Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 22 de xullo de 2011 Páx. 20747

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2011, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo do núcleo rural de Campo da Festa, na parroquia de Navío, concello de San Amaro (Ourense).

O Concello de San Amaro remitiu o expediente de delimitación do núcleo rural de Campo da Festa, tramitado ao abeiro do punto 2 da disposición adicional 2.ª da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, (en diante LOUG) e solicitou a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

1. O Concello de San Amaro non dispón de ningún instrumento de planeamento xeral municipal.

2. O expediente foi tramitado de acordo co previsto no inciso terceiro do punto 2 da disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na redacción dada pola Lei 15/2004, e nel constan:

– O sometemento ao trámite de información pública, que se levou a cabo mediante a publicación de anuncios no DOG n.º 53, do 16 de marzo de 2011 e nos xornais La Región na data do 25 de febreiro de 2011 e Faro de Vigo na data do 25 de febreiro de 2011.

– Certificación do secretario municipal con data do 25 de abril de 2011 na que se reflicte que no devandito período non se presentaron alegacións.

– Certificado do acordo de aprobación provisional, adoptado polo pleno do concello na súa sesión do 28 de abril de 2011.

II. Consideracións e motivación.

Logo de analizar o expediente remitido polo concello e á vista do informe subscrito pola Subdirección Xeral de Urbanismo, cómpre facer as seguintes consideracións:

1. No proxecto remitido queda xustificada a preexistencia e o recoñecemento do núcleo rural de Campo da Festa segundo nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Ourense (Decreto 332/1996, do 26 de xullo).

2. Á vista da ordenación aplicable, a delimitación proposta para o asentamento tradicional é admisible, xa que cumpre os requisitos establecidos no artigo 13.3 da Lei 9/2002. O réxime xurídico aplicable aos terreos incluídos na delimitación será o establecido pola Lei 9/2002, para o solo de núcleo rural; seralle igualmente aplicable, en todo aquilo que non vulnere nin vaia contra o devandito réxime xurídico, o contido da Ordenanza do solo non urbanizable de núcleo rural das vixentes normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

3. De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG (modificada pola Lei 15/2004), e a Orde do 11 de maio de 2009 sobre adscrición de órganos e delegación de competencias como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural correspóndelle á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

1.º Visto canto antecede, apróbase definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural de Campo da Festa, na parroquia de Navío, concello de San Amaro (Ourense).

2.º Contra esta resolución non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, podendo interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

3.º Notifíquese esta resolución ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2011.

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

mapa4527g.pdf