Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 23 de agosto de 2011 Páx. 25430

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 12 de agosto de 2011 pola que se modifica a Orde do 23 de setembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da competitividade das explotacións leiteiras galegas, a través da redución dos custos de produción, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2011.

A Consellería do Medio Rural publicou o 29 de setembro de 2009 a Orde do 23 de se-tembro de 2009 pola que se estableceron as bases reguladoras das axudas para a mellora da competitividade das explotacións leiteiras galegas, a través da redución dos custos de produción, e se convocaron para o ano 2009.

Estas axudas amparáronse no disposto no Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, que se corresponda cos fondos adicionais derivados do Chequeo Médico e do Plan Europeo de Recuperación Económica (PERE) asignados ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, e destinados ao novo reto das medidas de acompañamento á reestruturación do sector lácteo, co fin de mellorar a viabilidade e competitividade das explotacións leiteiras.

As axudas reguladas nesta orde van dirixidas ao apoio a aqueles investimentos que incidan na estratexia de redución de custos mediante estratexias de aforro e eficiencia enerxética nas explotacións, que minimicen a dependencia externa da enerxía, e a substitución de insumos por recursos naturais localmente dispoñibles, que permitirán incrementar a competitividade das explotacións, redundando pola súa vez nunha redución significativa das externalidades ambientais asociadas á actividade agraria.

O cofinanciamento do Feader nestas axudas acadará unha porcentaxe do 90% do gasto executado.

Polo tanto, para proceder a realizar a convocatoria correspondente a este ano cómpre facer algunha modificación puntual nas ditas bases reguladoras.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta orde é a modificación das bases reguladoras das axudas para a mellora da competitividade das explotacións leiteiras galegas, a través da redución dos custos de produción, aprobadas mediante a Orde do 23 de setembro de 2009 (DOG n.º 191, do 29 de setembro), e proceder á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o exercicio orzamentario de 2011.

Sección 1.ª Modificación das bases reguladoras das axudas para a mellora da competitividade das explotacións leiteiras galegas, a través da redución dos
custos de produción

Artigo 2. Modificación das bases reguladoras.

Introdúcense as seguintes modificacións nas bases reguladoras das axudas para a mellora da competitividade das explotacións leiteiras galegas, a través da redución dos custos de produción, aprobadas mediante a Orde do 23 de setembro de 2009 (DOG n.º 191, do 29 de setembro):

Primeira. Modificación da letra a) do artigo 3.1.

Na letra a) do artigo 3.1 (Requisitos das persoas beneficiarias) faise a seguinte modificación:

Onde di: «1 de abril de 2009», debe dicir: «ao inicio da campaña láctea en vigor».

Segunda. Modificación da letra g) do artigo 3.1.

Na letra g) do artigo 3.1 (Requisitos das persoas beneficiarias) faise a seguinte modificación:

Onde di: «pagamento adicional lácteo 2008», debe dicir: «pagamento adicional lácteo do ano anterior ao da convocatoria destas axudas».

Terceira. Modificación do punto 4 do artigo 4.

No punto 4 do artigo 4 (Condicións dos plans de mellora da competitividade) engádese o seguinte parágrafo:

Por outra banda, cando se realicen investimentos para a produción de enerxía térmica e/ou electricidade procedentes de fontes renovables en explotacións agrarias, as instalacións dedicadas á produción de enerxía renovable poderán optar á axuda unicamente se a súa capacidade non é superior ao equivalente ao consumo medio anual combinado de enerxía térmica e electricidade na explotación agrícola, incluída a unidade familiar da explotación, o cal será avalado por un informe dun técnico competente ou instalador autorizado.

Cuarta. Modificación do artigo 6.

No artigo 6º (Prazo de execución do plan de mellora) faise a seguinte modificación:

Onde di: «12 meses», debe dicir: «9 meses».

Quinta. Modificación do último parágrafo do artigo 9.

Na letra c) do último parágrafo do artigo 9 (Criterios de prioridade) faise a seguinte modificación:

Onde di: «2009», debe dicir: «2011».

Sexta. Modificación do punto 2 do artigo 10.

No punto 2 do artigo 10 (Tramitación e resolución) faise a seguinte modificación:

Onde di: «2009», debe dicir: «2011».

Sétima. Modificación do punto 2 do artigo 11.

No punto 2 do artigo 11 (Certificación dos investimentos e gasto) faise a seguinte modificación:

Onde di: «Regulamento (CE) 1975/2006, do 7 de decembro de 2006», debe dicir: «Regulamento (CE) 65/2011, do 27 de xaneiro de 2011».

Oitava. Modificación do punto 3 do artigo 11.

O punto 3 do artigo 11 (Certificación dos investimentos e gasto) queda redactado como segue:

1. Os xustificantes do gasto consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais, acreditativas dos investimentos cumprindo as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro).

No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, co texto «cofinanciado con fondos comunitarios».

As facturas deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Número e, se é o caso, serie.

b) A data da súa expedición.

c) Nome e apelidos, razón ou denominación social completa, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

d) Número de identificación fiscal atribuído pola Administración española ou, se é o caso, pola doutro Estado membro da Comunidade Europea, co que realizará a operación o obrigado a expedir a factura.

e) Domicilio, tanto do obrigado a expedir factura como do destinatario das operacións.

f) Descrición das operacións, con consignación todos os datos necesarios para a determinación da base impoñible do imposto, correspondente a aquelas e o seu importe, incluíndo o prezo unitario sen imposto das ditas operacións, así como calquera desconto ou rebaixa que non estea incluído no devandito prezo unitario.

g) O tipo impositivo ou tipos impositivos, se é o caso, aplicados ás operacións.

h) A cota tributaria que, se é o caso, lle repercuta deberá consignarse por separado.

i) A data en que se efectuasen as operacións que se documentan sempre que se trate dunha data distinta á de expedición da factura.

j) No caso de que unha operación estea exenta ou non suxeita ao IVE, especificarase o artigo da normativa referida ao IVE que si o recoñece.

k) Con carácter xeral, só se considerará subvencionable a base impoñible que figure na factura, salvo que se trate dunha entidade non suxeita, exenta de IVE ou suxeita á regra de pro rata; nestes casos, deberá xuntarse a documentación xustificativa desta circunstancia (declaración de non suxeición ou exención de IVE emitida pola AEAT e, no caso de aplicación da regra de pro rata, o modelo 390 de declaración resumo anual IVE correspondente ao último exercicio en que figure a porcentaxe de dedución ou pro rata).

l) Non se admitirán como xustificantes de gasto albarás, notas de entrega, facturas pro forma, tíckets cando sexa obrigatoria a expedición de factura, nin as facturas que non conteñan todos os requisitos citados para a súa consideración como tal ou cuxa data non se axuste aos prazos citados.

m) Unha partida do orzamento auxiliable poderá xustificarse mediante unha ou varias facturas relativas aos conceptos de gasto incluídos na dita partida, sempre que a dita partida admita a desagregación en distintos conceptos.

2. O xustificante do pagamento de facturas realizarase mediante a presentación de orixinal e copia, para a súa compulsa e selaxe, dalgún dos documentos que se relacionan a continuación:

a) Como regra xeral, presentarase a factura definitiva e o xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo na entidade, certificación bancaria, etc.), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación do beneficiario que paga e do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria deberá ser orixinal ou copia cotexada, e estará selado pola entidade bancaria.

b) Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

c) No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas ao proxecto, deberán identificarse no documento do pagamento as facturas obxecto do pagamento.

d) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento, e xuntarase unha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

e) No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, deberá identificarse claramente no documento de pagamento a factura ou facturas cuxo pagamento se imputa ao proxecto.

f) No caso de facturas en moeda estranxeira, deben xuntarse os documentos bancarios de cargo en que conste o cambio utilizado.

Novena. Modificación do punto 5 do artigo 11 (Certificación dos investimentos e gasto).

O punto 5 do artigo 11 queda redactado como segue:

O beneficiario deberá dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico, en que deben estar incluídos os gastos declarados para esta axuda, os cales terán que suxeitarse ao establecido no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, que establece os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Décima. Modificación do parágrafo segundo do punto 6 do artigo 11 (Certificación dos investimentos e gasto).

