Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 26 de xullo de 2011 Páx. 20895

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2011 pola que se amplía o crédito previsto na Orde do 1 de febreiro de 2011 pola que se convoca para o ano 2011 a concesión de subvencións para os promotores de aloxamentos protexidos acollidos ao Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.

Feitos.

Primeiro. O Decreto 402/2009, do 22 de outubro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 2066/2008, do 12 decembro, para o período 2009-2012, establece que as subvencións con cargo a fondos finalistas do Estado xestionadas pola Comunidade Autónoma de Galicia e que figuren nos seus orzamentos xerais, así como as que se financian con fondos propios da comunidade autónoma, estarán sometidas á normativa reguladora das subvencións públicas e, en concreto, á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Mediante Orde do 1 de febreiro de 2011, do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, convocouse para 2011 a concesión de subvencións para os promotores de aloxamentos protexidos acollidos ao Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012.

Terceiro. Unha vez pechado o prazo de presentación de solicitudes establecido pola orde de convocatoria, resultou que o importe necesario para satisfacer as solicitudes presentadas é insuficiente, polo que, dado que existe crédito suficiente e adecuado, derivado da incorporación de créditos, resulta necesario aprobar esta resolución co obxecto de ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das citadas axudas.

Fundamentos de dereito.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo é competente para resolver en virtude do disposto na disposición adicional da Orde do 1 de febreiro de 2011 pola que se convoca para 2011 a concesión de subvencións para os promotores de aloxamentos protexidos acollidos ao Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012, que delega no director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) a facultade para que, mediante resolución que se publique no Diario Oficial de Galicia, incremente ou reaxuste os orzamentos previstos nas aplicacións recollidas ou noutras aplicacións orzamentarias, tal e como permiten os artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Por todo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Incrementar o orzamento inicialmente establecido no artigo 4 da orde de convocatoria do 1 de febreiro de 2011 co crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación orzamentaria 07.90.451B.781.1, proxecto 2008 00597, do orzamento de gastos do IGVS para o ano 2011, a cal está dotada adecuada e suficientemente e na que se reserva o importe total de 366.635 euros para atender as concesións que procedan.

Segundo. En todo caso, as axudas financiadas con cargo á dotación orzamentaria prevista nesta resolución, a cal está dotada adecuada e suficientemente, axustaranse ao establecido na Orde do 1 de febreiro de 2011 pola que se convoca para 2011 a concesión de subvencións para os promotores de aloxamentos protexidos acollidos ao Plan de Vivenda e Rehabilitación 2009-2012, polo que a ampliación do crédito non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na citada Orde do 1 de febreiro de 2011.

Terceiro. Esta resolución producirá efecto desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2011.

Antonio José Boné Pina
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo