Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 5 de agosto de 2011 Páx. 22534

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 162/2011, do 28 de xullo, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece no seu artigo 97 que a modernización do sistema require a introdución de modelos de xestión que dinamicen o servizo público e garantan un marco de innovación tecnolóxica adecuado, co fin de obter maior rendibilidade social.

O Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde, regula esta como instrumento de organización, sen personalidade xurídica, no ámbito periférico do Servizo Galego de Saúde, e sinala ao mesmo tempo os elementos básicos en que debe apoiarse a organización.

Deste xeito, co mantemento do mapa sanitario vixente coas áreas de Pontevedra e O  Salnés, establécese a organización da xestión no marco das políticas de redución e simplificación das estruturas administrativas.

É necesario, pois, adaptar a estrutura organizativa do Servizo Galego de Saúde existente en Pontevedra e O Salnés á organización establecida no Decreto 168/2010, do 7 de outubro, homoxeneizando as denominacións e as funcións da estrutura directiva existente.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 43 da Lei 16/2010, do 27 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico en Galicia, e no artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, cos informes previos correspondentes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de xullo de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Constitúe o obxecto deste decreto a creación da estrutura de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés, de acordo co establecido no Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se regula a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2. Alcance.

O ámbito de actuación da estrutura organizativa de xestión integrada de Pontevedra e O Salnés é o que se establece no anexo deste decreto.

Artigo 3. Estrutura directiva.

1. A estrutura de xestión integrada estará formada por órganos unipersoais e órganos colexiados.

2. Órganos unipersoais.

Son os seguintes:

  1. Xerencia de xestión integrada.
  2. Dirección de procesos asistenciais.
  3. Dirección de recursos económicos.
  4. Dirección de recursos humanos.
  5. Xerencia executiva.

3. O órgano colexiado da estrutura de xestión integrada será a comisión de dirección.

Poderán constituírse as comisións necesarias para asesorar sobre a xestión clínica, xestión por procesos, docencia e investigación, calidade, seguridade e atención á cidadanía, ou calquera outra que se considere de interese.

Artigo 4. Funcións, requisitos e réxime de suplencias.

As funcións de cada órgano directivo, unipersoal e colexiado, así como os requisitos necesarios que deben cumprir os titulares dos órganos respectivos, réxime de suplencias e organización, serán os establecidos no Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se crean as estruturas organizativas de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde.

Disposición adicional única. Remisión normativa.

En todo o non regulado expresamente neste decreto observarase o disposto no De cre to  168/2010, do 7 de outubro.

Disposición transitoria única. Continuidade das comisións de asesoramento.

As comisións de asesoramento que na actualidade estivesen constituídas e en funcionamento continuarán coa súa actividade ordinaria, en tanto non se regule a súa denominación e composición, de acordo co establecido no Decreto 168/2010, do 7 de outubro.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas todas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira. Desenvolvemento.

Facúltase a titular da Consellería de Sanidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xullo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

María Pilar Farjas Abadía
Conselleira de Sanidade

ANEXO

  1. Xerente de xestión integrada de Pontevedra.
  2. Director/a de procesos asistenciais.
    1. Director/a de procesos de enfermaría.
    2. Director/a de procesos con ingreso.
    3. Director/a de procesos sen ingreso e urxencias.
    4. Director/a de procesos de soporte.
  3. Director/a de recursos económicos.
  4. Director/a de recursos humanos.
  5. Xerente executivo do Salnés.

Esta estrutura xestionará todos os servizos sanitarios (atención primaria, especializada e sociosanitaria) dos seguintes concellos:

Xerente de xestión integrada de Pontevedra:

Barro, Bueu, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo, Cotobade, Cuntis, Forcarei, O  Grove, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa.

Xerente executivo do Salnés:

Cambados, Catoira, Illa de Arousa, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.