Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Xoves, 22 de setembro de 2011 Páx. 27935

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 179/2011, do 8 de setembro, polo que se regula o réxime de prezos e reservas dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída, segundo o teor do establecido no artigo 27.21 do seu Estatuto de autonomía, a competencia exclusiva en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial, e ao seu abeiro ditouse a Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia.

En virtude da Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, dáse unha nova redacción ao artigo 31 da Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia, segundo a cal os prezos de todos os aloxamentos turísticos e dos establecementos de restauración teñen o carácter de libre, e poden ser fixados e modificados polas empresas en calquera momento sen máis obriga que a de darlles publicidade; ademais, determina que regulamentariamente se establecerán as normas sobre facturación, publicidade de prezos, réxime de reservas, cesión e anulación de servizos turísticos e as indemnizacións a que poidan dar lugar.

Na actualidade, e sen prexuízo do disposto sobre prezos e reservas no Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, o réxime de prezos nos establecementos turísticos está parcialmente regulado na Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 191/2004, do 29 de xullo, de establecementos de turismo rural; o Decreto 143/2006, do 27 de xullo, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo de Galicia; e o Decreto 108/2006, do 15 de xuño, polo que se establece a ordenación turística dos restaurantes e das cafatarías da Comunidade Autónoma de Galicia; así como, con carácter supletorio, pola Orde ministerial do 15 de setembro de 1978, sobre o réxime de prezos e reservas nos aloxamentos turísticos.

Co fin de evitar as posibles dificultades interpretativas dos usuarios e usuarias turísticos e do propio sector turístico que puideren resultar da dispersión normativa exposta, e ao abeiro da previsión do lexislador contida na nova redacción do artigo 31 da citada Lei 14/2008, considérase conveniente aprobar este decreto que, por unha parte, refunde regulamentacións dispersas e, por outra, actualiza e flexibiliza certos aspectos do réxime vixente de prezos, como os referentes á súa globalidade, de xeito que inclúan o imposto sobre o valor engadido, e o establecemento dun réxime común de anticipos e reservas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de setembro de dous mil once,

Dispoño:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regulamentar, para os efectos da ordenación turística, o réxime de prezos dos establecementos turísticos de aloxamento e restauración no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, no referente ao seu carácter, publicidade e facturación, así como das reservas, cesións e anulación de servizos turísticos, sen prexuízo do que estableza a normativa sobre defensa dos consumidores e usuarios.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

Este decreto será aplicable aos establecementos turísticos de aloxamento e restauración definidos como tales na Lei 14/2008, do 3 de decembro, de turismo de Galicia.

Capítulo II
Réxime de prezos

Sección 1.ª Disposicións comúns

Artigo 3. Carácter dos prezos.

1. Os prezos de todos os establecementos de aloxamento e restauración regulamentados neste decreto teñen carácter de libres, e poden fixarse e modificarse en calquera momento.

2. Estes prezos terán a consideración de globais, entendéndose comprendidos neles o importe do servizo, o custo de persoal e cantos impostos, arbitrios e taxas estean legalmente establecidos.

Artigo 4. Publicidade dos prezos.

1. As empresarias e os empresarios turísticos exhibirán os prezos dos servizos ofertados nun lugar visible e de modo lexible, con indicación clara da inclusión do imposto sobre o valor engadido.

2. A relación dos servizos e prezos deberá constar por escrito en carteis, listas, cartas ou calquera outro documento, nun lugar destacado de fácil accesibilidade, localización e lectura para o público, e deberá conter a data da súa publicación ou anuncio público e da súa aplicación ou vixencia.

3. Non se poderán cobrar prezos diferentes aos publicitados, nin por conceptos non solicitados ou ofertados.

4. En todo caso, o/a usuario/a deberá ser informado dos prezos aplicables polos servizos solicitados antes do seu consumo ou da admisión ao establecemento.

Artigo 5. Servizos comúns incluídos no prezo.

1. Nos establecementos de aloxamento entenderase que a hospedaxe comprende o uso e goce pacífico da unidade de aloxamento e servizos complementarios dela ou comúns a todo o establecemento, non podendo percibirse ningún suplemento de prezo pola utilización destes últimos.

Terán a consideración de servizos comúns, comprendidos no prezo do aloxamento, os seguintes:

a) Auga fría e quente permanente, adecuada á capacidade do aloxamento.

b) Enerxía eléctrica e/ou, se for o caso, gas ou outras enerxías.

c) Recolla de lixo.

d) Limpeza.

e) Lenzaría.

f) A posible instalación de berces para nenos menores de tres anos.

g) As piscinas que non formen parten das instalacións dun spa ou dun centro termal ou de talasoterapia.

h) As hamacas, toldos, cadeiras, bambáns e mobiliario propios de piscinas, praias, xardíns e parques infantís, e utilización doutras zonas verdes.

i) Os aparcadoiros exteriores de vehículos, sempre que non supoñan depósito deles nin responsabilidade para o empresario.

j) Depósito de equipaxes, sempre que, segundo a categoría do establecemento, deba dispor dese servizo.

k) Custodia de diñeiro e obxectos de valor en caixa forte xeral, contra recibo ou ben en caixas fortes individuais, sempre que sexa obrigatorio ofrecer estes servizos.

l) A utilización de servizos hixiénicos.

m) A utilización da cociña e da lavadora nos apartamentos e vivendas turísticos e nos establecementos de turismo rural cando se alugue a casa enteira.

n) Calquera outro servizo mínimo imprescindible que se estableza regulamentariamente para a categoría do establecemento.

2. Nos establecementos de restauración, ademais dos que correspondan dos descritos no número 1 deste artigo, considérase servizo común, sen dereito a repercutir no prezo ningún suplemento, o uso da vaixela, cubertería, cristalaría, mantelaría e mesa.

3. Nos campamentos de turismo, ademais dos que correspondan do descritos no número 1, considéranse servizo común as duchas, lavadoiros e vertedoiros.

4. No suposto de que no establecemento turístico se oferten outros servizos complementarios non incluídos no prezo, deberase dar a publicidade suficiente aos prezos destes, sendo voluntaria a súa contratación polos/as usuarios/as.

Sección 2.ª Prezos en establecementos de aloxamento

Artigo 6. Relación prezos-formalización da admisión.

1. No documento que se lle entregue á usuaria ou ao usuario turístico no momento da admisión no establecemento turístico constará, ademais do nome e clasificación turística do establecemento, a identificación do aloxamento co seu prezo, o prezo do resto dos servizos que solicite, así como as datas de entrada e saída.

2. Este documento, asinado polo/a usuario/a, terá valor probatorio para os efectos administrativos e o establecemento conservarao durante un ano á disposición da inspección turística.

Artigo 7. Relación prezo-duración do aloxamento.

1. O prezo da unidade de aloxamento contarase por días ou xornadas, conforme o número de pernoitas.

2. Salvo pacto en contrario, a xornada iniciarase ás 15 horas do primeiro día do período contratado e finalizará ás 12 horas do día sinalado como data de saída. Ao/á usuario/a que non abandone a esa hora o aloxamento que ocupa, poderá cobrárselle pola prolongación da súa estadía ata un día máis, sempre que tal prolongación da estadía poida ofrecerse.

3. A utilización do aloxamento e demais servizos complementarios durará o tempo convido entre o/a empresario/a turístico/a e o/a usuario/a, prazo que deberá constar expresamente no documento entregado ao/á usuario/a no momento da súa admisión, conforme o establecido no artigo 6 deste decreto.

Artigo 8. Relación prezo-servizos ofertados.

1. Os prezos dos establecementos de aloxamento turístico especificaranse por aloxamento e demais prestacións que formen parte da oferta de servizos de cada establecemento.

2. Cando o establecemento ofreza, de forma combinada, aloxamento e un ou máis servizos propios do establecemento, a oferta será por un prezo global.

3. No caso de prestarse servizo de comedor, referirase o prezo do réxime alimenticio mencionando aos servizos que o integran e expresaranse as bebidas que están incluídas.

4. A combinación con réximes alimenticios denominarase pensión completa cando, ademais do aloxamento, inclúa almorzo, xantar e cea; e media pensión cando, xunto co aloxamento e almorzo, inclúa o xantar ou a cea.

5. O/a usuario/a que, segundo se dispón nos números anteriores, solicite acollerse a calquera das ofertas publicitadas polo establecemento, queda obrigado a pagar, salvo pacto en contrario, o prezo convido, aínda cando deixase de utilizar ocasionalmente algún dos servizos que comprende a dita oferta.

Sección 3.ª Prezos en establecementos de restauración

Artigo 9. Prezos nos establecementos de restauración.

1. Na publicidade dos prezos das comidas, bebidas e demais servizos que faciliten os establecementos de restauración, incluiranse, se for caso, a dos diferentes menús ou bufets, coa composición xenérica e prezos correspondentes.

As listas de prezos deberán figurar tanto no exterior como no interior do establecemento.

2. A composición específica dos menús ou bufets determinarase día a día e constará nunha lista, carta ou calquera outra relación escrita que se facilitará ao/á usuario/a no momento en que este solicite os servizos e que o establecemento deberá conservar durante tres meses á disposición da inspección turística.

Estes menús ou bufets incluirán baixo un prezo único todas as comidas e bebidas de que consten. O/a usuario/a que os solicite estará obrigado a pagar integramente o prezo establecido, aínda que renunciase a consumir algún dos seus compoñentes.

3. Cando os prezos se cobran a razón de peso por ración ou peso por unidade, deberá constar o prezo dos ditos conceptos.

4. Non se poderán fixar prezos en función da cotización do mercado dos produtos ou de calquera outra variable que dificulte o coñecemento exacto do importe final.

5. No caso de existir diferenzas de prezos en función do espazo físico do establecemento onde se consuma o servizo solicitado, deberá reflectirse esta circunstancia na publicidade dos prezos.

Capítulo III
Facturación

Artigo 10. Requisitos das facturas.

1. Sen prexuízo da obriga de cumprimento de calquera outro requisito ou formalidade establecida nas súas normas específicas, a factura deberá expresar indubidablemente os diversos servizos prestados.

2. En todo caso, as facturas de aloxamento aparecerán desagregadas por días e conceptos, sen que baste a simple expresión dos totais. Na factura figurarán, xunto ao nome e clasificación turística do establecemento, a identificación do/a usuario/a, o número ou identificación do aloxamento asignado, o número de persoas por unidade de aloxamento, a data de entrada e saída e a data de expedición.

3. Nas facturas dos establecementos de restauración figurarán, así mesmo, os datos identificativos do establecemento expresando os distintos conceptos e os seus prezos. Cando non sexa posible identificar os conceptos e prezos, entregarase xunto coa factura a nota de pedido coa dita desagregación.

4. Os usuarios e as usuarias teñen a obriga de satisfacer o prezo dos servizos prestados no tempo e lugar convidos. Na falta de pacto, entenderase que o pagamento debe efectualo no mesmo establecemento, após a prestación do servizo e no momento en que a factura lles fose presentada ao cobramento.

Capítulo IV
Réxime de reservas, anticipos e anulacións

Sección 1.ª Dos establecementos de aloxamento

Artigo 11. Reservas e anulacións en establecementos de aloxamento.

1. O réxime de reservas e anulacións axustarase ás condicións que pacten libremente a empresa titular do establecemento de aloxamento e o/a titular da reserva, que deberán respectar, en todo caso, as exixencias contidas neste decreto e na lexislación en materia de defensa de consumidores e usuarios.

2. Cando se fagan peticións de reserva a través dun medio de que quede constancia e non sexan contestadas polo/a empresario/a turístico/a, xa sexa polo mesmo medio ou por calquera outro de que quede constancia, no prazo máximo de tres días, entenderanse non aceptadas.

3. En todo caso, o/a empresario/a turístico/a deberá formalizar a reserva documentalmente, remitindo, por calquera medio de que quede constancia, ao/á solicitante daquela un documento de reserva en que consten, como mínimo, os seguintes datos:

a) Data de formalización da reserva.

b) Nome do/da titular da reserva.

c) Número de beneficiarios da reserva.

d) Datas de entrada e saída do aloxamento.

e) Tipos e condicións do aloxamento reservado.

f) Prezo total da estadía.

g) Importe, se for o caso, do anticipo, formas e data límite de ingreso.

h) Información sobre unha posible anulación da reserva e as consecuencias das ditas anulacións.

i) Condicións particulares de uso dos servizos reservados, se os houber.

4. Cando os/as titulares da reserva tiveren contratado unidades de aloxamento determinadas en calquera establecemento turístico de aloxamento, con especificación do seu número e situación, o establecemento estará obrigado a poñelas á disposición daqueles na data convida.

5. Se a reserva for por unidades indeterminadas, o empresario turístico deberá poñer á disposición dos hóspedes aquelas que reúnan as mesmas características que as que fosen pactadas.

Artigo 12. Cesión de reserva en establecementos de aloxamento.

1. O/a beneficiario/a dunha reserva formalizada cun aloxamento turístico poderá cedela gratuitamente a outra persoa, baixo as mesmas condicións en que se efectuou a dita reserva.

2. A cesión deberá ser comunicada, por calquera medio de que quede constancia, á dirección do establecemento cunha anticipación mínima de 24 horas á data prevista para a ocupación da unidade de aloxamento.

3. A persoa que ceda a súa reserva de aloxamento e o cesionario responderán solidariamente ante o establecemento hoteleiro do pagamento do prezo establecido.

Artigo 13. Anticipos en establecementos de aloxamento.

Os/as empresarios/as turísticos/as poderán exixir, ao formular unha reserva de aloxamento, que os/as titulares da reserva anticipen, en concepto de sinal, unha porcentaxe do prezo total da reserva, que se descontará do importe resultante dos servizos prestados.

Artigo 14. Consecuencias da anulación da reserva en establecementos de aloxamento.

1. Nos casos en que o/a titular da reserva proceda á anulación desta, a persoa titular do aloxamento deberá reintegrarlle o importe recibido en concepto de sinal, no prazo máximo de 30 días, podendo reter en concepto de indemnización a porcentaxe pactada no documento de reserva formalizado segundo o previsto na alínea 3 h) do artigo 11 deste decreto.

2. No mesmo momento en que o/a titular da reserva comunique a anulación desta por calquera medio de que quede constancia, o/a empresario/a turístico/a quedará exento da súa obriga de reserva.

3. Salvo pacto en contrario, se o/a titular da reserva ou o/a usuario/a en cuxo beneficio se fixo ou cedeu esta, non se presenta o primeiro día de aloxamento, o/a empresario/a turístico/a quedará exento da súa obriga de reserva a partir das 18 horas da primeira xornada de estadía. Non obstante, se se tiver aboado o anticipo correspondente e mediar aviso do/a titular da reserva ou do/da usuario/a de ocupar o aloxamento reservado, por calquera medio de que quede constancia, o/a empresario/a turístico/a estará obrigado a manter a reserva durante a primeira xornada, que se aboará, no caso de non ser utilizada, por conta do anticipo percibido. A partir das 12 horas da xornada seguinte se o/a titular da reserva o/a usuario/a turístico/a non se presenta entenderase cancelada a reserva.

4. Cando excepcionalmente, por causa de forza maior, o/a empresario/a turístico/a se vexa obrigado á cancelación dunha reserva, sen prexuízo da responsabilidade administrativa en que puider incorrer, deberá reintegrarlle ao/á titular da reserva o importe total do anticipo percibido máis unha penalización equivalente á prevista para o/a titular da reserva no documento de reserva formalizado conforme o establecido na alínea 3 h) do artigo 11 deste decreto.

Artigo 15. Desistencia do servizo contratado.

1. O/a titular da reserva ou o/a usuario/a turístico que teña formalizada unha reserva non suxeita a anticipo poderá, en calquera momento, desistir dos servizos contratados sen penalización ningunha.

