Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 26 de xullo de 2011 Páx. 21089

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de xaneiro de 2011, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado reforma da modificación ao Parque Eólico Pena Ventosa, así como das disposicións normativas contidas no dito proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 13 de xaneiro de 2011, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado reforma da modificación ao Parque Eólico Pena Ventosa, promovido por Enel Green Power España, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan Eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos do Vicedo e Ourol queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, modificada pola disposición adicional 2.ª da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado reforma da modificación ao Parque Eólico Pena Ventosa.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial denominado reforma da modificación ao Parque Eólico Pena Ventosa.

I. Análise da relación coa planificación urbanística vixente.

O Decreto 80/2000, do 23 de marzo, regula a finalidade, o contido, a eficacia e o procedemento de aprobación dos plans e proxectos sectoriais, de conformidade co disposto no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

O solo afectado por infraestruturas e dotacións de interese supramunicipal será considerado como solo rústico de protección de infraestruturas para os efectos previstos na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural, segundo se expresa no artigo 5.4 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo.

Esta infraestrutura de xeración de enerxía afectará os termos municipais do Vicedo e Ourol (Lugo).

O municipio do Vicedo deberá acondicionar o planeamento urbanístico vixente á presente instalación.

O municipio de Ourol non dispón de planeamento vixente, polo que cando o realice deberá adaptar o planeamento ás limitacións que implica a localización das instalacións proxectadas.

Este proxecto sectorial cumpre co establecido no artigo 3 da dita orde, dado que dentro dos espazos se poderán seguir levando a cabo os usos tradicionais así como os usos e actividades previstos no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 11 de marzo de 1999, que para o uso eólico sinala.

II. Proposta de modificación do uso do solo. Regulación detallada do uso pormenorizado.

Dada a discrepancia do uso do solo establecido na lei, co planeamento urbanístico dos terreos vinculados directamente coas instalacións propias da reforma da modificación do Parque Eólico Pena Ventosa resulta necesario adecuar a normativa urbanística para viabilizar a implantación das instalacións creando unha ordenanza específica, nos termos seguintes:

Solo rústico de protección de infraestruturas enerxéticas.

II.1. Ámbito.

Comprende esta categoría de solo a zona sombreada nos planos destinada ás instalacións de infraestruturas enerxéticas propiamente ditas, incluídos os camiños de servizo, cunha franxa lateral de 25 m.

II.2. Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación de infraestruturas enerxéticas para poder implantarse nesta categoría de solo deberá contar coa correspondente declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

Segundo o previsto no número 3 do artigo 14 do Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de disciplina urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei do solo de Galicia, no proxecto técnico de execución das obras do parque eólico deberá incluírse unha memoria urbanística, como documento específico e independente en que se indicará a finalidade e uso da actuación proxectada, razoándose a súa adecuación á ordenación vixente, consecuencia da aprobación do proxecto sectorial, incluíndo esta ordenanza do solo rústico de protección de infraestruturas enerxéticas que lle é de aplicación.

Na epígrafe desta memoria correspondente á memoria urbanística xuntarase un plano de situación a escala 1/10.000 e demais información gráfica que sexa precisa para indicar a clasificación e cualificación do solo obxecto da actuación e da normativa e ordenanza aplicables.

II.2.1. Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo a zona delimitada nos planos destinada ás instalacións de xeración e distribución da enerxía producida nos aeroxeradores ata a subestación, ou neste caso ata o foxo proxectado no Parque Eólico Pena Ventosa, xa que a partir dese punto e ata a subestación xa se incluíu nun proxecto sectorial anterior. Tamén inclúe esta zona as vías de acceso aos aeroxeradores, que na maioría dos casos discorren paralelos aos foxos de condutores.

Non se permitirán outras construcións, ao abeiro desta ordenanza, que non sexan necesarias para o adecuado funcionamento do parque.

II. 2.2. Usos permitidos.

No ámbito de aplicación destas normas, non se autorizará a construción de ningunha clase de edificación, excepto as necesarias para a construción de instalacións de enerxías renovables, logo de aprobación definitiva dun plan ou proxecto sectorial, permitíndose a explotación racional dos recursos vinculados ao medio que non atenten contra os valores esenciais que se protexen. Porén, hai que distinguir entre:

a) Os terreos incluídos na delimitación (área de afección enerxética), nos cales non se realiza ningún tipo de instalacións, excepto o acondicionamento de camiños existentes.

Nestes terreos seguirá sendo de aplicación a normativa do planeamento vixente.

b) Terreos vinculados directamente ás instalacións propias do parque eólico, resultantes dos ocupados materialmente por aeroxeradores, edificio de control, subestación, centros de distribución, foxos de condutores e novos accesos viarios exteriores e/ou de servizos máis as servidumes necesarias que serán delimitadas en función das distintas instalacións, tal como se define a continuación.

– Aeroxeradores: 200 m, distancia a partir da cal o ruído producido por un aeroxerador se confunde co do vento.

– Edificacións secundarias: 5 m.

– Foxos de condutores: 25 m a cada lado do eixe da rede, podendo eliminarse nas marxes que discorren paralelas a camiños de servizo.

II.2.3. Condicións estéticas.

Segundo as determinadas na declaración de impacto ambiental, e cumprirán as prescricións descritas no R.D. 80/2000.

II.2.4. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 42.1.a, da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver por conta súa os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento e depuración.

– Enerxía eléctrica.

– A dotación de aparcamentos, logo de xustificación da superficie que se propoña.

II.2.5. Eficacia.

A aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta de Galicia, seguindo o procedemento establecido no artigo 25, á marxe das adecuacións do planeamento local para reflectir as instalacións proxectadas, implica para os concellos afectados a obriga de conceder a licenza de obras para as conseguintes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

Cando se realice o planeamento municipal do concello de Ourol/O Vicedo e/ou se adapte á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos, clasificándoas, segundo o artigo 32 na epígrafe de categorías de solo rústico, en «solo rústico de protección de infraestruturas».

II.2.6. Prazo.

A adecuación do planeamento local deberá realizarse coa redacción e tramitación de calquera dos seguintes eventos:

– A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser para esta adecuación.

– A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

A adaptación, de ser o caso, do planeamento á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

II.3. Cualificación do proxecto.

As obras da reforma da modificación do Parque Eólico Pena Ventosa, obxecto deste proxecto sectorial, cualifícanse expresamente como de marcado carácter territorial e, en consecuencia, quedan exentas das autorizacións urbanísticas a que se refire o artigo 77.4 da Lei do solo de Galicia, segundo o exposto no artigo 11 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo.