Coa finalidade de adxudicar destino provisional para o curso académico 2011-2012 ao persoal do corpo de mestres sen destino definitivo, ao persoal do corpo de mestres desprazado por falta de horario, ao que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleiro ou concelleira, por motivos de saúde e por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal opositor do ano 2011 e o persoal interino ou substituto do corpo de mestres e ao que solicite o reingreso no servizo activo, convócase o presente concurso coas seguintes bases:
Primeira. Obxecto.
Convócase concurso, de acordo coas especificacións que se citan na presente resolución, para a provisión de necesidades de profesorado para o curso académico 2011-2012 nos centros que se relacionan no anexo desta resolución, entre o persoal do corpo de mestres que está obrigado a participar, conforme o previsto na base segunda da presente orde.
Segunda. Obrigatoriedade de participación.
Está obrigado a participar neste concurso:
O profesorado desprazado por falta de horario e o profesorado suprimido. Considérase que un profesor ou profesora non ten horario no seu centro cando non dispón de ningunha hora da súa especialidade ou dispón de menos de cinco horas e estas poden ser asumidas por outro profesor do centro.
O profesorado que teña concedida unha comisión de servizos por razóns de saúde, pola situación persoal do propio docente.
O profesorado que teña concedida unha comisión de servizos por razóns da saúde, pola situación persoal dun familiar.
O profesorado que teña que reincorporarse á Comunidade Autónoma procedente do estranxeiro.
O profesorado que teña dereito a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleiro ou concelleira.
O profesorado que teña concedida unha comisión de servizos por razón de conciliación da vida familiar e laboral.
O persoal do corpo de mestres en situación de expectativa de destino que non obtivo o primeiro destino definitivo, que se ordenará por anos de realización do concurso-oposición, e dentro de cada concurso-oposición polo número de orde obtido nel.
O profesorado que solicite o reingreso ao servizo activo con efectividade do inicio do curso académico 2011-2012.
As opositoras e opositores que superen o procedemento selectivo para ingreso no corpo de mestres, convocado pola Orde do 8 de abril de 2011, pola orde obtida no procedemento selectivo, en virtude das relacións expostas polas comisións de selección.
O profesorado interino e substituto, pola mesma orde que elixiu no curso académico 2010/2011, sen prexuízo do establecido na addenda asinada o 27 de abril de 2010 ao Acordo do 20 de xuño de 1995, sobre o acceso á función pública docente en calidade de persoal docente interino ou substituto.
O persoal docente que solicitase unha comisión de servizos por razón de conciliación familiar e laboral non poderá efectuar unha nova petición de prazas, e utilizarase a súa instancia de comisión de servizos para a adxudicación de praza.
O persoal docente que solicitase unha comisión de servizos por razón de saúde e sexa profesor ou profesora en expectativa de destino, interino ou substituto poderá efectuar unha nova solicitude por esa condición. No suposto de non obter destino pola solicitude presentada para a comisión de servizos por razón de saúde, será obxecto de tratamento informático nesta resolución a nova instancia presentada.
Terceira. Desprazados por falta de horario.
Estarán obrigados a participar neste concurso, nas especialidades para as que estea habilitado, e a prazas da súa localidade ou zona educativa:
1. O persoal funcionario de carreira do corpo de mestres que, tendo destino definitivo, deba ser desprazado por falta de horario no seu centro de destino, no curso académico 2011-2012.
2. Ao persoal funcionario de carreira do corpo de mestres que, estando obrigado, non participe neste concurso, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos adxudicaralle de oficio destino provisional para o curso académico 2011-2012 nun centro da localidade ou zona educativa en que está destinado definitivamente.
3. Quedará exento de participar obrigatoriamente polo punto 1 desta base o persoal do corpo de mestres que participe polo punto cuarto.
4. Poderá participar voluntariamente neste concurso, a prazas das especialidades para as cales estea habilitado, e da localidade ou localidades que elixa, o persoal funcionario de carreira do corpo de mestres que, tendo destino definitivo, poida ser desprazado por falta de horario no seu centro de destino no curso académico 2011-2012.
5. A Administración educativa comunicaralles aos centros educativos e ao persoal interesado, incluído o dos centros públicos integrados e institutos de educación secundaria, con anterioridade ao 30 de xuño de 2011, o número de mestras e mestres e de que especialidade non van ter horario no próximo curso académico. Ademais, a Inspección educativa remitirá copia desta información á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
6. Na adxudicación do persoal desprazado por falta de horario terá dereito preferente o persoal desprazado da localidade, desempatando a maior antigüidade no corpo, a maior antigüidade no centro e a maior puntuación no proceso selectivo polo cal accederon ao corpo, sucesivamente. Estes criterios aplicaranse tamén entre estes participantes que non exerzan o dereito preferente.
7. O persoal do corpo de mestres desprazado por falta de horario participará obrigatoriamente no próximo concurso de traslados que se convoque cos dereitos outorgados ao profesorado suprimido.
Cuarta. Prazas que se poden solicitar.
O persoal do corpo de mestres poderá solicitar as seguintes prazas, de acordo coas especificacións que se conteñen nesta base:
As correspondentes ás especialidades para as cales estea habilitado, para os centros e localidades que figuran no anexo desta orde. Os códigos das especialidades son os seguintes:
|
Código |
Especialidade |
|
31 |
Educación infantil |
|
32 |
Filoloxía e lingua estranxeira: inglés |
|
33 |
Filoloxía e lingua estranxeira: francés |
|
34 |
Educación física |
|
35 |
Educación musical |
|
36 |
Pedagoxía terapéutica |
|
37 |
Audición e linguaxe |
|
38 |
Educación primaria |
|
60 |
Pedagoxía terapéutica, ESO |
|
61 |
Audición e linguaxe, ESO |
|
63 |
Prazas de PT e lecer nas escolas fogar ou CEE |
|
64 |
Prazas de EP e lecer nas escolas fogar ou CEE |
b) Ademais, poderán solicitar as vacantes dos departamentos de orientación (código 39), que se adxudicarán dando prioridade ás/aos mestras/mestres que estean en posesión da titulación de psicopedagoxía, ou en psicoloxía, ou en filosofía e ciencias da educación (especialidades de psicoloxía ou ciencias da educación) ou en filosofía e letras (especialidades de pedagoxía ou psicoloxía), conforme prescribe o artigo 4 a) do Decreto 120/1998, polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) De acordo co preceptuado na disposición transitoria primeira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o persoal do corpo de mestres que en 24 de maio de 2006 tivesen destino definitivo nunha praza do primeiro e segundo curso da educación secundaria obrigatoria, poderán solicitar, ademais, as prazas correspondentes ás especialidades para as cales estean habilitados, para os centros públicos integrados e institutos de educación secundaria que figuran no anexo desta resolución e para as especialidades:
|
Código |
Especialidade |
|
21 |
Ciencias sociais- xeografía e historia |
|
22 |
Ciencias da natureza |
|
23 |
Matemáticas |
|
24 |
Lingua castelá |
|
25 |
Filoloxía e lingua estranxeira: inglés |
|
26 |
Filoloxía e lingua estranxeira: francés |
|
27 |
Educación física |
|
28 |
Educación musical |
|
60 |
Pedagoxía terapéutica, ESO |
|
61 |
Audición e linguaxe, ESO |
|
67 |
Lingua galega |
Ademais, o profesorado das especialidades de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe poderá solicitar, en calquera caso, as especialidades 60 ou 61, respectivamente. As especialidades 60 e 61 non se considera que imparten o primeiro e segundo curso da educación secundaria obrigatoria para os efectos correspondentes.
As opositoras e opositores que superen o procedemento selectivo convocado pola Orde do 8 de abril de 2011 unicamente poderán solicitar prazas da especialidade por que acceden e dos departamentos de orientación.
O persoal do corpo de mestres interino e substituto unicamente poderá solicitar prazas da especialidade correspondente á lista en que figura e de «primaria», sempre que accedese á primeira interinidade ou substitución con anterioridade ao 31 de agosto de 2008.
O persoal do corpo de mestres interino e substituto que accedese á primeira interinidade ou substitución con posterioridade ao 31 de agosto de 2008 unicamente poderá solicitar prazas da especialidade correspondente á lista en que figura e nas cales poidan figurar no futuro, en aplicación do previsto no punto cuarto da addenda ao Acordo do 20 de xuño de 1995, asinada o 27 de abril de 2010. Efectuarán unha solicitude por cada especialidade, sen prexuízo de que poidan renunciar á solicitude dalgunha especialidade durante o prazo de reclamacións á resolución provisional establecido na base vixésima da presente resolución.
A adxudicación de destino provisional realizarase por orde de código das especialidades. No caso de adxudicarlle praza nunha especialidade retiraráselle a solicitude da outra ou das outras especialidades.
g) Para pedir praza bilingüe exíxese que na base de datos persoais estea acreditado que o profesorado dispón do nivel B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL) na lingua correspondente, conforme o establecido no anexo da Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencias en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Quinta. Solicitude de centros e/ou localidades e procedemento de adxudicación.
O persoal do corpo de mestres poderá solicitar centros e/ou localidades de calquera provincia, indicando se desexan impartir áreas afíns e/ou itinerancia. Tamén poderán solicitar prazas bilingües para impartir as áreas nunha lingua estranxeira nos centros plurilingües ou nas sección bilingües repetindo o código do centro ou localidade e especificando o idioma en que efectúan a solicitude.
No caso de solicitar centros, e de existir neles máis dunha vacante da mesma especialidade, unha delas cun horario completo e outra para completar con áreas afíns, adxudicarase en primeiro lugar a praza ou prazas que teñan horario completo da especialidade pola cal se participa.
Se se solicitara en primeiro lugar o centro para prazas bilingües, adxudicaranse con prioridade estas.
No caso de solicitar localidade, entenderase que solicitan todos os centros da localidade incluídos no anexo desta orde, pola orde en que aparecen no referido anexo. No caso de que soliciten localidade con itinerante e/ou afíns, entenderase que solicitan con prioridade todos os centros desta sen itinerancia, sen afíns e posteriormente con itinerancia e/ou afíns, polo que a orde de adxudicación sería a seguinte:
Vacantes de todos os centros desa localidade, coa ordenación do anexo da convocatoria, e dentro de cada un deles, de todas as especialidades posibles, sen afíns e sen itinerancia.
Vacantes coas mesmas condicións, con afíns e que non sexan itinerantes.
Vacantes coas mesmas condicións sen afíns e que sexan itinerantes.
Vacantes coas mesmas condicións con afíns e que sexan itinerantes.
No caso de non consignar coa petición o código da especialidade, a adxudicación farase pola orde que a/o participante manifestou na súa solicitude de participación.
Se se dexexa solicitar a localidade con prazas bilingües, deberá repetirse o código da localidade e especificar o idioma correspondente.
No caso de solicitar provincia, enténdese que piden tamén as prazas con itinerancia, e afíns nas especialidades en que estean habilitados, agás que expresamente se sinale o contrario na instancia.
Sexta. Orde de adxudicación.
1. A orde de adxudicación dos destinos provisionais será por colectivos preferentes, conforme o previsto na base segunda, sen prexuízo dos dereitos preferentes a centro, localidade e zona educativa, regulados na presente orde.
2. Na adxudicación de prazas ao persoal do corpo de mestres en comisión de servizos por razóns de saúde, os criterios de prioridade veñen determinados pola maior antigüidade no corpo, a maior antigüidade no centro e a maior puntuación no proceso selectivo, sucesivamente.
3. Na adxudicación de prazas ao persoal do corpo de mestres en comisión de servizos por razón de conciliación da vida familiar e laboral, a prioridade virá determinada polo número de fillas e fillos menores de 10 anos e, no caso do mesmo número, pola antigüidade como funcionaria ou funcionario de carreira no corpo, e antigüidade no centro e puntuación na oposición, sucesivamente.
Cando ao persoal do corpo de mestres ao cal se lle concedeu unha comisión de servizos por razóns de saúde non lle corresponda ningunha das prazas solicitadas, participará na adxudicación de destinos pola orde que lle corresponda dentro do seu colectivo.
4. Ao profesorado en expectativa de destino que accedeu ao corpo con anterioridade ao ano 2010 adxudicaráselle destino en calquera das especialidades das cales sexan titulares pola orde que se establece na base segunda, letra g) da presente orde.
5. Ao profesorado en expectativa de destino que accedeu ao corpo de mestres no procedemento selectivo convocado no ano 2010 adxudicaráselle destino do seguinte xeito:
a) En primeiro lugar, ao persoal do corpo de mestres que accedeu pola especialidade de primaria e exclusivamente en prazas desta especialidade.
En segundo lugar, ao persoal do corpo de mestres que accedeu por outra especialidade distinta da de primaria, en calquera das especialidades das cales sexan titulares, incluída primaria, polo número de orde obtido no concurso-oposición.
6. Enténdese que o persoal docente interino ten dereito á adxudicación de praza por concesión de comisión de servizos por razóns de saúde ou concelleiro cando lle corresponda traballar en función do seu número de orde de lista na especialidade correspondente.
Sétima. Dereito preferente a centro.
Terán dereito preferente a centro:
a) As mestras e mestres suprimidos e desprazados ás prazas do centro en que tiñan destino definitivo.
As concelleiras e concelleiros, ao centro en que prestaban servizos no momento en que resultaron elixidas ou elixidos.
Oitava. Dereito preferente a localidade.
Terán dereito preferente a localidade:
As mestras e mestres desprazadas ou desprazados por falta de horario.
O profesorado suprimido, á localidade en que prestaban servizos no momento da supresión.
O profesorado procedente do estranxeiro, ás prazas da localidade en que estaban destinados no momento de obter prazas no estranxeiro.
As concelleiras e concelleiros, á localidade en que prestaban servizos no momento en que resultaron elixidas ou elixidos, sempre que non poidan facer efectivo o dereito preferente a centro.
Novena. Dereito preferente a zona educativa.
As mestras e mestres desprazadas ou desprazados por falta de horario.
O profesorado suprimido, á zona educativa en que prestaban servizos no momento da supresión.
O profesorado procedente do estranxeiro, ás prazas da zona educativa en que estaban destinados no momento de obter prazas no estranxeiro.
Décima. Adxudicación de vacantes itinerantes.
As vacantes itinerantes só se adxudicarán ao persoal elector que solicite explicitamente vacantes deste tipo.
O persoal docente interino que solicita provincia ou provincias enténdese que pide estas vacantes itinerantes, agás que expresamente se sinale o contrario na instancia.
Décimo primeira. Adxudicación de vacantes con afíns.
As vacantes con afíns adxudicaránselle só ao persoal elector que solicite explicitamente vacantes deste tipo agás nas quendas de oficio en que poden ser adxudicadas a calquera elector aínda sen colocar.
Décimo segunda. Adxudicación de destino de oficio.
Adxudicarase destino de oficio a todo o persoal participante que non acade destino de entre os solicitados, agás ós solicitantes que deixen resulta, e a todos aqueles que tendo a obriga de participar neste concurso non o fixesen. Non se adxudicará destino de oficio ao persoal do corpo de mestres interino ou substituto.
No caso do persoal do corpo de mestres suprimido e desprazado por falta de horario que exerza o dereito preferente e non obteña destino, por non existir vacante, adxudicaráselle un posto como substituto de zona, co fin de que non sexa desprazado da zona educativa en que se encontra o centro do seu destino definitivo de referencia, de acordo co establecido no Decreto 140/2006, do 31 de agosto.
Ao profesorado en expectativa de destino adxudicaráselle destino de oficio en calquera das especialidades das cales sexa titular. Ao persoal opositor de 2011 adxudicaráselle destino de oficio na súa especialidade, pola orde en que figura o profesorado dentro do seu colectivo. A adxudicación realizarase á primeira vacante libre, pola orde en que os centros figuran no anexo desta orde, tendo en conta a priorización, se é o caso, de provincias feita polo participante.
Cando non exista vacante da súa especialidade, ao profesorado en expectativa de destino e ao persoal opositor do 2011 adxudicaráselle destino de oficio noutra especialidade de que non é titular, agás en idioma estranxeiro inglés, a non ser que o solicite o participante, e orientación. A adxudicación realizarase unha vez adxudicado o profesorado en expectativa e opositores de 2010 das especialidades correspondentes, pola orde da lista única e dando prioridade ás peticións de centro, feitas polo participante, sobre a de especialidade.
Así mesmo, as vacantes itinerantes e de lecer non se lles adxudicarán de oficio a ningún participante.
Décimo terceira. Forma de efectuar a solicitude e presentación desta.
1. A solicitude de destinos farase a través da internet, empregando o portal educativo no enderezo www.edu.xunta.es/cadp. Lémbrase que para acceder a este servizo web é preciso ter conta de correo electrónico no dominio edu.xunta.es, polo que se urxe a quen non a teña que proceda a solicitala polos medios actuais (solicitude a través do secretario do centro actual á UAC no 902 90 54 45). Deberá terse en conta que unha solicitude anula ou modifica a anterior na aplicación informática, polo que sempre será obxecto de tratamento informático a última solicitude realizada na web dentro de prazo.
2. O profesorado que solicite prazas do departamento de orientación e posúa algunha das titulacións sinaladas na base cuarta desta convocatoria, deberán remitir unha fotocopia compulsada da referida titulación, sempre que non a presentasen o curso pasado ou no procedemento selectivo do ano 2011.
3. A solicitude servirá para vindeiras convocatorias conservando as peticións sen que teña que facer nova solicitude, no caso de que lle interese.
4. O persoal do corpo de mestres interino e substituto que supere os procedementos selectivos convocados noutra comunidade autónoma comunicará a dita circunstancia á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para os efectos da súa exclusión na adxudicación de destinos provisionais con anterioridade ao 31 de xullo de 2011.
Décimo cuarta. Solicitudes exercendo o dereito preferente.
O persoal afectado que desexe exercer o dereito preferente está obrigado a facer constar nas peticións, en primeiro lugar, o centro, a localidade e a zona do seu ámbito de dereito preferente, colocando tamén en primeiro lugar as peticións para as cales está habilitado, e por último as restantes, tendo en conta que se poderán adxudicar a este colectivo prazas de educación infantil, educación musical, filoloxía francesa e de educación física, neste último caso se non cumpriron os 55 anos no día 1 de setembro de 2011. Despois de solicitar as prazas de dereito preferente poderán pedirse outras prazas de localidades ou zona distintas.
Décimo quinta. Prazo de formalización da instancia na web.
1. Para o profesorado suprimido, desprazado por falta de horario, concelleiros, procedentes do estranxeiro, peticionarios de reingreso e en expectativa de destino, interinos e substitutos, o prazo será de vinte días naturais contados a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
2. Para os opositores que superen o procedemento selectivo convocado pola Orde do 8 de abril de 2011, o prazo será de cinco días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da lista de aprobados pola comisión de selección.
Décimo sexta. Profesorado que non ten que formalizar nova instancia na web.
1. Non terán que formalizar a solicitude, agás que queiran efectuar unha nova solicitude ou modificar a realizada para a convocatoria do curso académico anterior:
a) O profesorado que estaba desprazado por falta de horario no curso 2010-2011 e continúe como desprazado no curso académico 2011-2012.
b) O profesorado que estaba suprimido.
c) O profesorado en expectativa de destino.
d) O persoal opositor que superou o procedemento selectivo no ano 2010.
e) O profesorado interino e substituto que prestou servizos con anterioridade ao 30 de xuño de 2010.
2. Non poderá participar neste concurso o profesorado que teña concedida unha comisión de servizos, agás nos supostos recollidos na base segunda da presente convocatoria.
Décimo sétima. Petición de prestar servizos nunha ou varias provincias.
O profesorado interino e substituto que non obteña praza nesta adxudicación poderá acollerse a prestar servizos como interino ou substituto nunha ou varias provincias, sen perda da orde da lista, a través da aplicación informática que xestiona a cobertura das substitucións, no prazo que se estableza a través da páxina web. O que non efectúe opción enténdese que desexa prestar servizos en todas as provincias da comunidade autónoma.
Décimo oitava. Obtención de destino nunha especialidade para a cal non se está habilitado.
Con posterioridade á resolución definitiva dos destinos provisionais, ao profesorado interino que, solicitando todas as prazas da súa especialidade, non lle corresponda praza, adxudicaráselle voluntariamente praza noutra especialidade, se existise vacante, unha vez colocados todos os colectivos sinalados na base segunda desta orde, agás nas especialidades de filoloxía e lingua estranxeira: inglés, filoloxía e lingua estranxeira: francés, pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe.
Ao profesorado substituto unicamente se lle poderá adxudicar praza da súa especialidade.
Décimo novena. Publicación das listas de participantes e das vacantes.
1. Coa entrada en vigor desta orde, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá a publicar as relacións de persoal agrupados por colectivos coas especialidades que teñen recoñecidas na páxina web da consellería. O persoal interesado terá un prazo de dez días naturais para formular as reclamacións que entenda oportunas.
2. Antes do 20 de xullo de 2011, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá a publicar as vacantes provisionais que se ofertan neste concurso, reflectindo o seu perfil. O persoal interesado terá un prazo de cinco días naturais para formular as reclamacións que entenda oportunas.
3. Ademais das vacantes publicadas, adxudicaranse as resultas, se é o caso, que se produzan como consecuencia da adxudicación de destinos polas comisións de servizos por motivos de saúde, conciliación familiar e concelleiros. Consecuentemente, os centros e as xefaturas territoriais non solicitarán as prazas destas comisións de servizos.
Vixésima. Resolución provisional.
1. Unha vez rematado o prazo de solicitudes das opositoras e opositores, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá á adxudicación de destinos e fará pública a resolución provisoria do concurso na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e na páxina web.
A dita resolución farase pública o día 30 de xullo de 2011.
2. As/os concursantes poderán presentar reclamacións á resolución provisoria, no prazo de tres días hábiles desde a súa publicación, ante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
Vixésimo primeira. Renuncias á resolución provisional.
O persoal interino e substituto do corpo de mestres que estea nunha situación das que se relacionan a continuación, poderán renunciar á resolución provisional, sen que se admitan renuncias parciais.
Atender o coidado dunha/dun filla/fillo menor de seis anos, tanto cando o sexa por natureza como por adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo.
Para atender o coidado dun familiar que teña ao seu cargo, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.
Por enfermidade grave.
Por ter concedida unha bolsa de estudos.
Por ampliación de estudos. Enténdese que hai ampliación de estudos cando se realiza o doutoramento ou estudos para obter un título superior ou unha diplomatura distinta da que se posúe, un máster así como a formación no estranxeiro nas linguas ou nas ensinanzas de réxime especial.
Por ser vítima de violencia de xénero.
Por calquera das circunstancias que permiten aos funcionarios públicos a concesión dos servizos especiais.
De serlle adxudicada a praza definitiva, non poderán acollerse a non prestar servizos mantendo o número de orde na lista correspondente, agás que esta petición se formule por unha situación sobrevida á resolución definitiva do presente concurso.
Sen prexuízo do anterior, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá dar de baixa algunha persoa na relación de adxudicatarios de praza, se deixase de reunir os requisitos para manterse nela, de oficio ou por instancia da parte interesada, logo de audiencia da interesada ou interesado.
Vixésimo segunda. Resolución definitiva.
Resoltas as reclamacións presentadas, procederase a efectuar a resolución definitiva que se publicará nos mesmos lugares que a resolución provisional e no Diario Oficial de Galicia. A dita resolución farase pública o día 30 de agosto de 2011.
Vixésima terceira. Efectividade da toma de posesión.
Os efectos da toma de posesión dos destinos adxudicados será a do 1 de setembro de 2011. Para o persoal interino con nomeamento en vigor os efectos económicos da toma de posesión serán do 12 setembro de 2011.
Vixésima cuarta. Inclusión nas listas para interinidades e/ou substitucións.
Ao persoal participante no procedemento selectivo convocado pola Orde do 8 de abril de 2011, que non estea incluído nas listas das e dos aspirantes que superaron este, nin na letra j) da base segunda da presente resolución, serán incluídos nas relacións de aspirantes para desempeñar prazas de interinidades ou substitucións, na especialidade pola cal se presentaron, sempre que superen a proba ou estean en posesión da titulación que se relaciona para cada especialidade no anexo II.
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2011.
Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

