Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 30 de xuño de 2011 Páx. 17615

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE de 23 de xuño de 2011 pola que se regula a xornada de traballo do persoal funcionario e laboral docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Resulta necesario regular o deber de garda e custodia que o profesorado ten sobre o alumnado nos centros de educación infantil, primaria, educación infantil e primaria, educación especial e educación secundaria durante todo o horario xeral do centro, e en particular, durante os períodos de tempo que van desde que o alumnado chega ao centro educativo e se inician as actividades lectivas e desde que rematan as actividades e o alumnado é recollido polos seus pais ou nais ou titores legais, ou abandonan o centro educativo no transporte escolar.

Por outra parte, o acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais de data 8 de xuño de 2007 estableceu unha xornada de traballo lectiva de vinte e unha hora para o persoal docente pertencente ao corpo de mestres. A experiencia acumulada nestes anos aconsella denunciar o citado acordo neste apartado da xornada de traballo e volver a establecer un horario lectivo semanal de vinte e cinco horas para o persoal docente pertencente ao corpo de mestres.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto da presente orde e regular a xornada de traballo dos funcionarios docentes pertencentes aos corpos regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación e do persoal laboral docente.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

A presente orde é de aplicación ao persoal funcionario docente e ao persoal laboral docente dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 3. Xornada semanal do persoal funcionario e persoal laboral que imparte as ensinanzas de educación infantil e primaria e educación especial.

1. A xornada semanal do persoal funcionario docente e persoal laboral que imparte as ensinanzas de educación infantil, educación primaria e educación especial será de trinta e sete horas e media, das cales dedicaranse trinta horas ás actividades do centro con presenza no mesmo. Das ditas horas, 25 terán carácter lectivo, a razón de cinco horas diarias, de luns a venres.

2. Computarán como horario lectivo as gardas, as gardas de recreo e as gardas para custodiar ao alumnado no período de tempo que transcorre desde a chegada do alumnado transportado e o inicio da actividade lectiva e desde que rematan as actividades escolares ata a saída do transporte escolar.

3. A nivel de transporte escolar o número de persoal docente de garda será de un por cada cincuenta alumnos ou fracción. Nos períodos de lecer as ratios serán as establecidas na Orde do 22 de xullo de 1997, pola que se regulan determinados aspectos de organización e funcionamento das escolas de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 4. Xornada semanal do persoal funcionario e persoal laboral que imparte as ensinanzas de educación secundaria, ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas.

1. A xornada semanal do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, programas de cualificación profesional inicial, bacharelato, formación profesional específica, ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas será de trinta e sete horas e medias, das cales dedicarán trinta as actividades do centro con presenza no mesmo. Destas 30 horas semanais, 23 serán de horario fixo no centro educativo. Destas 23 horas, 18 terán carácter lectivo podendo chegar ata vinte se as necesidades do centro así o esixe en función do profesorado dispoñible.

2. Nos centros que proceda, entre as 18 horas lectivas e as 23 de presenza fixa no centro incluiranse as gardas de recreo e para custodiar ao alumnado no período de tempo que transcorre desde a chegada do alumnado transportado e o inicio da actividade lectiva e desde que rematan as actividades escolares ata a saída do transporte escolar.

Artigo 5. Outras actividades computables como lectivas.

Nas ordes que desenvolvan os regulamentos orgánicos dos centros complementarase a regulación da xornada de traballo do persoal docente e determinarase que as funcións directivas e outras actividades teñen a consideración de lectivas, fixándose o número de horas ou sesións lectivas computables por esas actividades.

Artigo 6. Horario non lectivo.

O horario de dedicación directa ao centro que non corresponda a tarefas lectivas destinarase, entre outras, a actividades relacionadas coas titorías e orientación do alumnado, titorías de pais e nais, gardas cando non teñan o carácter de lectivas, reunións de equipos de ciclo, departamento, sesións de avaliación, dinamizacións, participación en reunións de órganos colexiados e reunión para a elaboración ou modificación de documentos de planificación e para a súa avaliación.

Artigo 7. Horario semanal de non obrigada permanencia no centro.

O resto da xornada semanal -sete horas e media- de non obrigada permanencia no centro, destinarase ao perfeccionamento e á formación, á preparación de actividades docentes e á atención doutras actividades inherentes á función docente.

Artigo 8. Forma de complementar o horario lectivo.

O persoal docente en cuxo centro non existira horario lectivo completo da súa especialidade docente ou de materia para a que teña competencia docente, poderá optar por completar a súa xornada lectiva noutro centro da localidade, de acordo coa dita especialidade ou competencia docente, ou no propio centro, impartindo materias afíns á mesma.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogada a Orde do 1 de setembro de 1987 pola que se adecúa a xornada de traballo dos funcionarios docentes que imparten ensinanzas básicas, medias, artísticas e de idiomas e aquelas normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición final. Entrada en vigor.

A presente orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria