Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 26 de xullo de 2011 Páx. 20862

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 7 de xullo de 2011 de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Toén para a reordenación dos sistemas xerais de equipamentos e zonas verdes.

O Concello de Toén, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, remite o expediente de referencia e solicita a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Toén dispón actualmente vixente de Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado definitivamente o 30 de xuño de 2003.

I.2. Con data do 8 de xuño de 2010, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas declarou a non necesidade de someter a modificación á avaliación ambiental estratéxica.

I.3. Constan informe técnico do 10.5.2010, e informe xurídico do 5.7.2010, favorables respecto da conformidade da modificación puntual coa lexislación vixente.

I.4. Con data do 1.9.2010, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un primeiro informe previo á aprobación inicial sinalando unha serie de observacións. O 24.11.2010 emitiuse un segundo informe, cunha serie de aspectos a ter en conta.

I.5. O Pleno municipal, en sesión do 20.1.2011, aprobou inicialmente a Modificación puntual n.º 1 do PXOM de Toén, que foi sometida a audiencia dos concellos limítrofes e a información pública mediante anuncios no DOG do 27 de xaneiro de 2011 e nos xornais La Voz de Galicia do 1 de febreiro e La Región do 3 de febreiro.

I.6. Consta certificación do secretario do concello, do 30.3.2011, de que durante o período de exposición non se presentaron reclamacións ou alegacións.

I.7. Consta informe favorable do 4.3.2011 da Secretaría de Estado de Telecomunicaciones.

I.8. O Pleno municipal, en sesión do 25.4.2011, aprobou provisionalmente a modificación.

II. Obxecto e análise da modificación puntual.

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello de Toén, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, obsérvase:

II.1. O ámbito de actuación é unha zona contigua á capital do municipio, cualificada maioritariamente como equipamento de sistema xeral, dividido en dúas partes (SN-SU5 e SN-SU6), e o resto cualificada como espazo libre de sistema xeral (SE-EL3).

II.2. O obxecto da modificación puntual é a reordenación do ámbito de actuación, unificando o espazo destinado a equipamento, de forma que abarque todas as construcións dotacionais existentes e que permita asentar novas dotacións mantendo os espazos libres nun espazo único.

II.3. As superficies destinadas a equipamento e zona verde na modificación puntual non se alteran respecto das previstas no PXOM vixente.

II.4. Como a modificación puntual afecta espazos libres públicos, elevouse en solicitude do informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia preceptivo conforme o establecido no artigo 94.4 da LOUG; consta informe favorable acordado na sesión da CSU do 29 de xuño de 2011.

De conformidade cos artigos 89, 93.4 e 94.4 da LOUG e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1.º. Aprobar definitivamente a modificación puntual n.º 1 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Toén, para a reordenación dos sistemas xerais de equipamentos e zonas verdes, de acordo co artigo 85.7 a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2.º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3.º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

4.º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas