Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 21 de xullo de 2011 Páx. 20481

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 146/2011, do 7 de xullo, polo que se aproba a bandeira do Concello do Saviñao.

O Concello do Saviñao, Lugo, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia e no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xullo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aprobar a bandeira do Concello do Saviñao, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

No centro do pano de azul, doce xiróns concéntricos de amarelo recortados e postos nun óvalo imaxinario.

Esta figura representa o sol, tal e como se cre que era simbolizado polas civilizacións da prehistoria en Galicia, e que o Goberno local vén exhibindo como símbolo municipal desde o ano 1848 nos selos matriciais e na heráldica municipal ao longo do século XX.

A súa orixe relaciónase coa coñecida «Pedra de Abuíme», localizada na parroquia de San Xoán de Abuíme, onde tamén se atopou un gravado ovalado que algúns identificaron cunha representación do sol a causa da serie de estrías concéntricas que, a modo de raios, parten desde o centro.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

missing image file