Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 27 de xullo de 2011 Páx. 21346

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2011 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Coral Casablanca del Círculo Mercantil de Vigo.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Coral Casablanca del Círculo Mercantil de Vigo, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos.

1. Miguel Ángel González-Besada Piñeiro, presidente do padroado da fundación, con data 16 de febreiro de 2011, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Coral Casablanca del Círculo Mercantil de Vigo foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o 28 de xaneiro de 2011, ante o notario José María Rueda Pérez, co número 149 do seu protocolo, polo Círculo Cultural, Mercantil e Industrial de Vigo.

3. A Fundación Coral Casablanca del Círculo Mercantil de Vigo ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, impulsar, utilizando para iso calquera medio que o padroado considere necesario, a interpretación e a difusión de calquera elemento relacionado coa música coral, con especial atención á música galega, ademais de desenvolver outras manifestacións relacionadas coa música e coas artes escénicas.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade do fundador; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial está formado por Miguel Ángel González-Besada Piñeiro, como presidente; Tomás Velasco Puente, como secretario; Ignacio Pérez Amoedo, como tesoureiro; e José Modesto González da Vila, como vogal.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Coral Casablanca del Círculo Mercantil de Vigo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 14 de marzo de 2011 (Diario Oficial de Galicia n.º 62, do 29 de marzo) clasificouse como de interese cultural a Fundación Coral Casablanca del Círculo Mercantil de Vigo, e adscribiuse á Consellería de Cultura e Turismo para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, correspóndelle á Consellería de Cultura e Turismo a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Coral Casablanca del Círculo Mercantil de Vigo, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego e no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobados polos decretos 14/2009 e 15/2009, do 21 de xaneiro; e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Coral Casablanca del Círculo Mercantil de Vigo.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura e Turismo.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e de solicitar as preceptivas autorizacións, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2011.

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Deporte