Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 26 de xullo de 2011 Páx. 20859

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 6 de xullo de 2011 de aprobación definitiva da modificación puntual número 12 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Lalín para reclasificación dun sector de solo urbanizable delimitado de uso industrial.

O Concello de Lalín remite o proxecto de modificación puntual referido e solicita a súa aprobación definitiva polo órgano autonómico competente conforme o previsto no artigo 85.7, en relación co artigo 95.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Lalín dispón, actualmente vixente, do Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado definitivamente con data do 5 de febreiro de 1999.

2. No expediente remitido polo concello constan os seguintes documentos:

  • Convenio urbanístico de planeamento para reclasificación do solo rústico común a solo urbanizable delimitado industrial, asinado o 26.8.2008 entre o Concello de Lalín e José Francisco Portas Arosa e María Teresa Acuña Rivadulla.
  • Documento de avaliación ambiental estratéxica, modificación puntual 12 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lalín, documento de inicio, que obtivo informe favorable con data do 1.12.2008.
  • Acordo de inicio do expediente pola Xunta de Goberno Local do 2.12.2008, e de envío do documento de inicio á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para a súa avaliación ambiental estratéxica.
  • Decisión da Dirección Xeral de Desevolvemento Sostible, do 5 de marzo de 2009, sobre a non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica a modificación.
  • Informe favorable sobre a dispoñibilidade de servizos de auga e saneamento da empresa concesionaria.
  • Certificado emitido polo secretario do concello, relativo ao Pleno do día 30.7.2009, dando conta da exposición ao público do mencionado convenio, e da presentación dunha alegación que foi rexeitada. Ratificación do convenio polo Pleno do Concello de Lalín e o acordo de levar a cabo os demais trámites administrativos necesarios.
  • Informe técnico favorable dos servizos urbanísticos municipais do 19.4.2010.
  • Informe favorable para a aprobación inicial da modificación puntual n.º 12 do Plan Xeral de Ordenación Municipal con ordenación detallada do Concello de Lalín para os efectos do artigo 85.1 da Lei 9/2002, emitido polo secretario do concello con data do 28.4.2010.
  • O expediente foi enviado á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Intraestruturas o 4.5.2010, para os efectos do disposto no artigo 85.1 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural en Galicia. O informe previo á aprobación inicial foi emitido pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo con data do 15.6.2010, formulando unha serie de observacións.
  • O expediente, coas debidas modificacións, foi obxecto de informe xustificativo favorable polo técnico e o secretario municipais o 21.10.2010.
  • O Concello Pleno do 28.10.2010 aprobou inicialmente a modificación puntual e acordou a exposición pública polo prazo de dous meses, a solicitude de informes sectoriais e a suspensión de licenzas no ámbito territorial afectado.
  • Constan informes sectoriais de :
  • Augas de Galicia do 17.11.2010.
  • Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 11.1.2011.
  • Ministerio de Industria, Turismo y Comercio do 8.2.2011.
  • Dirección Xeral de Infraestruturas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do 7.2.2011.
  • Non se presentaron alegacións.
  • O expediente, coas debidas modificacións, recibiu informe favorable dos servizos técnicos do concello o 17.2.2011 e do secretario o 24.3.2011.
  • O Concello Pleno do 31.3.2011 acordou a súa aprobación provisional.

II. Análises e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Urbanismo, cómpre sinalar:

1. O documento de modificación puntual n.º 12 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Lalín, que foi obxecto de aprobación provisional polo Concello Pleno do 31 de marzo de 2011, cumpre as observacións formuladas no anterior informe autonómico previo á aprobación inicial, emitido pola Secretaría Xeral con data do 15 de xuño de 2010.

2. A Comisión Superior de Urbanismo, na súa sesión do 29 de xuño de 2011, acordou emitir informe favorable sobre a proposta.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 95.2 da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural en Galicia, e o artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual n.º 12 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Lalín para reclasificación dun sector de solo urbanizable delimitado de uso industrial, de acordo co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarto. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas