Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Xoves, 25 de agosto de 2011 Páx. 25633

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública o proxecto de autorización administrativa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Ortigueira (A Coruña), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2010/9-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionario: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, s/n, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes.

O 27.5.2009 a empresa Endesa Gas Distribución, S.A.U. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Ortigueira (A Coruña), xunto co correspondente proxecto. Así mesmo, o 3.8.2010 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou unha solicitude de autorización administrativa para a mesma infraestrutura gasista, acompañada do correspondente proxecto.

Para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, o 20.9.2010 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se deu inicio, coa solicitude de Endesa Gas Distribución, S.A.U. (a primeira presentada), ao trámite de competencia para o outorgamento da citada autorización.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 4.11.2010 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia.

A empresa Endesa Gas Distribución, S.A.U. presentou o 26.10.2010 un escrito polo que desistiu da súa solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Ortigueira (A Coruña). Ante esta solicitude, o 30.5.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu aceptar esta desistencia.

En consecuencia, procede continuar co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Gas Galicia SDG, S.A.

Obxecto da petición: autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal de Ortigueira (A Coruña), de conformidade co proxecto presentado para o efecto, titulado proxecto de autorización administrativa previa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Ortigueira.

Descrición das instalacións.

A subministración de gas natural á localidade de Ortigueira realizarase desde unha planta de gas natural licuado (GNL), que se situará no polígono industrial de Cuíña, no termo municipal de Ortigueira. A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, está formada por:

– Unha rede básica de distribución en rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar, que parte do punto de subministración e chega ás inmediacións do núcleo urbano de Ortigueira.

– E unha rede secundaria de distribución en rango de presión 0,1 < MOP ≤ 2 bar, que parte da rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6, de diámetro variable de 160 a 90 mm, segundo necesidades. A lonxitude prevista para a rede proxectada é da orde dos 11.179 m, dos cales 8.104 m corresponden á rede básica e 3.075 m á rede secundaria.

Área de autorización: a solicitude de autorización administrativa afecta o termo municipal de Ortigueira, na provincia da Coruña.

Orzamento: setecentos oitenta e nove mil trescentos cincuenta e dous euros con trinta e dous céntimos (789.352,32 euros).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións no prazo de 20 días a partir da data de publicación desta resolución, e poder examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, edificio administrativo San Caetano, Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, praza Luís Seoane, s/n.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas