de clases de reforzo de idioma. Para tal fin, cada sección bilingüe deberá ser coordinada polo profesorado que imparte a lingua estranxeira ao grupo de alumnado. Haberá unha persoa coordinadora por cada sección bilingüe. Cando o grupo de alumnado que forma a sección bilingüe sexa de distintos grupos deberase designar como persoa coordinadora un docente de entre os que imparten docencia de lingua estranxeira ao alumnado. A dirección do centro deberá establecer os procedementos que garantan a coordinación semanal das actuacións entre o profesorado que imparte en cada grupo de alumnos/as da sección bilingüe áreas, materias ou módulos non lingüísticos e o da correspondente lingua estranxeira.

4. Serán funcións do profesorado coordinador:

–Realizar o seguimento semanal e a coordinación do equipo de profesores/as que forman parte do programa de seccións bilingües e levantar acta dos temas tratados e dos acordos adoptados.

–Coordinar a elaboración do proxecto lingüístico e do currículo integrado no marco do proxecto educativo de centro.

–Participar nas actividades formativas do profesorado e propoñer novas actividades.

–Participar na elaboración de materiais específicos, revisar e trasladar ao equipo directivo as programacións iniciais e memorias finais.

–De ser o caso, titorizar a persoa nativa de apoio ao programa.

5. O profesorado participante na sección bilingüe, tanto o de área, materia ou módulo non lingüísticos como o de lingua estranxeira, terá unha redución horaria a razón dun período semanal por cada sección bilingüe en que imparte docencia e cun máximo de tres períodos semanais. A devandita redución horaria estará destinada ás actividades de coordinación, avaliación e atención ao programa. No caso do profesorado especialista de lingua estranxeira que imparta períodos semanais de reforzo de idioma da sección bilingüe, estes computarán como lectivos. En ningún caso as reducións e horarios de reforzo poderán implicar o aumento do número de profesorado do centro.

6. Co fin de facer posible a coordinación entre o profesorado implicado no proxecto, como mínimo un dos períodos lectivos de redución á semana debe ser común. O horario do profesorado participante no programa será elaborado de tal xeito que se reservará un período lectivo para a celebración de reunións semanais de coordinación de todo o profesorado implicado no proxecto.

7. O profesorado AICLE/CLIL (de áreas, materias ou módulos non lingüísticos) participantes na sección bilingüe terá como funcións:

–Elaborar a programación específica ao inicio de cada curso escolar.

–Elaborar unha memoria final.

–Participar nas actividades de formación organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

–Elaborar materiais curriculares específicos.

–Aqueloutras que sexan necesarias para o desenvolvemento adecuado da experiencia.

Artigo 6. Formación do profesorado e certificación de participación.

1. Todo o profesorado implicado nas seccións bilingües deberá participar nas actividades para a formación inicial e continua deseñadas para o ensino CLIL/AICLE (aprendizaxe integrada de contidos e lingua estranxeira). A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria impulsará, dentro do seu Plan de Formación, actividades específicas para o profesorado implicado nesta experiencia.

2. No espazo web de linguas estranxeiras ofertaranse recursos específicos e información relativa ao ensino CLIL/AICLE.

3. O profesorado que participe neste programa de innovación educativa recibirá un certificado acreditativo ao remate de cada curso escolar, cunha equivalencia de 50 horas de formación do profesorado para o profesorado AICLE/CLIL, e cunha equivalencia de 20 horas de formación do profesorado para a persoa coordinadora. Naqueles casos en que o mesmo profesorado actúe como AICLE/CLIL e coordinador só poderá recibir o certificado como participante AICLE/CLIL.

Artigo 7. Orzamento específico.

Os centros públicos autorizados para participar no desenvolvemento de seccións bilingües, poderán contar cunha asignación orzamentaria anual, con cargo á partida de gastos de funcionamento, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

Artigo 8. Asesoramento e avaliación.

1. As estruturas de formación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ofrecerán asesoramento, tanto na fase de elaboración de proxectos, como na do seu desenvolvemento.

2. Con independencia do punto anterior, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa levará a cabo o seguimento e posterior avaliación dos proxectos co fin de verificar a súa realización, a calidade e os resultados obtidos.

Artigo 9. Memoria final de curso.

1. Antes do 5 de xullo, o profesorado de cada área, materia ou módulo non lingüísticos implicado no programa de sección bilingüe deberá elaborar unha memoria avaliativa que trasladará á dirección do centro para o seu visto e prace. A devandita memoria será remitida pola dirección do centro á correspondente xefatura territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que a tramitará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, acompañada dun informe da inspección educativa.

2. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa facilitará o formulario para a elaboración da devandita memoria.

Artigo 10. Continuidade das seccións autorizadas.

1. A renovación da autorización das seccións bilingües é automática sempre que se sigan a cumprir as condicións polas que foron autorizadas. Xunto coa memoria final de curso, a dirección de cada centro deberá notificar se seguen a cumprirse as devanditas condicións.

2. De cumprir novamente as condicións, as seccións bilingües en situación de suspenso poderán volver a estar en situación activa no curso seguinte sen necesidade de que o centro o solicite novamente mediante a presentación dun proxecto novo. Os centros deberán comunicar a nova situación á xefatura territorial, que a trasladará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 11. Remate ou cesamento da participación.

1. Os centros autorizados para o desenvolvemento de seccións bilingües que desexen rematar a súa participación, ou que non poidan continuar por deixar de se cumprir algún dos requisitos de autorización, deberán comunicalo á xefatura territorial antes do 30 de xuño do ano escolar correspondente.

2. Co propósito de poder facer o seguimento das seccións bilingües, a xefatura territorial trasladará á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, antes do 30 de setembro de cada ano escolar, un informe sobre o desenvolvemento das seccións bilingües en cada centro autorizado.

Sección 2.ª Autorización dos centros e solicitudes

Artigo 12. Autorización dos centros.

1. Corresponderalle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a autorización dos centros para participar neste programa.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará no Diario Oficial de Galicia a relación das novas seccións bilingües autorizadas.

3. Aqueles centros que precisen autorización de seccións bilingües en cursos distintos daqueles para os que foron autorizados, deberán formalizar unha nova solicitude cun novo proxecto e con toda a documentación requirida, segundo establece o artigo 13 da presente orde.

4. No caso de centros concertados, a autorización do proxecto de sección bilingüe, en ningún caso significará modificación das condicións do concerto educativo subscrito.

Artigo 13. Solicitude e documentación.

1. Os centros que desexen iniciar a implantación de seccións bilingües deberán facer a correspondente solicitude, axustada ao modelo que se recolle no anexo II.

2. Os centros deberán xuntar coa súa solicitude a seguinte documentación:

  1. Proxecto de participación no plan, en que se recollan, entre outros aspectos: profesorado e alumnado participante; os obxectivos propostos e os contidos; etapas e cursos en que se desenvolverá; áreas, materias ou módulos; estratexias metodolóxicas, pautas para a avaliación do proxecto.
  2. Certificación da aprobación do proxecto polo consello escolar, unha vez oído o claustro.
  3. Compromiso por parte do profesorado implicado (profesorado responsable da sección e profesorado coordinador) de formar parte do proxecto durante como mínimo dous anos.
  4. Relación do profesorado da área, materia ou módulo non lingüísticos, xunto coas credenciais de posuír destino definitivo no centro e a titulación que acredite a súa competencia lingüística no nivel requirido (B2).
  5. Certificación da dirección do centro co número de alumnos/as que participarán nas seccións bilingües que se solicitan.
  6. Informe da inspección educativa.

Artigo 14. Prazo de presentación e resolución.

1. A solicitude de autorización formulada pola dirección do centro, xunto con todos os documentos xustificativos mencionados no artigo 13, deberase dirixir á xefatura territorial correspondente, que a trasladará, co informe da Inspección Educativa, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 31 de maio de cada ano escolar e a resolución será publicada no DOG.

Disposición adicional única.

Delégase na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa a realización das actividades de avaliación que conduzan á revisión, supresión ou extensión deste plan.

Disposición transitotoria primeira.

Os centros autorizados para impartir seccións bilingües pola Orde do 18 de abril de 2007 (DOG do 7 de maio) non precisan formalizar unha nova solicitude para as seccións que xa teñen autorizadas.

Disposición transitoria segunda.

O prazo de presentación de solicitudes para a incorporación de novos centros ao programa de seccións bilingües no curso 2011-2012 será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única.

Queda derrogada a Orde do 18 de abril de 2007 (DOG do 7 de maio) pola que se crea e regula a convocatoria do Plan de seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para realizar as sucesivas convocatorias anuais de incorporación dos centros educativos ao programa de sección bilingües, así como de ampliación do programa nos centros xa autorizados.

Disposición derradeira terceira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file