Con respecto á autorización para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Monforte de Lemos (Lugo), e ante as solicitudes presentadas en concorrencia por dúas empresas (Gas Galicia SDG, S.A. e Endesa Gas Distribución, S.A.U.), a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu, con data do 15 de novembro de 2010, o trámite de competencia a favor de Gas Galicia SDG, S.A., o que implica continuar coa tramitación do procedemento de autorización administrativa unicamente con esta empresa.
Polo tanto, e para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese á información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa e a súa addenda I:
Peticionaria: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).
Obxecto da petición: autorización administrativa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Monforte de Lemos (Lugo), de conformidade co proxecto e coa súa addenda I presentados para o efecto.
Descrición das instalacións:
A subministración de gas natural proxéctase a través dunha planta de GNL (gas natural licuado) situada no polígono industrial de Reboredo, desde a que partirá a rede de distribución cara a este propio polígono e, seguindo a estrada LU-3205, cara ao núcleo urbano de Monforte de Lemos.
A rede de distribución está formada por unha rede básica de distribución, con rango de presión 2<MOP (presión máxima de operación) ≤5 bar, e unha rede secundaria de distribución, con rangos de presión 2<MOP≤5 bar e 0,1<MOP≤2 bar. Da rede básica de distribución partirán outras redes de menor diámetro (menor de 160 mm) cara aos distintos puntos de consumo.
Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6 de diámetro variable de DN200 a DN63, segundo necesidades. A lonxitude prevista para a rede é de 20.512,88 m, dos cales 6.859,18 m corresponden á rede básica e 13.653,70 m á rede secundaria.
Termo municipal: a solicitude de autorización administrativa afecta o termo municipal de Monforte de Lemos, na provincia de Lugo.
Orzamento: novecentos quince mil setenta e oito euros con corenta e tres céntimos (915.078,43 euros).
O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, podendo examinar o proxecto de autorización administrativa e a súa addenda I na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, edificio administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2011.
Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

