O Concello de Sada, A Coruña, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva.
A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2.º do Estatuto de autonomía de Galicia.
O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.
Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de xullo de dous mil once,
DISPOÑO:
Artigo único.
Aprobar o escudo do Concello de Sada, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:
En campo de azul, un navío de dous paus de ouro habillado de prata, con velame ao vento, sobre ondas de prata e azul; no saliente de cada flanco un monte rochoso de gules defendido por unha torre aberta con torreón de ouro. Ao timbre, coroa real pechada.
O motivo heráldico representa no seu conxunto a entrada da baía de Sada; o navío alude ao seu histórico porto pesqueiro e comercial, xa coñecido desde o tempo dos fenicios, cartaxineses, gregos e romanos; as torres sobre rochas aluden aos castelos de Fontán e Corbeiroa que foron mandados construír no século XVIII co fin de protexer o porto e as súas industrias pesqueiras e de salgadura e segundo a tradición popular estaban comunicados mediante un túnel.
Santiago de Compostela, catorce de xullo de dous mil once
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO


