Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Xoves, 9 de xuño de 2011 Páx. 14090

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 16 de maio de 2011 polo que se dá publicidade á convocatoria da sección galega dos Premios Europeos de Medio Ambiente á empresa.

Os Premios Europeos de Medio Ambiente á empresa, convocados pola Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, teñen como obxectivo recoñecer publicamente aquelas organizacións que coa súa actuación contribúen ao cumprimento dos principios do desenvolvemento sustentable e cuxos esforzos poidan supoñer un avance cara a un desenvolvemento económico e social que preserve o ambiente. Estes premios son organizados e coordinados en España pola Fundación Entorno-BCSD España.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas desenvolve funcións de apoio e seguimento da implementación de instrumentos de sustentabilidade nas empresas galegas; por iso constituíu, nesta edición 2011-2012 dos Premios Europeos de Medio Ambiente á empresa, unha sección galega en colaboración coa Fundación Entorno-BSCD España. Deste xeito, as empresas galegas interesadas poderán participar na sección galega optando aos galardóns galegos e, posteriormente, tamén participarán nos premios nacionais e nos europeos a través da sección española.

As empresas galegas interesadas en participar deberán dirixir as súas candidaturas á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, para o seu trámite a optar á sección galega, á española e á europea.

Os formularios deberán presentarse en papel e en formato electrónico (CD, DVD, pen-drive, etc.). Tanto os formularios como o resto da documentación deberá presentarse por duplicado.

Os fundamentos, as bases e os formularios destes premios atópanse na páxina web da Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no enderezo: http://www.siam.medioambiente.xunta.es/siam/premios-europeos/index.jsp.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas