Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 26 de xullo de 2011 Páx. 21098

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Repsol Butano, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas propano canalizado no termo municipal de Meira (Lugo).

Despois de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Repsol Butano, S.A., con CIF n.º A28076420 e enderezo para efectos de notificacións na rúa Enrique Mariñas, 36, 2.º andar, 15009 - A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 25.11.2009 a empresa Repsol Butano, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas propano canalizado no termo municipal de Meira (Lugo), acompañada do preceptivo proxecto titulado Proxecto de autorización administrativa de estación de almacenamento de GLP e instalacións auxiliares para subministración de gas por canalización no termo municipal de Meira (Lugo). As características básicas das instalacións son as seguintes:

A estación de almacenamento instalarase nunha parcela sita no lugar de Riocabo, próxima á EDAR, e terá unha capacidade de almacenamento de 79,2 m3. Estará composta por dous depósitos aéreos cunha capacidade unitaria de 39,6 m3 e demais instalacións complementarias de valvularía, vaporización, regulación e control da presión. As características fundamentais de cada depósito son:

– Marca: LAPESA.

– Modelo: LP 40-22.

– Forma: cilíndrica horizontal.

– Lonxitude: 11.050 mm.

– Diámetro: 2.200 mm.

– Volume: 39.600 l.

– Presión de deseño: 20 bar.

A rede de distribución deséñase para admitir a distribución tanto de gas propano comercial como de gas natural. Estará formada por tubaxe de polietileno de media densidade SDR-11, en diámetros de 110, 90, 63 e 40 mm, terá unha lonxitude de 5.593 m, e a súa presión máxima de traballo será de 1,75 kg/cm2.

O orzamento do centro de almacenamento e da rede de distribución ascende á cantidade de trescentos quince mil douscentos dez euros con noventa e un céntimos (315.210,91 €).

Segundo. O 5.5.2010 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

Esta resolución publicouse no DOG do 11.6/.2010 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada pola empresa Repsol Butano, S.A.

Terceiro. O 22.9.2010 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu someter a información pública a dita solicitude de autorización administrativa de Repsol Butano, S.A. para a distribución de gas propano canalizado no termo municipal de Meira (Lugo).

Esta resolución publicouse no DOG do 29.10.2010, no BOP do 20.10.2010 e nos xornais La Voz de Galicia do 14.10.2010 e El Progreso do 4.11.2010. Tamén estivo exposta no taboleiro de edictos do Concello de Meira durante o prazo de vinte días.

Durante o período de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 15.12.2009 o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en adiante, departamento territorial) emitiu informe favorable sobre o devandito proxecto de autorización administrativa.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, modificado polo Decreto 8/2011, do 23 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, co Real decreto 1434/2002, do  27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Tendo en conta os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Repsol Butano, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas propano canalizado no termo municipal de Meira (Lugo), de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A empresa Repsol Butano, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 6.304,22 €, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 46 bis, punto 5.º da Lei 34/1998, do 7 de outubro.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, punto 3.º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de seis meses contado a partir da data de publicación desta resolución no DOG, a empresa Repsol Butano, S.A. deberá solicitar á Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia a aprobación do proxecto de execución, para o que deberá presentar o proxecto detallado das instalacións.

En todo caso, deberán cumprirse os prazos previstos no proxecto de autorización administrativa, podendo os ditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os regulen, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta Comunidade, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. A autorización administrativa afecta o termo municipal de Meira, na provincia de Lugo, e prevé a gasificación dese núcleo urbano de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa distribuidora (visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais-Delegación de Lugo, con n.º 1.691/08 e data 16.5.2008) e subscrito polo enxeñeiro técnico industrial Iván Piñeiro Vázquez (colexiado n.º 372).

Quinta. A autorización administrativa outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización administrativa por calquera das causas sinaladas no artigo 34, punto 1.º do Decreto  1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpor se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas