Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Mércores, 29 de xuño de 2011 Páx. 17359

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

I

A finalidade desta lei é establecer un marco normativo que permita garantir a sustentabilidade financeira a longo prazo das finanzas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O noso compromiso vén marcado pola pertenza a unha unión económica e monetaria, un ámbito realmente exixente no que o Pacto de estabilidade e crecemento constitúe o marco de referencia da nosa política fiscal.

O Real decreto lexislativo 2/2007, do 28 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de estabilidade orzamentaria, constitúe o instrumento básico que debería garantir o equilibrio orzamentario. No período posterior, a crise económica e financeira de 2008 e 2009, os estímulos fiscais aplicados e unha importante caída de ingresos provocaron unha deterioración orzamentaria sen precedentes. Neste escenario o saneamento orzamentario no longo prazo e a utilización eficiente dos recursos públicos deben formar parte da estratexia de saída da crise, co obxecto de darlles cumprimento ás exixencias do Pacto de estabilidade e crecemento.

As comunidades autónomas teñen un papel esencial neste proceso de consolidación, non só por xestionar un importante volume de gasto, senón tamén porque sen unha actuación coordinada de todas as administracións públicas será difícil manter a confianza na sustentabilidade a longo prazo das finanzas públicas.

Hoxe a estabilidade orzamentaria constitúe un requisito necesario, pero non suficiente, para garantir a sustentabilidade financeira das administracións públicas. Por iso cómpre dar un paso adiante en aspectos básicos, como é disciplinar a elaboración dos orzamentos xerais co establecemento dun límite de gasto non financeiro autorizado polo Parlamento de Galicia, procedementos máis exixentes para as entidades incluídas no perímetro de consolidación do sector público de Galicia, amplas obrigas de transparencia e o establecemento de regras fiscais para os ciclos expansivos e depresivos da economía.

II

Esta lei, elaborada baixo a cobertura dos títulos competenciais recoñecidos nos artigos 27.1 e 30.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, e con escrupuloso respecto á lexislación básica ditada polo Estado en materia de estabilidade orzamentaria, consta de vinte e un artigos, dúas disposicións adicionais, unha transitoria e tres disposicións derradeiras, e estrutúrase en sete capítulos.

O capítulo I comeza definindo o seu ámbito de aplicación, indicando que atinxe á actividade financeira da Administración autonómica e de todas as entidades sobre as que esta exerce a súa tutela financeira, xa formen parte do perímetro de consolidación en termos de contabilidade nacional ou non.

Esta lei recolle os principios que rexerán a actividade financeira da Comunidade Autónoma. Estes principios están formulados na normativa básica establecida no Real decreto lexislativo 2/2007, do 28 de decembro, e na Lei 2/2011, do 4 de marzo, de economía sustentable, e incídese no principio de responsabilidade. O que se pretende é orientar a evolución das finanzas públicas autonómicas en función dunha planificación que respecte o crecemento tendencial a longo prazo, e facer posible garantir o funcionamento dos servizos públicos básicos sen renunciar ao emprego de políticas fiscais expansivas que estimulen a demanda agregada en anos de recesión.

O principio de estabilidade orzamentaria é o corolario do anterior e a concreción na nosa lexislación autonómica da normativa estatal básica.

O principio de plurianualidade implicará a elaboración de escenarios orzamentarios plurianuais que lles permitan ter unha visión a medio prazo da posible evolución das finanzas autonómicas aos xestores de gasto e aos cidadáns, evolución que debe garantir o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria de cada exercicio.

O principio de transparencia, sen prexuízo do disposto na lexislación básica, debe implicar que calquera axente interesado nas finanzas públicas autonómicas poida atopar información sobre o conxunto das operacións financeiras de todas as entidades recollidas no ámbito de aplicación, de xeito que lle permita realizar unha valoración veraz do estado das finanzas autonómicas.

O principio de eficiencia na asignación e no emprego dos recursos públicos intenta incorporar a preocupación pola vertente financeira en todas as decisións susceptibles de tomar no eido da administración autonómica, de xeito que se consolide a cultura de mirar pola opción máis eficiente e se garanta o pleno cumprimento dos principios constitucionais de eficacia, economía e eficiencia na aplicación do gasto público.

Por último, non resulta crible unha norma de disciplina financeira sen atribuír responsabilidades entre os distintos axentes obrigados a cumprila.

O capítulo III concreta a materialización da estabilidade financeira en termos de capacidade ou necesidade de financiamento en termos de contabilidade nacional, coa excepción do déficit adicional para investimentos produtivos e establecendo un informe de estratexia financeiro-fiscal que constituirá a programación da actividade do sector público autonómico con orzamento limitativo a medio prazo.

O instrumento fundamental para incorporar disciplina orzamentaria e evitar que ingresos extraordinarios se incorporen á estrutura administrativa a través do gasto corrente é o establecemento dun límite de gasto non financeiro que permitirá empregar eses ingresos extraordinarios para amortizar débeda.

Para garantir o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria, esta lei establece no capítulo IV pautas de xestión orzamentaria que faciliten o cumprimento do obxectivo de estabilidade; así non se permitirá a realización de modificacións orzamentarias que supoñan déficit, coa excepción das incorporacións de fondos finalistas previamente recadados. Malia que sería recomendable que os referidos fondos se ingresasen a medida que se executa o gasto, adoita existir unha fenda entre ingreso e execución do gasto de xeito que os créditos xa ingresados se gastarán en sucesivos exercicios ou haberán de reintegrárselle á administración que o financia. Entre un 10% e un 15% do orzamento vixente está formado por este tipo de fondos, dos que unha boa parte son incorporados, polo que haberá de coordinarse o fluxo ingreso-gasto, de xeito que se minimice a incidencia da xestión destes fondos no equilibrio financeiro da Comunidade Autónoma.

Respecto das regras fiscais, xunto co teito de gasto e a programación plurianual, constitúen o eixe desta reforma. Recóllense tres regras de disciplina fiscal que intentan garantir a sustentabilidade das finanzas públicas a medio prazo, a obriga de financiar gasto corrente con ingreso corrente e que a débeda pública autonómica manteña un nivel prudente e unha evolución estable ao longo do ciclo, recollidas no capítulo V. Para acadar esta última, limítase o crecemento do gasto na fase expansiva do ciclo a unha taxa equivalente á do crecemento do PIB nominal, e obrígase a dedicar posibles maiores recadacións conxunturais a reducir a débeda xerada nas fases recesivas do ciclo.

Por último, recóllese a materialización das medidas de transparencia financeira no capítulo VI, respecto de todas as entidades e todas as fases do circuíto financeiro, e dáselle conta ao Parlamento en última instancia do cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria. Así mesmo, recóllense determinadas obrigas no capítulo VII que deben cumprir as universidades públicas de Galicia, xa que achegan unha parte importante do resultado en termos de capacidade ou de necesidade de financiamento.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira.

CAPÍTULO I

Ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta lei é o establecemento dos principios reitores aos que deberá adecuarse a política orzamentaria dos axentes aos que lles é aplicable, de acordo co sinalado no artigo 2, co obxecto de garantir a estabilidade orzamentaria e a sustentabilidade financeira ao longo do ciclo económico.

Artigo 2. Ámbito subxectivo.

1. As disposicións desta lei aplicaranse aos seguintes axentes, que, de acordo coas normas do sistema europeo de contas nacionais e rexionais, compoñen o inventario do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) O sector público autonómico de Galicia, nos termos establecidos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, e integrado pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, os seus organismos autónomos e axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais, consorcios autonómicos, sociedades mercantís públicas autonómicas e fundacións do sector público autonómico.

b) Os órganos con dotación diferenciada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) As universidades públicas de Galicia e os axentes vinculados a estas ou dependentes delas.

d) Aqueloutros axentes non incluídos nos parágrafos anteriores que determine a consellería competente en materia de facenda, atendendo á clasificación do inventario do sector público da Comunidade Autónoma, e de acordo cos criterios empregados polas institucións competentes en materia de contabilidade nacional.

2. Os axentes que integran o sector público da Comunidade Autónoma serán clasificados, para os efectos da aplicación desta lei, nas seguintes categorías:

a) Axentes que presten servizos ou produzan bens non financiados maioritariamente con ingresos comerciais.

b) Axentes que presten servizos ou produzan bens financiados maioritariamente con ingresos comerciais.

CAPÍTULO II

Principios xerais

Artigo 3. Principio de sustentabilidade financeira.

1. As actuacións dos axentes incluídos no ámbito de aplicación desta lei garantirán a sustentabilidade financeira das súas finanzas ao longo do ciclo económico.

2. Entenderase por sustentabilidade financeira, para os efectos desta lei, a capacidade para financiar compromisos de gasto presentes e futuros sen incorrer nun déficit ou endebedamento público excesivo consonte as normas de estabilidade orzamentaria e os compromisos do Pacto de estabilidade e crecemento no ámbito da Unión Europea.

Artigo 4. Principio de estabilidade orzamentaria.

1. A política orzamentaria dos axentes incluídos no ámbito de aplicación desta lei supeditarase ao cumprimento estrito do obxectivo de estabilidade orzamentaria fixado para a Comunidade Autónoma de Galicia, definido en termos de capacidade ou necesidade de financiamento e expresado en porcentaxe do produto interior bruto rexional a prezos de mercado.

2. Entenderase por estabilidade orzamentaria, en relación coas entidades do artigo 2.2 a), a situación de equilibrio ou superávit computada, ao longo do ciclo económico, en termos de capacidade de financiamento acorde coa definición contida no sistema europeo de contas nacionais e rexionais.

3. Entenderase por estabilidade orzamentaria, en relación coas entidades do artigo 2.2 b), a posición de equilibrio financeiro.

Artigo 5. Principio de plurianualidade.

A elaboración dos orzamentos dos axentes incluídos no ámbito de aplicación desta lei enmarcarase nun escenario plurianual compatible co principio de anualidade polo que se rexe a aprobación e execución orzamentaria.

Artigo 6. Principio de transparencia.

A elaboración, execución e liquidación dos orzamentos dos axentes incluídos no ámbito de aplicación desta lei reflectirán información completa e detallada das súas operacións, de tal forma que permita unha valoración fidedigna da súa situación financeira e da adecuación ao principio de estabilidade orzamentaria e á observancia das obrigacións impostas polas normas comunitarias en materia de contabilidade nacional e rexional.

Artigo 7. Principio de eficiencia na asignación e no emprego de recursos públicos.

1. As políticas de gasto público deben planificarse, programarse e orzarse atendendo á situación económica e ao cumprimento do principio de sustentabilidade financeira.

2. De cara a garantir unha xestión dos recursos públicos orientada pola eficacia, pola eficiencia e pola calidade, o gasto público executarase aplicando políticas de racionalización e contención do gasto tendentes a simplificar as estruturas administrativas e a mellorar e incentivar a produtividade do sector público.

3. Na fase de elaboración e aprobación das disposicións legais e regulamentarias, dos actos administrativos, dos contratos e dos convenios de colaboración e de calquera outra actuación que supoñan maiores gastos ou menores ingresos, os órganos xestores haberán de valorar as súas repercusións e os seus efectos financeiros, e supeditaranse de forma estrita ao cumprimento das exixencias do principio de sustentabilidade financeira.

4. As políticas de gasto público promoverán o desenvolvemento e a aplicación de procedementos de avaliación que permitan unha análise de impacto dos plans e das políticas de gasto público, coa finalidade de mellorar a eficiencia na xestión dos recursos públicos.

Artigo 8. Principio de responsabilidade.

1. Os axentes recollidos no artigo 2 implantarán criterios de responsabilidade na xestión do gasto, que permitan promover unha administración máis eficaz e eficiente.

2. Cada un dos anteditos axentes asumirá, na parte que lles sexa imputable, as responsabilidades que, de ser o caso, se derivasen para a Comunidade Autónoma de Galicia do incumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e demais obrigas asumidas pola Comunidade Autónoma ante o Consello de Política Fiscal e Financeira.

3. No proceso de asunción de responsabilidade garantirase, en todo caso, a audiencia do axente implicado.

4. A Comunidade Autónoma de Galicia non asumirá nin responderá dos compromisos das entidades locais, dos das universidades nin dos dos entes vinculados a estas ou dependentes delas, sen prexuízo das garantías financeiras mutuas para a realización conxunta de proxectos específicos.

5. Os criterios de valoración para o devengo de produtividades polo persoal que xestione recursos públicos reservarán unha porcentaxe representativa ao cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e de economía na asignación do gasto público.

CAPÍTULO III

Estabilidade orzamentaria

Artigo 9. Instrumentación do principio de estabilidade orzamentaria.

1. A elaboración, aprobación e execución dos orzamentos dos distintos axentes comprendidos no artigo 2.2 a) realizarase en equilibrio ou superávit orzamentario, computado en termos de capacidade de financiamento segundo a definición contida no sistema europeo de contas nacionais e rexionais.

2. Excepcionalmente, en función da situación cíclica da economía ou de circunstancias extraordinarias, a Administración xeral da Comunidade Autónoma poderá presentar déficit, de acordo cos requisitos establecidos pola normativa básica en materia de estabilidade orzamentaria.

Os orzamentos iniciais, ou, se é o caso, modificados, dos restantes axentes deberán aprobarse e liquidarse en equilibrio en termos de contabilidade nacional, agás as partidas que se financien con remanente afectado.

3. A elaboración, aprobación e execución orzamentaria dos axentes aos que se refire o artigo 2.2 b) realizarase en posición de equilibrio financeiro, de acordo cos criterios do plan de contabilidade que lles sexa aplicable.

Entenderase que un axente se atopa en situación de desequilibrio financeiro cando incorra en perdas cuxo saneamento requira a dotación de recursos non previstos nos orzamentos dos axentes do artigo 2.2 a) que os acheguen.

4. Cando nos orzamentos iniciais dos axentes incluídos no sector público autonómico exista gasto financiado con remanente afectado, os orzamentos consolidados da Comunidade Autónoma de Galicia recollerán os axustes precisos para compensar os déficits xerados en termos de contabilidade nacional.

Artigo 10. Déficit adicional por investimentos produtivos.

1. Excepcionalmente, a Administración xeral da Comunidade Autónoma poderá presentar déficit adicional, cando este se destine a financiar incrementos de investimento en programas dedicados a atender actuacións produtivas, incluídos a investigación, o desenvolvemento e a innovación.

En todo caso, o déficit resultante non poderá superar, en cómputo total e anual, o 0,25% do produto interior bruto rexional.

2. Na presentación do programa de investimentos deberá acreditarse a capacidade de xerar rendementos futuros dos proxectos presentados, a contribución de tales proxectos á mellora da produtividade da economía e garantir un nivel de endebedamento que se axuste ao principio de sustentabilidade das finanzas públicas autonómicas.

3. O programa de investimento deberá ser financiado, cando menos, nun 30% con aforro bruto do sector público. Esta magnitude entenderase en termos consolidados considerando os axentes do artigo 2.2 a) e medirase en termos de contabilidade nacional.

Artigo 11. Escenario orzamentario plurianual.

1. Con carácter previo ao proceso de elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, a consellería competente en materia de facenda confeccionará uns escenarios de previsión plurianual referidos a ingresos e gastos que respecten os principios xerais desta lei.

2. Os escenarios plurianuais recolleranse nun informe de estratexia financeiro-fiscal, que fixará o marco orzamentario para os tres exercicios seguintes e ao que se axustarán anualmente os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e constituirá a programación da actividade do sector público autonómico con orzamento limitativo.

3. O informe definirá os equilibrios orzamentarios básicos, a previsible evolución dos ingresos e os recursos para asignar ás políticas de gasto, en función dos seus correspondentes obxectivos estratéxicos e dos compromisos de gasto xa asumidos.

Artigo 12. Límite do gasto non financeiro.

1. Aprobado o obxectivo de estabilidade do artigo 4.1, o Consello da Xunta acordará o límite máximo de gasto non financeiro dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma. Este acordo remitiráselle ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación e achegaráselle o informe de estratexia financeiro-fiscal ao que se refire o artigo 11.2 desta lei.

2. O límite aprobado axustarase na variación dos ingresos do sistema de financiamento e fondos finalistas que incorpore o proxecto de lei de orzamentos da Administración xeral do Estado. Este axuste proporáselle ao Parlamento de Galicia no proxecto de lei de orzamentos.

3. A evolución do gasto non financeiro vincularase ao ciclo económico, co obxecto de limitar o seu crecemento nos exercicios orzamentarios nos que se espere unha taxa de variación do PIB real de Galicia igual ou superior ao 2,5% anual. Nestes exercicios o gasto non financeiro poderá incrementarse como máximo na taxa de variación esperada do produto interior bruto nominal.

4. O límite de gasto non se lles aplicará aos gastos financiados con anticipos ou novos fondos do sistema de financiamento, fondos finalistas procedentes doutras administracións públicas, fondos procedentes da Administración xeral do Estado que financien novas transferencias de competencias, nin aos que se poidan financiar con novas figuras tributarias ou deriven de acordos específicos adoptados no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira.

Artigo 13. Cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria.

1. Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias do Consello de Política Fiscal e Financeira, velar pola aplicación do principio de estabilidade orzamentaria en todo o ámbito subxectivo desta lei.

2. Os axentes incluídos no artigo 2 remitiranlle información periódica á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, de xeito que se posibilite un seguimento efectivo do cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria ao longo do exercicio.

3. No caso de que incumpra a obriga de remisión de información periódica ou de que se aprecie un risco de incumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, a consellería competente en materia de facenda poderá formularlle unha advertencia ao axente responsable e daralle conta dela, para o seu coñecemento, ao Consello da Xunta.

4. O Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de facenda, adoptará as medidas de axuste precisas para garantir o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, no caso de en que a evolución dos ingresos ou gastos difira da prevista e poida impedir o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria.

CAPÍTULO IV

Xestión orzamentaria

Artigo 14. Xestión orzamentaria.

1. Os compromisos de carácter plurianual adquiridos polos entes instrumentais que se financian total ou parcialmente con transferencias da Administración xeral da Comunidade Autónoma haberán de estar autorizados e contabilizados nos mesmos termos que o resto das partidas orzamentarias e na sección orzamentaria na que figuren as transferencias que os financian ou ter o seu financiamento garantido polo ente instrumental.

2. Os expedientes de autorización de investimentos do sector público autonómico que incorporen unha previsión de incremento de gasto corrente, ou a modificación orzamentaria que os financie, haberán de acompañar unha memoria co alcance e contido que se determine regulamentariamente.

3. Os plans ou convenios de financiamento e os contratos programa que se asinen entre calquera das entidades que formen parte do sector público autonómico ou cos restantes axentes do artigo 2 preverán medidas compensatorias cando a entidade incumpra o obxectivo de estabilidade orzamentaria.

Artigo 15. Modificacións de crédito.

Aquelas modificacións orzamentarias do sector público autonómico que supoñan un aumento da necesidade de financiamento en termos de contabilidade nacional estarán condicionadas á garantía de estabilidade orzamentaria e á sustentabilidade financeira ao longo do ciclo económico, de acordo co previsto nesta lei.

Artigo 16. Actuacións na liquidación dos orzamentos.

1. No suposto de que a liquidación orzamentaria dalgún dos axentes do artigo 2.2 a) incumpra o obxectivo de estabilidade, remitiralle ao Consello da Xunta un plan económico-financeiro de reequilibrio.

2. O plan axustarase ao disposto no artigo 18 e á normativa básica de estabilidade orzamentaria, e garantirá o mantemento do equilibrio ao longo do ciclo económico.

3. No suposto de que a liquidación orzamentaria dalgún dos axentes aos que se refire o artigo 2.2 b) se atopase en situación de desequilibrio financeiro, estará obrigado a elaborar un informe de xestión sobre as causas do desequilibrio e, se é o caso, un plan de saneamento a medio prazo, cando incorran en perdas que afecten o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria. Neste informe recolleranse as medidas correctoras de carácter económico-financeiro que haberán de ser adoptadas polos seus órganos reitores para a eliminación de perdas ou para achegas de beneficios.

4. O contido, o prazo e o procedemento para a presentación do informe de xestión e do plan de saneamento desenvolveranse por orde da consellaría competente en materia de facenda.

CAPÍTULO V

Débeda pública

Artigo 17. Débeda pública autonómica.

A débeda pública autonómica manterá un nivel prudente e unha evolución estable ao longo do ciclo. Este nivel axustarase ás normas de estabilidade orzamentaria, ás previsións do dereito comunitario e aos compromisos do Pacto de estabilidade e crecemento no eido da Unión Europea.

Artigo 18. Sustentabilidade da débeda pública.

1. No suposto de que a liquidación orzamentaria sexa superavitaria respecto do obxectivo fixado inicialmente, os recursos xerados dedicaranse a reducir o déficit do exercicio ou o endebedamento da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo corresponda.

2. A senda plurianual de gastos correntes de cada un dos axentes recollidos no artigo 2 non poderá ser superior á senda de ingresos correntes que os financian.

CAPÍTULO VI

Transparencia

Artigo 19. Instrumentación do principio de transparencia.

1. O proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia conterá, para cada unha das entidades que inclúe, información precisa que relacione o resultado orzamentario coa capacidade ou necesidade de financiamento, calculado consonte as normas do sistema europeo de contas nacionais e rexionais.

2. As universidades públicas de Galicia e restantes entidades do artigo 2 que non foron incluídas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma haberán de recoller idéntica información.

3. A norma que aprobe os orzamentos dos axentes incluídos no ámbito de aplicación desta lei recollerá un plan económico-financeiro no caso de presentar a Administración xeral un orzamento con déficit. Este plan conterá a definición das políticas de ingresos e gastos que consideren preciso aplicar no prazo máximo dos tres exercicios orzamentarios seguintes, co obxecto de que a evolución prevista dos saldos orzamentarios, en termos de contabilidade nacional, garanta a estabilidade ao longo do ciclo.

4. Cando concorran condicións económicas ou administrativas non previstas no momento de aprobar o plan económico-financeiro, a Xunta de Galicia poderá remitirlle ao Parlamento un plan rectificativo que incorpore as novas condicións.

5. Os orzamentos xerais recollerán información sobre a necesidade de financiamento da Comunidade Autónoma, os investimentos reais das empresas públicas en termos de contabilidade nacional, a ratio de gasto público da Comunidade Autónoma en relación co produto interior bruto rexional, o nivel de débeda pública no seguinte exercicio e a evolución das seguintes ratios e magnitudes: ratio débeda/PIB, ratio débeda/ingresos correntes, risco comprometido por avais e compromisos por emprego de fórmulas de pago adiado, tanto xa contratadas como das previstas para o exercicio orzamentario.

Artigo 20. Informe sobre o grao de cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria.

1. A consellería competente en materia de facenda elevaralle ao Consello da Xunta un informe anual sobre o grao de cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria do exercicio inmediato anterior, así como sobre a evolución cíclica real do exercicio e as desviacións respecto da previsión inicial, contida no informe ao que se refire o número 2 deste artigo.

2. A consellería competente en materia de facenda informará anualmente o Parlamento de Galicia sobre o grao de cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria no exercicio inmediato anterior.

3. Os informes aos que se refire este artigo publicaranse na sede electrónica da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

CAPÍTULO VII

Universidades

Artigo 21. Disposicións específicas para as universidades e para os axentes vinculados a estas ou dependentes delas.

Ademais das disposicións contidas nos capítulos precedentes desta lei, ás universidades e aos axentes vinculados a estas ou dependentes delas seranlles aplicables as seguintes disposicións específicas:

1. Os orzamentos das universidades deberán elaborarse con criterios homoxéneos, de forma que sexa posible a súa consolidación cos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As contas anuais consolidadas de cada universidade deberán remitírselle á consellería competente en materia de facenda antes do 30 de xuño do exercicio seguinte. Esta documentación xuntaráselle á Conta Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa remisión ao Consello de Contas de Galicia.

Disposición adicional primeira. Suficiencia financeira.

Para garantir a súa sustentabilidade financeira, a Comunidade Autónoma de Galicia exercitará todas as accións previstas no ordenamento xurídico na defensa dos seus intereses para o recoñecemento do dereito a percibir compensacións económicas, de acordo co principio de lealdade institucional, como consecuencia das actuacións do Estado lexislador en materia tributaria ou da adopción de medidas de interese xeral que determinen unha minoración dos ingresos tributarios ou que poidan implicar obrigas de gasto non financiadas a través do sistema de financiamento autonómico.

Disposición adicional segunda. Remanente de tesouraría das axencias públicas autonómicas e do Instituto Galego de Promoción Económica.

As axencias públicas autonómicas e o Instituto Galego de Promoción Económica poderán incorporar remanente de tesouraría nos termos establecidos no artigo 83.6 e na disposición adicional novena da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición transitoria. Plans de sustentabilidade financeira das universidades.

Os orzamentos das universidades axustaranse e executaranse, en todo caso, consonte os planos de sustentabilidade financeira presentados ao abeiro do Plan de financiamento universitario 2011-2015 e co informe favorable da consellaría competente en materia de facenda.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa.

Quedan derrogadas todas as normas que contradigan ou se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa.

As referencias efectuadas nesta lei á normativa de estabilidade orzamentaria entenderanse feitas ao Real decreto lexislativo 2/2007, do 28 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de estabilidade orzamentaria; á Lei orgánica 5/2001, do 13 de decembro, complementaria da Lei xeral de estabilidade orzamentaria, modificada pola Lei orgánica 3/2006, do 26 de maio; e aos acordos adoptados no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira.

Disposición derradeira segunda. Instrucións de elaboración dos orzamentos.

1. As instrucións de elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, así como dos escenarios orzamentarios plurianuais, aprobaranse por orde da consellería competente en materia de facenda.

2. Mediante orde da consellería competente en materia de facenda determinaranse os datos e documentos que serán obxecto de publicación periódica para coñecemento xeral, así como os prazos e o modo no que deban publicarse.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será aplicable aos orzamentos en fase de elaboración a partir da data de entrada en vigor.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente