Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 22 de xullo de 2011 Páx. 20715

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

DECRETO 150/2011, do 21 de xullo, polo que se modifica o Decreto 312/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar.

O Decreto 312/2009, do 28 de maio, establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar e sinala no seu artigo 2 os órganos en que se estrutura.

O artigo 3 da citada disposición regula as competencias dunha das unidades en que se estrutura a consellería, a Subdirección Xeral de Gardacostas. Esta subdirección, na estrutura actual, conta con dous servizos, o Servizo de Protección de Recursos e o Servizo de Busca, Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación. Non obstante, faise necesaria a creación dun Servizo de Inspección Veterinaria que garanta, entre outras, a protección de recursos, especialmente no que atinxe a tamaños mínimos, zonas e épocas de veda e topes de captura. O control da cadea alimentaria, tanto na produción primaria como na transformación, almacenamento e distribución, e a inspección en lonxas, puntos de control e establecementos autorizados para efectuar primeiras vendas dos produtos do mar.

O artigo 5 da citada disposición regula as competencias e as unidades en que se estrutura a Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica. A crecente importancia que vai adquirindo a acuicultura en Galicia fai necesaria a creación dunha subdirección que aglutine os dous servizos, xa existentes na consellería, dedicados á acuicultura.

En efecto, a acuicultura ten sido un ámbito produtivo en que Galicia amosou un carácter puxante en canto á propia produción, o que lle valeu un amplo desenvolvemento en termos económicos e laborais. Así, e vendo o estancamento que esta actividade ten padecido nos últimos anos, o marco xeral produtivo e laboral que a actividade marítimo-pesqueira e acuícola ten nos seus contextos mundiais e europeos, así como a súa afectación sobre a actividade desenvolvida neses campos en Galicia e as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades que a acuicultura posúe a nivel galego, cómpre actuar de contado para darlle un novo pulo que permita avanzar e medrar neste campo produtivo.

Deste xeito, potenciar e dar prioridade á acuicultura pode dar resposta á necesidade de dispor dunha fonte de alimentación mariña de calidade, á disposición necesaria de atender os mercados internos europeos e a demanda de produtos mariños neles producida, á perentoria necesidade de atender a progresiva baixada de produción da pesca e marisqueo extractivo e a limitación da súa capacidade de atención dos mercados tendo en conta a necesaria sustentabilidade e conservación dos recursos mariños que se van explotar, así como á posibilidade de aproveitar a potencialidade económica e social que a produción acuícola ten e o seu valor á hora de xerar produción laboral e produtiva.

O artigo 6 da citada disposición regula as competencias e as unidades en que se estrutura a Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños e, no punto 2.2, a Subdirección Xeral de Xestión dos Recursos Mariños. Esta subdirección suprímese asumindo as súas funcións o Servizo de Xestión de Proxectos. Pola súa parte, o Servizo de Planificación pasa a formar parte da Subdirección Xeral de Ordenación dos Recursos Mariños por ser as súas funcións máis acordes coas que corresponden á subdirección.

Na súa virtude, por proposta da conselleira do Mar, cos informes previos da Consellería de Facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xullo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1.

No artigo 3 engádese un punto 3 coa seguinte redacción:

«3. Servizo de Inspección Veterinaria.

Correspóndelle:

– O fomento e a protección da saúde pública, da seguridade ao longo da cadea alimentaria, así como a conservación da natureza e, en especial, da fauna silvestre e do propio ambiente, das producións animais e dos recursos xenéticos dos animais acuícolas e mariños.

– A protección de recursos, especialmente no que atinxe a tamaños mínimas, zonas e épocas de veda e topes de captura.

– O control da cadea alimentaria, tanto na produción primaria como na transformación, no almacenamento e na distribución.

– A inspección en lonxas, puntos de control e establecementos autorizados para efectuar primeiras vendas dos produtos do mar.

– O control do transporte de especies mariñas, establecementos de acuicultura e auxiliares de acuicultura.

– O control da comercialización dos produtos do mar, peixarías e establecementos autorizados para a venda destes produtos.

– O control de calidade de augas e actividades conexas, nos casos de contaminación mariña accidental.

– E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola conselleira».

Artigo 2.

O punto 1 do artigo 5 queda redactado do seguinte xeito:

1. A Dirección Xeral de Competitividade e Innovación Tecnolóxica exercerá a dirección e coordinación das atribucións que ten asumidas a consellería en materia de organización, fomento e desenvolvemento tecnolóxico das estruturas pesqueiras, da acuicultura e da comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, de acordo coa política pesqueira galega e mais as regulamentacións básicas da Unión Europea e da Administración xeral do Estado, sen prexuízo das funcións da consellería competente en I+D.

Correspóndelle:

– Favorecer o fortalecemento da competitividade e da innovación tecnolóxica das empresas do sector pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura.

– A ordenación, o fomento e o control da acuicultura e o establecemento das condicións para o seu exercicio.

– A planificación das accións precisas para a modernización tecnolóxica do sector pesqueiro, marisqueiro ou da acuicultura.

– As autorizacións de construción e de reforma dos buques pesqueiros.

– O mantemento do Rexistro de Buques Pesqueiros da comunidade autónoma.

– A regulación da primeira venda e das autorizacións correspondentes aos centros de expedición e de depuración e aos de comercialización.

– A ordenación, o fomento e control das industrias de transformación e comercialización.

– A promoción da competitividade dos produtos pesqueiros, marisqueiros e da acuicultura e o fomento da súa calidade.

– A elaboración das estatísticas da consellería.

– O mantemento dos rexistros existentes que sexan da competencia desta dirección xeral e o dos que no sucesivo se creen.

– A aplicación do previsto no artigo 39 do Regulamento (CE) nº 498/2007, sobre as operacións do Fondo Europeo de Pesca (FEP).

No artigo 5, o punto 2.3.3 queda suprimido e introdúcese un punto 2.4 coa seguinte redacción:

«2.4. Subdirección Xeral de Acuicultura.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

– A elaboración e o desenvolvemento dos instrumentos de planificación territorial para o exercicio da actividade da acuicultura.

– A ordenación, o fomento e o control da acuicultura, así como o establecemento das condicións para o seu exercicio.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.4.1. Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura.

Correspóndelle:

– A xestión dos títulos administrativos habilitantes para a acuicultura.

– A xestión das diferentes liñas de axuda destinadas á creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas da acuicultura mariña e continental.

– E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.4.2. Servizo de Planificación e Xestión da Acuicultura.

Correspóndelle:

– A planificación, coordinación, execución e control das medidas e actuacións en materia de acuicultura.

– A xestión e o desenvolvemento dos instrumentos de planificación e ordenación da actividade da acuicultura.

– O seguimento e control da actividade de acuicultura.

– E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral».

Artigo 3.

O artigo 6 queda redactado do seguinte xeito:

«1. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños as competencias sobre ordenación pesqueira, tanto de carácter profesional como recreativo; ordenación do marisqueo; establecemento das condicións para o exercicio das actividades pesqueiras e marisqueiras; conservación, protección e xestión sustentable dos recursos mariños vivos.

2. Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Xestión de Proxectos.

Correspóndelle:

– A xestión, a planificación e o seguimento da execución dos orzamentos da dirección xeral.

– O seguimento e control de proxectos no marco de instrumentos financeiros comunitarios.

– A xestión das medidas de interese colectivo.

– E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Ordenación dos Recursos Mariños.

Correspóndelle:

– A programación, coordinación e seguimento das actuacións en materia de ordenación das actividades da pesca e do marisqueo.

– A realización de estudos previos á elaboración e velar pola aplicación da normativa sobre a actividade pesqueira e marisqueira.

– A colaboración na defensa e promoción dos intereses galegos en materia de pesca e marisqueo.

– A planificación e o seguimento de instrumentos de xestión sustentable dos recursos mariños.

– E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades:

2.2.1. Servizo de Pesca.

Correspóndelle:

– A planificación, coordinación, execución e control das medidas e actuacións en materia de pesca profesional e recreativa.

– A xestión dos instrumentos de planificación da actividade pesqueira.

– A xestión dos títulos administrativos habilitantes para o exercicio da actividade pesqueira, tanto profesional como recreativa.

– O seguimento da actividade pesqueira.

– E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2.2. Servizo de Marisqueo.

Correspóndelle:

– A planificación, coordinación, execución e control das medidas e actuacións en materia de marisqueo.

– A xestión dos instrumentos de planificación da actividade marisqueira.

– A xestión dos títulos administrativos habilitantes para o marisqueo.

– O seguimento da actividade marisqueira.

– E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral.

2.2.3. Servizo de Planificación.

Correspóndelle:

– A xestión de medidas de conservación e protección da fauna e da flora acuáticas en áreas de interese pesqueiro.

– A xestión de actuacións en materia de estudo, avaliación ou seguimento dos recursos mariños naturais e da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola.

– Funcións de asesoramento en materia de acuicultura.

– E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola dirección xeral».

Disposición transitoria primeira.

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a Consellería do Mar, por proposta da Secretaría Xeral da consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda.

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios, ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución do conselleiro por proposta da Secretaría Xeral, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a conselleira do Mar para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xullo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar