Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Xoves, 21 de xullo de 2011 Páx. 20477

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 144/2011, do 7 de xullo, polo que se aproba a bandeira do Concello de Toén.

O Concello de Toén, Ourense, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia e no regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xullo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aprobar a bandeira do Concello de Toén, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

Pano de branco á hasta unha pluma de escribir de azul posta en barra; e de verde ao batente cun acio de uvas de amarelo con follas da mesma cor.

A pluma de escribir representa o conxunto das artes no municipio, en particular a pintura como a existente no presbiterio de Santa María de Mugares e no campo das letras aluden á achega á lingua galega do ilustre fillo do municipio Juan Antonio Saco y Arce, pola súa achega literaria e a súa obra Gramática Galega de 1868; a cor verde alude á actividade agrícola e ao carácter rural de municipio; o acio e a cor amarela representan a súa riqueza vitivinícola.

Santiago de Compostela, sete de xullo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

missing image file