O parágrafo segundo do punto 6 do artigo 11 queda redactado como segue:

Transcorrido o prazo establecido sen presentar a comunicación da finalización dos investimentos, o órgano administrativo competente requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación desta comunicación ou de realización dos investimentos comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e, de ser o caso, demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Undécima. Modificación do punto 2 no artigo 17.

No punto 2 do artigo 17 (Controis, reducións, exclusións e sancións) faise a seguinte modificación:

Onde di: «Regulamento (CE) 1975/2006, do 7 de decembro de 2006», debe dicir: «Regulamento (CE) 65/2011, do 27 de xaneiro de 2011».

Sección 2.ª Convocatoria 2011

Artigo 3. Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2011 as axudas reguladas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas, con carácter xeral, nos artigos anteriores e na Orde do 23 de setembro de 2009. En concreto, e para a presentación da solicitude, utilizaranse os anexos que figuran na devandita Orde do 23 de setembro de 2009.

Artigo 4. Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día de entrada en vigor desta orde.

2. As solicitudes presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais da Consellería do Medio Rural.

Artigo 5. Financiamento das axudas.

O financiamento das axudas recollidas nesta orde efectuarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia:

– 13.02.712B 772.0, CP. 2009-01303 na cal existe crédito adecuado para o ano 2011 de vinte mil euros (20.000), e para o ano 2012 de vinte mil euros (20.000).

A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

Disposición adicional primeira. Cualificación de explotacións agrarias prioritarias.

Nos casos en que a documentación presentada pola persoa solicitante das axudas previstas nesta orde sexa suficiente e se reúnan os requisitos exixidos, o director xeral de Produción Agropecuaria efectuará a cualificación da explotación como prioritaria, de acordo co establecido no Decreto 253/2008, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Disposición adicional segunda. Normativa subsidiaria.

No non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no Regulamento 1974/2006, do 15 de decembro, e no Regulamento 679/2011, do 14 de xullo, que modifica o Regulamento 1974/2006, polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior, e as súas modificacións, no Regulamento 65/2011, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 aprobado pola Unión Europea, no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, así como na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, do 4 de xullo.

Disposición adicional terceira. Publicidade das axudas.

Para accións que supoñan investimentos que superen un custo total de 50.000 euros, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa.

Na placa figurará unha descrición do proxecto ou da operación, que ocupará como mínimo o 25% da placa. Ademais, figurará a bandeira europea, de acordo coas normas gráficas establecidas no punto 4 do anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, xunto co lema «Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste nas zonas rurais».

Ademais, de conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web, e tamén se publicarán no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición adicional cuarta. Documentación en poder da Administración.

Os documentos exixidos nesta convocatoria e que figuren nos diferentes rexistros da Consellería do Medio Rural ou na súa base de datos non será necesario que os presente a persoa solicitante, serán obtidos directamente pola unidade tramitadora do expediente, entre outros, folla de saneamento gandeiro, cota láctea, dereitos de prima, axudas do pagamento único, declaración de superficie, cualificación da explotación como prioritaria, cualificación da explotación como ecolóxica ou contrato de explotación sustentable.

Disposición adicional quinta. Solicitudes de axuda a plans de mellora para 2011.

Respecto ás solicitudes de axuda presentadas ao abeiro da convocatoria de axudas a plans de mellora para 2011 (sección 1.ª.1 da Orde do 29 de decembro de 2010, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, e se convocan para o ano 2011), cando se trate de operacións que cumpran os requisitos exixidos nesta orde (beneficiarios do sector lácteo, tipoloxía de investimentos subvencionables relacionados no anexo IV das bases reguladoras, etc.), poderán beneficiarse das condicións introducidas no marco dos novos retos, fundamentalmente o relativo ao incremento da intensidade de axuda en cinco puntos porcentuais, sempre que o interesado o solicite expresamente e desista da solicitude presentada para eses investimentos ao abeiro da convocatoria anterior.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para o establecemento das marxes brutas das principais actividades produtivas das explotacións das distintas comarcas galegas, así como para ditar as instrucións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta orde, as cales serán publicadas na web da Consellería do Medio Rural.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural