Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Luns, 1 de agosto de 2011 Páx. 21826

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 155/2011, do 14 de xullo, polo que se aproba a bandeira do Concello de Sada.

O Concello de Sada, A Coruña, considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da bandeira, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2.º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de xullo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aprobar a bandeira do Concello de Sada, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

Pano de azul, cun navío de dous paus de amarelo co velame ao vento de branco, sobre dúas ondas de branco, flanqueado por dúas torres de amarelo con torreón e abertas.

O navío alude ao seu histórico porto pesqueiro e comercial, xa coñecido desde o tempo dos fenicios, cartaxineses, gregos e romanos; as torres aluden aos castelos de Fontán e Corbeiroa, que foron mandados construír no século XVIII co fin de protexer o porto e as súas industrias pesqueiras e de salgadura e que segundo a tradición popular estaban comunicados mediante un túnel.

Santiago de Compostela, catorce de xullo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

missing image file