2. Cando exista reserva formalizada con anticipo e o/a usuario/a turístico/a abandone o aloxamento antes da data pactada, o/a empresario/a turístico/a terá dereito a cobrar do/da usuario/a as seguintes cantidades, agás que a desistencia se produza por causa de forza maior ou acontecemento grave que inescusablemente deba ser atendido polo/a usuario/a:

a) O 100% dos prezos correspondentes aos servizos prestados.

b) O importe do anticipo pactado, rateado en relación aos días que faltan ata a data da saída fixada no documento de reserva.

Sección 2.ª Dos establecementos de restauración

Artigo 16. Reservas e anulacións en establecementos de restauración.

1. O réxime de reservas e anulacións en establecementos de restauración axustarase ás condicións que pacten libremente a empresa titular do establecemento de restauración e o/a titular da reserva, que deberá respectar, en todo caso, as exixencias contidas na lexislación en materia de defensa de consumidores e usuarios.

2. En todo caso, o/a empresario/a turístico/a deberá formalizar a reserva documentalmente, remitindo, por calquera medio de que quede constancia, ao/á titular da reserva un documento de reserva en que consten, como mínimo, os seguintes datos:

a) Data de formalización de reserva.

b) Nome do/da titular da reserva.

c) Número de beneficiarios da reserva.

d) Data e hora do evento.

e) Prezo total do evento, desagregado por persoa e concepto.

f) Importe do anticipo, se for o caso.

g) Información sobre a posible anulación da reserva e as consecuencias das ditas anulacións.

h) Condicións particulares de uso dos servizos reservados, se os houber.

Artigo 17. Cesión de reserva en establecementos de restauración.

1. O/a beneficiario/a dunha reserva cun establecemento de restauración poderá cedela gratuitamente a outra persoa baixo as mesmas condicións sobre as cales efectuou a dita reserva. Esta cesión deberá ser comunicada ao establecemento antes do inicio do evento.

2. A persoa que ceda a súa reserva e o/a cesionario/a responderán solidariamente ante o/a empresario/a turístico/a do pagamento do prezo establecido.

Artigo 18. Anticipos en establecementos de restauración.

Os/as empresarios/as turísticos/as de restauración poderán exixir aos/ás titulares que formalicen unha reserva de máis de 20 comensais ou que soliciten ocupar máis do 40% da súa capacidade turística, un anticipo en concepto de sinal que se descontará do importe dos servizos prestados.

Artigo 19. Consecuencias das anulacións da reserva en establecementos de restauración.

1. Nos casos en que o/a titular dunha reserva proceda á anulación desta, o/a empresario/a turístico/a deberá reintegrarlle o importe recibido en concepto de sinal, podendo reter en concepto de indemnización a porcentaxe pactada no documento de reserva formalizado segundo o previsto na alínea 2 g) do artigo 16.

2. No mesmo momento en que se produza unha anulación formal da reserva por parte do/da titular desta, o/a empresario/a turístico/a quedará exento da súa obriga de reserva. Tamén, se entenderá anulada a reserva cando os comensais non se presenten na data fixada.

3. Cando excepcionalmente, por causa de forza maior, o/a empresario/a turístico/a se vexa obrigado á cancelación dunha reserva, deberá reintegrarlle ao/á titular da reserva o importe total do anticipo máis unha penalización equivalente á prevista para o/a titular da reserva no documento de reserva formalizado conforme o establecido na alínea 2 g) do artigo 16, sen prexuízo da responsabilidade administrativa en que puider incorrer.

Disposición derrogatoria única.

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular, as seguintes:

– Artigos 41 a 50 do Decreto 191/2004, do 29 de xullo, de establecementos de turismo rural.

– Artigos 60 e 61 do Decreto 143/2006, do 27 de xullo, polo que se establece a ordenación dos campamentos de turismo en Galicia.

– Artigos 25 a 28 do Decreto 108/2006, do 15 de xuño, polo que se establece a ordenación turística dos restaurantes e das cafetarías da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o conselleiro competente en materia de turismo para ditar as disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de setembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo