Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Luns, 1 de agosto de 2011 Páx. 21830

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 157/2011, do 14 de xullo, polo que se aproba a bandeira do Concello de Mos.

O Concello de Mos, Pontevedra, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2.º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia e no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catorce de xullo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aprobar a bandeira do Concello de Mos, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:

Pano partido ao centro. Amarelo á hasta cunha rosa de vermello tallada de verde; ao batente pano de branco con tres faixas xaqueladas de catro ordes de vermello e amarelo, separadas cada dúas por un filete de negro.

A rosa en pano amarelo, presente na simboloxía matricial e na sixilografía local desde o ano 1847, representa a actividade agrícola, o cultivo ornamental e a vinculación do termo municipal co río Louro. As faixas xaqueladas en pano de branco representan as armas dos Sotomayor, liñaxe señorial que desde o medievo exerceu unha grande influencia e da que descenderon distinguidas familias históricas establecidas no termo municipal, como a dos propios marqueses de Mos.

Santiago de Compostela, catorce de xullo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

missing image file