Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 22 de xullo de 2011 Páx. 20618

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 147/2011, do 30 de xuño, polo que se crea o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e se determinan os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade.

Entre os principios xerais do seu título preliminar, o Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 4.2, en concordancia co sinalado na Constitución española de 1978 no seu artigo 9.2, establece que lles «corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social».

A política de emprego da Xunta de Galicia ten como obxectivo a promoción do emprego, a mellora das condicións de vida e traballo, o diálogo cos interlocutores sociais e o desenvolvemento dos recursos humanos que garantan un emprego estable e de calidade.

Coa aprobación da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, deuse resposta a unha histórica reivindicación do colectivo das persoas traballadores autónomas que ten unha presenza evidente na nosa economía e na nosa sociedade.

O Estatuto do traballo autónomo é unha lei innovadora que establece un marco xeral de regulación das persoas profesionais e traballadoras autónomas, definindo xuridicamente o sector, establecendo un réxime profesional de dereitos e deberes e, igualmente, un réxime de incentivos para a dignificación, apoio e consolidación do traballo autónomo.

Ademais de configurar un novo marco das relacións xurídicas prevé, no seu título III, os dereitos colectivos de todas as persoas traballadoras autónomas e, no artigo 21, establece a determinación da representatividade das asociacións de traballadores autónomos.

O artigo 22.7 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, establece que as comunidades autónomas poderán constituír, no seu ámbito territorial, consellos consultivos en materia socioeconómica e profesional do traballo autónomo. Como paso previo á creación deste consello consultivo é necesario determinar as asociacións profesionais de traballadores autónomos máis representativas de Galicia.

Resulta patente o importante papel que as asociacións desempeñan nos diversos ámbitos da actividade social, contribuíndo a un exercicio activo da cidadanía e á consolidación dunha democracia avanzada.

A condición de asociación representativa no ámbito territorial da comunidade autónoma será declarada por un consello formado por expertos de recoñecido prestixio e outorga ás sociacións profesionais representativas unha posición xurídica singular, para actuar en representación das persoas traballadoras autónomas.

A Comunidade Autónoma de Galicia vén realizando un importante esforzo normativo nos distintos ámbitos sectoriais que afectan as persoas traballadoras autónomas, froito do cal é esta norma pola que se crea o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e se determinan os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade, como paso previo á creación do Consello Galego do Traballo Autónomo, órgano consultivo do goberno galego en todas as materias que afecten este colectivo.

Este decreto consta de 12 artigos distribuídos en dous capítulos, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras. Establécese a creación do Consello Galego da Representatividade, o seu réxime xurídico, composición e as súas funcións, así como a determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos.

A través do Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, modificado polo Decreto 9/2011, do 20 de xaneiro, esta asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas de emprego e á promoción do emprego autónomo.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de xuño de dous mil once,

DISPOÑO:

Capítulo I
Do Consello da Representatividade das Asociacións Profesionais
de Traballadores Autónomos

Artigo 1. Creación e adscrición.

1. Créase o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia ten natureza de órgano colexiado.

3. O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia adscríbese á consellería da Xunta de Galicia con competencias en materia de traballo, a través da dirección xeral competente en materia de promoción do emprego autónomo.

4. A constitución e posta en funcionamento do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia non xerará un aumento dos créditos orzamentarios asignados ao departamento.

Artigo 2. Réxime xurídico.

O seu réxime xurídico axustarase ás normas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na sección terceira do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 3. Composición.

1. O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia estará composto por tres membros. Dous membros do consello deberán ter a condición de persoal funcionario da consellería competente en materia de traballo con rango non inferior a titular dunha xefatura de servizo. O terceiro será unha persoa experta de recoñecido prestixio, imparcial e independente.

2. Os membros do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia serán nomeados e cesados pola persoa titular da consellería competente en materia de traballo por proposta da persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de promoción do emprego autónomo. Procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición. O nomeamento e o cesamento dos membros do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia publicarase no Diario Oficial de Galicia.

3. A persoa titular da consellería competente en materia de traballo designará entre os membros do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia nomeados unha persoa que ocupe a presidencia e outra a secretaría, por proposta da persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de promoción do emprego autónomo. A secretaría do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia será ocupada, necesariamente, por unha persoa funcionaria do departamento competente en materia de traballo.

4. Todos os membros do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia teñen dereito a voz e voto e os acordos tomaranse por maioría dos seus membros.

Artigo 4. Duración do mandato.

A duración do mandato dos membros do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia será de catro anos a partir da data de publicación da orde de convocatoria pública para a determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos que se regula no artigo 8 deste decreto.

Artigo 5. Renovación e cesamento dos membros do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os membros do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia renovaranse de conformidade coa duración do mandato establecida no artigo 4 e na forma prevista no artigo 3.

Ademais da finalización do mandato, a renuncia e a perda dos requisitos que determinaron o nomeamento comportarán o cesamento dos membros do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia, procederase á súa renovación.

Artigo 6. Funcións.

1. Corresponde ao Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia declarar mediante resolución administrativa a condición de asociación profesional representativa dos traballadores autónomos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta declaración terá unha vixencia de 4 anos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia terá, para o adecuado exercicio das súas funcións, as seguintes facultades:

a) Requirir a documentación oportuna ás asociacións profesionais de traballadores autónomos que soliciten a declaración de representatividade, e ditar a resolución de declaración de representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos solicitantes, de conformidade co procedemento establecido no artigo 9.

b) Solicitar e analizar canta información sexa necesaria para realizar o seu labor e estea dispoñible no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Calquera outra que coadxuve á acreditación e declaración da condición de asociación representativa de traballadores autónomos no ámbito autonómico.

Artigo 7. Constitución e funcionamento.

1. O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia entenderase validamente constituído para os efectos da realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos cando concorran todos os seus membros de acordo co disposto na sección terceira do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. Á Presidencia do Consello correspóndelle:

a) Dirixir, promover e coordinar a actuación do consello.

b) Ter a representación do consello.

c) Acordar a convocatoria das reunións do consello.

d) Asinar a resolución que declare a representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos.

e) Exercer aqueloutras funcións inherentes á condición da Presidencia.

3. Á Secretaría do Consello correspóndelle:

a) Elaborar, por orde da presidencia, a convocatoria das reunións do consello.

b) Solicitar, recibir e comunicar ao resto de membros a documentación e información a que se refiren as letras a) e b) do número 3 do artigo 6.

c) Preparar a redación da resolución de declaración de representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos solicitantes.

4. O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia reunirase con carácter ordinario cantas veces resulte necesario mediante convocatoria da Presidencia e, excepcionalmente, poderá reunirse por convocatoria da Presidencia a instancia de dous dos tres membros do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia formuladas coa suficiente antelación, de conformidade co disposto no artigo 16.1.b) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 8. Convocatoria pública para a determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos.

1. Con carácter cuadrienal publicarase mediante orde da consellería competente en materia de traballo a convocatoria pública que determine as cuestións referentes ao procedemento de declaración de representatividade de acordo co disposto no artigo 9.

2. Na dita convocatoria pública regularanse:

a) Os requisitos de admisibilidade das solicitudes das asociacións profesionais de traballadores autónomos de carácter intersectorial para participar na convocatoria.

b) O prazo de presentación das solicitudes e a documentación que se debe xuntar das asociacións profesionais de traballadores autónomos para valorar os criterios obxectivos do artigo 11 deste decreto.

c) O órgano competente para a recepción das solicitudes.

d) O prazo para a emisión da resolución polo Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) O desenvolvemento dos criterios obxectivos establecidos no artigo 11 e de valoración fixados no artigo 12 para os efectos da resolución do Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9. Procedemento.

1. O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia ditará resolución que declare a condición de representativa das asociacións profesionais de traballadores autónomos de acordo cos criterios obxectivos que se establecen no artigo 11 e baremados de conformidade co disposto no artigo 12.

2. A dirección xeral competente en materia de promoción do emprego autónomo publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución que declare a condición de representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos e notificaraa ás asociacións interesadas, con ofrecemento dos recursos procedentes.

3. De conformidade co artigo 21.3 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, a citada resolución esgota a vía administrativa, e será directamente recorrible ante a xurisdición contencioso-administrativa. Previamente, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo II
Dos criterios de representatividade

Artigo 10. Asociacións representativas dos traballadores autónomos.

1. Terán a consideración de asociacións profesionais representativas dos traballadores autónomos aquelas asociacións de carácter intersectorial e de ámbito autonómico, inscritas no Rexistro de Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos e que demostren unha suficiente implantación no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As asociacións profesionais de traballadores autónomos de carácter intersectorial deberán acreditar que os seus asociados pertencen, como mínimo, a tres dos sectores de primeiro nivel establecidos na Clasificación Nacional de Actividades Económicas aprobada polo Real decreto 475/2007, do 13 de abril.

Artigo 11. Criterios obxectivos de determinación da representatividade.

O Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia fundamentará a declaración de asociación profesional representativa dos traballadores autónomos nos seguintes criterios obxectivos:

a) Número de traballadores autónomos afiliados ás asociacións profesionais de traballadores autónomos e das federacións, confederacións e unións que teñan constituídas na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Presenza con sede permanente nas catro provincias da Comunidade Autónoma Galega das asociacións profesionais de traballadores autónomos e das federacións, confederacións e unións que teñan constituídas.

c) Número de asociacións profesionais de traballadores autónomos coas que asinasen convenios ou acordos de colaboración e representación institucional.

d) Recursos humanos cos que contasen as asociacións profesionais de traballadores autónomos e as federacións, confederacións e unións que teñan constituídas nos tres últimos anos.

e) Recursos materiais das asociacións profesionais de traballadores autónomos e as federacións, confederacións e unións que teñan constituídas.

f) Acordos de interese profesional subscritos ao abeiro do disposto no artigo 13 de Lei 20/2007, do 11 de xullo.

g) Actividades desenvolvidas nos tres últimos anos polas asociacións profesionais de traballadores autónomos e as federacións, confederacións e unións que teñan constituídas, directamente relacionadas co fomento do traballo autónomo.

h) Orzamentos dos tres últimos exercizos.

i) Antigüidade anterior á publicación da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

Artigo 12. Valoración dos criterios obxectivos da representatividade.

1. Os criterios obxectivos establecidos no artigo anterior serán valorados polo Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co seguinte baremo:

a) O criterio da letra a) valórase en función do grao de afiliación de xeito que a asociación que acredite o maior número de afiliados valorarase con 10 puntos, a segunda con 8 puntos, a terceira con 6 puntos, a cuarta con 4 puntos, a quinta con 2 puntos e o resto de asociacións con 1 punto.

b) O criterio da letra b) valórase con 1 punto, que se incrementa con un punto máis por cada sede permanente que teña en cada un dos sete concellos de Galicia con máis habitantes segundo o último padrón oficial publicado no Boletín Oficial del Estado.

c) O criterio da letra c) valórase en función da maior incidencia na representación dos traballadores autónomos polo contido dos acordos ou convenios asinados, de xeito que a asociación que acade a maior representación a través destes acordos valorarase con 5 puntos, a seguinte con 4 puntos, a terceira con 3 puntos, a cuarta con 2 puntos e as demais que cumpran este criterio 1 punto.

d) O criterio da letra d) valorarase de xeito que a asociación que acredite a maior relación de recursos humanos para o exercicio da defensa dos intereses dos seus afiliados obterá 4 puntos, e sucesivamente 3, 2 e 1 punto.

e) O criterio da letra e) valorarase de xeito que a asociación que acredite a maior relación de recursos materiais para o desenvolvemento ordinario da actividade obterá 4 puntos, e sucesivamente 3, 2 e 1 punto.

f) O criterio da letra f) valórase en función do maior número de traballadores autónomos economicamente dependentes afectados por estes acordos de interese profesional. Obterá un punto toda asociación que subcriba algún acordo de interese profesional, concederáselle 5 puntos á que acredite un maior número de traballadores autónomos economicamente dependentes afectados, 4 á segunda, 3 á terceira e 2 á cuarta.

g) O criterio da letra g) valórase en función do carácter cuantitativo e cualitativo das actividades desenvolvidas durante os tres últimos anos, de modo que a que realice un maior número de actividades relacionadas co fomento do traballo autónomo valorarase con 5 puntos, a segunda obterá 4 puntos, á terceira concederáselle 3 puntos, e ao resto que acredite o desenvolvemento destas actividades 2 puntos.

h) O criterio da letra h) valorará a importancia cuantitativa dos orzamentos dos tres últimos exercicios. A asociación co maior orzamento e maior execución obterá 4 puntos, a seguinte 3 puntos, a terceira 2 puntos e a cuarta 1 punto.

i) Ás asociacións e ás federacións, confederacións e unións que teñan constituídas, que se creasen con anterioridade ao 12 de xullo de 2007 concederáselles 2 puntos. Engadirase, ata un máximo de 3, un punto máis por cada período de cinco anos de antigüidade.

2. A puntuación total determinará a orde de cada asociación profesional de traballadores autónomos na resolución de representatividade, que se levará a cabo en virtude da convocatoria que se regula no artigo 8. Para proceder á declaración de asociacións profesionais representativas de traballadores autónomos as entidades solicitantes deberán obter, polo menos, 16 puntos na resolución será, en todo caso, preceptivo que as asociacións obteñan puntuación nos criterios obxectivos previstos no artigo 11.a), b), d) e e).

Disposición transitoria única.

Na primeira convocatoria que se realice ao abeiro do artigo 8 deste decreto, o criterio da letra f) do artigo 11 valorarase con 1 punto por cada acordo de interese profesional subscrito, ata un máximo de 5 puntos.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de traballo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar