Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 1 de xullo de 2011 Páx. 17810

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

DECRETO 124/2011, do 3 de xuño, polo que se desafecta do dominio público un inmoble procedente da extinta Cámara Agraria Provincial de Pontevedra.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular dos inmobles das antigas cámaras agrarias provinciais ao abeiro do disposto na Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

A Consellería do Medio Rural, como departamento que ten adscrito o inmoble da antiga Cámara Agraria Provincial de Pontevedra, informou favorablemente para a tramitación do expediente de desafectación.

O artigo 10.1 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación da expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Desaféctase do dominio público o ben descrito a seguir:

Casa sita na praza do Teucro 18, esquina rúa Real do concello de Pontevedra, composta por semisoto, baixo e un piso, cunha superficie construída de 496 m2. Linda: fronte, praza do Teucro, por onde entra; dereita, herdeiros de Jaime Facorro Gantad; esquerda, rúa Real; fondo, predio da familia de Magdalena García.

Inscrita no Rexistro da Propiedade n.º 1 de Pontevedra como predio 3.753, tomo 1.801, libro 950 e folio 178. Referencia catastral: 9280503NG2998S0001GL.

Artigo 2.

O inmoble anteriormente descrito adquire natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Facenda, a través da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, tres de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Marta Fernández Currás
Conselleira de Facenda