Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 27 de xullo de 2011 Páx. 21231

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 154/2011, do 14 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade de dous treitos sobrantes da estrada anteriormente denominada C-640 (actualmente LU-540) a prol do Concello de Ourol.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades locais deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estrada, dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

Ao abeiro das mencionadas previsións legais, o Concello de Ourol acordou solicitar á Xunta de Galicia o cambio de titularidade duns treitos sobrantes da estrada anteriormente denominada C-640 (actualmente LU-540) .

A Dirección Xeral de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, formula proposta favorable á transferencia da titularidade.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estima axeitado o cambio de titularidade tendo en conta que as devanditas vías adquiriron características netamente urbanas.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de xullo de dous mil once.

DISPÓN:

Artigo 1.

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Ourol dos seguintes treitos:

– Desde o p.q. 15+000 (actual LU-540) ata o cruzamento dos Colviños sito no p.q. 15+760 (actual LU-540).

– Desde o cruzamento dos Colviños sito no p.q. 15+760 (actual LU-540) ata o seu entroncamento coa actual LU-540 no p.q. 16+140.

Artigo 2.

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Ourol deberá incorporar ao seu plan de estradas as vías a que se refire este decreto.

Artigo 3.

A entrega das vías formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4.

Corresponde ao Concello de Ourol, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova administración titular da estrada.

Disposición derradeira.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de xullo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas