Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Mércores, 13 de xullo de 2011 Páx. 19401

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 5 de xullo de 2011 pola que se estende aos produtores non membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4) determinadas normas orientadas á mellora da comercialización do rapante procedente do Gran Sol.

O artigo 7 do Regulamento (CE) n.º 104/2000 do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, dispón que, no caso de que unha organización de produtores sexa considerada representativa da produción e comercialización nun ou varios lugares de desembarcamento e de que o solicite ás autoridades competentes do Estado membro, este poderá decidir facer obrigatorias para os non membros da devandita organización as normas de produción e comercialización decididas pola organización sempre que estas respondan aos obxectivos de garantir o exercicio racional da pesca e mellorar as condicións de venda da súa produción.

Pola súa banda, o Regulamento (CE) n.º 696/2008, da Comisión, do 23 de xullo, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 104/2000, do 17 de decembro de 1999, do Consello, no relativo aos non membros de determinadas normas adoptadas por organizacións de produtores do sector da pesca, profundiza nos requisitos e no procedemento polo que a extensión de normas das organizacións de produtores da pesca (OPP) aos non membros debe ser realizada. No devandito procedemento, destácase a obriga dos Estados membros de notificar sen demora á comisión as normas que decidisen facer obrigatorias.

O Real decreto 724/2003, do 13 de xuño, polo que se regulan as organizacións de produtores da pesca e da acuicultura e as súas asociacións, establece, no seu artigo 3, as condicións para o recoñecemento de organizacións de produtores da pesca (OPP) e no seu artigo 10 a posibilidade de extensión das súas normas conforme o artigo 7 do Regulamento (CE) n.º 104/2000.

A Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4 en diante), recoñecida pola orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 7 de xullo de 1986, solicitou á Consellería do Mar, de acordo cos artigos anteriores, a extensión daquelas normas que adoptaron os seus socios e que estaban orientadas á mellora da comercialización do rapante procedente do Gran Sol, no seu Acordo do 18 de xaneiro de 2011.

A Orde ARM/1482/2010, do 24 de maio, pola que se estende aos produtores non membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo determinadas normas orientadas á mellora da sustentabilidade do rapante procedente do Gran Sol, xerou unha serie de beneficios derivados da súa aplicación, á vista dos cales, a OPPF-4 resolveu solicitar unha nova extensión na aplicación de normas.

Na elaboración desta orde foron consultados os sectores afectados.

A materia cuxa extensión se acorda é das relacionadas no artigo 7 do Regulamento (CE) n.º 104/2000, do 17 de decembro de 1999, e considerando que a OPPF-4 é unha organización representativa da produción nos termos previstos no artigo 1 do Regulamento (CE) n.º 696/2008, da Comisión, do 23 de xullo, recoñecida polo extinto Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e que a Comunidade Autónoma de Galicia é competente para realizar a devandita extensión, tendo en conta que as normas que se van estender teñen unha incidencia na ordenación do sector pesqueiro ao mellorar a comercialización do rapante,

dispoño:

Primeiro. Por esta orde esténdense aos produtores non membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo (OPPF-4), recoñecida por orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 7 de xullo de 1986, as seguintes normas para o cumprimento das medidas orientadas á mellora da comercialización do rapante (Lepidorhombus, spp.) procedente de Gran Sol, adoptadas pola citada OPP por Acordo do 18 de xaneiro de 2011.

a) Os desembarcos de rapante non poderán ser de talla inferior a 25 centímetros.

b) A referida limitación aplicarase aos desembarcos das capturas que se realicen polo conxunto da frota de arrastre de Gran Sol nos portos de Vigo e Marín.

c) A dita limitación de desembarcos só se aplicará aos produtores que se fai extensiva a norma desde a data en que esta orde tenga efectos.

Segundo. A duración da aplicación da regra de extensión será dun ano desde a entrada en vigor desta orde.

Terceiro. Conforme o establecido no punto 3, do artigo 7, do Regulamento (CE) n.º 104/2000, do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, comunicarase á Comisión Europea a extensión das normas previstas nesta orde.

Cuarto. As infraccións a esta orde serán sancionadas de conformidade co establecido na lexislación vixente.

Quinto. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Mar no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados, en ambos os casos, desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Sexto. Esta orde será eficaz, conforme o disposto no artigo 5 do Regulamento (CE) n.º 696/2008, no prazo de 8 días desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2011.

Conselleira do Mar
Rosa María Quintana Carballo